A Encrucillada de Luar na lubre na Música Celta

Ampliar: Luar na Lubre. Encrucillada 2023



O grupo de ´Música Celta´ Luar na Lubre, saca no 2023 o seu XX CD, neste caso incluido nun libro homenazxe ao tempo transcorido dende a súa creación na Coruña no 1985. Creativa e constante actividade polo mundo, no 1992 co encontro de Mike Olfield

O grupo de folk galego Luar na Lubre, segue no  muiñar do devalar histórico, anovando tradicións musicais galegas, enfiándoas no ronsel céltico. Sabendo coidar esas voces femininas, as que  saben enfiar co vento e se trenzan co son do mar e das ruínas, entre esa percusión, con herdo nos folións e que fan tanxer as cordas do corazón: si  antes foi Ana Espinosa (1995) despois sería Rosa Cedrón (1996-2005), logo Sara Vidal (2005-2022), Paula Rey (2012-2017) e hoxe a soneirán (sub-neria) Irma Macías (2024) e Cris López, de Culleredo. Moito habería que dicir da fonda profesionalidade das mulleres e homes músicos que foron e son de Luar na Lubre .

Grupo de profesionais dos que profesan, que espallan e coidan  o nome de lubre, posto a salvo da arroiada do rio Leteo,  solicitando á Academia Galega que campe no dicionario con ese seu pouso teosófico céltico.  Músicas que atopamos na sección folk, rama da “Música celta”. Dende aquel seu primeiro O son do ar  (1988) até Encrucillada (2023) o seu vixésimo álbum, libro-disco con temas de sona do grupo, fotos e textos da súa incursión polo labirinto céltico.

Arredores da “cultura celta” cunha longa e controvertida historia, ao respecto a obra de Fernando Pereira González, “Nas orixes do celtismo” (2017), furando na historiografía dos Sc. XVII e XVIII, con referencias aos ilustrados Martin Sarmiento, Cornide... ás teimas dos románticos do Rexurdimento sobre as orixes celtas. Velaí os cantos bárdicos de Pondal, a historia de  Vicetto, a de Murguía... dentro das pautas simbolistas dun Decadentismo que pola revolución industrial intúe a ameaza da globalización.  Preocupados pola recuperación do espírito do pobo, o volksgeist, teoría que entoleirou aos xermanófilos. Ronseis anovados no Modernismo polos diferentes que se miraban no espello irlandés, por un Vicente Risco creador de confrarías, irmandades, seminarios... despois por un Plácido Castro que afianzaba as relación panceltistas. Sentir coincidente co dos saudosistas portugueses, en Francia polo polígrafo e editor de “Le Mercure”, o transversal Phileas Lebesgue, coñecido como o novo gran druída dos galos. A guerra civil puxo freo a tal sentir identitario, baseado na arqueoloxía, nas lendas dos que eran os outros para o impero de Roma e que os gregos chamaron celtas. Pobo da protohistoria asentado na Europa central e occidental, de aportes orientais, difusor da metalurxia do ferro, de organización tribal, panteísta, adicto ás representacións cosmogónicas,  con esas súas insignias que eran os torques, tan abundantes neste confín...Na periferia, no occidente atlántico, a cristianización reconverterá  e revitalizará  a diacronía da cultura celta.

Da canción protesta á busca dos paraísos perdidos: a  espiral da “Música celta

O arrevesado catedrático de Prehistoria da Universidade compostelán na ditadura, Carlos Alonso de Real ( Madrid 1914-1993), escribía no limiar dun libro da autoría de Otero Tuñez sobre Asorey (1959) -  escultor identificado co sentir “atlántico, céltico e cristián” - algo co que teimaba na súas clases, sobre a forte pegada mediterranista, grecolatina nos confíns de Iberia, arremetendo contra rexionalistas e nacionalistas :  Encapsulados en la absurda y caduca mitología “celtica”,  la inmensa mayoría de los exaltadores de lo gallego empobrecen, hasta extremos de hacer llorar,  su mucho y más antigua cultura...los campesinos para los cuales “celta” es un club de fútbol, un bar, un cigarrillo, cualquier cosa menos un antepasado...el lado atlántico, nórdico, celto germánico está casi totalmente ausente...

Dende as revoltas estudantís dos sesenta,  a banda sonora do mundo é a voz  e a poesía de Bob Dylan - nome que toma do rapsoda neocéltico galés Dylan Thomas - avivando o folk americano, tan de ecoares célticos, a un tempo que The Beatles, con herdos irlandeses revolucionan a música. Galiza sigue nas pescudas etnográficas musicais : velaí na metade do século XX as experiencias do gaiteiro Faustino Santalices coa zanfona e a voz nasal, logo  Fuxan os ventos (1972). Son os anos dos estertores dunha ditadura que sigue a sentenciar penas de morte. Momentos nos que Joan Baez (1941),  Paco Ibañez (1939) e o valenciano Raimon (1940) aguilloaban ás Voces Ceibes, algo despois José Afonso (1929)... Lembramos a Aute con Al alba (1975). Sumando a sensibilidade do berciano Amancio Prada (1949) con temas poéticos galegos.  Cando, noutro orde de músicas, na Bretaña 1973, aparece do cantoautor Allan Stivell (1944), co disco “ Renaissance de la Harpe Celtique” (1971). Sendo universitario en Compostela a proposta do bretón veu acaída para dar unha das miñas primeiras  conferencias no Colexio Maior San Clemente, asociada a un novo renacer cultural de Galiza.

