A escura Galiza dos monstros: do Vakner e Orcavella ao Urco ou ao Lobishome

Ampliar: Escultura do Vakner, Dumbria. Escultor Cándido Pazos



A Galiza das negras sombras que nos asombran, extremo occidente de chuvias e brétemas, onde se cree que habitan monstros para contos de cerna céltica, de lareira e de camiño. Fonte de inspiración levada a gárgolas, misericordias, canicelos, á arte

Galiza, cabo do mundo, país barroco que quere dicir de contrastes, de negras sombras que asombran e de luces, con arrecendo a incenso, a xofre , a cinamomo e a loureiro,  entre o que andan anxos e demos e nos que nos detemos aquí.

Dise que o mundo céltico, os outros dos romanos, caracterizábase pola tendencia ao escuro, ao misterio da noite, ao caos demoníaco.  Considerando a Luz como o camiño cara á harmonía cósmica, representada por xeometrías. Ben aproveitou a cristiandade tanta simboloxía

Mundo escuro, caótico, que se cree habitado por monstros. Imaxinario de herdo oriental, sumerio, o que retomaron os gregos, creadores de Cerbeiro, de ciclopes, centauros, sereas, gorgonas... Así como os etruscos, celtas sendo propensos á zoolatría, á representación e veneración ás serpes, aos verróns, ao lobo, os golfiños, o corvo, o galo, as palmípedes... símbolos totémicos. Así o cavilaban os románticos e modernistas galegos, seguindo a Ora Marítima do latino Rufo Festo Avieno, sc, IV, os que sitúan no extremo occidental de Iberia aos oestrimnios,  pobo  invadido pola tribo céltica dos sefes (identificado polas serpes)  para  pasar a ser Ophiusa (terra de serpes). Asunto  que crea a súa mitoloxía.

Pois velaí a reiterada representación en Galiza de criaturas monstruosas que brotan da natureza, decorativamente reinterpretados na arte, os  Green Man. Confín do rico imaxinario que mostran os canicelos e as gárgolas, vexase o mostrario representado baixo o aleiro do mosteiro compostelán San Martin Pinario,  cara ao Val do Inferno,  ou na mesma cimentación do Pórtico da Gloria, o que significa esa ascese que vai da escuridade da cripta, ascendendo, creando monstros, ídolos, a palabra para trunfar coa música interpretada por 24 anciáns... e sobre deles a cosmogonía do rosetón, orientado, para que a luz do solpor se peneire e se esfachique  sobre o altar, no oriente. Como nas estelas galaico-romanas, divididas en tres partes que simbolizan o caos, a ascese e na cima o cosmos.  Velaí tamén o suxestivo repertorio de monstros e maxia recollido nas misericordias do cadeirado do coro alto da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova, sc. XV, dignos de ilustrar o tema.

Onde se conxuga o real coa fantasía de crear un rico imaxinario de anxos e demos

A inmensidade do océano, onde se deita o sol, faise propicia a inspirar monstros, xa o fan os mariñeiros entre a soidade do ceo e do océano, ollando  peixes,  crustáceos como arañas, cefalópodos, xigantes cetáceos, hipocampos... Nos mapas antigos a parte misteriosa do océano, a carón dos símbolos da Rosa dos Ventos,  complementarase co símbolo de serpes, sereas, homes mariños, o bíblico dragón Leviatán, que cuspe lume e se asocia co Demo.

Non son menos os monstros terrestres, dos que ben saben os labregos e gandeiros: deformadas cobras, lobos, osos, lagartos, sapos  aos que mesmo lle porán corpo de homes e mulleres, de cores, escamudos,  guedelludos, con aletas e ollos ensanguentados, fuciñudos, deixando asomar linguas bífidas, cairos que non caben na boca, ás veces con alas de morcego e detrás a reviravolta dun rabo rematado en aguillón... A malévola muller ra, o home sapo, home  vaca,  versus a  benévola femia cerva branca ou o lobo branco... O monstro da Coca, o impenitente Meco, felos, homes do saco, sacauntos, zugasangues... con nomes e historias propias, Xan Quinto , Xan Soldado, Pedro Boteiro, Xan Moxico, entre tantos  outros.

Urco, Baluro, Perexo, Centulo, Demanchiño,  xeitos de personificar ao demo, sen faltar os seus servidores, o Olláparo,  como un Polifemo, Maria Dura, María Manta, Ana Manana, Maruxaina, entre maliciosos  caciques, trasnos, diaños burlóns. Habitantes das fragas, de pozos e covas, a Cova da Serpe, a Cova da Loba, o Puzo do Inferno... E si hai servidores infernais tamén os hai celestiais, como as mouras ou moiras, en relación coa memoria, dando consellos, como as xianas ou xoanas, lavandeiras...respectadas e temidas, sen faltar nefastas lurpias e lamias.

