O 25 de Xullo e a significación de Galiza e Compostela
Repaso da significación de Compostela: o 813 cando se atopa a suposta tumba de Santiago, a que algúns dan ser de Prisciliano... Ábrense vieiros que crean unha Europa vestida de Románico... o 1188, cando Mateo ergue os linteis do Pórtico da Gloria...
Compostela é tema inabarcable e permanentemente: converxencia de camiños, de mitos, de historia, de arte, de literatura, de galeguidade, de espírito e fe. Europa fíxose nos seus camiños, baixo o pecado cristián de construír un “sacro imperio” fronte aos seus “outros”, non menos equivocados nas ansias de dominio, o Islam.
Historia e mito de Compostela, o cemiterio que deu orixe ao se topónimo e que se perden nos anos do cambio de era, cando os discípulos do apóstolo Santiago Zebedeo deciden trasladar o seu corpo decapitado dende Jaffa á Gallaecia, onde a tradición di que xa tiña predicado e bautizado á raíña Lupa... Camiño co corpo morto do Apóstolo que é a Traslatio, ascese, primeira peregrinatio, nun xeito de Xogo da Oca, entre aventuras e desventuras: a barca de pedra, Iria Flavia, as fontes e penedas de Santiaguiño do Monte, Lupa e o seu castro do Faramello, a cidade asolagada de Duio, os touros bravos e as serpes do Ilicino, o Pico Sagro... para finalmente darlle sepultura e erguer a Arca Marmórica no Monte Libredón. Episodios nos que se enguedella o mito co esforzo de axustalos á arqueoloxía e á historia. En todo caso rebordando creatividade, contados a redor do lume e das sombras das lareiras como dende os púlpitos dos templos
Cóntase que polo ano 813, tempos do emperador do Sacro Imperio, Carlomagno, do rei Alfonso II o Casto refuxiado de razzias islámica e normandas nos montes asturianos e do bispo de Iría Teodomiro, o eremita Paio de Solovio, atopa, sinalado por unha estrelas (ou estelas) o sitio que se dixo ser o enterramento do apóstolo Santiago, coñecido como o Fillo do Trono, polo seu carácter iracundo, íntimo e mesmo curmán de Cristo. A noticia abandeirouse pola cristiandade, comezando a peregrinación.
Outros din que a tumba ou martirium, enterramento dun mártir, sobre a que pon altar a catedral compostelán, é do heresiarca Prisciliano, axustizado en Treverís no 385, trasladando os seus restos os seus discípulos a lugar non determinado... Así o entendían Unamuno, nun debate entre a historia e fe, como Sánchez Albornoz ou Sánchez Dragó, entre outros. O misterio e o misticismo acendese máis entre a maxia que rodea este cabo do mundo.
Arredor dunha tumba e dun misterio converxen camiños de esperanza
Outra das datas de obrigado coñecemento é o 1075, cando o bispo Diego Pelaez - protagonista dunha importante historia, aínda descoñecida, vinculada co normando Guillermo o conquistador, e tempo de Alfonso VI - comeza a construción da catedral románica. É esta terra a pretendida Jacobsland para os viquingos. Tumba apostólica, onde Alfonso II o Casto e logo Alfonso III tiñan construído os primeiros templos, este último destruído por Almanzor.
Outra data significativa é o 1 de abril do ano 1188, tempos do arcebispo Pedro Suárez de Deza, cando o Mestre Mateo ergue os linteis do Pórtico da Gloria, fachada do solpor da catedral. Data que a Academia Galega de Belas Artes celebra dende o 2015 como Día Das Artes Galegas. Feito aquel no que as miradas do Vello Mundo, revestido de arte románica, se dirixen cara unha aristocracia política e relixiosa galega que alternaba coa da Borgoña, Aquitania, Provenza e cos mesmos papas de Roma. Catedral con códices que contan a súa historia e mitos, velaí o Calixtino, conxunto de 5 libros que recolle a copia máis antiga do Liber Santi Jacobi, do 1150 e complementado en tempos diferentes, quizais encargo a autor vencellado a Notre Dame de París polo Papa Calixto II (Guido de Borgoña), irmán de Raimundo de Borgoña, marido de dona Urraca, a filla de Alfonso VI, entón tío do emperador Alfonso VII, anos do bispo Diego Xelmirez. Libro que recolle unha antoloxía litúrxica, os milagre de Santiago, a traslatio, a historia de Carlomagno e Rolando e a descrición do itinerario. Outro dos grandes códices, este do sc. XIV é o Libro dos Cambeadores sobre a predicación, a traslatio e o descubrimento do tumba apostólica.
