Boborás, abrindo aos ribeiros, enciclopedia da Historia de Galiza : a Cova da Gafa
Boborás é concello ourensán, antolóxico en patrimonio cultural de todo tempo, especialmente do Románico. Terra de Lousada Dieguez, de Chamoso Lamas. Parándonos aquí na cova da Gafa, santuario, acubillo, lazareto nunha fraga de moi antigas canteiras
Boborás é concello que abre a bocarribeiras, o que das abas do Paraño, seguindo o río Viñao baixa en orza aos Ribeiros do Arenteiro e mais do Avia. Abrindo tamén o que foron vellos camiños de arrieiro cara Terra de Montes e ao mar de Pontevedra e Vigo. Encrucillada pois nos medievais tempos, nos que este rico territorio en minas, agro e gando, tendo como lindeiro o Arenteiro, se estendía cara ao Irixo e terras do Deza , coñecido entón como Orcellón. Señorío dos Ulloa e dos Zuñiga de Monterrei. Montes, bosques, eidos, lameiros e viñedos que entraban na rivalidade entre as ordes relixiosas e militares, templarios, o císter ou os cabaleiros de San Xoán. Onde o Arenteiro sirve de lindeiro coa entón chamada Terra de Castela, a que hoxe abrangue boa parte dos cinco ribeiros: o do Miño, Avía, Barbantiño, Arenteiro e Arnoia. E dicímolo así, tal como llo temos escoitado ao celebrado xeógrafo e humanista Otero Pedrayo.
Terra de Boborás, de fondas raiceiras culturais, as que se deixan denotar no enxergado, nesa xente que trazou pontes, templos, torres, granxas, pazos... e boas sabedoras de tan forte herdo cultural que é a vitivinicultura. Xente de ida e volta, aberta aos camiños, á Arxentina, a Panama, mesmo cun singular xeito de ser, falar e obrar, construído no devalar do tempo.
Bisbarra pois na que abondan restos do Paleolítico, como do Megalitismo, velaí os antolóxicos achados de mámoa de Xendive, no Museo de Ourense, a restra de túmulos de Astureses... de castros, como o de Cameixa con orixes que se perden na primeira Idade do Ferro ou o grandioso de Souteliño... Sitio de gran potencial arqueolóxico , coa recomendación de que os documenten, deforesten, que os vixíen, que os coiden, sabendo que escavalos, sen mantemento e xestión futura, supón unha destrución , inútil sangría. Tal como fan os británicos cos seus hillforts, os seus vestixios celtas. Pois a foresta, coas súas raiceiras, pese a súa enigmática beleza paisaxística, destrúe os estratos e impide ollar a característica e labiríntica topografía defensiva, formada por foxos, valados, torres, cachoupas.... Toda unha significativa secuencia histórica , complementada con asentamentos romanos e minas auríferas, como as de Brués ou as do Cepo, baños termais como os da Teixeira, as da Pontarriza...
Acontecer que sigue e medra en tempos medievais con restos de torres vixiantes, entre o que foron Terras de Orcellón e Castela, como a da Teixeira, sobre o devandito nacedouro termal, seguramente xa coñecido dende a antigüidade; a tore do Castro Cavadoso, a de Moreiras, Xeoane... conectadas por vellos camiños, fondas congostras, de marcadas rodeiras, luídas polo andar, como as de Astureses... territorio de antolóxicas pontes, como a da Pontarriza, a mesma de Cavadoso, as de Pazos de Arenteiro... entre toda unha mostra do bo facer de antigos socalcos, cos seus tradicionais accesos. Vieiros ben coñecidos polas guerrillas antinapoleónicas , as que na Ponte de San Vicente espaventaron aos franceses. Retícula de camiños de cada tempo, sempre imprescindibles para un mapa, onde situar calquera estudo e recomendar o seu roteiro turístico
Escenarios históricos, maiormente feudais, onde sempre atopamos vestixios do Románico, como as igrexas de Cameixa, a de Astureses, Pazos de Arenteiro, a singularísima de Xurenzás, cos seus baldaquinos góticos, o igrexario de Xuvencos, escenarios para a festa e danza das Mudacións, celebrada en primeiro e segundo domingo de marzo, a que merecería capítulo aparte... a capela de San Mamede de Moldes cristianizando un castro... Toda unha coherente trama histórica que se corresponde cunha rica etnografía, arquitectura do viño, do pan, produtos da terra e da cultura e dos que, por algo, se fai sacramento e eucaristía. Véxase o muiño de San Bartolomeu da Freixa, os restos dos de Moldes, de cinco rodas, rehabilitados, declarados BIC e destruídos polas cheas do Arenteiro... o pombal do Currelo... E ben sabemos os do Carballiño o que cada 19 de setembro significa a romaría da Saleta. Ermos, montes nos furados pola vía do ferrocarril Zamora a Coruña.
