Os libros, as editoriais, as librerías, as feiras, as bibliotecas... a cultura e a incultura

Ampliar: Librería El Ateneo en Bos Aires



Cavilares arredor do libro e canto supón na era dos plasmas e da I.A. A profesionalidade na biblioteconomía, o valor documental do libro ante os expurgos. A necesidade de unificar as bibliotecas coruñesas de sentir europeista, americanista e liberal

A literatura, a que tradicionalmente se ofrece nos libros, aínda que se impoñen outras fórmulas como os plasmas electrónicos... a través das editoriais, das librerías, ao servizo da lectura, denotan o estado da cuestión cultural. E vaise máis alá da presencia en feiras e librerías do libro novo, coa de vellas edicións. Festas do libro contando con autores e autoras avalando o que fan, conversando e asinando as súas obras. Bo síntoma que se abonde na cultura, na educación, con canto supón de asumir a responsabilidade individuais e sociais, a igualdade, a relación co medio ambiento que tanto nos atura, coa creación... Vello xeito de afianzar o espírito fronte á tentación dos cartos, da vaidade, á hibris ou a mataiotes na que teimaba a filosofía grecolatina, ama de cría de tanto estrago.

O libro, sigue a ser  un e trino e máis: obxecto cultural con canto isto implica na información e na formación, así como unha mercancía  e un documento, case arqueolóxico do seu tempo. Libros que poden resucitar, pasar a segunda ou terceira man, a través dese mago que é o alfarrabista, como din en Portugal, o libreiro do libro vello.

Aprendido debera estar que non convén confundir valor con prezo. Libros que ensinan, entreteñen, aguilloan a cavilar, á crítica, que establecen vencellos afectivos, sementan a igualdade, a tolerancia entre idiomas, culturas, profesións sentimentos.... Sendo coa librería sinónimo de liberdade. Sen faltar neste noso mundo tan ao revés quen ve o perigo que supoñen como inimigos ao que enfrontarse...e velaí o fanatismo das queimas históricas, a inquisición, a censura e o expurgo, interesados en atacar  tal liberdade. Preocupante asunto sobre o que, cada vez e a modo preventivo, nacen mais textos, como o pequeno libro de Ana María Martínez Rus, Llibros al fuego y lecturas prohibidas. El bibliocausto franquista (1936-1948)  como o que conta Javier Marias na súa biografía respecto ás denuncias, persecución e cadea que sufriu seu pai, o filósofo Julián Marías, por parte dun compañeiro, o que, por tales feitos sería premiado polo franquismo con cátedra en Compostela. Sabendo tamén polos libros que para maior curriculo fascista do susodito, sumaríase á queimaría libros de contido darwinista, ao xeito de noxento auto de fe, ás portas do Museo Antropolóxico de Madrid...para logo na decrépita ditadura revestirse de progresía.... iso si, como  iracundo celtofóbico. E moito máis iremos contrastando a través da Memoria Histórica Democrática.

Anima recoñecer que quen descoñece a súa historia está condenado a repetila, ver neste agosto as feiras do libro, as novidades e días despois a do libro vello. Agora coas casetas enfiando cara ao monumento do poeta Curros, altar de galeguidade, noutras ocasións e como paradoxo servindo de parte de atrás, trasteiro, a parte oculta. Vaise aprendendo.

Convivencia da orixinaria Galaxia Guttemberg co Ipad e  cos Libros on demand

Neste mundo tan de supermercados, como de lixo e contaminación, causa de tanto males, aparecen e se espallan outros sistemas de lectura, rápida e sempre a man, a dos plasmas, os dos móbiles e que condicionan outro tipo de escrita, de lectura e mesmo de conversa, máis concisa e superficial... onde as metáforas, o simbolismo pode complementarse con outras fórmulas de creatividade, como as imaxes, breves comentarios... Apoteose do universo audiovisual que, para gloria de emporios comerciais e políticos tanto seguirá aportando no mercado. Aínda así, o libro, a Galaxia Guttemberg, a base de todo, sigue estando, revelándose e rebelándose, innovando. Quen si están  atufados en certo pailanismo, mesías da novidade, son certas políticas de xestión, os que non asumiron aquelo que dixo Marx (Groucho)  de que  o máis listo é o que ten o teléfono de todas as listezas para cada cousa” . E para iso están os profesionais ( os e as que profesan) das librarías, desas institucións, sempre inacabadas que concilian pasado con actualidade que son as  bibliotecas... Políticos da xestión cultural que aínda no asumen  o valor da cultura e da educación como base para erradicar tanto andazo de males que inzan o noso tempo e que parten da desigualdade, da insolidariedade, de non saber respectar un medioambiente, tan sobrecargado, que nos atura.

