A experiencia de rehabilitar e revitalizar un convento caído
El tesoro del monasterio caído (2025) é novela autobiográfica do arquitecto e humorista gráfico Peridis cunha teima: a rehabilitación e revitlaización do convento de Santa María de Aguilar de Campoo. Exemplo necesario de saber e constancia
Finalizaba o ano 2025 presentado a Editorial Planeta o libro El tesoro del convento caído, de José Luis Pérez González, máis coñecido como Peridis. Arquitecto, debuxante humorista, historiador, en fin, humanista curtido nos camiños dunha vida que arranca na posguerra e isto é o que nos conta e xa iniciara antes noutra novela, El corazón con que vivo (2020), sobre as feridas da contenda e a reconciliación. Biografía que xira arredor da súa querenza vital, as ruínas do mosteiro cisterciense de Santa María a Real de Aguilar de Campoo. Espazos referenciados polo arquitecto e historiador Vicente Lampérez, como ruína pintoresca, por Unamuno en Andanzas y visiones españolas, con capiteis levados ao Museo Arqueolóxico de Madrid e estudado dentro do románico palentino por García Guinea, figura fundamental nestas lembranzas, as que comezan nunha vila e atinxen aos camiños do Románico, que son os da peregrinación a Compostela, os de Europa e os do humanismo, hoxe tan na brétema.
Libro recomendado para todos os públicos e mais para os que andan na xestión do patrimonio cultural. Lectura que debera comezar por cantos ocupan concellerías, consellerías apelidadas de cultura, e máis aínda para aqueles que desconfían de tal legado e teiman no que tanto temos escoitamos, que a cultura non vende nin da votos. Cando habería que comezar por definir o que é a cultura, o que levamos posto e que nos define, o que os seres humanos fomos descubrindo, creamos, aprendemos por relacións, fomos incorporando e cultivamos para resolver situacións: códigos de entendemento, idioma, arte, tradicións que nos distinguen e aportamos á universalidade. Máis reducimos a cultura a algo endomingado, para días, cerimonias e cabosdano, xornadas que tamén compren para relanzar o senso orixinario.
Libro de El tesoro del convento caído que mesmo forma parte dunha estratexia para algo sempre inacabado que é recuperación dun monumento, algo ben aprendido por quen nolo conta, dende a infancia, dende unha vida dedicada á casa, á súa terra, á sociedade e á sombra do convento caído. Peridis, nacido no 1941, con canto implica de vida coutada pola insensibilidade do franquismo, en Frama de Liébana, montes cántabros gardadores de significadas reliquias da cristiandade, como de osos e lobos, tamén de maquis. Fillo de Froilán, un exseminarista metido a gardabosques que sabe o que significa a casa. Quiera Dios que a este niño le veamos arzobispo de Toledo”, sentenciou o párroco de Cabezón de Liébana cando o bautizaron. Familia de tres fillos, dos que José Luis é o menor, no 1944 trasladada a Aguilar de Campoo, vila na que seu irmán Laureano fora nomeado párroco. Ambiente entristecido, aureolado cunha historia románica arruinada, máis co recendo a vainilla da fábrica de Galletas Fontaneda, fundada no 1881 por unha familia implicada no acontecer dos seus veciños. Alí nacerían tres irmáns máis. Pedindo o pai excedencia como garda forestal, coa ansia de ir a máis a fin de darlle estudos aos fillos e sendo bo coñecedor da xeoloxía, das limitacións das necesidades para a construción, monta unha caleira, negocio que irá en auxe.
O que sementa recolle: a ilusión, a constancia por recuperar a Historia
Lembranzas dos primeiros amigos que vivían dentro do recinto do convento caído e espoliado, Gelín e Carmina, Julito, Esperancita... os veciños, orixes dunha personalidade, construída co cemento de contundentes frases, sabios retrousos tradicionais que iran aguilloando a vida da persoa, do arquitecto, do humanista, daquel neno que axuda a súa nai a sementar fabas no patio abandonado do convento: sementar par recoller. Neno agudo, con facilidade para o debuxo e máis para a caricatura, que xoga entre as silvas, o cascallo, pola igrexa, o claustro, a sala capitular, o refectorio, a cociña, arriba, abaixo, polos cuartos, a buscar o tesouro. Nenos que ben saben por onde furar, que aprenden a servir e a compartir o prendido como guías de visitantes, o que tamén supón propinas e relacións. Así é como coñecen a Miguel Angel García Guinea, o historiador do románico palentino, figura clave nesta biografía. Visitas nas que lle explica aos nenos as partes dunha columna: base, fuste e capitel ...para entrar no máis complicado da arquitectura, os arcos coas súas doelas, arquitrabe, friso, cornixas...nenos aprendices de cicerone, enxergando e repetindo os principios vitrubianos, venustas, firmitas, utilitas e sobre todo a crear conciencia do porqué da ruína e que o sementado pode medrar.
