Meigas, magos e a antiga maxia do Nadal Galego
Galiza, confín do Mundo Antigo,considerado como país máxico, de magos e meigas, tan propensas ao sobrenatural. Onde se celebra aos Reis Magos, terra de Prisciliano, de astrólogos, curandeiros perseguidos pola Inquisición, base do realismo máxico
Galiza, cabodomundo que emproa ao océano que se dixo dos atlantes e que ao seu setentrión limita, mar por medio, coa illa das maceiras e das fadas, a céltica Avalón, a onde se di Xosé de Arimatea levou o Grial. Renovada odisea oriente-occidente, como a que recorreu a Pedra do Destino e Breogán. Galiza, berce do solpor, onde aniña a noite, labirinto no que as cousas que nunca existiron puideran facerse posibles. País pois das marabillas, inseparable da maxia, a que se di Galiza Máxica, a dos magos e das meigas, a que ofrece espazos considerados sacros, sobre o que asoman altares. Terra de montes, fragas como templos para o devalar das luces en xogo coas sombras, entre árbores centenarias, onde asoman penedas de formas estrañas e se abren covas e fontes nas que reunirse as mouras e as fadas, onde se erguen torres, templos, pazos habitados por fantasías e maxia. A maxia, resposta a tanto por descubrir, onde aínda non entra a razón, fonte de inspiración. Confín onde se leu un libro moi popular O libro Magno de San Cibrao, Tesouro do feiticeiro, máis coñecido popularmente como O Ciprianillo e que, interesadamente se atribúe a San Cibrao de Antioquía, o Mago. Paxinas escritas, ao cabo de moito tempo, por diferentes aportes, integralmente misteriosas e que abre a outros libros, grimorios, de exorcismos, novenarios axiografías que tiveron autor e imprenta nesta terra. Considerado e mesmo titulado libro máxico, mistérico, por autor, tempo e contidos, catón inicial para a maxia, aprendices de magos e meigas, que ofrece remedios, oracións, exorcismos, páxinas que se convidan a lelas ao revés, como as que introduce aos secretos da maxia, como desencantar tesouros, engadindo un listado inmenso e inacabado sobre os sitios dos existentes en Galiza, algo que entoleirou e fixo medrar a moitos buscatesouros.
O escritor irlandés dos anos do Modernismo Willian Butler Yeats - enchoupado no fantástico, inadaptado, diferente que iluminou de celtismo non so a súa terra, senón mesmo ao occidente atlántico na irmandade das brétemas, como á Galiza da Xeración Nós - asentaba que toda arte é soño, fantasía, como furar por un labirinto, desafío, ascese, odisea, entre meigas, magos, feiticeiros, fadas, trasnos, señas, fantasmas, princesas, reis, anxos, diaños... xogando a apostas, a encantamentos, a alentos máxicos, exorcismos, a metamorfoses sobrenaturais. E dicía Yeats da súa paisanaxe irlandesa, tan de cerna céltica, como podiamos dicir dos de Galiza, que cada un deles ou delas, si afondas, atoparás unha ou un visionario.
Furar nese mundo escuro da maxia e meterse entre anxos e demos, entre o ben e o mal, nun escuro universo cheo de códigos simbólicos, de remedios, herbas, unturas, rituais, animais sanadores... Entre tantos poderes ruíns, tamén existen templos e formulas para esconxuralos, reliquias e amuletos para apartalos, o allo, o visgo, o loureiro, o bieiteiro, os cornos de vacaloura, a figas, os cairos de xabarín, do lobo... o son das campás, diferente cánticos, oracións, a cruz de Caravaca. Elixires, filtros de amor ou desamor, feitizos, rituais de palabras, con cruz e coitelo, velas coutando o mal... E sempre a fogueira, a auga bendita
A maxia, a arte de combinar co sobrenatural
País con devocións a un amplo e inspirador repertorio de santoral, con propiedades de magos e meigas, domesticadores de bestas, esconxuradores, como caciques-mediadores entre os poderes infernais e os celestiais, tirando á bruxería cando se achegan máis aos poderes infernais ... E todo arredor dunha aura de códigos que enlazan realidade con fantasía. Berce pois do tan sedutor realismo máxico. Mentalidade máxica que non é nin relixiosa, nin filosófica, nin científica, nin artística pero que toca a cada unha delas.
A maxia, algo que comporta certa mística, coñecemento de sortilexios, da nigromancia a habilidade para contactar cos espíritos dos defuntos, para animar o inanimado, con singulares saberes, rituais e sitios...a maxia require a súa escenografía, coa ansia de provocar e incitar os cinco sentidos, a intuición e o saber
Risco, Julio Caro Baroja, máis modernamente Mariño Ferro afondaron neste mundo no que Galiza ten tanto que ofrecer e sobre o que re-crearon literariamente Xosé María Castroviejo e sobre todo Álvaro Cunqueiro, ambos autores de crónicas como “Viaxeiros polos montes e chemineas de Galiza”, anovadores de vellas tradicións, abrindo camiños e alimentando a creación. As pinturas negras e os gravados de Goya beberon moito no devandito, como ao cabo do tempo fixeron Laxeiro ou Quessada furando nas escuridades do espírito.
