Entramos no tempo da Auga... a que tamén se desborda
Introducción á significación da Auga na cultura, especialmente en Galiza, onde o fenómeno da cristianización dedica atención a antigas fontes, lagoas, rios...ao mesmo mar, consruindo santuarios e mantendo ritos en relación coa purificación
O derradeiro fin de semana de agosto na praia da Lanzada – na campa a carón do antigo castro con vestixios romanos, da Torre e da ermida medieval, terras de Noalla, concello de Sanxenxo e istmo que abre ao do Grove - celébrase a romaría de Nosa Señora. Noitiña de sábado a domingo na que unha antiga tradición venera e recomenda o baño das nove ondas do mar.. Baño considerado sacro e fecundativo, baixo influencia dunha lúa de agosteira, tida como máxica e moi en conta nas labores do agro e da fertilidade futura. Cando os fondos mariños soltan as algas, con tanto iodo... prehistoria da talasoterapia.
Auga, un dos Catro Elementos, tan temidos como respectados, xunto co Lume que ensina o seu poder, co Aire e a mesma Terra. Fundamentos que, dende a prehistoria seguimos a domesticar, a aprender a poñerlle couto, perímetro, para dominalos sen que nos dominen... e niso radica a cultura. Por iso sempre identificadas co sobrenatural, cos deuses.
Lembramos aquí algúns mitos e ritos, esas tradicións que non nos traizoan, tesouros desta Galiza, tan de herdos neolíticos, celtas, romanos, suévicos, cristiáns... xunto con todos os engadidos nestes tempos tan consumismos, de contaminacións, de botellón, raves e lixo.
E cando remata o tempo máis propicio aos lumes e toca o tempo dos ventos e das augas, falar destas. Cando os pozos e as fontes están secas e moitas delas, de xeito desagradecido, no abandono, sen limpar as canles, as arquetas... sen haber xa quen coñeza esas mañas e cando delas colga o letreiro de auga non potable. Para rematar mercando a embotellada, no país das augas, e o dobre de cara que a gasolina.
Augas dos océanos, das lagoas, dos ríos, das fontes, dos puzos, da chuvia....
Augas de moitos tipos, recollendo os sabores das terras: as salgadas augas dos mares, compañeiras do vento, de ondas indomesticables, as do mar de fora, o puzo, fronte ás máis domables augas dos mares de dentro, que dicían os paisanos e as cantigas, e que a xeografía acabará chamando rías. Augas que foron a escola elemental para navegantes, para seguir a experimentar, até meterse en odiseas polos océanos do mundo.
Comezando polas referencias bíblicas ao Diluvio, común a outras relixións, obsesións de misioneiros como Vicente Ferrer que, no Sc. XIV pola Galiza e a Bretaña, agoiraba o asolagamento de cidades...atemorizando máis que previndo, encomendando a oración.
Como a calquera dos Catro Elementos os seres humanos nun principio outórganlle o animismo, como se si tratara de seres vivos. Tanto que a mesma lenda di que, a fin de aplacar a súa ira desbordada, seducen, atraen e reclaman vidas, os afogados de cada ano. Personificaranse en deidades, algo propio do panteísmo e mesmo do franciscanismo. Mesmo os rios enténdense como un ser de auga deitado, como unha cobra ou un dragón... co seu leito, cabeza, boca ou desembocadura, os afluentes como brazos. Metáforas, como a outorgada ao Limia, como un límite, o Río Leteo ou do esquecemento, o que pasara as súas augas esquecería todo...e velaí, polo 130 a.C. o desafío do romanizador Decimo Xunio Bruto meténdose nas augas e chamando polo seu nome aos seus soldado. Algo celebrado en Ponte da Lima e Xinzo. E así esconxurando mitos, o que noutrora se consideraba sacrilexio, ímonos civilizando, construíndo pontes, respectando aos pontífices, retando contos como de que tal atrevida ponte fora construída, na noite, polo saber malévolo do Diaño... As bendicións que, a media noite e no medio da ponte, buscaban as mulleres parturientes por o primeiro que por alí pasara, mellor por Tres Marías, como tres venusinas Gracias...Os ritos de pasaxe como o que atopamos ao encetar a novela do Lazarillo, co paso da ponte de Salamanca, cando entón o andado e vello cego lle pide ao inocente rapaz que achegue a cabeza á escultura do antigo verrón, para, de súpeto, darlle un croque, como un espreguizar ao camiño da vida.
