Tradicionais magostos: afianzar a tribo arredor de cacharelas, castañas asadas e viño novo

Ampliar: Cartaz Festa Magostos, Ourense, por Arturo Baltar



Na noite final de outubre ábrese en Galiza ás celebracións de Santos e Defuntos, así como ás fogueiras campestres dos magostos, coas castañas asadas e a proba do viño novo...Para ao anoitecer, entre cantos, baixar ás vilas coas facianas emborreladas

Abre novembro en Galiza coas tradicionais lembranzas a Santos e Defuntos, agora globalizadas comercialmente e reconvertidas nun novo entroido de outono. Como base da coutada inspiración a agresiva e cinematografía de temática gore. Con versión do estadounidense Halloween, en orixe  pasado pola emigración gaélica irlandesa do Samhaín. Sendo este  par Galiza o tradicional tempo de Defuntos, tan nutrido de tradicións celtas, romanas, das traídas e levadas ás américas con apoteose en Día de Mortos en Centroamérica. Noite e xornada pois de cemiterios, das simbólicas e esféricas cabazas baleiradas en caveiras, de noces e castañas nas patelas. Tamén tempo de concorridas feiras de Santos, onde mandan no mercado o queixo, os ovos e as noces. Así abre Novembro ao Tempo dos Magostos,  de fogueiras, cachelas de luz, de quentura e purificación, dando vida  ao tempo escuro,  tan asociado coa morte. Celebracións cristianizadas coa devoción e novenarios dedicados o Santo Martiño de Tours, natural da Panonia Húngura, persoeiro do sc. IV, distinguido equite, cabaleiro romano, seguidor da doutrina cristián de Hilario de Poitiers  para converterse en afervoado cristianizador dos celtas das Galias. Santo de sona no panceltismo, con devoción espallada no extremo occidental de Iberia, na Gallaecia polo seu paisano Martiño de Dume (Braga), sc. VI, aristócrata, palmeiro aos santos lugares e cunha intensa formación e vida desprazándose a estes confíns do mundo antigo, a Gallaecia sueva. Sendo mesmo autor dun libro, De correctione rusticorum, anatemizando os cultos pagáns e de herdos célticos e romanos dos galaicos:  ás pedras, ás árbores, ás fontes, aos montes, aos astros, ás celebracións de equinoccios e solsticios... Ademais traendo o de Braga ao  Ourense dos celebres e curandeiros mananciais das Burgas, as reliquias daquel santo, homónimo seu e paisano, mediante as que intervén nunha curación de lepra, interpretada como milagrosa, ao fillo do rei suevo Charrarico, convertendo así á cristiandade a aquel pobo xermánico, suevo, tan incidente na organización social deste confín.

Así o santo cabaleiro Martiño de Tours será un dos máis celebrados en  parroquias e altares de Galiza. Imaxe que se representa montada a cabalo branco, neste caso humildemente repartindo a súa capa cun pobre espido, mesmo a competir con outras imaxes de santos cabaleiros, como Santiago ou San Xurxo, os que, dalgún xeito, queren rememorar ao mítico rei Arturo, os que, como cabaleiros,  combinan andantes tradicións celtas e cristiáns.

Nome de magostos en relación con mago, campa e fogueiras

Nome de magostos que leva a unha serie de teorías que seguramente teñen que ver con ustus que significa fogueira, mentres que o de mago xa presenta desviacións, aínda que acaídas, como en relación coa maxia,  co ídolo do meco, como  mesmo con magno, pero tamén con mag que significa campa ou mac, montón. O certo é que os magostos, en orixe son fogueiras nas campas abertas e que moito ofrecen do non entendido, desa maxia  que arrodea Galiza. Ritos de iniciación, de pasaxe para os mozos e mozas, de relación catártica, panteísta, paisaxe- paisanaxe, arrodeadas coa aura máxica de herdos ancestrais.

O souto, o castiñeiro, a castaña, o cultivo e a cultura das pilongas, castañas secas, xunto coas as cocidas ou zunchos ás veces en leite entre follas de anís ou nébeda. Asuntos que esvaecen na prehistoria e tan activos cos romanos e máis  aínda na misión medieval dos mosteiros. Castaña que foi alimento fundamental, para a partires do sc. XVI e das viaxes ultramariñas ser substituídas na dieta cotián polas mariñas ou patacas

 Encontro ao que convoca a forza do instinto, entre vellas crenzas xa perdidas, como os nenos cargados ao pescozo de colares de castañas, acudindo a visitar os camposantos... e ese xeito de oración gastronómica,  que di que quen xanta unha castaña asada ou un  deses zonchos axudan redimir un alma do Purgatorio. Almiñas de defuntos que na soidade destas noites buscan a luz, a quentura e a algarabía de lume. Remol de cultos ígnicos xa reconvertidos en novas e atractivas fórmulas de pirotecnia e mesmo de videoproxeccións, mapping, laserTronic sobre fachadas monumentais. Sempre sobrevivindo a idea de que a luz  e a creatividade vence sobre as tebras.

