O misterio e a realidade do simbólico Ex Libris de Castelao

Ampliar: exlibris de Castelao, 1915



Castelao seguiu o sentimento simbolista decadentista, coñecedor das propostas teosóficas da Balvatsky. Velaí o seu exlibris: a caveira, centro dos sentidos e do maxín; o dragón gardán do misterio que turra dos ollos e a moza que turra dos oídos...

Detrás do pseudónimo de Mark Tawain está o estadounidense Samuel Langhorne Clemens (1835-1910) oriúndo do Cornualles céltico, intensa vida de trotacamiños, temoneiro de vapores por un Mississippi que coñecía como a palma da súa man, mineiro, xornalista e , iso si, antiimperialista e anticolonialista. Caracterizado, no discurso e na escrita, polo seu enxeño para o  humor e a sátira  e con obra máis coñecida, hoxe por ser levada ao cine, As Aventura de Tom Sawyer. Gustoso polo mistérico, de inspiradoras frases filosóficas, como que a orixe secreta do humor non é a alegría, senón a tristura ou que no ceo non hai humoristas, alí non compren. Sentir que Castelao fai seu para encetar o seu libro Un Ollo de vidro, Memorias dun esquelete  (1922) coa frase de Tawain que di debaixo do humorismo hai sempre unha grande door; por eso no ceo non hai humoristas. Pois velaí  que o rianxeiro sempre estivo interesado no seu mundo para aproveitar o que sirva para si e para Galiza. Proba ademais dunha súa ansia pola dialéctica, de enfrontar a contrarios, o que tanto se pon de relevo en Galiza, onde a vida e a morte se conxungan nos adrais, na simboloxía do cruceiro, nas aventuras e desventuras dos camiños. E a caveira como un núcleo de pasados e futuros, á forza lembrando a meditación de Hamlet, o ser ou non ser sobre o cranio do seu amigo, o divertido Yorick, o bufón do rei. E a caveira centrando o ex libris de Castelao, realismo máxico.

Como se sabe un ex libris é a estampa ou selo que identifica a propiedade de cada un dos libros, a marca que adoita poñerse no reverso da cuberta. Deseño pois moi estudado, tratando de compendiar as ansias espirituais do bibliófilo. Castelao, tan afeccionado a esculcar no ser humano, non soamente é o autor do seu propio ex libris, mesmo agasallou a amigos con algúns debuxados por il. Véxase o do seu alumno e activo compañeiro no Seminario de Estudos Galegos, ao que tamén se lle encomenda a Dirección do Museo de Pontevedra, o  polígrafo   Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906-1996). Debuxo que reproduce a escena do coroamento do arco de entrada ao recinto do mosteiro de Armenteira e na que se ve ao abade Ero de xeonllos,  tras a árbore o paxariño que o mete nun soño de 300 anos e diante a imaxe da Virxe María co Neno. Tema da cantiga 103 de Santa María, de Alfonso X o Sabio, aplaudida tese de mocidade de Filgueira, publicada en Nós (setembro de 1925). Ou esoutro, o que Castelao fixo para outro daqueles entón  prometedores mozos, anos, próximos ao 1922 o de Francisco Xavier Sánchez Cantón (1891-1971), figura imprescindible na edición do álbum Nós, estudoso da arte hispánica, e que representa a imaxe sedente do patriarcal Santiago.

 E como non, o Castelao que, parte do Romanticismo de Murguía e Rosalía, que pasa pola mocidade troiésca compostelán e que  vive profundamente a confluencia de ismos do modernismo, imbuído daqueles ventos de mudas, elabora o seu propio ex libris.

 O pesimismo liberador de Castelao , a sedución a través do humor

Ex libris de Castelao que aparece  na edición do álbum Nós, publicado no 1931, traballo, como di no prólogo, realizado entre os anos 1916 e 18, dende un pesimismo liberador. Tamén o Museo de Pontevedra conserva un apunte esquemático do mesmo. Debuxo caracterizado pola didáctica, algo fundamental en canto fai Castelao: liñas esenciais, o que se aprecia na simbólica imaxe do dragón  a que se podería recargar de escamas, alas, rabo, cornos e outro elementos imaxinarios, si ben simplifícase. Do mesmo xeito a silueta da muller espida. Mensaxe  puramente escenográfica, aberta ao criterio do espectador, o que observa que hai catro sobranceiros símbolos: paisaxe, caveira, dragón, ollos, moza e oídos, cuadratura simbólica.

Ao respecto do devandito, Elvira Roiz, en Nos Diario(25 de xullo do 2025) publicou un interesante artigo Algunhas chaves para entendermos a Castelao. O seu ex libris. Asunto do que aquí partimos para abundar en semellantes tesouros ocultos, aumentando sobre o espírito simbólico decadentista que envolve ao rianxeiro e a súa xeración, teosofía por medio.

