Para que sirve a educación, a cultura e a historia, ¿para chegar ao xenocidio dun pobo?
Cavilares arredor das guerras de hoxe, televisadas en directo, tal como o cruel exterminio de Palestina, coa aleivosia para usala como solares para resorts xudeos. Non entendendo como despois de tanta ´educación´ e relixións se pode chegar até eiquí
Resulta imposible facer calquera cousa, continuar, se non asumimos denantes e predicamos o estado da cuestión deste tempo que nos tocou vivir: asistir, en directo e dende o sofá á persecución, masacre e xenocidio dun dos pobos máis antigos do Planeta, Palestina. Ademais coa guinda, coa aleivosía de pregoar arrogantemente que aquela terra será repartida como solares para resorts, casinos... boom inmobiliario para preeiros das finanzas, a construír sobre destrución e sangue unha nova Las Vegas. Privilexiada beiramar na Lúa fértil, o Mediterráneo clásico, onde se fiou cultura con mesopotámicos, exipcios, fenicios, gregos e romanos...
Tanta historia e relixións aprendidas para non ter sabido nada. Inútil periplo entón, fracaso. De nada sirve a cultura, nin os anos de cursos e de educación, as que sempre van enlazadas, para que non se asuma o que vale a vida de calquera ser humano. Sexa de onde sexa, branco, negro, mouro, home ou muller, mozo, vello ou neno... con tanto que merecen os que nacen á vida, nun berce de esperanza, como os andados en anos para despedirse deste mundo entre os máis crueis sufrimentos, a morte dos seus e os cascallos e as ruínas do que eles construíron.
A vida dunha persoa é un universo dentro do universo, tan necesaria como obreira, sabía, creadora... cargada de futuro, de singulares experiencias, a respectar en igualdade dentro dese compromiso co medioambiente, coa bola do planeta Terra que tanto nos atura. Pois velaí como sintetizar as bases desa cultura e educación, que é a igualdade e a atención ao planeta. Cultura que ao final os sanedríns dos supermercados cousifican nunha mercancía, nunha performance ou atufada liturxia con intereses especulativos. Sempre o material vencendo ao espiritual, que dirían os celebrados humanistas da xeración Nós ( pronome plural, tanto referido ao popular como para uso maxestático, aristocrático, distinguido...). A tan cantada Paz predícase dende a paz e dende os grandes logros solidarios da cultura, a palabra, para iso é.
A arrogancia campante, a hybris, na que insistían os sabios gregos
Europa, nome nacido e crecido dos mitos, dos periplos, da filosofía e logros gregos, para espallarse por Roma e escollerse para nomear un continente que cultivou e fai medrar unha filosofía que incide na hybris, no mataiotes mataiotetos, na vanitas vantatis... á que chegan os seres humanos aureolados de adulacións, que non é máis que a desmesura, a arrogancia, a soberbia... naqueles tempos clásicos considerada como desafío aos deuses, como transgresión ao orde cósmica. Os cristiáns incluíron semellantes desexos insaciables de acumular riqueza nos Sete Pecados Capitais. A Moira, deusa grega do destino, reconverteuse agora en mediática influencer, en acosadora instagrammer, experimentadora do poder dos alogoritmos, dos plasmas que levamos postos... Deusa pois do consumo, líder na borracheira do síndrome da hybris. A que se considera superior, despreza aos outros, cara lavadas acoirazadas fronte á crítica... con desesperanza seguidas e admiradas por pequenos sucedáneos, pola mediocridade... as que violan os coutos da liberdade, da cultura, da educación e mesmo das súas relixións. Velaí o retrato dos soberbios tiranos e divinizados lideres mundiais de hoxe.
Ben se sabía no mundo grecolatino a necesidade de educar, de moralizar a través do espectáculo, da posta en escena, coa ansia de madurar. Permanente crítica aquela das conductas antisolidarias, da soberbia, catequizando a través de mitos, como o de Prometeo, o que quixo sobreporse aos deuses... Velaí a hybris no teatro grego, na Teogonía de Hesíodo , na mesma Iliada, nas traxedias de Sófocles , nun Edipo Rei que desafía ao seu pai... na filosofía de Esquilo, no Prometeo encadeado ... Entre tantos, textos, sermóns, misións... Nas mesmas fábulas populares galegas, en relación coa trabe de ouro e a de alcatrán: se guiado pola riqueza buscas a de ouro e petas coa de alcatrán o mundo cóbrese de chapapote...
