As Vellas de Mens

Ampliar: As Vellas de Mens co folcorista Cajaraville



X. Manuel Fernández Pensado é autor do libro ´As Vellas de Mens´, acaido para este ano 2025 n que a Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas aos cantares populares. Repaso da Asociación Folclórica Aturuxo, que incorporou ás cantareiras de Mens

As Vellas de Mens supoñen unha longa historia de tradicións e cultura en Bergantiños, como tamén o título dun libro da autoría de Xosé Manuel Fernández Pensado (Manel de Aturuxo para os seus, os amigos e para quen ande no folclore galego).  Publicación que abre portas a pescudas nos eidos da cultura, necesario nas bibliotecas de tradicións, editado por Galaxía neste 2025 cando xa se levaba anos traballando nel. Acaído pois á chamada da Academia Galega para dedicar a xornada do 17 de maio, Día das Letras Galegas deste ano, á poesía popular oral,  segundo o Cancioneiro Popular Galego de Dorothe Schubarth e Antón Santamarina, a sete pandereteiras: entre elas catro da parroquia bergantiñán de Santiago de Mens, sitio de tanta historia polo seu castro sobre o que se ergue un ben coidado e rehabilitado castelo do século XV en relación coa casa dos Sánchez de Moscoso, de igrexa románica... Do concello de Malpica onde se canta e se sabe improvisar cantigas, regueifas e mesmo bailar ao xeito antigo. Dedicación que a Academia personifica en Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda de Beán de Abaixo, asi como en Teresa de Cambada e Manuela Lema, de Benita, “As Vellas de Mens” e mesmo “as velliñas”  como foron e son coñecidas. Sumando a dedicación ademais a Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda e a Eva Castiñeiras, de Muxía, labregas, cantareiras e pandereteiras.

Manel sinte que a Academia, por regulamento, non recoñecera entre os nomes devanditos a Teresa Canónigha e Adela Ghagha... el agasallounas onte e hoxe faino no seu libro. E compre matizar que entendemos coa  verba “vella ou vello” no máis enxebre sentido galego, como respectadas sabias, ademais de andadas  nos camiños da vida e en anos. Libro no que o seu autor tece a historia destas mulleres co da agrupación folclórica  Aturuxo, cando os anos grises da ditadura e mesmo da Sección. Femenina, a que moito tivo  que ver nisto das tradicións.

Libro o devandito con prólogo do profesor, dinamizador cultural e bo coñecedor das súas terras de Bergantiños, Xosé Manuel Varela, con raiceiras maternas en Mens  e mesmo complementando a arquitectura editorial con epílogo de quen isto escribe, como vemos, teimudo en poñer de relevo as singularidades e a dignidade de Galiza.

Dende a Antífona da Cantiga de Ramón Cabanillas aos cantares de Mens

A cousa das cantigas e dos cantares ven de vello, esencial neste pais afeito a contar e contar na casa, no traballo, nas festas, inmenso tesouro. Así ben o entendeu Galaxia no ano 1951 cando a súa primeira publicación naqueles anos vixiados foi Antífona da Cantiga: recolleita do cancioneiro popular galego feita polo poeta de Cambados Ramón Cabanillas. Pois  ademais da creación intelectual e non dicimos “culta”, por selo unha tanto como outra, en Galiza existe - a facerse e tamén a desfacerse - ese rico e inspirador folclore do pobo. Conformado por cantigas que xeralmente teñen un senso retrouseiro, simbólico, seguindo as tradicións dos cancioneiros medievais galegos, os  de Escarnio e Maldizer, emparentados co  sirventés provenzal. Composicións nas que entran en danza a burla, a moral, o sexual, o  persoal ou o social. E velaí o  competente estudo ( tamén editado por Galaxia 1970) do profesor Rodrigues Lapa . Letras  que supoñen músicas, as que van da sinxeleza espida, si acaso con golpes no peito, sobre unha táboa, lata ou botella a ser acompañadas de pandeiro ou doutros instrumentos.

Manel de Aturuxo está ben curtido nas andanzas musicais e de danzas, nada menos que da man de Aturuxo, con canto ten que dicir de si esta agrupación cultural folclórica coruñesa, a que non so lle deu cor galega, dende 1955 aos anos grises que seguiron da ditadura, como un aturuxo de supervivencia e dignidade. Base do exitoso Ballet Galego, iniciativa de Victoria Canedo e de Xosé Manuel Rei de Viana. Sendo Aturuxo guiado pola sabia dirección artística de personalidades como o avogado, actor de teatro e animador cultural, Antón Naveyra Goday,  Adolfo Anta Seoane, Castor Cartelle, Suárez Pedreira e sobre todo polo gran Manolo Cajaraville Pensado (Negreira 1926- Coruña 1999), folclorista, coreógrafo, bailarín, que tan ben sabía intuír e onde buscar as esencias de Galiza, autor de Debullando folklore ( 1983).... contando co apoio de moitos intelectuais vinculados á Academia Galega como á de Belas Artes. Agrupación preocupada pola recolleita de  cantares, de danzas, do vestido, de canto significa a dignidade das tradicións . Agrupación que soubo enxergar o tesouro que gardaban as “Vellas de Mens” para, dende o 1972, dalas a coñecer e levalas polo mundo adiante, avivando morriñas entre a emigración galega.

