Tres mil anos de “se compra ouro” galego

Ampliar: Detalle de remate do Torques de Foxados (Museo de Pontevedra)



Comentarios sobre a minería e a metalurxia do ouro en Galiza: a arqueoloxia mineira , as xoias, dende o Calcolítico até a cultura castrexa, como os torques, as arracadas... e as crónicas referidas á habilidade dos ourives galaicos, as lendas...

O inicio  da metalurxia acontece no Calcolítico, (calcos /cobre +litos /pedra), o que supón o paso da Idade da Pedra á dos Metais, fai case uns catro mil anos. Sendo os primeiros metais tratados o cobre e o ouro...logo, usarase a prata... e, ao cabo dos anos, tras unha e outras experimentacións e xogar co lume, descubrirase a fundición, a aliaxe de metais, os moldes, xunto coa depuración das técnicas e de deseños que identifican pobos, lugares, artífices.

O escaso ouro, atractivo por dourado, brillante e eterno, será o metal escollido e buscado para adornarnos e así achegarnos aos inmortais deuses. O que acontece dende tan remota prehistoria, mesmo neste confín, o  que os romanos, no cambio de era, estruturarían e darían a coñecer como a Gallaecia. De sona, tanto polas súas minas de ouro, como polos seus ourives.

En canto a isto non faltan lendas, contos de mouras e tesouros,  achados, nin crónicas de todos os tempos. Sempre envoltos na brétema do misterio, propensos a aguilloar a fantasía, tal como aquelas lendas que falaban da trabe de ouro e da traba de alcatrán...se buscabas a de ouro e petabas coa de alcatrán, a avaricia rompía saco e o mundo encheríase de chapapote.

Abondan na Galiza vestixios arqueolóxicos mineiros, así como as crónicas referidas ás mesmas e aos ourives destes confíns. Tal como as que facilita  o xeógrafo Plinio o Vello, morto na erupción do Vesubio, no ano 79 , referíndose á grandeza das explotacións auríferas do Mons Meduli na Gallaecia, polo sistema do ruina montium...Velaí, no Bierzo, os sorprendentes vestixios das Medulas, como os de Loureiro no Irixo, as do Puzo do Lago de Maside, Corcoesto, as do Courel, nas ribeiras do Navia... Minas asociadas a castros ou  asentamentos romanizados.

Velaí tamén as selectas obras de ourives, as que aguilloaron até a tolemia a buscatesouros,  como mesmo motivaron á Arqueoloxía. Xoias e tesouros que, non so enriquecen coleccións e museos, se non que aportan moitos datos, os que nos falan  de técnicas da metalistería:  a fundición, o martelado, o gravado, o  estampado, o repuxado, a filigrana, o goteado... O que, ademais nos remiten a un tempo, a unha aristocracia, a unhas liturxias e relacións.

Ouro, pedra extraída de minas, como recollida en forma de pebidas decantando as areas do río, polo bateado (as aureanas). Materia prima para o traballo de adornos suntuarios, litúrxicos, cun valor simbólico, asociado co poder, cos deuses, co sobrenatural.  E Iberia e nela a proa do seu noroeste terá sona de sempre polas minas de ouro e polos seus ourives.

Saberes e tradicións que se perden na Prehistoria

 As manifestacións dos primeiros ourives calcolíticos serán sinxelas: diademas, placas,  traballadas sobre o mineral nativo, marteladas en frío e que complementarían tiras de coiro, madeira... como o brazalete de Cícere (M. Ar. da Coruña), a de Urdiñeira (M. Lugo), as gargantillas do Castro de Melide... E xa metidos na Idade do Bronce, velaí tamén no Museo de Pontevedra o Tesouro de Caldas de Reis, datado sobre o 1500 a.C:  20 quilos de ouro recuperados, ente outros  tantos perdidos, en forma de  colares, brazaletes, unha curiosa peita e varias cuncas semiesféricas... Posterior, polo 700 a.C  dátase a cunca de Leiro, Rianxo (M. Ar. Coruña). Artefactos que van demostrando adiantos, transformacións, xerarquías tamén, un comercio e unha relacións atlánticas que se estenden ás Illas Británicas. Pezas, que ao cabo do tempo se irán sofisticando tecnicamente, incorporando a incisión, o repuxado, deseños xeométricos inspirados na arte da cestería, das cordas, do tear...  o que será unha permanente na arte castrexa, céltica, e que levará a esas cosmogonías, como a espiral, os lazos salomónicos, as rosaceas, trisqueles...

A partir do ano 1000 a. C priman as influencias orientalizantes, chegadas a través da mítica e bíblica Tartessos, ponte entre o Mediterráneo e as incertezas daquel Mare Tenebrosum. Cultura aquela en relación con Mesopotamia, Exipto, Fenicia, Grecia, Etruria... e na que se quería ver o mítico e buscado Xardín das Hesperides, o da árbore das mazás de ouro e da inmortalidade, gardadas polo monstro de cen cabezas, Ladón  ao que daría morte Hércules, para seguir desafiando a Xerión...e facerse con cuncas de ouro... Algo así conta o mito.

