García Martínez, o Seminario de Estudos Galegos e o Museo do Pobo

Ampliar: Museo do Pobo Galego



Homenaxe a Carlos García Martinez (1945-2017) repasando aspectos biográficos en relación coa conservación, o estudo e a divulgación do patrimonico cultural galego, en especial a través da obra da que foi piar, o Museo do Pobo Galego.

Cando o mundo céltico occidental celebraba ao San Patricio e abría á primavera do 2018, finou na súa cidade de Compostela Manuel Carlos García Martínez. Nome e apelidos tan sinxelos como el, como o común e popular que defendía. Foi un dos principais ideólogos, creador e animador do Museo do Pobo Galego que non é pouca cousa por canto significa tal institución, tanto pola súa necesidade de ser como pola constancia nun traballo exemplar. Obra aberta por cantos constitúen o seu Padroado, así como polos seus socios, sabendo que recollen en herdo e transmiten ideas daquel Seminario de Estudos Galegos, fundado no ano 1923 na emblemática casa de Ortoño en Ames. E xa non insistiremos no que significa “seminario”, de semente e sementeira, tarefa  de recuperación galega que  tanto preocupou a Isaac Díaz Pardo, como a Carlos García Martínez, asunto aínda pendente de resolver e anovar entre tanta competencia co Consello da Cultura Galega, coas Academias de Galiza. Tratábase de madurar a  investigación en Galiza sobre Galiza e a súas relacións con Portugal, co mundo occidental atlántico, coa emigración...



Aínda que de xeito serodio, cando debera facerse en vida, contamos, facemos reconto e agasallamos a memoria de Carlos García Martínez, nacido no 1945 e xa sabemos o que iso quere dicir, son os tempos da “Longa noite de pedra”  cos que houbo que lidar pra manter acesa a estrela e o cantar galego. Estudante nas aulas da universidade compostelán pra, naquel 1968, de parisino e precursor maio alboreiro, licenciarse en Dereito. Xa denantes estivera vencellado, como bolseiro, a esa sementeira espoliada na guerra e na posguerra - como sempre lembraba Isaac Díaz Pardo, a fin de  “non dar a esquecemento”-  que era o  que quedaba do Seminario de Estudos Galegos,  institución embargada, desactivada tamén  dos seus fins e anexada ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, centralizado en Madrid. Naquel xeito de reliquia da intelectualidade galega e dende a súa tradicional Sección de Arqueoloxía e Prehistoria, como parte que era da Xunta de Goberno da institución, secretario tamén, despois bibliotecario, García Martínez tentou reavivalo, comezando pola Sección de Etnografía e Folclore . Tratou sempre que agromará a vella sementeira. O Instituto ocupaba espazos pétreos e sombríos da vella Fonseca, salóns rodeados de andeis pra libros, vitrinas con pezas de arqueoloxía, iluminados por lámpadas feitas con cangas tradicionais, mesas e gastadas cadeiras e nos que se presentía que por alí aínda resistía o vello”genius loci”.  Espazos  logo sometidos a obras pouco sensibles con aquel pasado, feitas pra convertelo en reitorado. Instituto que naqueles anos, o final da década dos anos setenta, tivo intentos de florecer, mediante unha labor coordenada, interdisciplinar, entre os seus membros, partindo do estado da cuestión e das prioridades urxentes na madurez da Arqueoloxía na Galiza.

Foron momentos grises nas administracións para canto significaba potenciar as orixes, a identidade. Carlos foi un daqueles mozos, que con outros como il, remexían no remol da sementeira, facíano guiados  dende principios metodolóxicos e do saber multidisciplinar de Luis Monteagudo e sobre todo guiados pola refinada sensibilidade galega de don Fermín Bouza Brei. Entre aqueles mozos de arelas semellantes estaban  Xosé Manuel Reboredo, Acuña Castroviejo, Pedro Luaces.... Mans á obra escavaron unha das modias megalíticas da chaira lucense do Buriz. Como documento fílmico quedou gravado pola cámara e a sensibilidade do malogrado lucense Carlos Varela o simbólicos e apaixonado momento do solpor, cando despois do traballo, con don Fermín ao fronte,  cantaban o himno galego. Documento que expresa inquedanzas que perdurarán naqueles mozos.  Carlos participou en numerosos congresos,  orientou e auxiliou a investigadores estranxeiros atraídos por estes confíns, probou coa arqueoloxía de campo, fíxoo arredor dos petróglifos, dos monumentos megalíticos, concluíndo, como concluímos moitos, en que o primeiro e o de sempre é sensibilizar a través de canto se poida e facelo con dignidade, logo  protexer, conservar e potenciar os xacementos, o que non se garantía por parte das administración, así como facilitar publicacións das campañas arqueolóxicas e a conservación do extraído. A madurez das ciencias da Arqueoloxía e da Museoloxía está na prioridade destas funcións.