Bergantiños, a fonte onde beber moitas tradicións galegas

Nesa fonte de saber tradicional de Mens bebeu Mercedes Peón, Ses, as Leilía... entre outras voces que acompañan aos grupos de “Música Celta”, como Luar na Lubre, ben o sabe  o seu líder e multimúsico Bieito Romero. Imprescindibles saberes nos que radica e medra a árbore da tradición e con ela os froitos da anovación.

 A sensibilidade de Manel, natural da Barbanza, do Porto Són, dende 1969 está fortemente unida a Aturuxo, a súa directiva, mesmo como presidente e agora Presidente de Honra, animoso a crear a Federación Galega de Grupos de Danza, a que, no 2001 lle outorga a súa primeira Medalla de Ouro, para, no 1998, recibir igualmente a Medalla de Prata Marcial del Adalid da Academia G. de Belas Artes. E sempre por  asuntos como os que nos traen aquí, por seguir a potenciar a sabedoría tradicional como as das velliñas de Mens, para afondar no tema, entrar nas súas familias, no seu traballo labrego, o das esfollas, o debullar no millo... faenas realizadas entre cantares... acompañándoas nas actuacións, recollendo e transmitindo o seu legado, como vemos nas páxinas deste seu libro.

En todo inflúe o espazo: o Bergantiños, o mesmo confín dos Verdes Castros cantado por Pondal,  o recorrido polo Anllóns, onde o mesmo Demo ten casa, a terra presidida polo mítico Monte Neme,  a das minas de ouro de Corcoesto, a das paisaxes e paisanaxes pintada por Sotomayor, a do inspirador subrealismo atlantico de Lugrís, o das illas Sisargas e de tantos santuarios coas súas romarías, San Adrián do Mar, San Fins...onde os oleiros, entre xerras e cuncas tamén moldean cosmogonías... e esoutro océano de leiras millo, gardadoras de tesouros da esencia galega.  Grupo de Mens que cos seus cantos e danzas saca o mellor da tradición bergantiñán: elas sabéndose cubrir a cabeza co pano, vestidas de loito por tristes historias e silencios, iso si,  pendurando das orellas a dignidade dos aros de ouro, herdos das arracadas... gabanciosas de levar aos ombreiros o pano das festas, o de lá de Cachimiria...e sobre a saia o mandil do traballo e na mans a pandeiretas da que saben os seus segredos.

As voces célticas, nasais...  a ritmo do bater da pandeireta

Mulleres de voces nasais, célticas, o estilo irlandés, compañeiras do ronco son dos piñeiros pondaliáns, do choutar do Anllóns, entre antigas historias e lendas de casas de casta e rango, os Traba, os Moscoso...onde se educaron príncipes e se pode brindar e beber na fonte limpa.

Velaquí pois parte da obra e milagres de Aturuxo, da lealdade de Fernández Pensado, póndolle aura ao florecer dunha cultura de ancestrais raiceiras, a que, a pesares de tantos pesares, sigue a erguerse cara á Luz da Esperanza: a Academia Galega atinou ben.

Para rematar ben aquecen as verbas de Ramón Cabanillas na introdución da súa Antífona da Cantiga para quen leva na fronte unha estrela e no bico un cantar: “ Na copla, gala do xardín encantado da lírica galega, unxida de gracia latina e profundidade céltiga, recende toda a pristina e deleitosa fragancia das rosas ventureiras florecidas nos relanzos das carballeiras, das agras, onde o bardo druída da lira de prata e fouce de ouro trenzaba duáns e conxuros, no entanto os silfos vagorosos rebuldaban, bailadores e cantaroleiros, á donda craridade do luar... Coidemos e recollamos con querencia de bon amor e xeito garimoso de horteiro, as herbiñas e rosas recendentes dos cantares, pondo na laboura, tan prácida e ledizosa, con esforzo sen trégola, o corazón en ardor. Falo cos que profesan con fé invencible na gloria e santidade da nosa anterga divisa: Deus Fratesque Gallaeciae”. Queda ben dito.

1 MAIO 2025