Díaz Pardo e o inmenso legado xeolóxico de Parga Pondal

Ampliar: ÁRBORE DAS INDUSTRIAS DA MEMORIA



Díaz Pardo intentou recuperar como motor ideolóxico das ´Industrias da memoria´ aspectos do Seminario de Estudos Galegos, desactivado pola dictadura. Velaí a tentativa de acollida no Castro do Laboratorio Xeolóxico de Laxe e do legado Parga Pondal

Ben se entendía que o valor e a singularidade dos produtos saídos das industrias cerámicas do Castro e de Sargadelos estaba na súa función cultural: a de servir e dignificar Galiza, anovando o labor restaurador do Seminario de Estudos Galegos. Industrias da Memoria arroupadas pola Editorial do Castro-Moret, con edicións dando conta do pasado como abrindo camiños á investigación ou á creatividade. Centros de traballo cos seus arquivos, bibliotecas, coleccións e mesmo auditorios para cursos, conferencias...e aínda o frustrado Instituto Galego da Información, onde se puxo alma vida e corazón, con singularísimo edificio en San Marcos de Compostela, aventando o papel dos medios de comunicación nun futuro que xa é o noso presente. Mais a chea do río do esquecemento e do material fronte ao espiritual asolaga aquelas intencións humanistas.

Teimuda misión, encabezada polo creador de formas e mesmo empresario Isaac Díaz Pardo, quen entendía que a cultura é o que cultivamos, proceso sempre inacabado. Debate para o que ideou e creou o Laboratorio de Formas de Galicia nun moderno edificio do complexo fabril do Castro de Samoedo ou Agra das Arcas (Sada), novamente asinado polo arquitecto Andrés Fernández Albalat, un dos incondicionais naquelas arelas de construír país entre as tebras e o remol da ditadura. Edificio anexo ao modular do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, con cartel indicador, a modo de árbore que sinala a funcionalidade: arriba de todo: Escolas Taller: Deseño e comunicación por Imaxe/Elementos Gráficos Fotográficos/ Cerámica//. Debaixo desta a frecha que dirixe ao Museo Carlos Maside// Mais abaixo á Galería Sargadelos/ Cerámica, libros galegos e portugueses/ con outra frecha indicando o Laboratorio Xeolóxico de Laxe e a Fundación Isidro Parga Pondal// E abaixo de todo a frecha que sinala os espazos de : Actos Culturais: Edicións do Castro//. Árbore de direccións que explicita un plan coherente.

A ansia por recuperar o Seminario de Estudos Galegos:  o  aporte de Parga Pondal

Asuntos quen entran na ansia de renovar os fins e a misión de sementeira do Seminario de Estudos Galegos, coa súa función científica, de estudo e divulgación da cultura galega. Institución creada no 1923 polo galeguismo co humanista Antón Lousada Diéguez e Risco ao fronte, dando resposta a unha universidade entón allea a Galiza. Institución espoliada e desactivada  coa ditadura para pasar a incorporarse ao Consello Superior de Investigacións Científicas.  A misión de Díaz Pardo  sería teimuda en recoller o que quedaba, así como atender aos seus supervivente. Pois velaquí o caso que hoxe abreviamos, o relativo ao profesor, xeólogo e humanista, da mesma saga do bardo da Ponteceso, familia preocupada por canto atinxe a Galiza, dende a arqueoloxía ás cuestións do seu tempo, referímonos a Isidro Parga Pondal (Laxe 17 decembro 1900- Coruña 4 de maio 1986): formado en Compostela e en Madrid, sempre guiado pola estrela das ciencias químicas e a xeoloxía. Licenciado no 1922 e sendo  influenciado polos traballos do profesor da Sorbona, Vernardsky dirixe o rumbo das súas predileccións cara á xeoquímica. Inquedo mozo atraído entón polo recen creado Seminario de Estudos Galegos colectivo co que verte e comparte o seu saber. No 1932 será bolseiro en Alemaña, para un ano despois integrarse na Universidade Compostelán onde, de xeito pioneiro no Estado,  pon as bases do Laboratorio de Xeoquímica. Doutorado no 1934, investigador inconformista, humanista, solidario, inquedo por gardar arquivos nun Laboratorio Xeolóxico de Laxe que vai formando, como posteriormente a través da Fundación Parga Pondal. Idea consolidada no 1940 despois de que a ditadura franquista expedientara e expulsara a Parga Pondal como catedrático de Xeoquímica da Universidade Compostelán. Aínda así  o seus obxectivo sigue a ser a promoción desa parte de Galiza que é o seu coñecemento xeolóxico, así como o do seu contexto herciniano ibérico. O nome de Laxe ven dado en función da orixe, a vila natal e mineira de Laxe. Asentando as bases para os estudos xeolóxicos de Galiza contou coa axuda de Martín Cardoso, especialista en mineraloxía, como con Torre Enciso en xeomorfoloxía. Anos de posguerra nos que o prestixio desta institución medra, até tal fin que o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España  lle consulta e mesmo encarga a realización do mapa xeolóxico de Galiza, sumando colaboradores, mesmo de universidades, como Montpellier, Nancy, Estrasburgo, Zurich, Liverpool, Lisboa, Leiden... e non so nunha tarefa teórica, se non tamén actuando sobre o territorio, elaborando a cartografía, recollendo mostras, promovendo encontros científicos, facilitando a súa publicación en Trabajos del Laboratorio Geológico de Lage (1953-1974). Laxe é un referente.