O mesmo cristianismo, o que uniu e significou Europa, relixión con raiceiras no xudaísmo, reconverteu os herdos, os deuses, os mitos, símbolos e saberes orientais, logo grecolatinos. Para as xeracións dos avós e dos país de hoxe ser educados en historias de España, como en historias sagradas de Editorial Vives, manipuladas e comandadas polo temor de deus e dun caudillo, cargadas de interesadas contradicións. historia de bos e malos, de anxos e demos que terán como fito a guerra, que mesmo se periodizará polas armas: de pedra, bronce, ferro... até os dróns... Así tamén fomos aprendendo a retirar as orelleiras. Historias onde os xudeus non saían ben parados, o pobo errante, empeñado en buscar a súa bíblica Terra Prometida, en atesourar riquezas, perdendo os valores do espírito, trastornados polas jewels, os solares, os aranceis, o poder...hybris campante e próxima á tolemia. O filósofo ourensán Risco, dixo algo así para clasificalo como antisemita. Adscrición pouco apropiada e que a historia e o discurso deben revisar, xa que tan semitas son os bíblicos descendentes do fillo de Noé, Sem, con linguas de orixe semítico, xudeus, como os árabes, fenicios, sirios... e mesmo Cristo e o cristianismo é unha relixión de ascendente semítico, asuntos bizantinos e que, en anos de fanatismo racista crearon debate...Sen esquecer que por razóns raciais e discrepancias co seu totalitario pensamento os nazis levaron ao exterminio aos xudeus... Para acuñar agora a verba antisemita como arma defensiva-ofensiva, equivalente a racista. Apelando con tal carga a quen non comulgue coa hybris sionista. E sempre e dalgún xeito o infantilismo, a inmadurez do e ti aínda máis. Crueldade avivada polos ortodoxos sionistas, tan teocráticos e teofascistas como os yihadistas islámicos, como foron aqueles cristiáns forxados nas cruzadas. Fanatismos dos que a madurez cultural obriga a pedir desculpas ante a historia.
Guerras mediadas polas relixións e o interese colonial
Ben antiga Palestina, xa referida polos cronistas gregos do sc. V aC., Gaza, na Biblia pobo de comerciantes fenicios, os filisteos, de onde deriva o nome de Palestina, berce do xudaísmo, encrucillada de relixións, políticas... para ávidos comerciantes marítimos, entre os Pobos do mar... desexada por exipcios, persas, romanos, polo islam.. como polas máis afervoadas cruzadas cristiáns, pola crueldade otomán... modernamente polo Reino Unido, para no 1948 dividirse en Israel, Cisxordania e a Franxa de Gaza...e nas incertezas deste tempo.
Criámonos entre aqueles contos, a interesadas Historia Sagrada, das rivalidades entre palestinos e xudeus. Da astuta filistea Dalila, a que seduce ao xuíz xudeu e forte Sansón, para trasquilarlle as súas sete tenzas e perder a forza, cegándoo e facendo del un escravo dedicado a mover a roda dun muíño... Ben nos meteron aquelo de como o pequeniño xudeu David, orixe de toda unha radical saga sionista, venceu ao xigante e poderoso soldado filisteo Goliath, ben armado este de lanza, mentres que David, so, cunha pedra e unha tirafonda na man... Si os xudeus eran considerados como sabios, entón os poderosos eran os filisteos, mesmo até quedar esta verba con sinónimo de persoa que abandona a cultura polos bens materiais e a riqueza...e mesmo así a usou Vicente Risco. Enxergando hoxe como viraron as tornas.
Historia Sagrada da que parten as tres teocráticas relixións: como raiceira o xudaísmo, o cristianismo e máis serodiamente, a partires do 610 e de Mahoma, o islam. Enguedelladas en mitos, entre as que nos educamos (ou maleducamos) sedutores contos de heroes, reis profetas... como que os semitas tiveron a arrogancia de erguer ao Ceo a Torre de Babel, que Abraham, considerado o Pai dos crentes, nun xeito de ascese guiou a pobo de Deus e que da saga dos seus, a que pasa por Xacob, Xosé e sobre todo Moisés fortalece o sentir hebreo, para avistar e dar coa Terra Prometida, a que mana leite e mel...sometendo a moabitas, medianitas, filisteos... Reis, Xuíces, David, Salomón para prender o sionismo no Monte Sión, a Cidade de David . Se faltar as escisións, como os antiromanos celotes, seguramente con base nos esenios do deserto... onde poido xurdir o cristianismo e o Novo Testamento.
Iso si, historias que aguilloaran á mente, á arte...para velaquí no que seguimos, na crueldade cega do exterminio, das bombas, disparos, tanques, dróns, sobre campamentos, escolas, hospitais... da humildade e coutada Palestina. Onde tan asasinos e xenocidas son os que cometen isto, como os seus cómplices. Páxinas de crueldade supina que non fan máis que maleducar na vinganza e barbarie taliónica, a que non cura, ama de cría doutros terrorismos, quedando, ameazantes e permanentemente nunha historia que parece non terse aprendido, a prehistoria das bestas. Longa historia de xenocidios que hoxe aínda nos avergoñan máis.
26 SETEMBRO 2025

.jpg)