A historia ou o mito da Atlántida, cando as augas asolagan a soberbia

Ampliar: Labirinto de Mogor



No sc. V a.C. Platón referiuse a un contienente asolgado polas augas do océano, a Atlántida. Narración envolta en mitos que motivou progresos na arqueoloxía, situándoa máis alá das Columnas de Hércules´ (Xibraltar), Tartessos ou o occidente Atlántico

Galiza, vértice de Iberia  que emproa e acende faros cara ao Atlántico dende a máis remota Antigüidade. Océano das lendas, dos mitos, das odiseas, camiño das peregrinacións, das conquistas e da pesca... Confín que tatúa ronseis nese Mare Tenebrosúm:  o periplo de Breogán, de Barandán, do Santo Amaro ou do tal Trezenzonio, como de razzias normandas, islámicas, de cruzados... Inspirador e enigmático océano dos atlantes, imaxinado e pintado por Urbano Lugrís, pai e fillo, por Francisco Miguel, por Maruja Mallo, por Lodeiro... cantado polos poetas do Mar de Vigo, por  Manuel Antonio, polo economista Valentín Paz Andrade, por Feliciano Rolán,  Bernardino Graña, polo Batallón literario da Costa da Morte, por Xosé Iglesias....cando xa Rosalía de Castro denantes de embarcar cara ao Trasmundo, na casa de Iría, tiña dito aquelo de abride as xanelas que quero ver o mar. Os camiños do Mar, ronseis...

Jacint Vedaguer autor do poema épico La Atlántida (1877) basea a hispanidade na mítica illa perdida. A súa busca abrangue dende a Illa grega de Tera, ás Canarias, pasando polo Niger e toda a costa atlántica... até os países Nórdicos. Sen faltar os que  prolongan  e a asocian co sur de Iberia, dende as Columnas de Hércules ou de Briareo, como día a Odisea e que mesmo menciona Cervantes no Quixote e que estudosos galegos mesmo queren ver en relación coa divindade das aras do Facho de Donón dedicadas a Vero Breo... e tirando de tales similitudes mesmo quizais tamén coa orixe do mito de Breogán...  Atlántida que mesmo poido ser  Tartessos , onde os mitos situaban o buscado Xardín das Hespérides, o das árbores das mazás de ouro. Occidente atlántico no inicio da Idade dos Metais rico na minería e na metalurxia do cobre, véxase Riotinto. Pobo de Tarsis mencionado na Biblia, célebre polas súas embarcacións... E velaí eses petróglifos de liñas concéntricas. Mitos e asuntos que polo 1928  atraen as pescudas do arqueólogo alemán Adolf Schulten, como no 2003 as de F. Wöstman, as de Esther Rodriguez González, para os que Tartessos e a Atlándida é un debate que transcende ao mito. Schulten supón un antes e un despois na arqueoloxía ibérica, estudoso da obra de Rufo Festo Avieno, sc. IV, a Ora Maritima, periplo tomado de noticias moi antigas, as quen falan da terra dos Oestrimnios, posiblemente o occidente de Iberia,  que se dicía invadido polos sefes, un pobo celta... Incluíndo nos seus estudos as pescudas da influínte Tartessos  e que levarán ao arqueólogo á desembocadura do Guadalquivir. Atraído polas exóticas influencias orientalistas, de ouro e incenso. Mesmo estudoso das Guerras Cántabras ( 30 a.C ao 19 aC) con canto isto significa para os estudos arquolóxicos de Florentino López Cuevillas arredor de La Civilización Céltica en Galicia (1953)

Enguedellados en mitos que propician a busca de paraísos perdidos que tanto aguilloan co trastornan o maxín

A Biblia e os poemas nórdicos, refírense a cataclismos, a continentes asolagados, o castigo por un pecado, coa expulsión do paraíso e un diluvio, como o fin da Atlántida. Lendas deformadas no paso duns aos outros. Coa idea dunha raza superior, os atlantes , na que algúns - véxase o fanatismo xermanófilo - porán nela a orixe aria e a busca do Paraíso perdido. Mito da Atlántida que inspirou outros e mesmo cristiáns, os que, ao fin e ao cabo aguilloaron a mente.

Fontes mitolóxicas da Atlántida que arrancan no sc. V a.C , no Timeo de Platón, no apartado dedicado a Critias. Onde o filósofo grego transmite o escoitado de xeración en xeración e cada un engadindo algo. Lenda referida aquela grande illa, circular, con canles concéntricas internas e  que no centro erguía un templo a Poseidón. Mito que a dicía situada despois da Columnas de Hércules,  e que algúns entenderon como Xibraltar e o Monte Acho de Ceuta...A habitantes desta illa, os atlantes, que caeron na avaricia, ao sentirse superiores aos deuses, donos do mundo... acontecendo  como castigo aquel cataclismo que perdura no imaxinario colectivo.