No 1963 publicase o mapa petrográfico estrutural de Galiza, superando ao pioneiro realizado por Guillermo Schulz no 1834.Traballo que conseguintemente leva á elaboración de mapas de máis de detalle por bisbarras e provincias e velaí o da Coruña ou  a Carte Geologique du Nord-Ouest de la Penínsule Ib´rique, a que inclúe a vella Gallaecia: o Minho e Tras os Montes, Salamanca, Zamora, León, Asturias. Todo o que supón a realización dunha maqueta que será debuxada na universidade de Leiden e reproducida nos talleres do Servizo Xeolóxico Portugués.

O Laboratorio Xeolóxico de Laxe integrado nos Seminarios do Castro, Sada

 A finais dos anos sesenta, incorpórase á secretaria do laboratorio e aos estudos do herciano peninsular o fillo do fundador, José Ramón Parga Peinador,  o que dramaticamente falece no 1978 nun accidente de tráfico. Intres de desalento que se irán superando pola colaboración do vello amigo de don Isidro, experto en minería,  Carlos Rodríguez Baltar, aparecendo entón a man solidaria e a vara do mago Díaz Pardo que ofrece  os espazos dos seminarios do Castro, ademais coa ansia de dotalos de persoal especializado a fin de seguir naquelas labores. O entusiasmo de Isaac faise evidente na colaboración, nas facilidades dadas, a través das edicións, medallas conmemorativas, congresos... En novembro de 1979 ten lugar no Castro un simposio de Xeoloxía do Noroeste que abre novos vieiros. Don Isidro  sigue ao fronte, arroupado por un comité directo representado pola familia Parga Peinador, así como dos mesmos Seminarios do Castro, que sería o xeólogo de Sargadelos Andrés Varela e outro do S.E. G do C. S. I.C o edafólogo Francisco Guitian Ojea.  Futuro que tenta garantirse coa creación dun padroado científico, ao que se sumaría o experto en petrografía Guillermo Corretgé , Ramón Vegas e Alberto Marcos (tectónica), así como, dende 1979 -  e a un tempo que acada as prazas de profesor titular na Universidade de Compostela e da Coruña - o especialista en cuaternario e xeomorfoloxía Juan Ramón Vidal Romaní e que irá adquirindo un peso importante como secretario, como científico, coordinador, animador e mesmo como divulgador. Todo o que queda reflectido nas publicacións realizadas na imprenta do Castro-Moret, os Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe.  Entre outras Vidal Romaní, por encargo de Díaz Pardo, é autor da semblanza “Isidro Parga Pondal, vida e obra, editada no  1984 con motivo da entrega do Premio Trasalba 1984 a don Isidro.

Á morte de Parga Pondal, un 4 de maio de 1986  Vidal Romaní é nomeado director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal continuando con aquela ilusionante misión dende o apoio e os espazos cedidos por Díaz Pardo. No 1992 conseguindo a cátedra de Xeodinámica Externa na Universidade da Coruña,  e ante o couto que comezan a sufrir as ideas e plans para o Seminario de Isaac por parte dalgúns dos seus colaboradores e accionistas, os proxectos respecto ao sitio e misión do Laboratorio de Laxe mudan de rumbo. No 1994 e a fin de poñer a salvo aquel legado e historia a Universidade da Coruña e o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Fundación Isidro Parga Pondal)  asinan un convenio, Decreto, 156 agosto 1997 que culmina coa creación do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal , que supón o traslado daquel enriquecido e actualizado legado ao de Servizos Centrais de Investigación da Universidade da Coruña, Campus de Elviña.

Sempre queda moito por contar , o asunto é saber facelo, non sendo sempre así. E ben que debera respecto á vida e obra de humanistas como Díaz Pardo ou Parga Pondal e máis canto se rabuña e fire o planeta, entre tanto interese económico e engano  baixo o xenérico de terras raras, tesouros que garda a cobizada Galiza.

1 AGOSTO 2025