Setembro e Galiza, reino de romarías arredor de santuarios marianos
Setembro, mes dedicado a diferents advocacións da virxe María, tan celebrado en festas e romarías. Un xeito de reconversión cristián do matriarcado agrario neolítico, máis substratos célticos, grecolatinos... sen faltar os do noso tempo do consumo
A cristiandade, a que tanto peso ten na cultura galega, a que bendice o traballo a través do pan e o viño, dos que fai sacramento, ben soubo tamén aproveitar o matriarcado, herdo que se perde no Neolítico: a nai asociada á fecundidade e á terra. Pois velaí o tema que sigue, aquí as celebracións marianas tan espalladas ao longo do almanaque e máis neste mes de setembro, o de Virgo, como polo mapa e na imaxinería. Como proba, ante a incerteza da encrucillada, nos sitios de misterio e desacougo, erguíase - do caos terreal cara ao cosmos celestial - un cruceiro, como Árbore de Redención... e no alto, no centro da cruz, estrela de Esperanza, nunha cara a imaxe do Cristo e noutro a da Nai. Devoción á Virxe, á Nosa Señora da que en Galiza mesmo facemos máis que unha longa ladaíña de piropos á Raíña do Ceo e dos Anxos: María Nai, do Camiño, do Portal, da Estrela, do Piar, da Guía, Peregrina, Dolorosa, da Saúde, das Mercedes, dos Desamparados, dos Remedios, dos Milagres, Auxiliadora, da Gracia, do Carme ... ou mesmo luguesa dos Ollos Grandes.
Nas orixes devoción a Virxe que cristianiza lugares onde houbo cultos ás fonte, ás penedas, a unha antiga árbore, a un monte ou altar... tal como anatemizou nos tempos suevos, o Sc. VI o soldado romano e panonio, reorganizador dos ermitáns en Galiza, Martiño de Dume no seu De correctione rusticorum. Venerada Virxe que arrodeada de mitos, de contos e cantos, con tantas formas de iconografía: a Virxe cos seus pais, Santa Ana e Xoaquín; coa curmán Isabel, na Anunciación, na burriña camiño de Exipto, Dolorosa, na Dormición, na Asunción... Apropiada e personalizada até tomar nome de sitios: da Franqueira, da Pastoriza, de Amil, da Lanzada, da Barca, do Corpiño, do Cebreiro, do Chamorro, de Caión, das Ermidas, da Escravitude, do Rial, de Gundián, das Cabezas da Armenteira, da Peneda...item moito máis. Devoción mariana que se perde no tempo, incentivada na misión dos frades bieitos dende os seus reais mosteiros, sempre dedicados a Santa Maria a Real: de Sobrado, de Oseira, de Oia, de Acibeiro, de Armenteira, de Carboeiro, de Melón... Nos anos góticos culto avivado pola orde mendicante de predicadores dominicos (Domini Canes= os cans do señor) estendéndoa coa devoción á Virxe do Rosario, madroeira da Coruña, ao cabo do tempo alentada polas aparicións de Guadalupe, despois da Saleta, de Lourdes, de Fátima... Virxe que se di aparecida sobre unha cova, unha fonte, unha árbore... vista como moza, recatada, coas mans dereitas, cuberta de pano, branco e relucinte... dando consellos, convocando arredor da paisaxe.
As orixes no culto á Nai no Neolítico, pasando pola Exipcia Isis... Demeter...
Celebracións á muller, á nai, á fecundidade cunha orixe no Neolítico en relación coa farturenta Terra, para dar un paso importante, alá polo 3000 a.C. entre os mitos e os ritos do Exipto, co culto á deusa-nai Isis, o que pasou e colleu outros xeitos en Grecia, como Demeter; en Roma como Ceres... deusas protectoras do agro, asociadas co tempo equilibrado, bisagra e fundamental para o agro que é setembro. Cultos que co cambio de era serán reconvertidos e reavivados pola primeira Cristiandade nos seminarios exipcios da Tebaida, para chegar á Gallaecia, confíns que, ademais de ouro, ferro e estaño... tantos continxentes, auxilia, deu ás lexións imperiais romanas, traendo, levando mesturando devocións, entre eles á Nai de Cristo. Sicilia e Calabria, a Provenza, Andalucía...con tantos substratos antigos - e non máis que Galiza – comparten e personalizan estas devoción. Sendo referente na Galiza do temido Sc. X, de razzias normandas e islámica, Pedro de Mezonzo, bispo de Iria e da primeira Compostela, o que se di autor do poema, tan cantado e rezado, da Salve Regina, celebrado o 10 de Setembro.
