Cristianismo nos confíns de Iberia. O auto da Resurrección e Pascua Florida en Fisterra

Ampliar: As Tres Marias no Auto da Resurrección de Fisterra



Na Galiza da minas de ouro impacta a romanización co seu esclavismo e contra este a cristianización, entre cultos orientalistas prerromanos e romanos. Fisterra reconverte e mantén moitas desas tradicións, véxase o auto da Pascua de Resurrección

Galiza, dende os  seus primeiros séculos, fixo súa e predicou a cristiandade,  misión e militancia con canto supón de xenerosidade pero tamén de arrogancia e do que  ten que pedir desculpas. Véxanse as veneracións traídas,  a través do Mediterráneo, aos confíns atlánticos de Iberia, devocións de raiceiras orientalistas, de base norafricana, fenicia, asiria, caracterizadas polo culto á deusa-nai, tal como o impacto do predicamento dun Prisciliano posiblemente formado nos eremitorios da Tebaida exipcia,  practicante dunha teoloxía libertaria, de liturxia iniciática, sincrética, nocturna, mesturada de naturalismo e astronomía, zoroastrismo,  xudaísmo, mitraísmo  e de cristianismo apostólico. Sedutor persoeiro no popular, acusado como mago e  herexe, decapitado en Tréveris no 380... e os seus restos posiblemente devoltos á Gallaecia... Sumando á historia da cristiandade nestes confíns as noticias da viaxeira Exeria no seu recorrido polos Santos Lugares, alá polo ano 385. De poucos anos despois e vinculado ao emperador Teodosio  é Idacio da Limia, autor do Cronicón,  formado no clasicismo e en oriente, como do mesmo tempo tamén é  o bracarense Paulo Orosio, seguidor de Agostiño de Hipona. Sumamos  as relacións epistolares de San Cibrao de Cartago coas comunidades do Val do Silencio...No século VI a misión contra os cultos naturalistas do panonio Martiño de Dume.  Sen faltar datos facilitados pola arqueoloxía, como o sorprendente Crismón da Ermida (Quiroga), sc. V  como  o de Leis en Muxía... as estelas funerarias de Tines, os achados de Moraime... denotan nesta estremeira a presencia de comunidades e certa aristocracia.

Sendo este o país que fai súa a tumba dun apóstolo íntimo e familiar de Cristo, Santiago, con catedrais e templos competindo en reliquias que avalaban unha misión imperial contraditoria coa humildade orixinal. Até ser capaces de representar en imaxes  a un Apóstolo cabaleiro  brandindo unha espada e arremetendo contras os infieis. Confín das romarías e das festas arredor dunha ermida que cristianiza cultos a penedas, fontes, árbores... onde os cruceiros substitúen nos camiño aos lares viais romanos, os que, como Árbore de Redención, se erguen da terra ao ceo, para culminar coa cruz e a paixón dun Fillo e dunha Nai. Ao respecto Castelao en As cruces de Pedra Na Galiza, xa dixo canto compre saber de algo tan esencial a Galiza.

A misión entre “celtas” e galos de erguer altares cristiáns onde houbo cultos pagáns

 A cristianización trastornou e reconverteu ancestrais tradicións, mitos e ritos prerromanos e romanos. No século IV Martiño de Tours  e pouco despois Gregorio de Tours propagaban no territorio dos celtas galos aquelo de ir a lugares de cultos pagáns e erguer altares cristiáns, permitindo que fagan festa...Martiño de Dume tomaba boa nota e facía seus estes preceptos, agora nunha Gallaecia priscilianista, tamén sometida ao arriarismo de suevos e visigodos .

Un dos atractivos sitios e fitos na historia da cultura galega, con tanto pouso de oscurantismo, de  tradicións pagáns e cristiáns é Fisterra, o cabo do fin  de Iberia, que emproa ao que era o Mare Tenebrosum. E ben o conta o avogado  e amigo Benjamín Trillo Trillo no seu libro  Las huellas  de Santiago en la Cultural de Finisterre (1982) prologado pola sensibilidade e saber de  Miguel González Garcés, con segunda  edición (1999) con limiar e con grande honra da autoría de quen isto escribe. Libro que retoma cavilares do corcubionés  Francisco Esmorís Recamán ( 1893-1967) autor de Finisterre, San Guillermo y su ermita,  así como das obras de Francisco de Ramón y Ballesteros  arredor do máis alá e do oscurantismo fisterrán. Algo que enxergou e ao final da súa vida, Camilo José Cela levou a ese labirinto que  é Madera de Boj (2000).