Festas tradicionais sempre presididas polos Catro Elementos. Lume, Auga, Terra, Aire

Ben sabe, debe e coida Ourense e a súa terra as vellas tradicións, como o Nadal, a Candeloria, o  Entroido, os Maios, o San Xoán, os Defuntos. Encontros onde os Catro Elementos: Lume, Auga,Terra e Aire, se entenden como a cuadratura dun circulo esencial para a vida, de cada persoa, da casa, da tribo, os que entran en rolda nas festas. Velaí as do seu patrón e da súa diocese, o cabaleiro san Martiño de Tours. Do 1 ao 11 , o pequeno verán do San Martiño, tempo das matanzas, de abrir os pipotes co viño novo xa fermentado, de recoller as castañas dos espiñentos ourizos, para espulgalas e metelas entre as cinzas desas fogueiras alimentadas con frouma sobre as campas abertas. Campos de feira e romaría, escenarios do encontro que xa faltan pola desmedida avaricia especuladora, algo que non deben esquecer tanto aparato apelidado “ de cultura” ou de “ferias e festas”, cando non de “turismo”.

E en Ourense cada 11 de novembro, pese ao paternalismo das normas instituídas polos poderes públicos, a instintiva forza da tradición empuxa aos grupos a subir, pola tardiña, como se fixo sempre, ao Monte Alegre, arredor daquelas penedas que, como outras, seguindo vellas tradicións falan de namorados... Sitio onde acender e celebrar os magostos

Lume e mesmo remol de fogueiras tradicionais considerados sacro, sobre o que existe a prohibición de mexar, como de chamuscar ese loureiro case divino ou botarlle o pan noso de cada día. Asuntos, entre moitos outros que teñen a súa significación. E velaí, tomen nota quen queira recuperar as orixes, a luz, a quentura e a algarabía de cantos e contos que rodean outras celebracións de  fogueiras, como a das Fachas na noite do 7 ao 8 de setembro no Castro de Taboada,  as de San Mauro, avogado contra os males dos osos,  cada 15 de xaneiro, como días despois as de San Antón, cos seus fachóns ou as de San Sebastián de Castro Caldelas...  as da Candelaria, as queimas do Meco e da Sardiña que poñen fin ao Entroido;  do San Xoán, dos Magostos, do San Silvestre... No mes de xuño e nunha noite, teño ollado dende terras da Eiras, entre Goián e Tabagón, tan pintadas por Antonio López, como por Xavier Pousa, como na noite roulaban bolas de lume monte abaixo da veciña Vilanova de Cerveira. Tradicións asociadas á domesticación do Lume, fundamentais na cultura:  aprender a temer e coutar aos Catro Elementos.

...E cada porquiño terá o seu San Martiño

Celebración de San Martiño, cimo dos Magostos que ten día e hora na tardiña de cada 11 de novembro, cando o que queda de grupo, familias, amigos soben ás campas para recoller frouma...queimala e nela meter algunha castaña sen espulgar, incluso para que armen estrondo e estoupen... as mais espulgadas. A mesa sobre o chan, esencialmente para castañas e viño novo,  logo iranse incorporando os produtos do tempo, os chourizos e os coiros asados...e agora o churrasco integral ao xeito crioulo. Ao final, no luscofusco, uns e outros aproveitan as cinzas e o viño para emborrallarse, como máscaras prehistóricas e baixar así, do monte con tanto que simboliza de selva ao rutineiro mundo urbanizado. E será tocando pandeiros, a gaita e cantando vellas e retrouseiras cancións, folión catártico,  á espera de ser recollido e con novas versións.

Aquel  meu Ourense dos anos sesenta, o dos sobrevivintes de Nós, como Risco, Otero, Xocas, Ferro Couselo, Benchosey, García Paz, Leuter, Taboada Chivite..contribuía a patrocinar, con carteis de Virxilio, de Manolo de Dios, de Quessada, de Baltar, de Conde Corbal...con poemas de Blanco Amor e doutros tal ancestral festa dos Magostos

As cousas mudaron polo intervencionismo, convocando a magostada nas prazas, incorporando novos trebellos asadores, como tambores aburatados de vellas lavadoras, a dar voltas entre musicas de orquestras e disfraces do mercado chinés.

Alégranos ollar como hai aldeas, vilas,  que entre o desbaratado comercio de máscaras terribles recuperan a creatividade da tradición, mesmo mantendo o nome de Tempo de Defuntos, de Magostos, desafiando o medo, entendendo a morte como parte do yin-yan da vida, amable e conselleira á beira dos Catro Elementos, asomando cando a luz da alborada e do solpor orienta templos e enterramentos. Gustamos volver aos clásicos para “orientarse”.

7 NOVEMBRO 2025