O Museo do Pobo Galego, entre as prioridades culturais de Galiza
Dende a mesma transición democrática recupérase aquela idea do espoliado Seminario de Estudos Galegos da necesidade dun Museo do Pobo Galego, con canto significa de acopio, conservación, estudo, divulgación... entón de espazos e persoal cualificado
Entre as grandes creacións culturais galegas da contemporaneidade, sempre en proceso de renovación, servindo á dignidade da persoa e da sociedade, está a Academia Galega, inda que, en idea, creada no 1906, fisicamente, en canto supoñen arquivos, biblioteca e espazos propios foino en momentos non fáciles, os anos da ditadura e grazas á inmensa e constante labor de sobreviventes das ansias de Curros e Murguía, como don Cesar Vaamonde, así como aquel neno, Xohan Naya Pérez, nacido no 1914 formado á súa beira para a misión de formación do arquivo-biblioteca até o seu pasamento no 1993, o que mesmo e por algo sería herdeiro da familia Murguía Castro. Como mesmo o presidente Sebastián Martinez-Risco e que abren camiños ao vindeiro. Outra das institucións necesarias para unha cultura viva, abortada pola guerra e a ditadura franquista foi o Seminario de Estudos Galegos (1924), espoliado e, dende 1943 animado pola ansias dos supervivintes como Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, iso si, vencellado ao central Consejo Superior de Investigaciones Científicas; mentres nos anos da transición os cataláns reclamaron e conseguen a oficialidade do seu Institut de Estudis Cataláns (1907), resistente na clandestinidade e axiña reposto.
Un dos fins do Seminario de Estudos Galegos ideado polo filósofo Antón Lousa Dieguez era establecer lazos coa Universidade Galega, sumando o mellor da intelectualidade galeguista de entón, como os membros da xeración Nós e dun Vicente Risco metido entre os anxos e os demos dos “ismos” do modernismo, motor de irmandades, confrarías, clubs, células... motivando o estudo e a publicación de aspectos relacionados co idioma, a literatura, a arte, a arqueoloxía , a antropoloxía, a música e conseguintemente a creación dun Museo Nacional de Galicia. Idea que latexou sempre, entre os silencios e as censuras.
Así é que mesmo morto o ditador e por iniciativa de homes e mulleres vinculados ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ao Colexio de Arquitectos de Galicia, por mozos profesores da universidade, directores e profesionais dos museos... solicitan ao concello de Compostela os emblemáticos espazos do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval. Singular edificio orixinado no gótico mendicante, dominico, lección de arquitecturas, centrada pola antolóxica escalinata helicoidal, deseño de Domingo de Andrade. Con igrexa que sirve ademais de museo funerario dos anos medievais, panteón tamén de galegos e galegas ilustres. Espazos nos que ir formando coleccións e crear museo, abrindo inicialmente ao público o 31 de xullo de 1976. En abril de aquel mesmo ano morrera Otero Pedrayo, sendo nos seus derradeiros días un alivio coñecer as ansias postas naquel proxecto. Xoaquín Lorenzo, don Antonio Fraguas, Carballo Calero, Parga Pondal, Pousa Antelo...sobreviventes do seminario, na súa alegría ofrecéronse á misión. No motor da iniciativa estaba a inquedanza de Carlos García Martínez, leal seguidor de Bouza Brey, así como Acuña Castroviejo, Xusto Beramendi... María Xosé Cerviño no motor da secretaria, entre moitos outros que, dende 1986, irían formando o Padroado do Museo do Pobo Galego, socios e socias, coa constancia e saber na labor, concienciando aos poderes públicos para seguir na sempre inacabada memoria do que é un museo, esencial para a educación e a conciencia galega. Así iranse sumando legados, o de Xoaquín Lorenzo, o de don Antonio Fraguas, de Luciano García Alen, o de Acuña Castroviejo...o patrimonio medra, as necesidades de atención tamén e o espazo redúcese.
A dignidade dun museo que avala a cultura galega como fonte de creación
Institución do museo está sempre necesitada de espazos, de persoal cualificado, todo baixo a dirección e xestión facultativa, para canto significa a conservación, o estudo e documentación, a pedagoxía e unha exposición e didáctica, sempre sometida ás novas tecnoloxías e á sedución dun visitante que debe ser actor, máis que espectador. Asuntos que reclama a definición contemporánea de museo, ás veces non ser entendida por quen a usa, tan á lixeira.
A un tempo, Díaz Pardo, fundador e mesmo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, a través das súas “Industrias da memoria”, como as cerámicas de O Castro, Sargadelos, a Editorial do Castro-Moret, o Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, o proxecto do Instituto Galego da Información e do plan teórico-práctico do Laboratorio de Formas de Galicia, insistía e trataba con teimosía, dun xeito ou doutro, anovar a necesidade do Seminario de Estudos Galegos. Mentres por outro fronte nacía o Consello da Cultura Galega.
