O noso é o outonal tempo de Defuntos, o que abre aos Magostos
Cavilacións arredor da tradicional festa galega de Santos, Defuntos e Magostos, reconvertida no comercial Halloween, visión da morte gore, agresiva, ensanguenta...fronte á tradicional das benditas ánimas, cubertas de luz, amigas e conselleiras
A morte sempre se celebrou entre o panceltismo. Tempo atrás entoando a redor do defunto o abeillón, o zunzún do voo das afanosas abellas, como un convite ao renacer da luz...despois cun convite unindo a tribo. Morte á que se lle dedica días no almanaque, será abrindo ao tempo escuro de novembro. Entendida como unha inevitable aura amiga, ánima de luz, sen rostro, recendendo a primavera ou a incenso, boa conselleira sobre que camiño escoller. Morte endexamais entendida na tradición como tráxica, enloitada, sanguenta, caveira de ollos desorbitados, armada de afiada gadaña... Mentres que agora a efervescencia do consumo espalla a visión cinematográfica, gore, xunto con outros ritmos e ritos de pasaxe: verase a morte como agresora, a que peta nas portas, entra na intimidade, acosa e fai tratos co retrouso do "trick or treat”, truco ou trato... Isto é o que se ensina, o que se espalla hoxe, quedando a creatividade coutada, si acaso reducida ao gran bazar chino, o que fai negocio cos sentimentos, coas bandeiras, cos disfraces, os adornos, coa vida e coa morte
Os estudosos do folclore galego, como Risco, Xocas, Taboada Chivite, Bouza Brei ..ben entenderon este seu pais, do culto ao Purgatorio, ás benditas ánimas, o da estantiga, da estadea, esa morte que asoma aos camiños, vestida de luz. Tema tan céltico, tan irlandés, como bretón, galés , escocés e galego, o que preocupou a Castelao e velaí a súa obra “ Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”, como en Wenceslao Fernández Flórez véxase o maxistral “El bosque animado”. Asuntos retomados por Xosé María Castroviejo, por Cunqueiro e que máis aínda puideran dar de si tales luces e tebras, anxos e demos neste cabo do mundo, tan rico en canicelos, gárgolas que representan os monstros do pecado, de adros en igrexarios que vencellan a parroquia dos vivos coa dos mortos. Interacción paisaxe-pisanaxe, mundo- trasmundo, que abre a un universo de creatividade no que seguir a explorar.
E a Irlanda celta, sempre no horizonte, coas tradicións e o seu idioma gaélico
Insistimos que Irlanda, a vella Erín recupera, coida, espalla e presume desas súas tradicións que subliña como “célticas” e niso foi tanto un asumido, como un instintivo referente. Cuestión tratada por aqueles decimonónicos románicos e modernistas movidos por un sentimento decadentista, agoirando na industrialización campante a uniformización, a globalización, a perda de ancestrais herdos que configuraban a identidade da Illa. Niso insistiu o dublinés de cerna Willian Butler Yeats (1865-1939), empeñado en recoller e reanimar aquel legado de distinción céltica e con el o seu idioma gaélico, o que definía encontros festivos en relación cos ciclos agrarios, co almanaque solar e luar, como a noite que da paso de outubro a novembro, o Samhaín, abribdo ao tempo escuro; o Yule o 23 de decembro en equivalencia ao solsticio de inverno; o Imbolc, o 1 de febreiro, tempo da nosa Candeloria; o Ostara cada 22 de marzo, cando o equinoccio de primavera; o Beltaine o 1 de maio, en equivalencia en Galiza coa celebración da árbore florida, a festa de maios; e o 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán o Litha, o Lugnasadh o 1 de agosto e o Mabón o 21 de setembro, cando o equinoccio de inverno. Algo do que tomaron boa nota os nosos “inadaptados” modernistas para recuperar as festas tradicionais galegas, tan cristianizadas e con nomes dedicados a santiños, perdendo e descoñecendo os orixinais. Tempo galego dos defuntos, pequeno verán, dedicado ao santo panonio (Hungría) cristianizador dos celtas galos, o San Martiño de Tours, sc. IV, con devoción introducida en Galiza no sc. VI polo seu paisano e homónimo Martiño, bispo de Dume (Braga), empeñado este en cristianizar os cultos pagáns dos galaicos até confundirse ambos Martiños.
