Manuel Lourenzo, un antes e un despois no teatro galego

Ampliar: Manuel Lourenzo en Portas Ártabras 2023



Introducción á obra do dramaturgo Manuel Lourenzo (Valadouro 1943- Coruña 2025) Entregado á dignifcación da cultura galega a través das artes escénicas: texto, interpretación, escenografía...Coidando a misión didáctica en busca da ética e da estética

Na medida que nos imos e adquirimos distancia e perspectiva, aproximámonos á verdadeira dimensión das cousas ou das persoas... aínda neste noso país do río da desmemoria.

Cando este agosto  vai andado - e as noitiñas deixan caer as estrelas en bágoas de San Lourenzo, as Perseidas, cando a Mariña de Foz celebra ao santo mártir, asado na grella e que pide ao seu verdugo que lle dea a volta por ter unha parte xa feita... cando  a Coruña agasalla ao libro en feira e Galiza arde en festas e mesmo en incendios... e  entre esas, o peor da deshumanización, o xenocidio, en directo, de Palestina, entre tantas vaidades neoimprerialistas campantes - chéganos a triste noticia do pasamento das cancelas do Trasmundo de Manuel Lourenzo.

Manuel Lourenzo, nome sinxelo e popular, como el era  e  que nos remite a un antes e despois en canto significa o teatro na Galiza. El era un bo e xeneroso, deses que cantamos en Himno. Coñecido por quen isto escribe dende antes do  Alo cando os animais falaban (1979). Contos do pastor conteiro, aos que lle poñía voz e saber, vinilo Lp, ilustrado polo tamén lembrado pintor Alberto Carpo, con música de Miro Casabella e  prologado por min. Compartindo a misión de sensibilizar, evitando o curse, a tendencia ao campante neoesperpento, ao escatolóxico... Iso si, recollendo as leccións filosóficas grecolatinas, dos clásicos universais, do panceltismo, como daquela xeración do galeguismo perseguido pola guerra e a ditadura. Xa antes, no 1973 tiña montado e estreando con Teatro Circo a primeira obra escrita en galego, de Gabriel Feixoo de Arauxo, A contenda dos labradores de Caldelas (1671). Grandísimo dramaturgo, flexible para os directores, a quen lle podían arrancar calquera rexistro na interpretación. Tanto podía facer o papel dun filósofo lobo de mar, como dun crego, dun senador romano, ou dun caporal mafioso...e máis.

Preocupado pola didáctica das artes escénicas. Mestre de mestres da interpretación

 É pois este o intre de iluminar lembranzas: Manuel María Lourenzo Pérez ven da competente Casa de Mucha, en Ferreira do Valadouro, rica en propiedades e cultura, fillo de avogado que  naceu un 15 de marzo de 1943. Parte da Mariña luguesa que tanto ten aportado á cultura galega e en particular á Coruña... e cavilamos na saga dos Casabella. Valadouro este que sentiu as pegadas da posguerra e do nacionalcatolicismo, os medos, os silencios: o mestre ateo Pepe Sendios , Pepe Mel, o músico republicano... pola outra banda o médico Costas e o Taberneiro Pinguel... a emigración. E velaí a escola do teatro da vida prendido nas raiceiras.

 Manuel Lourenzo vencellouse dende moi cedo á Coruña, cidade á que ven coa familia aos 13 anos e onde estuda o bacharelato. Aos 18 colle o camiño de moitos mozos, o da emigración (1962-64)  parando nunha Alemaña que se refacía da guerra. Nace entón a súa devoción e vocación polo teatro. Retorna á Coruña para cursar maxisterio e até 1980 dar clase na Academia Atlas. Xa no 1960 daríase a coñecer como autor teatral coa peza de O moucho,  e no 1965 coa fundación do Grupo Independente de Teatro do Facho, no 1967 co Teatro Circo . Agora máis vencellado á cidade polo seu matrimonio coa coruñesa  Monserrat Modia, da que nacen Cilla, filóloga e Barandán, músico, os que seguen a ética da casa.  Cidade onde atopa amizades coincidentes co que hoxe chamamos a cultura woke, a reivindicación da dignidade. Unha desas amizade, caracterizada pola singularidade e a exquisitez foi Francisco Pillado, admirador da obra transversal de Oscar Wilde, de Valle Inclán... da música de Mozart ou de Beethoven, como da intelectualidade galeguista e republicana. Sumando a fonda e leal vinculación con Santiago Fernandez, outra vida dedicada ás artes escénicas e voz inconfundible que viña do grupo de Teatro Tespis... vella e produtiva amizade, xunto coa de  Xesús Pisón, paisano do Valadouro . Colaboracións que se verten  en canto significan as artes da imaxe: textos literarios, interpretación, escenografía...a educación dende a infancia, a formación. Velaí pois a Manuel Lourenzo como investigador, escritor, mesmo  premiado poeta (Vinte poemas, Ulises,  Santuario...), autor de contos (Estrelas e campas en Adelán,  Caín e Abel volven á casa vella,  O retorno de Cabo de Vela,  Quen te goberna Lourencio?, O testigo...) tradutor, actor, conferenciante, en discos, programas de radio, televisión, impulsor da farándula, mestre de grandes actores e actrices, normalizando a dignidade de Galiza.

