As Memorias de Syra, a compañeira, a camarada de Francisco Miguel
Introducción ás memorias da escritora Syra Alonsa Brufau (1899-1970), compañeira e camarada do pintor Francisco Miguel, asesinado polo fascismo franquista. Coruñeses comprometidos cas vangardas comunistas mexicanas, Rivera, Frida Kahlo, Eisenstein...
A Editorial Alvarellos mantense atenta ás necesidades da historia da cultura galega e faino recuperando páxinas de boa man e da memoria democrática. Complementando así o enguedellado crebacabezas dos anos da república, da guerra e da posguerra en Galiza, país que, pese a todo, ten aportado, o que máis, á cuestión. A Longa noite de pedra que dixo Celso Emilio Ferreiro, ben escurecida polo silencio, polo medo, pola interesada distorsión. Máis a verdade sempre agromará á luz. Compre agora que os documentos recollidos, o estudado e sabido se garde, conserve e espalle, como se merece, neses espazos clasificados de memoria histórica. Para iso pensouse e declaráronse como tal as edificacións e o sitio da Illa de San Simón, pero non abonda coa proclamación mediática, o asunto supón unha xestión especializada de arquiveiros, museólogos, pedagogos... proba de madurez cultural.
Diarios (1938-1945) de Syra Alonso agora editados por Alvarellos, con introdución aclaratoria de Carme Vidal, seguida de capítulos escritos en días grises da ditadura franquista en Tordoia e pouco despois en Actopán, Mexico; sumando a edición e a modo de epílogo da Crónica dun suceso conformado, escrito polo doutor en literatura hispanoamericana Conrado J. Arranz Mínguez e un artigo da mesma Syra de 1943 sobre Tres homiños. E ao final, a modo de álbum complementario, de museo gráfico, unha serie de fotografías de Syra, das súas anotacións con esa letra tan harmónica, así como de espontáneos debuxos dela feitos por Francisco Miguel.
Diario que xa foran publicados no 1999 nun libro necesario Entrevanguardias, Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano ( 1897-1936), publicado en colaboración polo Consejo Nacional para la Cultura y las Artes, o Instituto Nacional de Bellas Artes, o Museo Casa Estudio Diego Rivera y Frida Khalo e o Círculo de Bellas Artes de Madrid e por medio desta misión - a que supuxo unha importante exposición en México, Madrid e na Coruña - César A. Molina, empeñado, e de vello, no tema. Memorias que, un ano despois, no 2000, serán novamente publicadas en Galiza pola Nosa Terra. Maxinamos naquel encontro mexicano o entusiasmo da galega, Mariángeles Comesaña, filla de Chonchiña Concheiro e do doutor Paco Comesaña, comunistas sobrevivíntes do terror franquista, os protagonistas da historia recollida por Rivas en O lapis do Carpinteiro. Mariángeles é factotum na Cámara Municipal da Cidade de México. Como maxinamos ao profesor de antropoloxía Oscar Concheiro ou ao arquitecto da universidade, Manuel Rodríguez Viqueira, familias con orixe no exilio galego da liberdade,
O compromiso mexicano da Liga de Escritores y Artistas Revolucionarios (LEAR)
Syra Alonso supón un respiro, unha raiola de luz en anos modernistas, unha das mulleres que van esgazando co patriarcado intelectual campante que supón un século XIX de parladoiros, seminarios, irmandades, células...masculinas. A súa vida e mesmo a súa morte está vencellada a unha misión de concienciación e compromiso a través do humanismo, da arte, xunto con Francisco Miguel e outros camaradas que van atopando nos camiños da vida, como os rebeldes muralistas mexicano. Caben aínda estudos a fin de dilucidar os ires e vires da parella, da Coruña a París, Cuba, México...e sempre cunha estrela solidaria, socialista, comunista, por diante. Compre pois afondar na vida e no ambiente revolucionario, liberal que rodeou a Syra.
Sabemos que Syra María Alonso Brufau naceu na Coruña no 1899 nunha acomodada familia de comerciantes, que despois de casar no 1920 co libreiro e artista Francisco Miguel e sumar inquedanzas artísticas, buscan as vangardas, viaxan ao París de homes e mulleres creadoras, afianzando o seu sentir contrafío, rompedor, para promover esa xoia de revista referente que será Alfar, editada na Coruña e na que participa a mellor intelectualidade e creativa de entón. Alfar será xermolo de moitas outras iniciativas, ás que, aínda en Galiza, non se lle prestou a dimensión que verdadeiramente teñen nuns anos de confluencias de ismos. Estudos e reedición da revista ao que abriu o escritor e xestor cultural César Antonio Molina.