Irlanda, como Galiza, atopou na emigración unha fuxida a funestas políticas imperialistas. E alá a onde foron familias irlandesas levaron consigo as súas tradicións nas que aniñar a morriña e a ansia de reconstruír na casa unha pequena patria. E velaí celebrando aos defuntos, ás preguntas sobre o Trasmundo e a morte con reunión familiar nesa noite que de outubro abre a Novembro, cristianizada co tempo de Santos e Defuntos e que eles, no seu gaélico, chamarán Samhaín. Verba que significa festa no fin do tempo da luz e que en América do Norte tomará o nome de Halloweem que en inglés significa "All Hallows, Eve" a véspera de Todos os Santos. Polo demais a sociedade do consumo, a dos supermercados encargarase en reconverter esta noite e días nun novo e desmedido entroido outonal e temático arredor dunha morte sen coutos.
As formas esféricas das cabazas, dos ourizos, como microcosmos de renovación
Catarse festiva, a unión da tribo a través dun rito de pasaxe, en relación co calendario, cos Catro Elementos: Auga, Terra, Lume, Aire, coas catro estacións, as que fan que unha planta murche, logo reverdeza, produza flores, froitos e estes sementes... noite que é un canto á esperanza. Noutrora encontro co lume, coas fogueiras que son luz, calor, atracción arredor das que se danza e un se purifica. Sen faltar as flores, luz, cor, recendo... nin as sementes, as que tanto significan: as castañas que asoman dos espiñentos ourizos. Cando os nenos e as nenas seguindo a tradición que lle inculcan na casa colgan do pescozo colares de castañas ensarilladas, zonchos que cocidos ou asadas non faltarán. Tardiñas de sol ouridourado para ir ás campas e coa frouma facer fogueiras de Magosto, nas que asar castañas, arredor das que os mozos proban o viño novo, emborrállanse para logo baixar do monte á vila como máscaras. Ben o sabe o Ourense que cada 11 de novembro, celebra ao seu patrón San Martiño.
Outonal tempo, cando as formas esféricas que campan na paisaxe murcha, como as vermellas mazás de inverno, os morodos... e sobre os lameiros esas cosmogonías de todos os tamaños e cores, as cabazas, as que tamén protagonizan a festa. Mercado tan campante no mundo de influencia Irlandesa, lembrado, perdido e revivificado en Galicia nos anos noventa polo mestre de Cedeira Rafael López Loureiro. Formas esféricas que, co consumo, pasarán a ser de vidro, de plástico para, no tempo de Nadal, adornar o símbolo da Arbore da Vida, outro herdo oriental pasado polo sentimento céltico, para logo o consumo encargarse do demais.
Cabaza que significa “o que cobre” o que ten capacidade, como os nosos cabaceiros, cobertizos illando da humidade as sementes. Esfera, como un microcosmos, cargada de pebidas, sementes de futuro, como unha cornucopia de abundancia, reverenciada en moitas culturas, equivalente ao símbolo solar e mesmo feminino, de rexeneración e mesmo de inmortalidade. Carne de cabaza fundamental para a sopa, a repostería, cargada de pebidas, sementes, mostra da capacidade rexenerativa. Esfera que baleirada e seca serviu como recipiente nas máis primitivas culturas, fundamental para o peregrino. Neste tempo de defuntos labraranse a xeito de caveiras e que, cunha vela dentro, alamparán lembrando o efémero da vida sobre as solainas, nos valados dos camiños.
Agora, no tempo dos e das influencer, das performances, do postureo e do ego, todo é desmedido. E aquela idea de morte-compañeira, representada como pantasma, vestida de branco, cunha na man e arrecendo a crisantemo, en fila, murmurando consellos, pasa a ser caveira encapuchada, de loito, brandindo unha desafiante gadaña. E non queda a cousa niso, a estética gore encherá todo de sangue, de machadas, motoserras, tripas, ataúdes abertos, zombis atoutiñantes, cemiterios, arañeiras...
Polo e agora, seguindo o ritual dun instinto que pode perderse na prehistoria da necrofaxia, mercaremos na dozaría uns osos de santo para compartilos coas lembranzas na sobremesa, preparándonos para ir á calquera das grandes feiras deste tempo, como a de Santos de Monterroso ou a de Chaves, mercar castañas, ovos, queixos...e flores para darlle vida ás campas da morte.
24 OUTUBRO 2025