García Martínez, discreto, educado, sempre disposto a escoitar, o que facía dende certo dandismo de espírito ético, herdo dos bos e xenerosos, foi dos que anovou camiños necesarios, os que xa foran trazados por aqueles vellos galeguistas,  pra que por eles transitaran agora  os mais novos.  E todo dentro dunha misión, a recolleita, o estudo e a divulgación de canto significaba a cultura popular, os espazos  e as técnicas tradicionais, artesanais, os artefactos e con eles palabras, o idioma galego e todo o patrimonio inmaterial...O momento de por en marcha esta idea era o xusto, cando a industrialización, o consumismo, os proxectos viarios e urbanísticos, xunto coas novas tecnoloxías e a alienación tamén, poñen no brete á cultura popular. Como resposta a esta situación estaba en marcha a creación dun Museo de Antopoloxía Galega, base para un Museo Nacional Galego, algo a facer esquecendo a retórica, buscando a sensibilización do gran público, poñendo man á obra sobre o que non estaba nas políticas de entón. E así chegou  aquel 5 de novembro do 1975 cos catro piares, García Martínez,  Xusto Gonzalez Beramendi, Rafael Baltar Tojo e Manuel Gallego Jorreto, actuando como motor o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, no que poñen as bases para a constitución dun Padroado e promover a creación do Museo. Os estatutos desta  entidade independente foron aprobados polo Ministerio do Interior o 5 de xullo de 1976 e xa o 31 daquel mesmo mes constitúese de xeito oficial o padroado. O concello de Compostela colaborará e cederá para este fin as dependencias do antigo convento de Santo Domingos de Bonaval. De seguido abrirase unha lista de socios cos seus aportes mensuais, súmase boa parte da intelectualidade galega e que axudarán a garantir algúns aspectos da vida do centro. O primeiro presidente sería Xoaquín Lourenzo, despois Antonio Fraguas, seguido de Díaz Pardo e sempre a pe de obra Carlos García Martínez, como secretario e dende o 2012 como director, coordinando un equipo interdisciplinar en función das tarefas,  adquirir, conservar, estudar, documentar, expoñer, divulgar... 

Lección  de museoloxía para todos e máis para os poderes públicos do que se pode facer con ideas, consenso,  querenzas e constancia.



 Carlos García Martínez foi ademais activo membro de colectivos de pura cerna galega, como a comisión xestora do Pedrón de Ouro, patrón fundador da Fundación Castelao, do Consello Galego de Museos e máis aínda, foi unha ponte de dignidade trazada dende os derradeiros membros do Seminario orixinal, como Antón Fraguas, Xocas, Taboada ...até  os nosos días .



Prefería o traballo colectivo e dentro desa prioridade que era a misión educadora, a que  nunca deixou de man,¡ e fíxoo a través de todos os medios, como colaborador en xornais e revistas, tratando sobre o mundo dos artesáns e das artesanías, o legado oral, divulgar de biografías de grandes persoeiros, mesmo cos que traballou ao seu carón, Antón Fraguas, Carlos Maside, Bouza Brey, Xoaquín Lorenzo, Taboada Chivite, entre outros, nomes que conformaron os piares ideolóxicos do Museo do Pobo Galego. O  seu libro “De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes “  expresa ben as súas querenzas. Publicación do 1999, ano no que tamén recibe o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.



Traballador máis de praxe que de retórica arredor das testemuñas do saber popular, labrego, mariñeiro, da relixión e das crenzas, das festas... E o labor sigue,  cada xornada é un novo comezo.



25-Marzo -2018