Galiza, herdeira dun rico bestiario céltico
Introducción á historia e ao rico legado do imaxinario de bestas e monstros, herdo céltico.Véxanse en Galiza canicelos, misericordias de coros, gárgolas...lendas. Patrimonio avivado co devalar do tempo polas novelas de cabaleirías e pola cristiandade
Centroeuropa e o seu occidente atlántico ofrecen a herdanza dun rico bestiario. Representacións simbólicas de animais reais e irreais, enredándose na hibridación para metamorfosearse e enriquecer o repertorio mítico e artístico. Imaxinario que atopamos na arqueoloxía, na arte e no folclore. Patrimonio en boa parte con orixe neses “outros” que para os grecolatinos eran os celtas. Designación cargada de orientalismo, de panteísmo e animismo, o que tamén caracterizou a etruscos, ligures, íberos... como a outros pobos transmisores dos Balcáns e de Anatolia, os que conflúen e se enredan culturalmente. Tribos afeitas á representación e a simbolización de animais, como de outros maxinados, grifos, quimeras, harpías, basiliscos...monstros inventados, propios dun Trasmundo escuro, de brétemas... a furar entre os Catro Elementos, o Lume, a Auga, a Terra e o Aire. Tarascas, diaños, trasgos... con alas, cornos, rabo, orelludos, queixaludos, vermellos, azuis... acenando e arremedando con carantoñas. Seres envoltos na maxia do misterio, inevitablemente relacionados coa mitoloxía do clasicismo grecolatino, creador de medusas, gorgonas, centauros, ciclopes, sereas, tritóns, esfinxes, hidras... as que tentan a que fai camiño, como fixeron con Ulises no seu periplo.
No medievo o cristianismo, afeito ao simbolismo de anxos e demos, soubo aproveitar tal imaxinario, para asocialo co pecado, co infernal e seguir a crear seres híbridos, asociados cos demos e que na iconografía dos santos e santas celestiais serán vencidos e representaranse retortos aos seus pés: como a do cabaleiro San Xurxo, a do arcanxo San Miguel, a Santa Marta,San Bartolomeu... ou a da Inmaculada sobre a serpe. E velaí o Tetramorfos, a representación dos Catro Evanxelistas, en relación cos Catro Elementos: Lucas representado polo touro, San Xoán polo aguia, Marcos polo león e Mateo polo anxo. Asuntos ben sabidos polo celtismo cristián irlandés. Sen esquecer as imaxes deses outros santiños e santiñas que se fan acompañar dun animal, como en Galiza, San Froilán co lobo, San Mamede co cervo, o Santo Antón co porquiño, San Roque co can, San Bieito co corvo...e xa non digamos o variado repertorio destas iconografías na Bretaña: imaxes triunfantes sobre bestas e dragóns.
Bestas e monstros maxinados, asomados e a gargallarse do paso do tempo
Monstros híbridos que en orixe saen do maxín dunha civilización de gandeiros, agricultores, cazadores e pescadores, afeitos a domesticar a natureza salvaxe, animais e plantas, para crear símbolos que, nos camiños da terra e do tempo se mesturaran con herdos orientais, indoeuropeos como son os prerromanos ou celtas. Aristocracia de trotamundos, de singulares xinetes, misioneiros da minaría e da metalurxia do ferro, da sal, do ouro... cumpridores de suntuosos rituais, os que se expresan nas súas labras, especialmente en metal e que cronistas grecolatinos recollen e comentan como diferentes.
Pobos de raiceira celta que no seu tear da cultura, no medievo, versionan as andanzas dos seus heroes, desafiando retos da natureza e da imaxinación, velaí a figura de Arturo e dos seus cabaleiros da Táboa Redonda envoltos no labirinto da Demanda do Grial. Un xeito de ascese iniciática, de Xogo da Oca, entre tebras, bosques, rios, pozos, onde asoman bestas, monstros, a carantoña dun home verde, nacido da foresta, lamias, unicornios... onde non falta un sabios magos e meigas, como Merlín e Morgama , os que ofrecen remedios ao mal e dan consellos.
Animais e monstros propicios a paisaxes da noite, entre o devalar da lúa e das treboadas, de bosques espesos, sombríos, de lagoas e fontes que alimentan regueiros, a serpentear entre fervenzas e xunqueiras... sitios propensos á tentación, á suxestión e ao inverosímil.