E entre esas celebracións setembrinas, a do 8, día do Nacemento de Maria; a do 12 , do Nome de María... e o 15, as que as terras de Celanova renden a súa Virxe do Cristal, insólita imaxe pintada no núcleo dun ovo de vidro, no Sc. XVII enmarcada nun pequeno relicario... coa súa lenda de aparición a un labrego, poetizada por Curros. Pequena xoia dramaticamente desaparecida o 10 de marzo do 2015 e o peor co asasinato daquel seu custodio e tan boa persoa como párroco, don Adolfo, sempre disposto a poñernos nas mans aquel símbolo.
Días de setembro cando tantos santuarios, as súas fontes, campas e carballeiras serven para fortalecer a tradición e o encontro, como si de antigas tribos se tratara, convocadas arredor dos seus ídolos. Pois velaí nese epicentro que vixía o corazón de Galiza, agora ameazado por Altri, que é como dicir o demo, o Monte Faro. Altar, santuario divulgado polas cantigas medievales, como a do trobeiro do Sc. XIII Xoán de Requeixo, tan ben recuperada e espallada por Fuxan os Ventos... Fui eu madre, en romaría /a Faro, con meu amigo/ e veño del namorada/ por cuanto falou conmigo... Sen esquecernos da pétrea imaxe da Virxe da Franqueira, co Neno Pequeno no colo, da súa procesión no carro tirado por unha xugada de bois cubertos de grilandas florais... a si a pintou Sotomayor e fixo cartel festivo Lugrís González. Nin a da pequeniña imaxe da Barca de Muxía, nese santuario, a carón do mare tenebrarum, o que moldea as pedras e atrae estralampos como o que no día do Nadal do 2013 queimou o templo e o altar... aínda sen alternativa de reposición. Devocións celebradas cada 8 de setembro, as que mesmo cantou un García Lorca sempre coa sensibilidade a flor de pel, facendo simbiose entre ambas e coa tradición das procesións de amortallados a Teixido .... A Virxen era pequena/ e a súa coroa de prata/ Marelos os catro bois/ que no seu carro a levaban.//Pombas de vidro traguían/a choiva pol-a montana./Mortos e mortos de néboa/ pol-as congostras chegaban//... Non queda atrás a celebración do Santuario de Amil nas terras de Moraña, asociada cun arrieiro e unha fonte. A do Santuario dos Milagres do mítico Monte Medo, asociado coa lenda do ermitán San Mamede, como un druída ou mago Merlín domesticador de cervos... Festa na Ermida, Quiroga, tamén célebre por ter aparecido alí o Crismón datado no Sc. V, na que sacan en procesión a imaxe da Virxe entre unha música ancestral, acompañada das pampornigas (quizais en relación con pámpanos), dous grandes cabezudos, home e muller, mentres o Meco acomete cun ramo á xente...pervivencia dun culto báquico en relación coa vendima e a fecundidade.
Ritos e mitos, inspirador tema na cultura, na arte, na literatura...
Veneradas imaxes, coa aura das súas lendas: as que se din aparecida entre a escuridade dunha cova ou da caracocha dunha árbore, nunha fonte, a uns pastores... e arredor da que o rito aconsella dar voltas, mesmo pasando baixo as súas andas procesionais, fregando o pano, nos pes, nunha faciana xa descolorida e gastada. Revestidas polo exceso, cubertas de manto e en tal día lucindo billetes de cartos prendidos, rodeada de cirios, de exvotos de cera con todas as formas das partes do corpo e mesmo de animais do agro... namentres o ceo estoupa co estrondo dunha restra de foguetes, tocan os gaiteiros o Himno do Vello Reino e as rosquilleiras, as vendedoras de cera e a xente segue coa mirada o paso da imaxe.
Inspirador tema o das devocións marianas na arte galega, véxanse as obras de Colmeiro, Maside, dos escultores Asorey, Faílde, de Baltar, de Díaz Pardo.... O tema da Nai na literatura culta e inxenua tamén, como as novenas, as estampas, un dos temas preferidos de Filgueira Valverde... autor dunha tese que versou sobre a Cantiga CIII de Santa Maria, do Rei Sabio, en relación con Ero de Armenteira, o paso do tempo e o gozo... E Sen esquecer os estudos marianos do cóengo e compostelán Juan José Cebrián Franco (1933-2009). E para seguir no debate o film Matria de Alvaro Gago que afonda no tema do matriarcado no mundo industrial, no consumo... a dependencia do patriarcado no que a historia se enviciou.
7 SETEMBRO 2025

