.... e aínda aprendendo a domesticar o lume

Ampliar: Forno comunal de Pitoes as Junias



Cavilares arredor da invención do lume, artefactos para fabrical e a súa domesticación: a cultura do lume como un xeito de coutalo, reducilo a espazos... combustibles, ignífugos e emprego como luz... quentura, na cociña,nas rozas, para os afumados...

Dende as sinxela e místicas alampadas, como as proporcionadas pola variña seca das abróteas, abrótegas,  ardentes ou candieira (asphodelus), queimándose de vagar dende a punta...o lume das uces,  até a laparada dunha mecha metida nun simple caracol cheo de aceite... o  dun fachón feito cun pau e na punta atada unha estopa untada en graxa, resinas ou pez,  a vela de cera, aquelas antigas mariposas a flotar sobre o aceite dunha cunca ade tea, os diferentes quinqués, farois de carburo... E a maior escala  o lume das fogueiras ou das cachelas, sexan do San Xoán ou dos Magostos,  a convocar  festa ancestral... até a ameaza dos incendios, aliados do combustible terreal e do vento. Lume inimigo da auga, necesaria e temida fascinación.

Como si falamos doutro calquera dos Catro Elementos, os que, co Lume, conforman a vida neste noso planeta: Terra,  Auga,  Aire, cada vez máis desbordados polo cambio climático e por unha mala educación humana que todo mira dende a rendibilidade económica. Semella terse aprendido pouco nese devalar de fases, as que, ducias de miles de anos atrás, parten do Paleolítico para ir aprendendo de xeito arrogante a domesticalo todo e iso é poñerlle couto aos excesos, saber separar, conducir ( velaí verba educar do latín duco.): Fóronse domesticando animais, plantas e aos mesmos seres humanos, marcando diferencias, poñendo e impoñendo normas de convivencia, aprendendo a coidar a eses Catro Elementos tan necesarios para a vida. Pois velaí a orixe da cultura, como o que o ser humano cultiva para sobrevivir e que ao fin queda sendo un valor de consumo, unha cerimonia. Educación que é saber poñer coutos á mesma liberdade, sempre en favor da sociedade e do medio ambiente.

Da diminuta chispa, chispazo, faisca, charamusca, charamela, moxena, muxica... á maior chama, ao lume, símbolo de purificación e de aí  aos chamizos de restrollos agrarios, máis a fumegar que a arder,  como ás máis descontroladas labaradas, ás lapas, o incendio, entre tantos tipos de fogueiras, as que tanto compren para as labores do agro como da casa ou festivas: cacharelas, cacheira, lumarada... a queimar canto se lle pon diante para logo ser borralla, cinza, remol...terra, a inevitable volta á orixe, como tanto se ten filosofado.

Lume irradiado polo  astro rei, o Sol que é luz, fronte ás tebras, como quentura fronte ao frío. Luz e lume que tamén estaba na Terra: nos lóstregos, estralámpos das treboadas, como nos volcáns, nos incendios causados pola propia natureza... Lume que ao longo do tempo tentouse producir, fabricar, utilizalo, coutalo ou reducilo en fogueiras, insistimos domesticalo, dominalo... E gran momento foi cando polas mans humanas e se produciu e acendeu o lume, cando se alimentou e coidou con combustible unha fogueira. Sendo a labarada de lume un universo Pois velaí esas grandes etapas da evolución humana que irían dende os sabios magos ou feiticeiros aos artesáns, para ser o lume motor de hominización, da cultura, a diferenciación dos animais... e arredor del ir creando ferramentas e unha industria interminable.

Dende a Prehistoria a buscar xeitos de fabricar o lume... e de controlalo

A cuestión do lume na civilización inevitablemente remítenos á arqueoloxía e á etnoarqueoloxía. Ao respecto lembramos a Paul Boutié e os seus intentos de arqueoloxía experimental dende a universidade Paul-Valerí de Montpellier, actividade que lembra en Galiza o  experimentado polo médico de Vilalba, creador dese tan necesario Museo de Prehistoria, Xosé Ramil Soneira. Mesmo temos atopado sinxelas e ilustrativas exposicións sobre o tema de como  producir o lume dende a prehistoria aos nosos días, buscando a luz, a quentura, a atractiva mística do lume.

Dende o aproveitamento do lume natural , do que se atopan mostras de fai 1.400.000 anos nas beiras do lago Baringo de Kenya, ás primeiras lumaradas controladas coñecidas, entre as que parece ser están datadas arredor de fai 500.000 anos, en Tautavel, Perineos orientais franceses, en relación con bandadas de cazadores de renos, para, de vagar irse controlando mellor estas fogueiras e mesmo utilizar fachuzos que iluminaron a escuridade da noite, das covas, coas que  tamén espantar e esconxurar a animais... Deica hoxe a máis antiga referencia xeroglífica referida a unha fogueira domestica data en Exipto da IV dinastía, polo 2.600 a.C.

