Castelao, onte, hoxe e sempre en Galiza

Ampliar: Castelao por Ksado



Neste 2025 conmemóranse 75 anos da morte de Castelao, incidindo sobre a súa coherencia nacionalista, como escritor, creador ou político. Reivindicando o papel do Museo de Pontevedra, de Filgueira Valverde e de Carlos Valle en recababar a súa obra

Apúranse os días e os actos que pechan o ano 2025, dedicado pola Xunta de Galicia a Castelao con motivo do 75 aniversario da súa morte. Xornadas para o debate arredor do rianxeiro e do seu tempo, complementados cunha exposición virtual no Gaiás e mesmo no metaverso. Compre aproveitalo para desenguedellar a intensa coherencia do exiliado da ditadura na Arxentina, como nacionalista galego que foi. Teses as súas que arrancan e maduran as de Murguía, desenvoltas a partir da Teoría do Nacionalismo de Vicente Risco.

Momento para afondar nesas orixes nas que radica a orixinalidade, nun Risco, sempre no risco do  couto da modernidade, furando entre anxos e demos, para darlle corda de vangarda a aquel seu colectivo de diferentes, de inadaptados, de exquisitos raros que dirían os irmáns saudosistas portugueses, tipos Á Revours (Contrafio) ,1884, estetas, excéntricos, á moda do señor des Eissentes que novelou o parisino Huysmans...neste caso panceltistas, seguindo ao Gran druida dos celtas galos, Phileas Lebesgue, editor de Le Mercure de France, revista que reclama a colaboración dos creadores de Galiza.

Tempo para devolverlle o creto a quen puxo a salvo a obra e a memoria de Castelao, como foi o Museo de Pontevedra, centro que tivo entre os seus mesmos creadores ao propio Castelao e a aquel  seu alumno, activo irmán do Seminario de Estudos galegos, institución co ditadura espoliada e expropiada. Referímonos ao polígrafo Filgueira Valverde (1906-1996), que, anunciándose a guerra e seguindo a aqueloutro pontevedrés, da mesma cerna intelectual, Sánchez Cantón, arrímase ao franquismo,. Filgueira foi factótum na súa cidade e mesmo alcalde de 1959-1968, no 1944 colaborando a darlle unha saída ao devandito Seminario  de E. Galegos, mudándolle o nome por Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, vencellado ao centralista Consejo Superior de Investigaciones Científicas. O certo é que a obra fundamental de Castelao estivo e está á disposición do estudo no verdadeiro Museo Nacional de Galicia, que con esa mesma ansia naceu o Museo de Pontevedra, dirección de Filgueira continuada por Carlos Valle nun novo museo feito para museo, o 6 edificio do complexo de 7, obras comezadas no 2004 e inaugurado o 4 de xaneiro do 2013 e que levará o nome de Castelao.

A misión de Filgueira Valverde e do  Museo de Pontevedra na recuperación de Castelao

Filgueira Valverde fixo o indicible, por complementar a  inmensa obra de Castelao para o museo, estudala e espallala. Véxanse os Adral, editados por Díaz Pardo en Edicións do Castro, fondos editoriais hoxe de tristeiro futuro.  Filgueira e Valle atendendo e dando amparo a dona Virxinia Pereira, a viúva de Castelao, furando mesmo en coleccións privadas, aquí e no Alen Mar, mantendo a discreción, tomando nota onde aínda seguen os manuscrito de Os dous de Sempre e o de  As cruces de Pedra da Galiza.  Estudo este iniciado no Seminario de Estudos Galegos,1924 e que retoma par publicar ao final da súa vida, quizais  tamén como un símbolo, como o antolóxico discurso Alba de Gloria, para un 25 de xullo, Día da Patria Galega de 1948, onde a máis digna Galiza cabalga ao son das badaladas alboreiras da Berenguela compostelán. Museo de Pontevedra que afianza amizade coa persoa que, en momentos de soidade das irmáns de Castelao, Xosefina e Tereixa, coidounas, asesorounas e mantén o importante legado da casa de Rianxo, referímonos a Javier Baltar Tojo.

 Castelao, íntima obriga de Filgueira que non deixou de seguir e transmitir. Por exemplo, no 1976, nada mais morto o ditador apareceron no mercado case 200 debuxos de Cousas da Vida, incluso algún co selo da censura. Folios ofrecidos polo anticuario betanceiro Manuel Lousa. Filgueira estaba ao tanto, pero á administración  da Deputación Pontevedresa,  adiantouse Caixa Galicia de Santiago, máis áxil no pago  e que así  se fixo cos 175 debuxos, que publicou. Mesmo quen isto escribe, coñecendo a Lousa adquiriu dous debuxos. Ambos temas moi acaídos hoxe, cando os valores de uso se procesan para ser mercancía, O Árboriño e as estacas: primeira escena: plantaron un arboriño e protexérono con estacas/ Segunda: medraron as estacas e o arboriño murchou... e aqueloutro no que o pai lle di a un Castelao mozo:  Faite médico que enfermos non faltan nunca e resposta : e a conciencia?.