As artes escénicas determinan o estado da cuestión cultural dun pobo

No 1975 ,  atraído por amigos da Mariña vaise a Barcelona, onde saca o título de interpretación no Institut del Teatre. Comeza entón unha fase de reanimación e innovación do teatro galego e en galego, sendo autor de numerosas obras que  non so serían levadas aos escenarios e ós festivais que se ían creando, senón premiadas en convocatorias como as do Facho, Abrente, creadora do Festival de Teatro de Ribadavia, un referente....Diteo, Festival Cómoco de Cangas... Lembramos as obras de O mandarín Bien-Fu,  Tres irmás parvas, Romaría ás covas do Demo, Crónicas do Sol de Inverno, Erros e Ferros de Pedro Madruga, Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Todos os fillos de Galaad testamenteiros (1981), Edén e outros paraísos, Ela, A noite dourada de Mimi da Cora, Medea dos fuxidos, Defensa de Helena, Xoana, Forzas Eléctricas, O sono das cidades, Nosferatu, O bosque máxico de Xabarín, A paixón de Brenda Moore, Adeus Madelón... Agamenón en Aulide, a Lexión sonámbula (1995), Magnetismo, Ultimas faiscas de Setembro ( 2000)  A larva Furiosa, Adeus Madelón, ...compilacións de textos xa publicados, como obras caviladas para a infancia como Viaxe ao País de ningures (1977), Viva Lanzarote (1982) ou Forno de Teatro Fantástico (1991).

Investigador de teatro, comezando polo galego e o ibérico, os clásicos grecolatinos. Xeneroso ao traducir ao galego obras universais como o Ípólito de Eurípides, Edipo Rei, de Sofocles;  Fedra, de Séneca;  Dous perdidos nunha noite  suxa, de Plinio;  Macbech, de Shakespeare... a Feira dos Criados ou O Demo no tellado, de Bertolt Bech; O Señor Bonhome e os incendiarios, de Max Frisch; Mozart e Salieri, de Alexander Puskin; Quartett. de Heiner Muller; Libertade Bremana  de R. W. Fassbinder... A un tempo que leva á escena Cousas de Castelao e retoma obra de Otero Pedrayo, de Dieste, de Cunqueiro, de Manuel María de Eugenio Ruibal.. Imprescindible en canto significa o teatro en Galiza, como director, intérprete, no  dobraxe de películas, na radio, mesmo como director de interpretes en programas da televisión francesa. Preocupado pola historia do teatro en Galiza,  velaí con Francisco Pillado  O teatro infantil galego ( 1978),  O Teatro Galego (1979) ou Antoloxía do Teatro Galego (1982), Dicionario do Teatro Galego (1987), os Cadernos da Escola Dramática Galega, Primer ActoYorick, Pipirijaima, Estudios escénicos  ou a coidadísima revista Casahamlet (1998) que pon a Galiza na vangarda difusora das artes escénicas. Omnipresente en artigos de divulgación, nos medios de Galiza ou prólogos, na didáctica da interpretación, ao respecto autor de Pensar co corpo (2001)

Manuel Lourenzo no 1978  propiciou a creación da Escola Dramática Galega, así como a Cooperativa Luis Seoane (1980) reivindicando o nome do creador retornado da Arxentina e falecido uns días antes: primeira sala estable de teatro galego. Segue co Clube Teatral Elsinor (1990) así como co  Estudio de Teatro Casahamlet (1998), escolas de actrices e actores Atopando en Díaz Pardo un aliado na ansia de recuperar a dignidade de Galicia a través das Industrias da Memoria: Sargadelos, O Castro, o Instituto Galego da Información, cada cal coas súa biblioteca, arquivo e museo, obra arroupada pola Editorial do Castro-Moret.. con aqueles anfiteatros, onde non faltou a misión de Manuel Lourenzo...Agora remol de estrelecer.

Vímolo nas  series televisivas de Mareas vivas (1998), Entre bateas (2000), Terra de Miranda (2001), a curtametraxe Esperanza (1996), A sorte cambia, Un café de ollos verdes, As muxicas (2000), as longametraxe Urxa (1989) Dáme Lume (1993) o Lapis do Carpinteiro (2002)

No 2000 tiven a alegría de facultar relacións coa Maisón du Comediant, la Vergne, en Allue (Charente) , a casa que foi da coruñesa Maria Casares, a dos seus derradeiros días, tan chea de Galiza, á que Manuel Lourenzo e Santiago Fernández co seu grupo foron convidados.

A fonda capacidade de traballo, a ansia, como dirían os vellos, a creatividade sempre afiada, motores de tanto... e sen pedir, capaz de saber administrar a penuria de medios. Nada debía: integralmente libre pois, querido, solicitado, positivo e sorrinte, entregado, lixeiro de equipaxe e así foise: Obrigado, vello amigo, coidaremos como ti coidaches a memoria, a nosa historia.

15 AGOSTO 2025