E as augas máis domesticables, as dos rios, das lagoas, das fontes e dos pozos, as das presas, as da chuvia... Observando que hai pobos, sumidos en tal degradación cultural e de dependencia que perderon os seus saberes. E penso no que foi o Reino de Saba, Etiopía, onde hoxe aínda vemos restos de milenarias canles e encoros desaproveitados. Denantes das traídas de augas, as vilas presumiron e rivalizaron en útiles lavadoiros, e sobre todo en fontes, tomando de modelo as artística dos claustro monacais, o Hortus conclusus, metáfora do Paraíso, no seu eixo coa Fonte dos Catro Ríos.
As fontes, coas súas canles, arquetas... proba dunha sabedoría popular que parece perdida
Moito habería que contar da cultura da auga neste confín, de mares, de ríos, lagoas , fontes de todo tipo, de augas termais, de balnearios... un país que mesmo ten como símbolo, asociado aos camiños de Compostela, a cuncha de Venus, a Vieira, en relación coa deidade nacida das augas do mar.. Entre a historia de fontes tan célebres, como a de Castalia ou das Ninfas, en Delfos; a de Aretusa en Siracusa, a de Nemausus en Nimes, a de Bandusia cantada por Horacio, divindade común na Galiza antiga... o pozo sacro céltico sobre o que se ergueu a Catedral de Chartres... as Fontes Tamaricas en Velilla del Carrión, Palencia, sobre as que Plinio o Vello di, que si se atoparan secas ou con auga presaxiaban futuros de desgraza ou riqueza ... e xa as máis achegadas, como a Fonte do ídolo sobre a que nace a cidade de Braga... as Burgas ourensáns, cos epígrafes dedicados á enigmática divindade galaico romana Reve enabaraeco... Bormánico vencellado ás Caldas de Vizela, Edovio en Caldas de Reis, Navia...
E tantas fontes asociadas a santuarios, como a tan importante de Augas Santas en Allariz, vinculadas pola cristianización ao martirio de Santa Mariña... a milagreira fonte de Teixido, Santiaguiño do Monte en Padrón , a Franqueira, Santa Margarita de Montemaior en Bergantiños, Gundián en Vedra, a Pastoriza en Arteixo...Fontes asociadas a santuarios, coas súas lendas e Santos hidróforos, como as Virxes de Reza e do Chamorro no Ferrol, San Cristobo, San Bartolomeu...
Auga imprescindible para a vida no planeta. Auga que apaga o lume, que rega as plantas e a alimenta aos animais, que limpa e purifica entón, mesmo individualidades como a cidades pecadoras que foron asolagadas pola súa avaricia. Velaí a illa bretona de Is, as nosas castigadas cidades de Valverde, como as que se conta baixo as lagoas de Valdoviño, Doniños, Antela, o Puzo do Lago de Maside... E outras propiedades para uso e abuso das augas, muiños, batáns... como, encorada, servir de fonte enerxética... Augas ás que xa, dende a prehistoria, se facían ofrendas, cascos, espadas, moedas...e do que algo queda no instinto. Ritos en relación con eses seres míticos, de memoria, que son as mouras, os xacios... como ninfas ou nereidas. Augas que se pensaban habitadas por feiticeiras, homes peixe, as lavandeiras, cobras, monstros... O temor a eses pozos nos que as augas remuíñan e tantos ritos, base e recurso creativo para moitos contos, os que saen á luz especialmente no tempo dos equinoccios e os solsticios, como a cristianizada noite de San Xoán.
A cultura da Auga, cos tres demais elementos, Lume, Aire e Terra que tanto nos atura, os principios da vida, o reto de saber administralos.
29 AGOSTO 2025