Unificar e revitalizar os legados europeístas, americanistas de Madariaga  ou C.A. Molina

Visto o visto, fronte á nova inquisición, a que, si non queima libros, aplica persoais sistemas de expurgo, de desiderata, agora en función da demanda, dos intereses comerciais máis que éticos, espirituais que dirían os de Nós,  para servir en canto á información como á formación, isto é para educar. Vemos como se suprimen os andeis para dar novo espazo aos ordenadores, que non está mal... o que está mal é que, en ocasións os libros pasan aos contedores de lixo como sabemos pasou recentemente en Lugo...Ou como se pretende coa Biblioteca da Deputación da Coruña, referente pola súa historia, variedade de contidos, legados, organización, profesionalidade na biblioteconomía, pola concorrencia...e na que está  no brete a biblioteca creada e doada a súa cidade por César Antonio Molina, a que avala a  súa personalidade, tan andada na xestión cultural, avogado formado en Compostela, xornalista e profesor na Complutense, ensaísta, poeta, Director do Circulo de Belas Artes, do Instituto Cervantes, Ministro de Cultura, da Casa do Lector...filósofo da cultura, ensaísta de temas como os que nos traen aquí: os retos da cultura e do libro fronte á Intelixencia Artificial,  a robotización, a adaptación ás novas tecnoloxías: La Caza de los intelectuales ( 2014) Las democracias Suicidas” ( 2019 Que bello será vivir sin cultura (2021)... Reflexións ante a deshumanización nas que tamén está,  ente tantos,  Fernando Baez autor de “Nueva historia universal de la destrución de libros” 2011) ou Dietrich Schwainitz La cultura (2016). Existindo unha vella proposta, que parece asolagada polas augas do río Leteo, que era unificar os fondos de Salvador Madariaga cos de C.A. Molina nun recuperado para ese fin e rehabilitado edificio histórico do Goberno Militar, como revitalizado Centro de Estudos Coruñeses J. Cornide.

Novos sistemas de expurgo... a necesidade de espazos para fondos en reserva.

 Unha biblioteca non é unha colección de libros, é un corpo vivo, con libros do momento, de sempre e ese caixón de xastre doutros libros que pode servir en calquera momento. Bibliotecas que reflicten o sentimento, o retrato dos seus creadores e creadoras. Bibliotecas formadas pacientemente, buscando o que as complementa, de andeis como un coidado xardín que cando se visita aguilloa o sentimento, abre a universos e quita orelleiras. As bibliotecas, como os museos, tamén adquiren, inventarian,  conservan, expoñen e espallan documentos que son os libros, para o  coñecemento, a educación e o lecer,  e que deben ter espazos para os fondos en reserva, os que se poden recuperarse cando a situación o requira.

Recordo que a biblioteca de Manuel María coidaba especialmente algo insólito, unha sección que il chamaba , libros de paveros, autores empeñados en publicar teimas insólitas, base para un xeito de realismo máxico, como foi en Ourense don Xoán de la Cova, ou aquel galaico-vasco empeñado en estudar a linguaxe dos cans a través do rabo, da lingua e das orellas...Quixotes que nunca faltarán. Outro caso son os duplicados que poden servir de intercambio.

Os libros, no seu abandono, tamén actúan de deshumidificadores, criadeiros couza, que o papel pesa e ocupa...e que arden mal, como comprobou Manuel Rivas, cando  as exemplarizantes fogueiras “purificadoras”, escolas de barbarie, como as prendidas mirando ao porto da Coruña o 19 de agosto do 1936... o decreto da destrución de libros da Institución Libre de Enseñanza, tan a ton co exabrupto de Millán Astray ¡¡¡ muera la inteligencia!!!!... os bandos de Queipo de Llano  requisando bibliotecas... as comisións depuradoras nazis. E temos comprobado e con certo arrepentimento tal arder mal, ao usar unha vella guía telefónica para acender unha lareira...con restra de apelidos, relación histórica do meu tempo.

Díaz Pardo nos derradeiros anos da súa vida, no 2008, denunciaba o acontecido coas publicacións de O Castro-Moret, as que daban sentido as por el creadas  Industrias da memoria, cos seus centros de cultura, temendo por aqueles fondos editoriais, entre os que había, sen distribuír, unha reedición recen saída entón do prelo de Ruedo Ibérico, con prólogo de Alonso Montero... Que pasou con iso? Coñecemos que algunhas bibliotecas e fondos editoriais serven para fabricar pasta de papel. Cousas da imperante vaidade Trumpista.

21 AGOSTO 2025