Contrastado está o actual empeño posto pola presidencia do padroado, Concha Losada, polos seus membros, polos distintos directores para a xestión de canto significa un museo na contemporaneidade. Máis as políticas parecen non entendelo, relegan a importancia da cultura, o seu poder de sedución e de futuro. Cando in extremis salta a denuncia do estado da cuestión e actúan dando unha esmola, cando deben crearse fondos estables para consolidar unha actividade estable e cumprir fins que abondan na imaxe, na cultura e no turismo.
Mostra didáctica do museo que comeza polo mundo mariñeiro coas tipoloxías de embarcacións, artes de pesca e carpintería de ribeira. Seguindo o paseo polo universo labrego, co carro e súas tantas tipoloxías de rodas, de xugos, cangas e arados, a casa, o mobiliario... a ética e a estética, o fundamento en cosmogonías, que nacen do trenzado, das cordas, da cestería e do tear, levando ao simbolismo astral. Recorrido pola relixiosidade e as tradicións, entre elas as festas de carácter cíclico, en relación cos equinoccios e os solsticios, as romarías, feiras e festas, onde non falta a música, os cantares e esa admiración polos fenómenos ígnicos, a pirotecnia reconvertida ao cabo dos anos. País de transportes, de músicos, de pirotécnicos, de mulleres e homes artesáns, véxanse as obras de oleiras, cesteiras, cordaneiros, ferreiros e follalateiros, teceláns, palilleiras, acibecheiros, prateiros, ourives... Centro que atende e rescata arqueoloxías, documentos, estampas, fotografías, a literatura de cordel, mesmo o intanxible, o sonoro, receitarios, en fin, canto contextualiza e implica a cultura Galega.
A atencións á singular riqueza etnográfica de Galiza. A lección do antropólogo Lois Ladra
Si ben asumimos os perigos de centralizar entre unhas paredes canto atinxe a espazos e tempos. Aplaudindo aquela idea nacida e desenvolta por Chamoso Lamas a partires de 1974 en relación cos museos de sitio, os museos de artes e costumes populares, como os ecomuseos que responderan ao cultivo de tradicións do lugar, ideando e pondo en marcha dende aquela o Museo da Montaña Galega, aproveitando para esto as pallozas do Cebreiro, ou o que sería o Museo do Viño de Ribadavia, para logo ser Museo Etnográfico e posteriormente pasar os contidos de vitivinicultura á reitoral de Santo André; O Museo do Mar en Combarro, para o que a entón Dirección General de Belas Artes mercou singulares casas, pasados os gobernos e os anos, esqueceuse o proxecto e mesmo as propiedades adquiridas para os espazos museísticos; o Museo das Peregrinacións aproveitando a Casa Gótica de San Martiño dos Agros, logo idea desenvolta no edificio rehabilitado da praza de Praterías. Facendo sempre a observación de seguir aquelas coleccións nacidas coa mesma idea de salvar memoria, agora en riscos de perda, como a formada por don Elixio Rivas Quintas no Santuario dos Milagres de Baños de Molgas, a xa desmantelada de Benigno Eirís, a de Olegario Soutelo Blanco, doada á Deputación de Ourense para instalal en Castro Caldelas, como a creada ao longo da vida de Narciso Luaces en Meixido, Ortigueira... á espera do futuro ideado polos seus creadores. Museo do Pobo Galego que porá en valor a exemplaridade e os pasos dados na recolección de artefactos e trebellos por mestres como Olimpio Liste en Oseira e Vigo, Xosé Manuel Broz e outros na creación do Museo Terra de Melide, nas Pontes a obra de Xose María López Ferro formando a base para o Museo Etnográfico das Pontes, como a obra de Secundino Garcia Mera no Museo Etnográfico da Capela; no Saviñao o exemplar Museo do Pazo de Arxeiriz , a Casa do Patrón de Doade de Lalín, o Museo da Fonsagrada, o Forno do Forte de Buño e os Batáns de Mosquetín... a colección de Oroso, a de Ponte do Porto...algúns destes centros inspirados na exemplar labor, saber e voluntarismo de Pepe el Ferreiro, creador do Museo Etnográfico de Grandas.
Soubemos nestes días de magostos que o recen novo director do Museo do Pobo Galego, que conseguiu a praza por oposición, o acreditado antropólogo e arqueólogo, Lois Ladra, formado a pe de traballo de campo, así como nas necesarias e esquecidas relacións galaico-portuguesas, determina deixar o seu cargo por non atopar canle á realización do programa que presentara. Certo que un museo de semellantes características necesita con atención permanente un conservador que atenda aos fondos expostos e mais aos de reserva, nesta caso madeiras, cestería, telas sometidas á couza... delicados obxectos que deben estar vixiados da luz, da humidade, dos ácaros, do mesmo desgaste por envellecemento...e a didáctica fundamento do museo. Ogallá sirva a renuncia como lección, non so para uns días, senón para sempre. Os museos abandonados son un drama cultural.
15 NOVEMBRO 2025

