Vilancicos galegos haber hainos, máis beben y beben y vuelven a beber...

Ampliar: Nadal, debuxo de F.Senén



A Galiza, tan de base cristián foi creadora e de antigo de música e cantares como os de escarnio, maldicir, de amigo...así como cantos de nadal, aninovo, reis, vilancicos, panxoliñas de base popular como culta... Maishoxe pode a forza do consumo

Ano 2025 que se vai, dedicado pola Academia Galega ás cantareiras e aos seus cantares, entre os  que non deberán faltar os do tempo do Nadal. Datas nas que a Xunta de Galicia declara Ben de Interese Cultural, coa categoría de patrimonio inmaterial, a música e o baile galegos, Mais alí por onde vaia, xa sexa nos plasmas da casa, no mercado, pola mesma rúa os sentidos se sobrecargan e enganan  con cebos comerciais azucrados luceiros e aburridos retrousos musicais.

Tempo de Nadal no que se expón o que significa unha árbore de fondas raiceiras e verdecentes ramas erguidas cara á luz, as que darán flores que se converterán en froitos con sementes. Árbore da vida, das tradicións, que se adorna e se sofistica coa oferta do mercado até disfrazarse e perderse o poético símbolo. Tempo cargado de esperanza, de paz,  que é o que se desexa e se canta,  no que tamén se denota o estado da cuestión cultural de Galiza, a que tantas tradicións ten que ofrecer para este tempo que celebra o solsticio de inverno no hemisferio norte. Festa que os románticos anglosaxóns de herdos célticos e viquingos recuperaron como Imbolc,  que significa no embigo do calendario, cristianizada como o Nadal, onde se celebra a vida, o nacemento, a leria retranqueira dos Santos Inocentes, a luz coas fogueiras da noite de San Silvestre, papa curandeiro, autor de exorcismos contra os demos e as súas oficiantes, meigas e magos. Nadal é tempo  máxico, de Magos, en Galiza da tan celebrada Epifanía: a dos tres reis magos que seguen a estrela cara ao Oriente, como os peregrinos camiño de Compostela, cara ao Occidente. Tampouco faltan entre o panceltismo homes e mulleres do saco,  que saen do misterio sombrío do monte, mediadores de trasnos e fadas para dar cumprimento aos desexos dos nenos, tal como o bandulleiro, bonachón e xeneroso Apalpador ou Pandigueiro, como un Papa Noel ou Santa Claus. O Nadal é o tempo da nenez, a celebración dun inicio esperanzado. E ben compre neste tempo comercialmente procesado.

A Galiza das cantigas, tamén o foi de vilancicos e panxoliñas...

Ambiente con banda sonora de cantos de Nadal, documentado dende o sc. XVI, e mesmo coidamos que dende antes, cando os Autos Sacramentais animaban as catequeses nos templos. Cerimonias envoltas entre músicas e cantares de vilancicos, panxoliñas, nadais, cantares de aninovo e reis. Algo propia da Galiza dos camiños, da peregrinación, das catedrais, dos mosteiros, das parroquias e ermidas, a que ergue ao ceo cruceiros, como arbores que na cima florecen coa cruz, estrela que tanto celebran a morte como noutra cara á Nai, á vida. Confín de encrucilladas e portos, de pardas e fondas, de liturxias, festas e romarías e que no Pórtico da Gloria celebra a 24 anciáns músicos, como trunfo da civilización. Non pode ser doutro xeito en confín tan panteísta, onde se sabe que a música é a linguaxe da alma, dos anxos, materialización etérea, linguaxe universal, unha das claves para entender o devalar do tempo e máis nestes confíns de trunfo do Románico, onde se soubo de principio o que significa o canto gregoriano e o seu paso á polifonía a que nos pon en contacto coa natureza, coa  eternidade do cosmos e co sobrenatural. Terra pois de homes e mulleres creadoras e cantoras de cantigas de Santa Maria, de escarnio, maldicir, de amigo, así como de cancións de vilanos (vilancicos) e pange lingua (panxoliñas, arrolos propios de anxos). E cun inmenso repertorio orixinario de todos os tempos e non tanto distes nosos, nos que, pese a tantos músicos, non se lle da por seguir na tradición musical do tempo de Nadal.  Iso si, caemos na reviravolta do y beben  y beben y vuelven a beber ou nesas tantas versións do tamborilero, da campana sobre campana ou de el burrito sabanero...que mesmo sepultan ao celebérrimo e tan influínte Adeste fideles ( 1743) ou ao austríaco Noite de Paz ( Stille Nacht, 1816) do organista Gruber e escrito por Mohr, dende o 2011 Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Existindo en Galiza tantas letras e músicas populares e cultas para cantos de Nadal, mesmo influenciadas polo dar e tomar das andainas arrieiras por León, Castela, Andalucía... estrofas de  catro versos ou pouco máis, sen faltar as de gaita galega, eisasílabos ou oitosílabos. Músicas inspiradas no son das campás, no ritmo da andaina, no asubío do vento, da neve levado a arrolo... cantares cargados de humus, de  fondas raigañas tradicionais, con arrecendo a fume de aldea, a lareira, a paisaxe e paisanaxe, a estrelas e  ao nacer, as que falan do camiño, de Belén, esa aldea que tentamos reconstruír idealizada, reino da Paz, paradoxo do noso tempo onde se aniquila aquela Terra Santa. Así cantamos o nacemento baixo as estrelas, o San Xosé cavilando, apoiado no seu caxato, a mula coméndolle o sombreiro... María arrolando ao neno...as estrelas a iluminar camiños, a pastores, magos, lavandeiras, todos orientándose. Ambiente de irmandade parroquial, de grupos, reino da fantasía, dos nenos, como así foron recollidos por artistas en Galiza, como os escultores Failde, Baltar no seu  Belén de Ourense, os como os pintores Vilar Chaou ou Prego.