En Portugal e excepcionalmente en Galiza - na Antigüidade habitada polos outros dos romanos e que estes denominaban como celtas - abondan os achados das insignias destes, os torques, uns deles, flexibles que entendemos como colares, outros mesmo e que se entenden para fins rituais, con eses remates que se buscan, quizais representando o cabo do principio e o do fin. Véxase os torques de Xanceda, no Museo Arqueolóxico de Coruña, o de Burela no Museo de Lugo... Achados de ouro, entre os que están as arracadas, ese xeito de brincos para as orellas, con diferentes xeitos de suxeición, con cadea, por incisión... como a do Irixo ou de Cances de Carballo, estas en forma de media lúa e da que arranca un acio triangular de boliñas... como a máis elaborada de Vilar de Santo ou a de San Martinho da Anta (Vila Real)  e  as que teñen forma de ril, feitas en delicada filigrana, como a do tesouro de Bedoia (Museo de Pontevedra) ou a do Castro Baroña (Museo Arqueolóxico da Coruña)...E esa antoloxía que ofrece o tesouro do Arrabalde, Zamora, (Museo Arqueolóxico de Madrid).

Xoias atopadas, que puideran formar parte dunha ocultación ou desmantelamento para aproveitamento nun taller... Os novos exames físicos, químicos, a arqueometalurxia permitirán novos aportes, técnicas, procedencias... Sendo máis coñecida e estudada a ourivería do Levante, como a do Sur, a tartéssica. Como referente as xoias que portan as celtibéricas Dama de Elche ou a Dama de Baza... en canto á rica  ourivería do  val do Guadalquivir o tesouro do Carambolo ou o do Cortixo de Evora...  As veces esquecéndose de interrelacionar co occidente atlántico, coas pezas aparecidas ao longo de Portugal, de Estremadura, León e Galiza... O certo é que as técnicas e os motivos, quizais tamén os ritos que representan están próximas ao Mediterráneo oriental, con canto isto significa de orientalización.

Museos, contos e tradicións arredor dos tesouros galegos

Lingotes  e tortas de ouro (Museo de Lugo),  xunto con exóticas xoias que terán o seu recorrido, levadas e traídas polo comercio, parte de botíns, de depósitos de fundidores, de ocultacións debidas á inseguridade, tal como acontece co fabuloso tesouro atopado por Luengo Martinez (1953) no Castro de Elviña: dúas diademas repuxadas en temas xeométricos, un colgante cónico, de filigrana, cun símbolo astral na parte circular, doas de filigrana, entre  outras de vidro con polvo de ouro no interior. Pezas en relación coas diademas de Moñes (Asturias), unha destas repuxada representando un cabaleiro, figuras con caldeiro, delfíns...

Marcial, poeta do sc. I que se cree  era da Gallaecia, nun dos Epigramas, conta da gran colección que ten o seu amigo Carino, onde son tan sobranceiras as esculturas dos artistas gregos, como as xoias, feitas pola habilidade dos ourives galegos.... E no queda niso a cousa. Silio Itálico, sc. I,  conta que Anibal, entrando en Roma, sorprendeu pola  súa coiraza, obra dos ourives da Gallaecia. Mesmo o Calixtino  refírese a riqueza de Galiza en ouro e prata... como que a lenda conta que San Francisco, coa axuda de Cotoloi, non tendo fondos para construír un mosteiro franciscano en Compostela, propiciou o milagre e nunha fonte atopou un tesouro...ou que o mesmo arcebispo Xelmírez acumulou un importante tesouro de pezas regaladas polos paisanos... como que, no sc. XVII, o señor del Coto de Recimil de Parga, por Real Celula de Felipe III, podía espoliar tesouros dos xentís galigrecos... Historias que complementaban as descritas sobre tesouros no Ciprianillo, libro atribuído ao mago San Cibrao

Os museos galegos ofrecen boa mostra de canto vimos dicindo. Cavilando tamén en pezas que quizais se gardan nalgunha casa, as que se ofreceron para fundir a coroa da imaxe dunha Virxe, como a un dentista para fundila, ou a unha desas tendas de  se compra oro viejo y usado (¿?). 

Tradición polo ouro  que sigue viva en aderezos que complementan o traxe popular da muller para festas: os sapos, os brinco de filigrana...Tema aguilloado polo comercio coas colonias portuguesas. Modelos que se reinterpretaron en talleres de Gondomar, Ponte da Lima, Viana... Saberes e arte que caracteriza a ourives, prateiros e acibecheiros de Compostela , como foron  Angel de Ourense, Fernández de Vigo, Suárez en Pontevedra,  na Coruña Malde, os talleres de Esmeralda, Ferreiro Rocha, a Unión Xoieira de Bergondo, García Zapata, Ferreiriño, Duran,, Aldao, Carabel... ou o sempre lembrado Candame, quen tanto animou esta tradición.

10 OUTRUBRO 2025