Nasa misión de recuperación da obra de Castelao por parte do Museo de Pontevedra servimos de testemuña tamén, como a Academia Galega , despois daquel fatídico e simbólico  abril do 1973 no que ademais morre Picasso, un incendio devora o Gran Hotel de Mondariz, enclave  de tanta historia para o  Romanticismo e o Modernismo galeguista. Espazos onde, dende 1917, o seu relacións públicas Cabanillas, atraeu a tantos intelectuais: Castelao,  Risco, Palacios, Asorey, Díaz Baliño...con parladoiros sobre ética e estética Galega. Onde Castelao ilustra a revista Mondariz, crea logotipos e mesmo pinta para o hall do hotel o tríptico mural de Os cegos. Entón Xoán Naya o arquiveiro bibliotecario, un dos que, dende a súa nenez e colaboración con don Cesar Vaamonde, Lores, creou fisicamente canto significa a Academia  (arquivo, biblioteca, legados...) xunto presidente Martinez Risco, conseguen aqueles murais para  unha Academia, entón xa instalada na rehabilitada mansións que fora da Pardo Bazán na coruñesa rúa de Tabernas 11. Ao cabo dos anos o presidente da Academia Xosé Ramón Barreiro Fernández combina coa Deputación de Pontevedra e aqueles murais pasarán ao Museo de Pontevedra. Alí, pois boa mostra do Castelao que dignifica canto atinxe á cultura galega,  a arte, a literatura, a  máis dos debuxos de guerra, os albumes de Atila en Galiza, Milicianos e Galiza Martir, tamén o manuscrito  “Co pensamento en Galiza” que, no 1944  publicaríase  en Bos Aires como Sempre en Galiza. Coleccións de acuarelas, guach, onde se ve ese realismo máxico, tan cargado de simbolismo decadentista, onde a árbore é icona por excelencia: raiceiras afundidas no caos terreal, seguida do camiño e ascese na busca da luz, as ramas e follas da esperanza... véxase a portada de Nós: símbolo que, buscando relacións, sigue os presupostos da deseñadora irlandesa , ilustradora  das obras de  w. B. Yeats, Althea Gyles. Árbore, tan céltica como cristián, a mesma cruz é Arbore de Redención...E os Debuxos de negros, dun Castelao en New York, atoutiñando entre as incertezas do  exilio, identificándose cos colonizados, entre o frío invernal e os rañaceos, refuxiándose nas tradicións, nas danzas.

E a misteriosa pintura sobre papel, a que Castelao  entrega ao Otero no 1947, ao despedirse del nunha viaxe a Bos Aires:  a que representa un vedraio castiñeiro con gatos aforcados das ramas e unha escada. Tema inspirado nunha estampa  de Callot, sc. XVII,  con homes aforcados...  A árbore símbolo do espírito do pobo, o volksgeist; os gatos, que a teósofa Petrova Blavatsky  identifica coa sabedoría, o misterio, a cultura... e a escada, o camiño...

A ausencia de obra e lembranza de Castelao nas institucións que o rianxeiro impulsou

Obra de Castelao que a Xunta de Galiza, a instancia e insistencia da entón parlamentaria do BNG Pilar Garcia Negro, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por resolución de 23 de decembro de 2011, declara  Ben de Interese Cultural inmaterial, sobre a base do seu valor simbólico e do interese como vehículo de concienciación e afirmación da identidade galega.

Dende a Fundación Castelao compre ter en conta o meritorio traballo de Miguel Anxo Seixas Seoane respecto á catalogación, estudo e actualización do estado da cuestión da obra de Castelao. Pese a todo Castelao sigue ausente en boa parte dos museos de arte galegos, sen políticas de  inversión . E o peor ausente no Parlamento de Galicia, na Presidencia da Xunta, que é onde aquecía, como na Universidade... ao menos a reprodución da Derradeira lección do mestre . Iso si, non faltan cabosdano no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres... e o concello de Compostela determinou darlle o nome de Daniel Castelao á nova estación intermodal.

 E  nese enguedello de memoria e esquecementos, a do leal sucesor de Castelao, Presidente do Consello de Galiza no exilio, Antón Alonso Rios (1887-1980), no nicho do Panteón Galego da Chacarita, agardando o retorno á Terra que defendeu.

27 NOVEMBRO 2025