As aventuras e desventuras do camiño, sorteando o ben e o mal

Monstros de contos para as sombras das noites de lareira, de farol na andaina, entre o chuviñar e a brétema, baixo a lúa en amorío cos nubeiros e todo coutado pola aura de enigmáticos pasados. Universo do que tamén tomarán nota os santeiros e imaxineiros, para representar santos e santas, símbolos do ben, pisando ao Demo, a un monstro.  Velaí ao San Xurxo , como un cabaleiro Artúrico; ao arcanxo San Miguel, a San Batolomeu, Santa Margarida e Santa Marta... Santos avogados e curandeiros do mal, do tarangano, o enganido, a erisipela...

Cousas propias dos países da néboa, os de herdo céltico, nos que se catequizou entre  o temor. Para no primaveral tempo do entroido, o dos ritos ceibes, de iniciación e pasaxe, os mozos e mozas interpretarán máscaras, monstros que saen do monte en forma de oso, de touro, morena para invadir o mundo procesado e corrompido da urbe.

O camiño ofrece aventuras e desventuras,  como lle pasou a Teodoro e Atanasio na Traslatio levando o corpo morto do Apóstolo Santiago, na barca de pedra,  despois nun carro  tirado por touros domesticados, aconsellándose da Raíña Lupa, vencendo ás serpes do Monte Ilicino.

O Vakner dos bosques de Dumbria e a vella meiga Orcavella en Fisterra

Nos camiños dos montes do confín, como o Corzán, o Pindo, entre a espesura das súas fragas e cara ao solpor que traga o mar, arrieiros, peregrinos, pegureiros, din ver a monstros. Como lle aconteceu ao trotamundos, bispo armenio, Martiros, no 1491, cando despois de visitar Compostela, sigue cara Fisterra e nas fragas do Xallas, conta avistar un monstro que chamará Vakner. Asunto ben aproveitado nos nosos días polo concello de Dumbría para erguer unha interpretación de tal besta, en bronce, obra de Candido Pazos. Encrucillada aquela na que non falta, esconxurando medos, un vello cruceiro. Algo similar acontecería despois e xa no cabo Fisterra, no misterioso Monte das Antas que o coroa, onde a tradición pon a tumba de Orcavella. Como da conta o viaxeiro navarro Julián Íñiguez de Medrano, na súa obra  Silva curiosa 1583, que chegando a Fisterra escoita a noticia que entre unhas penedas orientadas ao mar e cara ao occidente ten sepulcro a maldita Orcavella  “... bárbara, vieja, fea y cruelisima, como un demonio, la cual siendo gran encantadora y muy experimentada en las artes mágicas, fue tan severa y enemiga mortal de los hombres y mugeres, que aquel monstruo de la natureleza persiguío cruelmente  a este pobre Reyno de Galicia con sus artes diabólicas... transformándose en diferentes formas y que viviu ciento sesenta e seis anos, farta de sangue humana...”  e prosigue escribindo que encantou aquelas pedras que escolleu como tumba, construída coa axuda dun pastor enmeigado, co que se deitou para, logo, deixarlle caer derriba unha lousa e rodealo todo de cobras e que os pastores aconsellan non acercarse por quedar tolos, rabiosos e intoxicados... pedras que rodearon de epitafios avisando aos peregrinos “quien passare este agujero/ nunca passe el año entero”.

Seguen as historias de terror, na metade do sc XIX, o caso do arrieiro veciño de Esgos, Manuel Blanco Romasanta, o home lobo, un caso de licantropía que arrepiou ás terras ourensáns, novelado por Carlos Martinez Barbeito en El bosque de Ancines (1966) e levado ao cine.

Sen faltar, contra o mal, libros de exorcismos e esconxuros, grimorios, como o célebre Ciprianillo,  atribuído ao  mago San Cibrao de Antioquía, con páxinas para ler e desler,  arremedando ao demo. Recomendando amuletos, figas, allos, cornos de vacaloura para espantar o mal, co bo agoiro de escoitar o canto do cuco, ou o mal co ouvear do can, o canto da curuxa, do corvo...e o tanxer das campas para espantar demos. Educados nas andanzas do Rei Arturo, facendo ben e esconxurando demos, tamén por Galicia.

Sobre canto vimos dicindo é meritorio a obra de Cuba, Reigosa e Miranda,  Dicionario dos Seres Mitolóxicos de Galiza, 1999, a que abre a este inspirador e inacabado escuro mundo.

3  DECEMBRO 2025