Proposta de Stivell entendida polo músico  Emilio Cao  (1953) que busca o “espírito” de Galiza a través das lendas, da mitoloxía, desa interacción paisaxe-paisanaxe entre os Catro Elementos... Renovar bárdico que reclama paraísos perdidos entre música da gaita, acordeón, pandeiro e incorporando a arpa celta. Velaí de Cao, no 1977  A Fonte do Araño, a Pandeirada de Nebra... no 1979 a Lenda da Pedra do Destino....Os ventos celtas sopran: no 1979 aparece e impacta Milladoiro, con Rodrigo Romaní á arpa... Mentres a banda irlandesa Chieftains (1969) e a bretona Gwendal en concertos e discografía fomentan o proceso.

Non deixan de aparecer músicos envoltos na teoría e na praxe celta, sendo o gaiteiro Carlos Nuñez (1971) dos máis influentes, autor do libro  “La hermandad de los celtas” (2018)... como  Xosé Manuel Budiño (1969), Mercedes Peón (1967) de fondos coñecementos etnomusicais  e moitos outros. Asturias súmase ao aquelarre, buscando ser a octava bandeira celta.

Bieito Romero, cerna de Luar na Lubre:  entrar no labirinto  e enxergar o espírito atlántico

 Bieito Romero, multimúsico (gaita, acordeón, zanfona...) institúe no 1985 Luar na Lubre, profundador nas cuestións arqueolóxicas, sabémolo ben por telo atendido e afianzar alicerces de sólida amizade no Museo do Castelo de San Antón. Envolto no misterio das “Xeometrías máxicas de Galicia” ( 2009), titulo dun seu libro. Con inicios como  gaiteiro do Ballet Galego de Rei de Viana e de Vitoria Canedo, singularidades en canto significaba a danza, a selección de musicas e temas, para levalos ao escenario con grande dignidade...pero as augas do Leteo... Bieito é músico que enxerga canto fai dentro dun contexto de normalización cultural, preocupado ademais pola dignificación deses puntos de encontro, onde se conta e se canta, as tabernas, os pub que din os británicos. Sendo creador e a pe de barra  - até que os concertos llo permitiron - na Coruña  “A Cova céltica”, con reminiscencias; en Arteixo de “A Baiuca”.

No 1992, como arrieiros da música, atópanse con Mike Olfield (1953), o que supón no 1999 unha xeira con il por España (Then & Now) e no 31 de Xullo o macroconcerto no areal de Santa Cristina: Mike Olfield, The Coors e Luar na Lubre. Relacións, como en tantas outras, nas que é fundamental o  Playa Club  da Coruña e o seu xestor, Nonito Pereira, con tanta visión musical, o que, ademais acudía a min para que  acompañara a estes músicos en rutas por Galiza... Xenios nos que percibín a capacidade para enxergar as esencias de Galiza e levalas á música. Olfield tomou e versionou o “Son do Ar” de Bieito Romero. O lazo céltico trenzábase máis.

As colaboracións de Luar na Lubre sumaronse con Hvia, con Ismael Serrano, Pablo Milanés, Emilio Cao, Luz Casal, Miro Casabella, Victor Manuel, Miguel Ríos, Ses... co instrumentista irlandés  Donal Lunny, Mairtín O´Connor, Noally Casey ... poñendo en valor  lugares, onde acouga a alma céltica... cumprindo e celebrando aniversarios: así ao  Son do Ar (1988) seguiron Beira Atlántica (1990), Ara Solis (1993) Plenilunio (1997), o cabo do Mundo (1999), XV Aniversario (2001), Espiral (2002),  Hai un Paraíso (2024)  Saudade (2005), Camiños de fin da Terra (2007), Ao vivo (2009),  Solsticio (2010)... re-creando sobre a música medieval galega, a triloxía Son da lubre nas noites de luar (2012) Mar Maior afianzando a irmandade Galiza-Irlanda, coa lenda do Leabhar Ghabhála, no 2014 Torre de Breogán, no 2015 Extramundi artellando músicas dos pobos da Celtiberia, no 2018 Ribeira Sacra, homenaxe ás terras dos devanceiros de Bieito Romero: as das ruínas, bosque e penas sagradas de San Pedro de Rocas. Os músicos de Luar na Lubre saben beber na fontes de auga limpa dunha tradición que significa transito (trado), dándolle vida en concertos a castelos ruínas, templos, teatros ou estadios. Proba de que a dignidade da cultura Galega está viva . 

12 ABRIl 2025