S. O.S para a Terraza de Sada, símbolo do Modernismo

Ampliar: Terraza de Sada



A Terraza de Sada (1912) antolóxico edificio do Modernismo, quiosco entón á moda que artilla na súa estructura saberes artesanais da madeira cos industriais do vidro plano. Pese a ser declarado BIC no 2020 presenta un lamentable estado de deterioro

O Modernismo, forte movemento cultural dunha Europa de entreguerras,  medrado entre as crises das democracias liberais  e a aparición dos fascismos e das ditaduras.  Pola contra caracterizado  polo desborde da liberdade creativa, con  grandes mestres da arquitectura, arte que implica todas as artes. Experimentando coas tradicións artesanais da pedra, da madeira, do moldeado, agora en cemento. Sentir que o abrangue todo, dende a literatura até o deseño dun edifico, dun automóbil, como  dunha xoia, dunha culler ou dunha vaixela, o que fende cos nostálxicos historicismos románticos, que se tinxe das extravangancias decadentistas para abrir ao século XX, con diferentes  facianas en Europa. Confluencia de ismos, de exhibicionismo, exotismo, simbolismo, incluso de teosofía e misterio por medio. Aspectos que se poñen en interacción coa paisaxe e que atopa nas emerxentes cidades de Galiza -  entre as clases poderosas, indianos, armadores, consignatarios ou  empresarios - singulares eidos de expresión na arquitectura. 

Queremos centrarnos aquí nun delicado símbolo, antolóxico do Modernismo en Galiza,  como puideran selo outros e lembramos o Castromil (1922)  de Compostela, obra de González del Villar, que irracionalmente e por orde municipal sucumbiu no 1975. Quedámonos pois co edificio da Terraza de Sada, construción de coidado deseño, buscando a transparencia, a levedade, a fantasía,  artillada  por sistemas de ancestrais saberes artesanais da carpintería de ribeira,  como o tarabelaxe ou o agargalado, co que crear un armazón de trazarías  nas que  enmarcar os vidros, intercalando interesantes complementos de forxa ou mesmo  exóticas molduras en cemento.

Edificio da Terraza sempre moi nas miras da sensibilidade e por algo e despois dun longo proceso de incoación, declarada Ben de Interese Cultural por Decreto 16/ 2020 de 30 de xaneiro, coa categoría de ben inmoble, monumento e conseguintemente delimitando a súa contorna de protección.  Deberan pois saber os poderes públicos, fundamentalmente os que a declaran, o que significa iso: a protección especial pola súa singularidade histórica, artística, técnica... Pois a Lei de Patrimonio Cultural da  Xunta de Galicia  8/1995 de 30 de outubro  implica a protección e a conservación constante por parte dos propietarios, así como dos poderes públicos comezando, polo máis próximo, o concello, a Deputación, a Xunta, que facilitarán axudas para o seu mantemento, así como á regulación do seu uso e desfrute, tamén o control de obras sen autorización, facilitar a visita... e xa vemos o estado da cuestión.

A Terraza de Sada, como a singularidade das galerías coruñesas , foron estudadas, reclamando a súa rehabilitación e revitalización,  polo especialista do  Modernismo coruñés, o arquitecto  e profesor Xosé Luis Martínez. Edificio construído como pavillón de recreo ou quiosco, demandas arquitectónicas xenuínas da ilustración municipal dos anos da Belle Epoque, como espazo de lecer, dedicados  a cafetaría-bar, a usos hostaleiros , os que,  entendemos, sempre deben acompañar a estas estruturas, como parte do  seu mesmo espírito. Espazos de moda nos anos do charlestón: no medio día para as sesións vemouth, pola tarde para os parladoiros de café e tabaco e no luscofusco  para as orquestinas, actuacións e baile... Xeralmente exóticos quioscos realizados cunha sensibilidade efémera, como neste caso, inicialmente de planta baixa e azotea, mirando ao porto, logo, polas necesidades de uso, sumando outra planta. Terraza  construída no 1912 sobre os xardíns do  terreo comido ao mar, o “Recheo” da Coruña, xardíns de Méndez Nuñez que abrían ao ir e vir da atracción que era o porto, arribadas, despedidas de grandes veleiros e fumegantes buques. Espello do dinamismo da cidade, do lecer, onde lucir a moda  e as ansias municipais e facerse ver os  novos arquitectos:  paseo de palmeiras, palco de música, monumento a personalidades, entre outras edificacións hostaleiras.  E velaí o autor a quen se atribúe a obra,  Antonio López  Hernández,  especialista no uso da madeira, combinada co vidro, mestre pois da galería.  Edificio que, entre o 1919 e o 1920, ao planificarse outra estrutura máis estable,  por compra, será desmontado e trasladado á avenida da Mariña de Sada, á beira da praia. Vila entón comunicada coa Coruña polo tranvía, en singular imaxe modernista. Momentos de reconstrución do edificio, a que queremos crer foi seguida polo propio arquitecto e na que á edificación se complementan engadidos: un soto baixo o areal,  que ademais de reforzar os alicerces, actuará de almacén, así como un módulo  traseiro para cociña e aseos. Suprimindo as escaleiras laterais exteriores, por unha central no interior, o que non deteriora a singularidade orixinal. Os vellos vidros planos, con imperfeccións que permitirían un certo escintilar, ao cabo dos anos foron substituídos.

