Os horizontes de Liberdade e Solidaridade creados por Francisco Miguel
Aspectos biográficos de Francisco Miguel (1897-1936) formado na súa libreira coruñesa. Fundamental como ilustrador da revista Alfar. Visitando París, Cuba e México escolle este país para sumarse ás vangardas comunistas.Víctima da crueldade franquista
O Concello da Coruña retoma a figura dos coruñeses Francisco - Miguel e da súa compañeira, Syra Alonso e con eles o seu tempo. Xa o fixera no 1983 patrocinando a magnífica edición facsimilar de Alfar, ao coidado de César Antonio Molina, quen ademais, no 1984, publicou o ensaio La revista Alfar y la prensa literaria de su época (1920-1930). Continuando no 1999 coa exposición Entre Vangardas, Francisco Miguel, pintor Galego e Mexicano (1897-1936), xestada no Museo-Casa Diego Rivera e Frida Kahlo de México, pasando polo Circulo de B. Artes de Madrid, dirixido por C.A Molina e despois pola Coruña. Ao respecto o Instituto Nacional de B. Artes de México editou un libro necesario, co mesmo título estudos e as memorias de Syra.
Faino agora coa exposición de debuxos Francisco Miguel Fernández Díaz. 1897-1936, dándolle senso de ser á casa dos Casares Pérez, a que fora espoliada na guerra civil. Debuxos, inversión de futuro do propio concello, anacos de historia a recuperar, algo do que deberan tomar notas os demais poderes públicos. Así pois esconxúranse as augas do rio da desmemoria, as que asolagan a historia de homes e mulleres que puxeron aura de dignidade a unha Terra.
Vidas silenciadas pola barbarie, nas bibliotecas, nos museos... remol de estrelecer, luz avivada agora: a dun Francisco Miguel, así de sinxelo, aínda que no Rexistro Civil fora inscrito polo pai, o comerciante rioxano Ramón Moratinos Ventosa, como Miguel Francisco Lope, de pais incógnitos. Para días despois, o 30 de setembro de 1897 Marcelina Fernández Díaz, natural da Graña, Ferrol, dedicada as súas labores levara ao seu fillo a bautizar á parroquia de Santa Lucia, invertendo o nome por Francisco Miguel Lope. Para quedar na historia cos dous nomes do santoral do día do seu nacemento. No 1902 Román e Marcelina terán outra filla.
O mozo Francisco Miguel fórxase na universidade dos camiños, no inicio tras o mostrador da súa librería na Rúa Real 45, ofrecendo canto tiña que ver coa arte e nunha cidade portuaria, aberta, que vive integralmente os ismos modernistas, tan aguilloada polo espírito cortesán da Pardo Bazán como polo galeguismo da Cova Céltica. É a cidade da Academia Galega, da de Belas Artes, do Círculo de Artesáns...de sobranceiros creadores, imprentas, cines, teatros...
Cmpromiso sobre a igualdade, a solidariedade, o humanismo, o comunal...
No 1917 Francisco Miguel presenta o seu óleo Los monjes á Muestra Regional de Pintura Gallega, para dende entón participar en La Peña (1914-1924), aula de debate e mesmo cavilamos como célula marxista. E por alí pasan Huici, Angel Ferrant, Manuel Abelenda, Santiago R. Bonome, Julio J. Casal, Angel del Castillo, Cebreiro, Fernández Mato, González Villar, Seijo Rubio...Onde Francisco Miguel tanto sabía escoitar como aproveitar as súas dotes para a disertación e a convicción. Atento ao acontecer, cando na marea artística Picasso, Dalí ou Magritte eran para el un referente. No 1920, xunto con outros, crea a revista Vida, ano no que, o 19 de novembro, casa en San Cristobo das Viñas con Syra Alonso Brufau coa que visita e se enchoupan na creatividade do París de Montmatre, contactando con Picasso, con Diego Rivera, teimudo antiimperialista, motivado pola revolución do seu pobo mexicano. Creatividade e asuntos que seducirán á parella. A pouco de nacer morre o seu priomoxénito.