Occidente onde representar, máis e mellor que en ningunha outra parte, aos Magos, camiñantes de Oriente, cara o lugar dun nacemento, como os peregrinos, os que, tamén guiados pola luz celestial das galaxias se dirixen a unha tumba: o berce dos Magos e a tumba dos peregrinos, como oriente-occidente, día-noite, a vida-morte. Galiza patria do mago Prisciliano, do bispo mago e nigromántico Pedro Muñiz, señor da misteriosa torre de San Lourenzo de Trasouto e que alá polos anos finais da construción do Pórtico da Gloria tiña o don da ubicuidade, de misar a un tempo en Roma como en Compostela... e baixo o Pórtico enterrouse. Confín de Magos e meigas, como ben describiu o romántico compostelán, arquiveiro da Deputación Provincial da Coruña, emigrante e redactor dos Estatutos do Centro Galego de Bos Aires, Bernardo Barreiro de Vázquez Varela no seu libro Brujos y Astrólogo de la Inquisición en Galicia y el famoso libro de San Cipriano (1885 talleres de La Voz de Galicia). Obra na fai un recorrido por corenta procesos da Inquisición dos século XVI e XVII, nomes de clérigos, de nobres, mesmo astrólogos, sabios como xentes do común, posuídos con dons do sobrenatural, como María Soliña, o irlandés Patricio Sinot, o fino bruxo ilustrado, catedrático de Retórica en Compostela, astrólogo. Así como o marqués de Camarasa, Magdalena das Pareiras... persoeiros contrafío, xente da que que se di ser sabios en interpretar os astros, o vó dos corvos, o canto da curuxa, o ouvear do can, o paso atravesado do misterioso gato negro...sabios en receitas de xaropes, uncións feitas con graxa de cobra ou de sapo, saumerios de herbas, coutar con coitelos o mal... E dentro dise universo bibliográfico sobre o tema o Dicionario Mitolóxico e Folklórico Céltico de M. Alberro, profesor da universidade de Oviedo (2024) o que compre ler con tino, relativizar o portar o galego, sen caer no perigo da irlandesización, asunto que tamén se da.
Merlín, o mago, o druída celta por excelencia, asesor de Arturo
Un mundo de meigas e magos perdido na espesura da lubre, en covas, entre gatos, corvos, lobos, cervos, cisnes, sapos ou serpe de ollos brillantes. País de pedras, de fontes, de árbores, illas, insuas ou montes e bosques que se di animados e que mesmo obedecen a quen sabe entendelos, que curan, abertos a preguntas, como xanelas ao misterio. Onde vellas lendas que se perden no tempo, no ceo, na escuridade do sobchán, en lugares nos que mesmo se pon o trepar dos facos de Arturo de Camelot, rei daquela primeira capital de Britania, encaramada nun outeiro, castelo coa mesa da Táboa Redonda, a da confraternidade, onde sempre se deixaba sitio para quen xurara seguir na busca do Grial. Orde de cabaleiros axudados polo saber do mago Merlín a fin de construír o reino de Britania, tal como no sc. XII escribiu a Vita Merlini, o galés Geoffey de Monmouth, autor tamén de Prophetiae Merlini e logo da Historia Regnum Britanniae, asentando o modelo de país de orixes celtas e cristián. Merlín, mago que se dicía fillo dunha monxa e do mesmo demo, E velaí o xogo , a dialéctica, tan nosa, entre luces e sombras, entre anxos e demos e o ben e o mal. Mago co don do agoiro e poderes sobrenaturais para dominar os Catro Elementos, mover megalitos, calmar treboadas, apagar o lume, señor dos bosques, da Brocelandie bretona, como ben o podemos maxinas polas fragas de Catasós ou da pena Corneira, da Devesa da Rogueira, facendo abrollar fontes, facendo o ben, como un deus barbado, vello, de faciana topografada en engurras de saber, atormentado, con aura, cuberto con gorro cónico apuntado e aos ombreiros mórbido manto bordado en ouro cos símbolos cosmogónicos e do zodíaco e como cetro a súa vara máxica. Sabio, máis débil nos asuntos do amor, ao deixarse seducir pola Dama do Lago Nimiane , a que, atándoo a un carballo obrígalle a desvelar os dos segredos dos seus feitizos. Fíos de creatividade dos que tirar para entrar no labirinto.
1 XANEIRO 2026