Exótica demostración de saberes artesanais da carpintería de ribeira e vidro industrial

Quiosco da Terraza que  é exhibición de saberes tradicionais da carpintería de ribeira, sumando o vidro plano da mesma industria coruñesa do Orzán, en xogos xeométricos que buscan a diafanidade , a transparencia, a cor e a alegría. Estrutura complementada con elementos de deseño, en forxa, para farois, marquesina e mesmo parra.

A Terraza significou  punto de encontro, tanto na súa efémera vida nunha Coruña en efervescencia, como nunha  concorrida vila de Sada en tempo estival, para ser o seu representativo símbolo. O paso dos anos, o desenrrolismo desbordado arrimou a tan sensible edificación a estrada e conseguintemente a circulación e as vibracións, algo que incide nas estruturas e na conservación. Entendendo que o proxecto  de recuperación, require sensibilidade e especialidade artesanal, mantendo  a cor orixinal, avermellada, mostra do colorido inicial que tiñan  moitas galerías, en especial as deste arquitecto, Antonio López, como as de Ricardo Boán... algo que as normativas, ao cabo do tempo imporán ao branco. Tendo ademais en conta a cuestión de illar máis do tráfico a construción, permitindo a súa marquesiña,  en consonancia cun xardín, pérgola, emparrado . Estudando, ademais,  a iluminación nocturna exterior e interior, coas facilidades que dan as novas tecnoloxías.

E ao falarmos do Modernismo coruñés cavilamos no Museo da Cidade do Porto, pequeno continente nunha esquina da Praça de Carlos Alberto , creado co senso pragmático de recoller materiais de construción sobrantes ou  procedentes de desmontaxe, os que complementan a historia da arquitectura desta cidade, referente nos anos románticos e modernistas: azulexos, vidros, forxas, molduras, carpintería,  tellas, conducións, grifería... Sendo o Modernismo de Galiza unha importante fonte de artesanado que contribuíu ao florecemento desta arte. Onde arquitectos cunha sólida formación, embebidos na Europa do momento, souberon incorporar e reconducir ao  sorprendente artesanado, véxanse os deseños modernistas de barandas de balcóns de cemento, as que singularizaban edificacións, as carpinterías, as forxas... detrás das que está un taller, o nome dun artesán, dun deseñador e dun arquitecto.

O Modernismo coruñés singularizando as pautas da moda europea de entón

Os arquitectos, o coruñés  Antonio López Hérnandez ( 1879-1950)  e Ricardo Boán Callejas (Habana 1879- Coruña 1915) formados entón nunha Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid,  referente , son os que introducen na Coruña a nova sensibilidade. López Hernández , de mozo, foi arquitecto funcionario no Ministerio de Facenda de Sevilla, cidade fundamental no Modernismo hispánico,  pasando, de 1906 a 1908 a Pontevedra,  cidade activa, célebre polo artesanado e os círculos  culturais e,  pouco despois,  á Coruña, do 1913 ao 1932, como arquitecto do catastro, e no 1920 como arquitecto interino do concello, tratando dende aquí a  coordinar aos arquitectos de Galiza nunha asociación da que será presidente.. No 1944 instálase en Madrid onde falece no 1950. Na Coruña deixa  representativa obras, sendo antolóxica  a casa Arambillet, na praza de Lugo (1912), exhibición dos saberes e singularidades do arquitecto e do Modernismo. E o emblemático edificio da Casa Salorio,  praza de Pontevedra (1912), de catro pisos, os tres últimos con tramos amplos e en simetría de galerias emproando ás rúas . Edificación que é exhibición das novas trazas arquitectónicas, no 1925 ampliado por outro gran arquitecto como foi Pedro Mariño.. Na mesma Cidade Vella, Sinagoga 22 (portas Ártabras) ofrece un coidado interior, delicado traballo en madeira e, coma sempre un coidadísimo e singular deseño das portas exteriores e interiores.

19 NOVEMBRO 2025