Todo educa... ou maleduca: aprender na igualdade e no respecto ao medioambiente
Breve repaso por programas educativos do século XX (Freinet, Freire, Montessori Piaget...o esforzos en Galiza en educacar no medio, na igualdade, no social... máis velaí a febre consumista, a segregación, o xenocidio...a contaminación medioambiental
Pese a tanto camiño andado e experiencias pedagóxicas, campan novos e agresivos paradoxos, formulas de neoesperpentismo, co bater da aculturación, do ego, da insolidariedade, do sálvese quen poida nun ambiente de contaminación que o envolve todo. E pese a ter na historia da pedagoxía, e mesmo galega, moito do que aprender e presumir. O asunto é que non se soubo transmitir, nin seducir. Cuestión que preocupou dende os anos da Ilustración, con persoeiros galegos de talle universal, como os frades bieitos Benito Xerome Feijoo e Martín Sarmento, entre outros, os que, pese á vixilia da Inquisición, usaron da liberdade e afortunadamente a Corte soubo aproveitar. Tampouco faltan intereses en ocultalos.
Ao respecto o Padre Sarmiento ( Vilafranca do Bierzo 1695- Madrid 1772) enchoupado do sentir ilustrado, en paralelo a Jean Jacques Rousseau (1712-1778), centrado na ansia de aprender, de retirar olleiras, en promover a razón e a ciencia, en favor da convivencia e do progreso. Deixando atrás o escolasticismo, a memorística e o ensino doutrinal. Asumindo a importancia que nos primeiros anos da infancia ten a educación e nos que radican tantos males futuros que afectan á persoa, á convivencia, á igualdade e ao respecto ao medio ambiente que nos soporta. Sabios teimosos na necesidade dunha educación pública e laica, non so teórica, se non tamén práctica, experimental, na observación e no análise, aberta en igualdade de oportunidades para todos, fora cal fora a súa orixe social, a súa economía e sempre en relación con cada contexto espacial, social e cultural. Ilustrados que tiñan moi en conta a lingua, defendendo o uso do galego na escola primaria.
Pois a educación é para servir á sociedade e ao medio ambiente, tan fráxiles. O padre Sarmiento adiantouse a presupostos dunha nova educación, os que logo serían desenvoltos por Dewey, Celéstin Freinet... por María Montessori, Paulo Freire entre outros. Ensino encarreirado a fomentar a crítica e contribuír ao progreso na convivencia e co medio. En Sarmiento, respecto a outros ilustrados, primaba a base, a raiceira, o local como base do universal. Os profesores X. Luis Pensado, Filgueira Valverde e máis modernamente Antón Costa Rico, M. A Filgueira Iglesias, J. Santos Puerto, entre outros, teñen estudado o asunto.
Non queda atrás o pensamento pedagóxico reformador do padre Feijoo, insistente na importancia da ciencia e polo tanto da razón, fronte ao escolasticismo e o sentir relixioso contemplativo, o bizantinismo, propoñendo a reforma das institucións educativas, dos libros de texto tradicionais. Ilustrado seguido polo asturiano Jovellanos, referentes aínda hoxe.
O esforzo de mestras, profesores por ensinar canto significa Galiza
Partindo de principios ilustrados, os que nunca prescriben, nacen outras teorías de profesionais, cavilamos no psicopedadogo de Neuchatel, Piaget (1896-1980), estudoso da psicoloxía infantil, preocupado polos estímulos, pola mediación cultural, determinado que a capacidade cognitiva e a intelixencia están vencelladas ao medio social e físico, a asimilación...