A obra de Francisco Miguel está caracterizada polas súa axilidade e limpeza para o debuxo, atraído polo subrrealismo, esgazando tanto co tradicional como co mesmo modernismo, en busca da metáfora, da expresión poética atlántica, do futurismo, do compromiso... e velaí como no 1920, coa axuda do cónsul do Uruguai e poeta, Julio J. Casal, nace a Revista de Casa América-Galicia, a que manterá base na R. Real 22 e no Cantón Pequeno 23 da Coruña. Páxinas nas que enraíza a orixe da revista de arte e creación Alfar (1926-1954) e da que Casal será director, pese a non coñecer a Coruña e como director artístico Rafael Barradas, o que delega no entusiasmo, creatividade e lealdade de Francisco Miguel, o que sumará ao proxecto aos coruñeses Huici, Cebreiro... contando con creacións de de Julio R. Yordi, Leandro Pita Romero, Villar Ponte, Risco, Montes, Correa Calderón, Castelao, Viqueira, Noriega Varela, Amado Carballo, Bal y Gay, Rey Soto, Fernández Mazas... Madariaga, Gregorio Prieto, Benjamín Palencia, Maruja Mallo, Picasso, Dali, Vázquez Díaz, Alberto, os Delaunay, Juán Gris... Alberti, Max Aub, Azorín, Borges, D´Ors, Gerardo Diego, Guillén, Gómez de la Serna, os Machado, Gabriel Miró, Victoria Ocampo, Teixeira de Pascoaes, Unamuno, Vallejo...Clásicos e novos
No 1923 a familia de Paco e Syra retornan a París, coa ansia de vivir a efervescencia de Montparnase, frecuentando os talleres dos Delaunay, de Miró, Dalí, Chagall... sendo seducidos polo compromiso de Rivera e Siqueiros e irse ao suxestivo e rebelde México, onde aprende, practica e se singularizase polo batik, a arte das telas da illa de Java.
Creatividade interrompida, perseguida e masacrada pola ditadura
Syra e Francisco Miguel buscan a paz e unha misión solidaria na súa terra. Retornan a Galiza para vivir unha tempada en Cambre. No 1926 a súa inquietude lévaos a embarcar rumbo a La Habana, onde o matrimonio fai amizade con Alejo Carpentier. Pouco despois volven a México para, de 1926 a 1933, compartir compromiso social coa familia de Siqueiros, con Rivera e Frida Kahlo. Cidade na que naceran dous dos seus fillos, Juan Ramón e Sandro. Casas mexicanas que axudan a abrir camiños a artistas transterrados en busca de liberdade. Mantendo fonda amizade coa singular filántropa e mecenas da arte Dolores Olmedo Patiño, á que Francisco Miguel retrata espida, a un tempo que o cineasta Eisenstein se sinte atraído pola sensibilidade de Syra. Para no 1933 decidir retornar a España, pasando unha tempada en Madrid e irse a Santa Cruz de Oleiros, vivindo días de fonda tranquilidade na que chamarán Vila felicidade
Son anos da república, de entusiasmo asociativo creativo e de ilusións que serían fendidas polo lostregazo do golpe franquista, o 18 de xullo do 36. Entón o matrimonio pasa a vivir a unha pensión da Coruña, até un 3 de agosto, no que a garda civil entra na casa e leva preso a Francisco Miguel, alcumado o mexicano, sinónimo de revolucionario, alegando promover accións armadas, de ser marxista e amigo do xurista socialista e embaixador de España en México, Álvarez del Vayo, figura sobranceira na salvagarda do patrimonio cultural Español ... Concédeselle a Francisco Miguel un breve tempo de liberdade vixiada, cavilan en volver a México, fuxir da persecución da liberdade e da creatividade, dos crueis asasinato de Huici, de Anxel Casal, de Díaz Baliño, de Alexandre Bóveda, de Víctor Casas...de tantos, até que un 19 de setembro a Guardia Civil volveu a por Francisco Miguel, nesta ocasión para non volver, para levalo á cárcere da Coruña e alí visitalo Syra, para comprobar e contar a barbarie á que é capaz de chegar o ser humano... Para, uns dias despois, polo 28, en segredo, ser conducido Francisco Miguel a unha corte de Meicende para torturalo. Era normal entre os criminais fascistas amputarlle as mans aos creadores...e logo asasinalo a tiros. Mesmo gabándose publicamente dos seus crimes... os que contaron o escoitado. O seu corpo, xunto cos de outros catro asasinados, aparecerían no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, Bertoa (Carballo). A piedade duns fregueses e do mesmo párroco levaría a recollelos, a adquirir uns cadaleitos e darlle enterramento no adro de Bértoa. No 1938, Syra, entre Tordoia e Compostela, redacta con valentía a lección do acontecido. No 1942 retorna a México, pondo en mans de Lola Olmedo os seus diarios, para finar, enferma de cancro de ósos, no 1970.
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, xunto coa axuda do concello de Carballo, a colaboración do historiador Xan Fraga, do escritor Fernán Vello, entre outros, os que sabendo que os restos de Francisco Miguel, xunto cos de Xoán Boedo Pardo, Pedro Pinilla Calvete e o seu pai Pedro Pinilla Fraga estaban naquela foxa do cemiterio bergantiñán, o 19 de setembro do 2023 exhuman aqueles restos todos coa evidencia da tortura da barbarie.
11 SETEMBRO 2025