O ex libris deseñado por Castelao para si mesmo, resume as súas querenzas na cerna dos anos do Modernismo, polo 1917, cando Peinador Lines, seguindo a tradición familiar, reúne no seu Balneario de Mondariz á intelectualidade, máis dende que nomea como relacións públicas a un inquedo Ramón Cabanillas, voz lírica das Irmandades da Fala. Anos nos que o rianxeiro, xa coñecido como debuxante humorista, dubida sobre a súa profesión  velaí a Cousa  na que o pai lle di ao fillo faite médico que enfermos non faltan nunca e responde o fillo e a conciencia?. O mozo médico garda o título nunha gabeta e no 1916 oposita e consigue praza na delegación do Ministerio de Fomento do Instituto Geográfico y Estadístico dunha Pontevedra efervescente culturalmente, a de Lousada Dieguez, de Bóveda, de mozos preocupados polo futuro de Galiza e na que tamén dará clase de debuxo no instituto de bacharelato.

  Ex libris rectangular, como escenografía teatral modernista, tamén  con herdos de distintivo heráldico, propio para un  ser diferente: de fondo un raiado cambiante, de pegada dixital, que nos remite á natureza,  montes ou nubeiros  en devalar. Arriba a cartela aclaratoria  ex libris  Castelao, xa coa tipoloxía de letra gótica galega, abaixo, no extremo esquerdo, sobre un chan escuro pousa un dragón con corpo de león que alonga  a súa gadoupa esquerda sobre o cranio da caveira que centra a imaxe. Representación de besta con longo pescozo de cisne, orellas apuntadas, de diaño, cabeza e pico de corvo, co que amarra os dous ollos da caveira, como axóuxeres, ambos unidos por unha liñas que diverxen entre os dous baleiros ocos oculares da mesma. Sobre o parietal erguese unha espelida moza espida, en contraposición ao sedente dragón,  que fai forza e, en diagonal, tira coas súas mans doutras dúas liñas, as que, neste caso parten de cada unha das temporais, correspondentes cos oídos. Muller, en canto ao moda do peiteado, garçonne, propia da Belle Epoque. Desas mozas, case anxos, que semellan voar. Vexase na portada da revista Mondariz a que ergue ao ceo o Grial e sobre del a estrela; como no Álbum de Guerra, Atila en Galiza  a imaxe da  moza que, pola contra, se lanza ao baleiro : Denantes morta que aldraxada. A muller na arte galega, símbolo da Nai, da Terra, do futuro.

E no fondo a teosofía, a sedución a través do rico imaxinario da tradición galega

A vida e a obra de Castelao  inscríbese na trindade da singularidade do ser humano, da súa cultura e da súa Terra, dignificando  e anovando  as tradicións, o idioma e a arte con zume de terra e celme de tradición. Busca dunha linguaxe iconográfica e dunha arte con orixe, con orixinalidade. Influencias e confluencias decandentistas coincidentes e espalladas polos seus exquisitos compañeiros da Xeración Nós. Primeiros anos do século XX, cando a teosofía propagada por Helena Petrova Blavatsky inzaba parladoiros intelectuais,  sendo fonte de inspiración, furando no escuro, no misterio, pescudas para as que Galiza ofrecía un universo e que  animaba a aqueles mozos contrafío, diferentes, inadaptados, A´revours, tal como  propoñía Joris Karl Huysmans. Seguidores dos poetas malditos, Baudelaire, Verlaine, Wilde, D´Annunzio... Misticismo que acaia cos principios panteístas, simbólicos, orientalistas que dicían de herdo céltico. Asuntos dos que se falaba nos parladoiros ourensáns da Marquesa de Atalaya Bermeja e de Rey Soto, nos que participan Arturo Noguerol, Rodriguez Sanjurjo, Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo  creadores dunha revista para estes contidos La Centuria (1917-1918), base para, avanzar, galeguizarse e europeizarse en Nós. Na Pontevedra  de 1916, o círculo teosófico dos Pintos Fonseca, terá moita importancia, mesmo Valle- Inclán, os  Otero Acevedo participan e toman nota en canto significa a busca do espírito persoal e do pobo, a través das Ciencias Ocultas, interpretando lendas, mitos,  buscando a un tempo a  fraternidade Universal. Fanse patentes os vencellos ideolóxicos co panceltismo, coa experiencia irlandesa, pobo en loita pola súa liberación, cos presupostos de Willian Butler Yeats, e a súa Golden Dawn (Aurora Dourada)  e coas inspiradoras ilustracións simbólicas no misterio celta de Althea Gyles.

Así pois no ex libris de Castelao, interpretamos que nesa paisaxe en devalar, de curvas e contracurvas, a caveira significa o inevitable centro vida-morte/ pasado, presente, futuro, o ciclo iniciático, preludio de renacementos, reinado do espírito,  centro de mando do corpo e alma. E esa diagonal que arranca do ras de chan, onde manda o dragón, gardián de tesouros escondidos, cérbero dos ollos do corazón, do misterio, do herdo céltico, das orixes. Namentres  a moza soergue dende o cranio para tirar do que escoita, alborada de futuro.

15  DECEMBR0 2025