O rapaz pasa a estudar en Palencia, axudado do seu tío Laureano, agora auditor de la Rota en Madrid. Despois proba atopar traballo en Madrid e consígueo na Editorial Magisterio Español, de Fournier, para entrar en canto significa a capital e o universo editorial. Aprende taquigrafía, contabilidade, oposita á banca, suspende, busca a independencia, atopa residencia no Hogar del Empleado, onde, coa axuda do debuxante José Ramón, se fai célebre pola súa habilidade para a caricatura. O tempo da para cumprir a mili no Ministerio del Aire, facendo aeromodelismo, como para vender biblias e cumprir o vello desexo de matricularse en Arquitectura, onde atopa ao admirado profesor de proxectos, Sáenz de Oiza, quen lle acabará chamando el Gran Peridis. Colaborará entón como caricaturista en Informaciones, en El país, entrando en contacto cos grandes humoristas gráficos. E velaí como os sonos dos país e do rapaz se van cumprindo, máis sempre petando na conciencia a chamada a recuperar a historia, as estruturas, as pezas levadas ao Museo Arqueolóxico de Madrid. Comezan entón as pescudas polos despachos oficiais, co Director General de Bellas Artes, Chueca Goitia, o que lle suxire mover os medios de comunicación. Zozaya do Museo Arqueolóxico, no 1978 anímao a crear unha Asociación de Amigos do Convento. E así, recollendo ideas, experimentando, buscando influencias, entre elas a valiosa de Santiago Amón, até conseguir que lle encarguen un proxecto de desentullo e consolidación do convento. Son anos de fondas mudas políticas .
As escolas, a educación para a solidariedade e a ollada no convento caído
Todo Aguilar de Capoo súmase aos Amigos para o proceso de desentullo, picos, palas, carretillas.... e a figura dun sensible e entregado mineiro, metido a escultor, Ursi, o que, ás ordes do arquitecto Peridis dirixe o proceso. Misión á que se suma o carteiro, o enxeñeiro de Extensión Agraria, os do bar Los Siete Linajes, todos metidos naquela empresa, xunto coa brigada de mozos e mozas que fan que a vila se coñeza xa como Aligar de Campoo. Santiago Amón dicía que habería que declarar monumento histórico a cada unha destas persoas.
Foise aprendendo así que aquelas estruturas eran unha lección de historia, que requiría un traballo especializado e interdisciplinar, de arqueoloxía, arquitectura, enxeñería... que a mesma experiencia serviría de lección, un aberto por obras, que onde hai un mestre hai unha escola, que as obras dan vida, e así naceron as Semanas del Románico, convertendo o mosteiro en Centro de Estudos do Románico, dinamizando o territorio. Máis visitas, sen faltar a a de Garcia Guinea, de parlamentarios, ministros, Alfonso Guerra, Caballero Zoreda, do mesmo conservador dos Museos Vaticanos, Jean Luigi Colalucci, agora tamén a de Antonio Gala ... Aguilar de Campoo e o seu mosteiro saían nos medios. O espazo era moito para darlle utilidade: acórdase e conséguese dos diferentes ministerios no 1984 darlle sitio a un Instituto de Bacharelato, mesmo para servir de Escola-Taller, a que comeza no 1985 da man de Francisco Gómez Canales, el maestro Canales, experimentado perito en artilugios, natural Mancha, sabedor de solucións sinxelas, imprescindible na misión do convento caído, valorando aos mozos e mozas en risco de exclusión: cantería, albanelería, carpintería, fragua, xardinaría, cociña... Facendo posible aquelo que dicía José Martí, “Quen sementa escolas, colleita humanismo”. Mesmo onde as mulleres se incorporaban á construción. Así o patrimonio non é unha carga, é un recurso impagable e imparable, que xeraba cultura, turismo, publicacións, proxeccións arredor dos recursos históricos, artísticos: nace a enciclopedia do románico, programas televisivos guiados polo propio Peridis. A experiencia recibe no 1987 o premio Europa Nostra coa tristeira noticia da morte de Fernando Amón e Rosa de Lima, Directora Xeral de Tráfico , cando se dirixían a Aguilar, por accidente de helicóptero.
O modelo de Aguilar de Campoo levouse a Puerto Rico, a Chile, Perú, Cuba, onde Eusebio Leal fixo unha obra memorable... a Portugal e á mesma China. Algo inacabado, que pon a proba o poder da intelixencia das mans, as mans son máis: o tesouro buscado era o mesmo mosteiro.
8 XANEIRO 2026