Syra e Francismo Miguel, viaxan a Cuba, contactan con Alejo Carpentier o escritor do real marabilloso, onde se fai sobranceira a liberdade e o poder da imaxinación, sentíndose atraídos polo permanente sentir revolucionario mexicano, polo compromiso ético e estético antiimperialista dos muralistas comunistas mexicanos, Rivera, Siqueiros, Orozco, polo cineasta Einsestein que sentirá unha atracción especial por Syra... Círculo onde está a poeta e incansable activista, a uruguaia Blanca Luz Brumm , a que mantiña relacións con Siqueiros; sen faltar Fhida Khalo, compañeira de Rivera, así como a fotografa e activista udinense Tina Modotti, como a galerista, empresaria Lola Olmedo, muller implicada en canto significase a historia e a cultura mexicana, a que fiará unha moi boa relación con Francisco Miguel.
Syra e Francisco Miguel terán catro fillos, o primoxénito morre ao pouco de nacer... Penas que seran apagadas pola solidariedade dos seus compañeiros, camaradas, os que axudan a aqueles e a outros transterrados en busca dunha liberdade que non atopaban nos seus países. Tamén imaxinamos naquel ambiente ao esquerdista revolucionario a León Trostsky exiliado da Rusia de Stalín, o que se conta mantivo forte amizade con Frida Khalo , asasinado no 1940 polo catalán, axente da seguridade soviética, Ramón Mercader.
Memorias para non dar a esquecemento da inxuria...
Máis sempre algo máis que a morriña, o compromiso coa súa terra, con Galiza, empúxanos a retornar, a vivir os florecentes anos da república, escollendo en Santa Cruz de Oleiros unha casiña modernista á que se referirán co significativo nome de Villa Felicidad. Co golpe franquista Francisco Miguel, Syra e o seu circulo ou célula, será vixiado e Paco alcumado como el mejicano, coa equivalencia a exótico revolucionario. Entre aquelas leais amizades súas estaba o embaixador español en México Pérez Treviño, de sentir comunista, figura que na contenda sería fundamental na salvagarda do patrimonio cultural español. Francisco Miguel será apresado, logo liberado, para, finalmente o 19 de setembro ser novamente levado á cárcere da Coruña. Syra desafía ás máis duras lembranzas e refírese nas súas memorias a aquelas visitas: un ambiente dramático, entre golpes, berros, laios, bagoas, trousadelas, sangue.... Seguiron días interminables. Nos que nin nos cuarteis da Falanxe nin nos da Garda Civil me daban razón do que fixeran con Francisco Miguel. Sentía noxo e temor polo Gobernador, pero non había máis solución que ir ata a súa casa. Como non sentir espanto diante de Florentino González Vallés, comandante da Garda Civil e daquela Gobernador da Coruña? Como non sentir noxo por quen mandou asasinar centos de homes?”.
Dende aquel 28 de setembro nada se soubo de Francisco Miguel, deica días despois aparecer o seu corpo torturado e asasinado en Bértoa. Ao cabo do tempo mesmo se sabería o lugar das torturas, unha corte de cabalos, preto do cuartel da Garda Civil, en Meicende, como pormenores dos que mesmo se gababan publicamente os seus verdugos.
Syra Alonso refúxiase en Tordoia, dias nas que movida polo sentir solidario e como testemuño escribe as súas memorias, garda apuntes e debuxos...para no, 1942 fuxir cos seus tres fillos, Francisco Alberto, Xoán Ramón e Sandro cara Lisboa, para vivir definitivamente en México, onde manteñen fonda amizade con Lola Olmedo Patiño-Suárez, creadora en Xochimilco, México D.F. dun museo coa obra máis representativa dos rebeldes creadores da súa xeración, á que Syra entrega as súas memorias, para, no 1970 morrer de cancro no Actopan mexicano.
En inicio memoria avivada por César Antonio Molina, por Xan Fraga, por Fernán-Vello, por Correa Corredoira...para seguir a estela esclarecedora e universalización da creación galega. E pensamos en tantas mulleres e homes exiliados en Centroamérica, merecedores de perfilar as súas biografías para os museos e a Historia da Arte Galega: Arturo Souto, en México, como o escultor Compostela, Francisco Vázquez Díaz, nun ir e vir entre México e Puerto Rico, a mesma Maruja Mallo, o exilio de Uxío Granell na República Domnicana, Guatemala... os ires e vires a Venezuela do seu irmán, Mario Granell, o arquitecto José Caridad en México, o cineasta Carlos Velo...Alexandro de Fisterra.. Historias que xa non caben na ausencia dun museo da emigración e do exilio galego, o que os poderes públicos son incapaces de asumir
19 SETEMBRO 2025