Lendas de cidades asolagadas que se esfarelan polos mares do panceltismo e sempre cunha retrouseira ensinanza, arredor da vanitas, do mataiotes, da ibris...ou sexa da soberbia, sintetizada naquel dito de quen todo o quere, todo o perde. Asuntos nos que teimaban os fabulistas e o teatro grego, como as lendas célticas e entre elas as galegas, referidas tanto a illas asolagadas como a trabes de ouro e de alcatrán:  si se buscas unha e petas coa de alcatrán o mundo cóbrese da negrura...e cousas así pasaron, como  cando, no 2002, aquel monstruoso petroleiro co arrogante nome de Prestixe...asolagou de chapapote paraísos, para morrer de magoa un Día dos Inocentes, o  inocente, Man de Camelle... realidade que supera ao maxín.

Arredor destas cuestións asociacións esotéricas seguen a buscar a Atlántida, o mítico reino de Tule, Adland, illas perdidas no espazo e no tempo... xunto cun xeito de ascese, como a demanda do Grial, da Lanza de Longinos.... Tal como a Ahnenerbe (Herdo dos devanceiros), sociedade propiciada no 1935 por Heinrich Himmler e vencellada á  temida SS, a que, despois da guerra mundial, cando se asenta a sensatez, nos xuízos de Núrember, será considerada organización criminal pola súa base racista e xenocida. Asociación que, en diferentes partes de Europa e mesmo no Estado Español contaba con delegados, como a do especialista en temas celtibéricos e visigóticos, Julio Martínez Santa Olalla, profesor na universidade de Madrid, e mesmo na de Compostela, adscrito á falanxe e con forte poder no ambiente cultural e na comisaria de escavacións arqueolóxicas e con tantos vínculos arqueolóxicos entre colegas e camaradas de Galiza. Páxinas que a historia vai esclarecendo. O símbolo desta sinistra sociedade era o  Irminsul, a columna-árbore, moi común entre confrarías con raiceiras.

A Teosofía, afondar no misterio das orixes, da sociedade...a segregación e a igualdade

O sedutor mito da Atlántida sigue e encerellar preguntas: si foi un feito, unha ficción ou algo da dous cousas. Mesmo tomándose como configuradora do Paraíso Bíblico, das orixes, da máis antiga civilización... O ocultismo, a teosofía da tan influínte como arrevesada Madame Helena Petrova Blavatsky reinterpreta e espalla o tema: fala de sete grandes ciclos na historia, de sete grandes razas, onde a cuarta raza seria a dos atlantes, coñecedores da enerxía cósmica... Sedutores asuntos, tan cargados de simbolismo como de perigosa segregación. Despois da desaparición da Atlántida, segundo H. P. B sucede a quinta raza, a aria, a que di, denota atlantes puros e bestiais (antropoides e simios), uns e outros con  poderes sobrenaturais, escravizadores dos de raza inferior... castigados pola unión sexual entre uns e outros, provocando migracións de atlantes, os do Norte, os habitantes de Europa e dos seus mares e os atlantes meridionais, os Exipto e Babilonia. Cavilares cargados de connotacións diabólicas que culminaran no  devandito sentimento arioxermánico, na deshumanización criminal nazi, predicados por unha cegueira fanática e para os que non existe o principio de igualdade, base no humanismo.

Un Vicente Risco, modernista integral, inadaptado, diferente, raro que dirían os tamén exquisitos contrafío portugueses, con fondas raiceiras no Decadentismo, nesa  rebelión contra a uniformización, base da globalización, proposta por unha industria que deshumaniza e medra,  atento ao seu mundo, con canto supón de divino como de demoníaco, toma nota das  interpretacións míticas. Filósofo ourensán que vinculara o seu sentimento orientalista, céltico co novo sentir de Gandy e Tagore, afianzando as teses de irmandade do bos e xenerosos, no panceltismo e nun cristianismo da liberación, case panteísta, de interacción paisaxe-paisanaxe, como o que, entón predicaba o abade de Beiro, Basilio Álvarez.

O certo é que entre mitos, lendas os seres humanos seguimos a aguilloar a razón. Visto o visto sen ter aprendido moito...  enguedellados e sen entender ao universo do que significa a vida, o paraíso de cada ser humano.

17 OUTUBRE 2025