Técnicas de produción do lume que mudaron de xeito asombroso: dende golpear, chiscar coios de sílex provocando faiscas  e finalmente a ignición sobre fíos miúdos de estopa, pallas ou lascas de madeira ao lume provocado por fricción manual dun pau (arado de lume) facendo xirar un pau sobre unha madeira rodeada da devandita isca, fino material inflamable... mesmo auxiliando o rotar disa broca-eixo, con pequenas rodas perforadas e atravesadas por ise pau, a modo de peonza e que lle dan  impulso e aforran o esforzo manual. Ao respecto velaí esas pezas circulares furadas no centro de barro ou pedra que tanto aparecen nos castros e que unicamente asociamos coas fusaiolas para complementar o fuso co que fiar liño ou la. Outro sistema similar, aínda que máis evolucionado é facer roular ese eixo ou  broca cun arco, ao estilo violín sobre un madeiro con isca. Pezas como esta atopáronse entre tanta moblería e artefactos da tumba de Tutankamon. Feitos de producir lume na antiga tradición asociados ao acto sexual, como refire Frazer. Dende aqueles sistemas remotos a trebellos pneumáticos e a nosos chisqueiros de pedra e mecha, de gasolina, de butano... eléctricos...aqueles mistos...

Fogueiras que provocan o devalar de atractivas luces e sombras, que convocan ao  grupo en convivencia ao seu redor. Como unha visión fantasmagórica en relación cos deuses e da que nacen mitos, cantos e contos.. rituais de purificación, sacrificios e brindes, co seu xantar, aturuxos, músicas, danzas, festas, todo o que se asocian artefactos, cacharros para cociñar, moldes, escouras de fundición... Sacro lume, esencial  no templo, na casa, no traballo, na industria, na hixiene, mesmo para desparasitar e mesmo en novas fórmulas de fogo químico, en formulas de pirotecnia ou  de proxeccións láser, mappings...

Lume acelerador de grandes mudas na civilización

 Lume, acelerador de grandes cambios, de revolucións anatómicas, culturais e económicas. Esencial nas mais antigas relixións: velaí o lume sacro dos zoroastristas, de tantos herdos orientais, aínda ardendo no templos de Yazd Atash Behram, Irán. Lume  que na cultura clásica grecolatina entendíase como fundamental na relación da humanidade cos deuses, incenso por medio. Velaí o mito de Prometeo, o titán que rouba o lume dos deuses para entregarllo aos humanos  e ser castigado por Zeus;  Hefaistos, deus do lume e das forxas , así pois da metalurxia; mentres que ao fillo de Zeus e da pleiade Maia, Hermes, o mensaxeiro, se lle atribúe a súa invención e distribución polo mundo coñecido... Sendo Hestia, a deusa grega do fogar, do lume da casa... Punto de encontro no foro romano era o templo de Vesta, onde as mozas vestais vixiaban o lume sacro. Sen esquecer as pescudas de Arquímides en procura de facilitar a concentración de raios, o uso de lentes para provocar o lume...e cavilamos no facho olímpico, acendido ao mediodía coa luz  solar de Olimpia

Lumaradas rituais ou festivas exteriores, como o  lume interior, o das lareiras, arredor das que se concentra o grupo, interaccionando co psicanálise, onde quedan vestixios e probas do tipo de combustible, mesmo en relación coa cultura dos afumados como sistema de conservación de alimentos, o uso de plantas aromáticas, de cacharros, de útiles... fornecendo datos fundamentais á arqueoloxía.

Ao respecto do lume nos vivimos  esa certa prehistoria dos chisqueiros... do lume arredor das lareiras e dos fornos de leña, despois das cociñas de ferro bilbaínas, logo aquelas fedorentas de petróleo, as de butano, as vitrocerámicas...e con elas os xeitos de cociñar e convivir...

A lección sobre calquera dos Catro Elementos é cousa de cada intre e non so de cando ameaza. Compren políticas e educación preventivas, que axuden a coutar áreas vexetais inflamables, apartadas das casas, dos camiños e das estradas, saber cales son os vexetais máis resistentes ao lume, como as que rebrotan despois de arder ( )... as circunstancias propicias ao incendio, agudizar  a vixilancia... retomando así o vello camiño de respecto ao lume.

8  AGOSTO 2025