Cantares que noutrora unían aos nenos neste tempo de Nadal e máis aínda na véspera da festa dos Magos,  nun esforzo coral, para ir polas canellas, os rueiros, de porta en porta, acompañados de pandeireta cunchas ou botellas de anís, cantando tradicións e pedindo un aguinaldo que non se negaba: Cantámoslle os reis do kikirikí...se non nos dan nada ímonos daquí!!

Os cánticos e músicas, a mesma musicoloxía, esencial á cultura galega

Igrexas de Galiza que desestacionalizaban os encontros festivos, onde noutrora non faltaba órgano nin organista, animando e recreando sobre as ancestrais tradicións musicais, seducindo nos misterios. Agora nun momento crítico onde nin se ensina a tocar o órgano ( de momento agás no Conservatorio de Ourense), nin os poderes públicos crean bulsas estimulando a seguir coa tradición de darlle vida á arte.  Tema de pescudas musicais, musicoloxía e músicos que tiveron apoxeo nos anos modernistas, como as pontevedresas de Castro Sampedro, as do lucense Bal y Gay, cando nacían as corais galegas,  pódolle musica, dándolle voz  e dignidade ás tradicións galegas Alégranos agora que Carlos Nuñez, como  Luar na Lubre, Guadi Galego ou Antía Muíño sigan a tradición, como noutrora foron Fuxan os ventos, o inmenso traballo de Mini e Mero dende A Quenlla, de Xoán Rubia, como mesmo fixo Xoán Pardo, Ana Kiro...e máis debera haber, animados por escritores que ensarillen as tradicións.

Filgueira Valverde estudou o tema, divulgouno tamén, como fixo con tantas tradicións festivas galegas, as que mesmo tiveron escenario en Pontevedra. Lembramos igualmente o esforzo de X. María Álvarez Blázquez en recoller e levar a súa Editorial Castrelos letras desta literatura popular, anónima, ramallo vizoso dunha albre secular...  Cantares recollidos en aldeas, de voces gastadas, de facianas topografadas en ledicias e tristuras e que divide en  cantos, romances, panxoliñas arrolos, petición de aguinaldos, despedidas.... de Noiteboa e Nadal, Aninovos, xaneiras e manoeles, sabendo que o primeiro día de ano celebrase ista festa que pon nome a tantos Manueles e Manuelas de Galiza, como as dedicadas aos Magos, sen faltar as alusivas á fuxida a  Exipto e ao Neno perdido... o fin catequético estaba detrás, como o clásico latín, aprendido en seminarios, como foi o de Mondoñedo, fundamental para canto significa a literatura e a poesía galega. E como non a teses do musicólogo, profesor na universidade de Compostela, a quen tanto se debe, autor de Los villancicos gallegos de la Catedral de Mondoñedo, o rico repertorio musical que gardan os arquivos catedralicios, como ben sabía o sempre lembrado padre Calo. Pois a Belen vinde pastores co sombreiro de palla...

26 DECEMBRO 2025