Camiñando e cantando, entre anxos e demos naceu o camiño... e tantos símbolos
O camiño e Compostela aguilloa ao encontro, á comunicación, á oferta e á demanda, fonte de tantos símbolos: o primeiro, sacado da mitoloxía grecolatina, en relación co nacemento de Venus, é a cuncha da vieira, de radios converxentes e diverxentes.. insignia da purificación e da renovación. Habendo outros símbolos, como a estrela, síntese de Via Láctea que orienta o camiño cara ao occidente; tamén o sartego como representación da tumba apostólica; o mesmo botafumeiro, incensario xigante co que se alaba a Deus e perfuma a catedral...e como non, dende anos máis modernos, os 60, a frecha marela, marcando o camiño, creación do cura do Cebreiro e sabio nos asuntos e promoción dos camiños a Compostela, Elías Valiña Sampedro, acompañado nestas andanzas polo seu colega radicado na Coruña, Manuel Espiña Gamallo. Camiño de templos nos que non falta a esperanzada representación dunha Epifanía, por aquelo de que os magos de oriente, seguindo as estrelas, viaxaron cara un nacemento, como os peregrinos que se encamiñan ao occidente, neste caso cara a unha tumba.
Redúcense os camiños a Compostela aos cinco clásicos, comezando polo Francés, sumando o máis antigo, o de Oviedo, o mozárabe que sigue a ruta da Prata, o Portugués, e o Inglés, que recolle a quen dende os mares do Norte arriban a portos do cantábrico... Entre outras redes de camiños que parten das vías romanas Lucus-Astúrica-Brácara... entre os camiños que proseguen a Fisterra e Muxía. Tempos nos que o cabalo é imprescindible para o transporte, o comercio, a milicia, sendo Compostela concorrida feira cabalar, con canto isto significa.
Compostela, encrucillada de rúas, de praza nas que non falta unha fonte. Cidade feita de pedras labradas en todos os tempo, de templos, mosteiros, pazos e mesóns, de erguidas espadanas e chemineas a competir, de canicelos e gárgolas monstruosas desafiando o devalar das nubes e da chuvia. Urbe chantada entre o monte Pedroso e o Viso, entre o Sar e o Sarela, rexión entre Tambre e Ulla, a que sendo en orixe románica, revestirase de xeometrías barrocas. Envolta no tanxer de bronce das badaladas: a universidade, a praza de abastos, as rúas, dende Bonaval a San Lorenzo de Trasouto, dende os Vasquiños a Poza de Bar e o Carme e dentro dela o mellor facer de artistas, da pedra, da prata, do acibeche...
Arte, literatura e adulteracións da imaxe pacificadora do Apóstolo Santiago
Poucos temas como Compostela e os seus camiños xeraron tanta literatura, tan diferente e de persoeiros das mais remotas nacionalidades. Contando experiencias do andado, cuestión sempre inacabada. Entre elas, a fins do século XV a insólita viaxe de ida e volta do bispo armenio Martiros que seguindo a Fisterra conta ollar entra a brétema un estraño monstro que chamará Vakner. Entre tanta bibliografía contemporánea está a de Rosalía de Castro, Valle Inclán, Alejo Carpentier, Unamuno, Lorca, Gerardo Diego, Cela, Torrente Ballester, Manuel María, García Bodaño, Bernardino Graña....os itinerarios de Paulo Coello , Shirley Marlene... e tantos de raiceira esotérica como o de Louis Charpentier... Sendo imprescindible a Guía de Galicia de Otero Pedrayo (1926), obra de interacción histórica paisaxe-paisanaxe. E como non a Guía de Santiago de Compostela (1982) do historiador da arte Manuel Chamoso Lamas , que nos anos 1950 escavou na catedral e no 1955 deu coa campa do bispo de Iria Teodomiro, sacando da penumbra do mito a esta figura presente no achado da tumba apostólica.
Todos queremos facer nosa Compostela, mesmo cos seus pecados e as súas glorias, entre aquelas por converter ao humilde apóstolo pescador nun cabaleiro armado matamouros e mataindios, ao servizo do imperio. Pese a estar inicialmente representado como o patrucio que no portal da súa casa agarda por quen fai a viaxe iniciática, interior, para nese xeito de rito de pasaxe, pousar a man na columna, dar un croque na imaxe de Mateo, a aperta....
En fin Compostela e Galiza merecen celebrarse en Día da Patria Galega, unha vella reivindicación para SER o NÓS neste mundo cada vez máis comercializado e uniformizado.
25 XULLO 2025

.jpg)