A reconversión de cultos solares  no Cabo do Mundo

Arqueoloxías, mitos, ritos en relación coa vida-morte, co oriente-occidente, que teñen os seus días e sitio na Semana Santa fisterrán, honrando ao Cristo da barba dourada. Xornadas que seguen o Viacrucis, para no luscofusco do sábado ter a Vixilia Pascual coa bendición do lume e da auga, elementos que neste confín teñen un significado especial. O Domingo de Pascua, ás doce e na campa da igrexa de Santa María da Area, camiño do cabo do mundo, celébrase o auto da resurrección, o que pon fin á ascese da Coresma: Semana Senta que se abre co ritual da benvida, entre ramos de loureiro, para que logo xurda a hipocrisía, as traizóns, se laven as mans, flaxelen...e en oficio de tebras cargalo cunha cruz camiño dun Calvario, onde aparecera a axuda dun cireneo, dunhas mozas que lle limpan a cara... e ser crucificado entre a nai, un amigo e unha amiga... despois desencravado, enterrado... Lección de ascese, ben aprendida neste país de cruceiros, viacrucis, mariñeiros e peregrinacións. E, ao terceiro día, renacer a Luz, a Esperanza, cando as Tres Marías dan conta da súa resurrección.

Moito habería que falar da imaxe que centra este acontecer a do Santo Cristo de Fisterra rivalizando en historia e devocións co de Ourense  e mesmo co de Burgos, que a crenza popular di  atopados no mar nos primeiros anos do século XIV, repartidos polo fisterrán bispo de Ourense Vasco Pérez Mariño e mesmo que foron labrados polo fariseo Nicodemo, amigo de Xosé de Arimatea,  o que recolle o sangue no Cáliz, o Santo Greal, (Sangue Real) para facer un periplo con el cara aos confíns célticos, cotizada reliquia que enxalza poder, ben o sabía Arturo.

 Trillo asocia a enigmática imaxe do Cristo de Fisterra , o da barba dourada  xunto co auto e ritual da Resurrección co culto solar, co solpor no horizonte do occidente, para renacer despois polo oriente:  o camiño do Sol invictus, culto romano. Entre a ledicia das Tres Gracias cristianizadas nas Tres Marías. Iso é o que se representa no medio día do domingo de Pascua, coa lectura do evanxeo, segundo san Xoán, entre a teatralización de soldados romanos, mariñeiros como apóstolos, a Tres Marías e un anxo que da a boa nova arredor dun sartego aberto á Luz. É entón cando as campás se lanzan ao voo no seu repenique, nos altavoces, a todos decibelios  soa o Así falou Zaratustra de Strauss, mentres suben a un ceo que estoupa feixes de foguetes con estrondoso rosario de estoupidos. O arrepío recorre o corpo e exprésase con aplausos. Sigue a Misa, ao final, a banda, os himnos, sacando a relucir o tesouro dos mellores legados mariñeiros, as danzas de arcos florais.

 Trillo coñece a mitoloxía fisterrán, busca sentido a este lugar no que a tradición e os cronistas da antigüidade  sitúan o Ara Solis, onde aínda se practican cultos, como os realizados na cima do Monte de San Guillermo. Recinto coutado por grandes lousas, arredor dunha cova cristianizada seguida pola estrutura rectangular dunha simple ermida  cos restos dun sartego escavado en pedra, a Cama do Santo,  en relación cos cultos fecundativos realizados ao paso das baleas...iso conta na súa viaxe de Madrid a Galicia (1745), o bieito Padre Sarmiento.

No 1980, Chamoso Lamas encargoume limpar o recinto  e estudar un plan de conservación do contexto de San Guillermo, inmediato a outros puntos mencionados por Sarmiento: as Pedras Santas... as que se non as pode mover unha xugada de bois, si as pode mover a habilidade dun neno...a cova do atlante Orcavella,  a cadeira do apóstolo, a pedra do Cabalo...e ao fondo o mítico Pinto, onde tampouco faltan epígrafes medievais anatemizando cultos pagáns.

Ao respecto lembro con moito agarimo as pescudas  realizadas por Pedro Marfany Vilarassu, autor de Galicia Incógnita ( 1995) sobre as “pedras máxicas” : penedas de Traba, do Pindo, as de Fisterra... Libro que con moito agradecemento me deu para prologar. Tendo ambos como colaborador naquelas pescudas a Xosé Barreiro Barral, pai do historiador Xosé Ramón.

Tamén lembramos a singularidade de quen foi fareiro da Torre de Hércules Pepe Insua, metido nestes temas, arredor da cidade de Duio, castigada e asolagada por facer prisioneiros aos discípulos do apóstolo na ascese da translatio do seu corpo morto do Apóstolo. Sendo liberados milagrosamente para seguir na misión, atoparse con Lupa...domesticar touros, vencer a serpes e dragóns no Monte Ilicino... asuntos que o arqueólogo salesiano padre Xesús Carballo conta nesa novela baseada en mitos e arqueoloxías que é Fida la hija del último druída galaico (1951). Praia de Lagosteira, onde aparecen restos romanos e a tradición aconsella recoller as cunchas de Venus, as vieiras que simbolizan o camiño.

 Mámoas do cabo, do monte Facho, do Cabo da Nave....o solitario Castromiñán mirando aos acantilados...onde a cristianización pon a lenda da virxe peregrina en barca de pedra que encalla no que sería Muxía, a das pedras  lambidas polas treboadas, o salitre e os raios...

12 ABRIL 2025