E sen entrar en tantos antecedentes e consecuentes, que haber hainos, Galiza, polo seu sentidiño, sentido común, soubo da necesidade de explicar e implicar dende nenos no contexto espacial, social e cultural e de facelo con ética e estética. Cavilamos no esforzo do fisterrán emigrante en Cuba Ramón Marcote Miñarzo, autor dunha Historia de Galicia (compendio I) construída a modo de catecismo, coa declaración de intencións de servir ao pobo, pese á contradición do uso do idioma castelán. Libro dedicado ás “patrióticas colonias gallegas de América como testimonio de constante admiración por su labor perenne que realizan en beneficio de los intereses morales y materiales de Galicia”. Editado na Habana no 1925, con prologo de Enrique Zás , coa ilusión de que sexa declarado texto nas escolas de Galicia “...que abrirá a la juventud horizontes hasta ahora desconocidos; que modificará sus sentimientos y saturará su espíritu ...” Páxinas nas que o autor vai debullando preguntas e respostas comezando pola ¿Que se entiende por Historia de Galicia? ... Sobre as mámoas, osmitos, os brigantinos, a nación céltica.... fenicios, gregos, romanos, suevos... a monarquía Galaico portuguesa, o esplendor das cantigas....o poder da casa de Lemos....Curros, Rosalía, Murguía.. No mesmo primeiro franquismo aquelas ansias levan á edición do libro “Anaquiños” de lecturas gallegas da autoría de Fernández Nóvoa, páxinas que tratan de meter ao iniciado lector na terra, nas cidades, nos mitos...Libros non exentos de inxenuidade, aos que algúns mestres e mestras acudían para sementar Galiza. A censura estaría atenta.
E aquel Catón Galego para aprender a usar a maxia e a arte das palabras
Sen tanta azucrada retórica romántica e con mentalidade aberta o ourensán Ben-Cho-Sey /Xosé Ramón Fernández- Oxea) publica no 1969 en Edicións do Castro-Moret, o Catón Galego, con portada de Luis Seoane e ilustración da máis vangardista contemporaneidade, da autoría de Bea Rei. Aínda naquela “Noite de Pedra” a ansia de Díaz Pardo, de Seoane e de cantos apoiaban aquelas “Industrias da Memoria”, entre as que estaba a Editorial do Castro-Moret, seguían a concienciar con teoría e praxe. Catón, que, entre debuxos e cores, xoga coas verbas, coas frases e os ditos galegos, abrindo a mente á poesía e á creatividade: cabalo, balado, bota, boneca bonita.... a chave da miña casa a chave na pechadura..., as partes do corpo, cancións de berce, de Nadal... os ríos, os versos de Rosalía, de Cabanillas... a bandeira, o Himno, a nai, os nomes dos pobos, os camiños e un elemental dicionario... e quizais para conformar á censura nacionalcatolicista mete a Salve Regina que ten autor galego. Pois velaí unha obra digna de coñecerse, propia de ter espazo singular nese Museo Pedagóxico de Galicia, en Compostela, o que reafirma canto vimos dicindo de Galiza, onde as escolas de indianos estaban nun altísimo nivel de espazos e de medios...pero a ideoloxía campante era a do desarraigo, a de crear carne de emigración.
Na metade do século XX son sobranceiras as propostas do brasileiro Paulo Freire (1921-1997), as que parten dunha base marxista para una pedagoxía do oprimido, a alfabetización e a concienciación. Xunto coas experiencias de Freinet arredor da construción da personalidade en ambientes neoliberais, aos que hoxe habería que engadir a incidencia das redes sociais, d@s influencer. Presupostos arroupados entón, quizais máis que hoxe, pola acción cultural, espallados por cadernos de pedagoxía, por revistas como foi “O Ensino”, polo asociacionismo e a actividade sociopedagóxico... pero os coutos políticos non permitían a praxe desexada.
Sobre canto vimos dicindo non quedaron atrás as universidades galegas, velaí os traballos saídos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, tal como os do pedagogo, catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña, Jurjo Torres Santomé, arredor do multiculturalismo e a súa incidencia, defensor da escola pública tan sometida á mercantilización neoliberal, crítico coa utilización da educación para o control social...e a inda máis sobre o desacougo, a desmotivación do profesorado...
Experiencias que non soamente son cousa das aulas, entendendo que todo reforza a educación ou a malaeducación e máis neste noso tempo dos plasmas, os que nos sempre nos acompañan, os móbiles, abertos @s , portadores de mensaxes que deberan comedirse e non perder a ótica de informar para formar, para crear seres libres e non para crear adicción ao consumo ou a ideoloxías que normalizan a violencia, o machismo, a contaminación....
“Son cousas que pasan”, o retrouso que dicimos: cousas que teñen as súas causas e efectos, en ocasións tentando contra os principios básicos, a persoa, a sociedade e o planeta...e parece ser que non se ten nada aprendido. Falla a praxe que é cousa de tod@s en cada intre.
7 XULLO 2025