Ao respecto autores grecolatinos ofrécennos cantidade de datos, así como os artefactos proporcionados pola arqueoloxía. Para monstros célticos ver a serie do oppidum de Entremónt, na Provenza (Aix), interrelacionados coas tetes coupés ( cabezas cortadas)... Sendo antolóxico o caldeiro de prata de Gundestrup (Museo Arq. Copenhague), onde un deus Cernunnos preside a escena, ao pescozo un colar, na súa man dereita ergue un torques, como ferradura aberta ao ceo entre dous cabos, o do principio e o do fin, os que buscan atoparse... e ao redor deste xeito de Pantocrátor céltico o cervo, a garza, o teixugo, o lobo, a serpe... e sobre eses aportes os códices iluminados irlandeses, como o de Kells, verdadeira antoloxía deste bestiario, así como as súas historiadas cruces, as haxiografías de santiños, case como druídas. Asuntos revitalizados arredor do temido ano 1000 polo ir e vir dos viquingos, señores dos mares, portadores dun rico repertorio artístico de animais enguedellados en entrelazos.
Enciclopedias da Antigüidade como a Historia Natural de Plinio o Vello, do sc. I, ou os tratados teolóxicos medievais como Hexamerón sobre os seis días de creación, as Etmoloxías de Isidoro de Sevilla axudaron e aguilloaron o tema nunha era de ouro dos bestiarios e da fantasía.
O fecundo aporte de Galiza a ese universo creativo e mítico de raiceira “celta”
No mundo castrexo velaí a tarasca que din “simio” aparecida no Castromao, as escenas de golfiños e cabaleiro da diadema de Moñes (Asturias), o parruliño da diadema do Castro de Elviña...os cabalos do frontal de Formigueiros (Amoeiro), os machadiños alusivos a ritos do taurobolio de Cariño, Cervo, Viladonga... E no devalar do tempo o inmenso repertorio de canicelos e capiteis do Románico, as gárgolas barrocas, como as que bordean o aleiro do mosteiro de San Martiño Pinario vertendo cara ao Val de Deus que leva ao Val do Inferno... as misericordias dos coros con esa serie de animais e monstros facendo carantoñas, gargallándose do paso do tempo. Como exemplo as do coro alto, sc. XVI, da igrexa do Salvador de Celanova a sumar o catálogo da singularísima heráldica galega: o xabaril nas pedras armeiras dos Andrade, a serea nos Mariño, o lobo nos Moscoso...e sempre o leal can representado nos sartegos, aos pes... A sumar o infindo patrimonio de máscaras do Entroido.
Vexamos algúns animais característicos na conexión do terreal co sacro : o can, domesticado, aliado na caza, vixiante, defensor, leal... o que no mundo celta centroeuropeo se enterra co seu amo. Inspirador dos terroríficos cans de Baskerville, obra do escocés A. Conan Doyle. O gato, símbolo da intuición, da sabedoría, do oculto e o escuro, do espírito... San Patricio de Irlanda tiña un gato... e ben sabía Vicente Risco e o mesmo Castelao do asunto. O cabalo: símbolo da aristocracia céltica, cos que se enterraban tamén, imprescindible nas novelas de cabalerías. O boi ou o touro: simbolizan enerxía, forza, xenerosidade, tan necesarios no agro. O cervo, cos seus arbóreos cornos desafiando o universo, animal que abebera nas fontes de auga limpa, asociado co amor nas cantigas de amigo do sc. XIII... O xabaril e o porco, sabedor e afuciñador no mundo da noite. O Lobo, tan admirado como temido e repetido na mitoloxía e nos contos . O león, símbolo da forza, do sol. A aguia, ave dona das alturas, como o león, símbolo dos imperios. O cisne, que se move entre a auga, a terra e o ceo, asociado co Paraíso, así pois co Xogo da oca. Ave contra o que arremete o inxenuo Parsifal, para logo ser capaz de ollar o Grial... A serpe, que fura pola terra para entrar no misterio da escuridade... Entre outros símbolos de peixes e aves, ente elas o galo que tanto anuncia a alborada como o solpor. Imaxinario que a capacidade creadora é capaz de incorporarlle elementos duns e doutros, outorgándolle un carácter animista en relación co descoñecido, co sacro, co misterio....
Teimudo e desasosegado nestas cuestións que avivan o espírito celta e nas que tamén están as raiceiras do realismo máxico era o amigo de Borges, o ourensán Primitivo Rodríguez Sanjurjo, introdutor de Risco e Otero Pedrayo no orientalismo e no misterio, colaborador na revista de teosofía “La Centuria”, autor de Escenas de Gigantomaquia (1923). Castroviejo, Cunqueiro, o pintor Laxeiro seguiron a tradición de semellantes e inacabados asuntos.
17 XULLO 2025