Por canto contamos onde situar unha competente fidalguía, probada pola rica existencia de igrexarios, pola existencia de antigas granxas como a de Paradela, a de Parada, pazo que foi de José Benito de Zuñiga e Zárate... así como os pazos de Ventosa, de Moldes, de Pazos de Arenteiro... Todo o que mesmo xera, ao longo do tempo, importantes personalidades, tal como foi en tempos da Ilustración salamantina, frei Veremundo Arias Teixeiro, chegando a ser bispo de Valencia. Así como nos anos románticos do Decadentismo e logo naquel modernismo que se enfrontaba á uniformización que supón a industrialización, a figura do profesor e filósofo Antón Lousada Dieguez, quen reivindica as orixes nas que radica a orixinalidade, a identidade, o galeguismo. Como logo despois, en difíciles anos da ditadura e sendo tamén de Moldes o historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas, referente na xestión do patrimonio cultural.
Na soidade do bosque o acubillo e o misterio da Gafa
Pero non nos quedaremos aquí, en asuntos que darían para moito e máis. Seguiremos cara un lugar pedregoso, seguindo os vellos camiños que de Parada de Cameixa levan a Laxas con parroquial sintomaticamente erguida nun chanzo e dedicada a San Xoán. Sitio que nunhas viñas inmediatas ao adro ofrece dous sartegos antropomorfos, labrados na peneda, posiblemente de tempos altomedievais, seguindo esa secuencia cristián . Camiños que despois da ermida de San Pantaleón - dedicación a un santo vinculado ao curanderismo - cara Salón e Pazos.
Camiño, denotado polas rodeiras dos carros, afundido, abeirado por valados xa difíciles de reconstruír, entre unha fraga enxebre, de carballos e ancestrais sobreiras, así chegamos a un area penedía, de grandes bloques graníticos, que foron partidos e aproveitados como canteira en todo tempo, para eses cachotes que configuran os muros dos castros, como os socalcos, os valados e as mesmas casas. É interesante reparar nestas inestudadas canteiras, moitas das que xa o foron explotadas no Megalitismo. Ben sabía de canto vimos dicindo o humanista Ernesto Atanasio, O Corcheiro, bo coñecedor destes predios e dos que il sacaba as cortizas para o seu ancestral oficio. E así, nalgunha ocasión, nolo temos atopado nestes mesmos camiños. Vieiros que non deberan de ser estraños para tal Senén que isto mesmo escribe, xa que o seu avó, Senén Gómez Iglesias, o seu pai e irmáns enriquecidos en Bos Aires, era destas terras de Salón, onde aínda seica temos propiedades esquecidas. Avó materno que ben poido ter noticia destes sitios, os que nunca escapan á curiosidade de nenos e mozos cunha vida e xogos tan metidos nas súas paisaxes. Ribeiros onde o nome de Senén, santo mártir persa, foi máis común do que hoxe é, devoción en relación con preservar os viñedos do mal da sarabia do verán e doutros andazos.
Gafa, gafo, gafar, gafada é verba polémica en canto a súa orixe, Covarrubias dáa como de procedencia árabe, en relación con xente de mala sorte, coa enfermidade da lepra seca, daí que se aplique a leprosa, ao que aporta negatividade. Podendo supoñer que mesmo pode compartir orixe como verba hebrea. Familias de xudeus con presencia nestas terras do Ribeiro de Avia, especialmente en Salón, a xulgar polo topónimo e as estrelas que aparecen insculturadas nas entradas dalgunhas casas e adegas.
Denominación vella e popular a da Cova da Gafa, cuestión toponímica que tamén suma ao misterio do lugar, servindo como primitivo lazareto, para apartar a homes ou mulleres que podían contaxiar. Algo así significan as acialdama, lugares apartados, de morte, en lembranza do sitio no que se aforcou Xudas, logo despois mercado polos farieseos coas 30 moedas da traizón de Cristo.
Pois sobre outeiriño pedregoso - o que debeu ter boa visibilidade sobre a bocarribeira de Salón e Pazos, mirada hoxe tupida pola espesura da fraga - sobresae unha gran peneda de xeito cónico, cuberta dun manto do musgo que a fan propensa a suxerir elfos, trasnos, mouras, fadas , meigas ... Baixo de tal peneda, desgastada, propensa ao estudo xeolóxico, está a Cova da Gafa: enxebre acubillo en todo tempo, dende a prehistoria dos cazadores aos tempos das derradeiras guerras. Asunto moi común nas terras dos ribeiros e do Carballiño e cavilamos nas extensas formacións pétreas da Pena Corneira, onde acubillos semellantes están máis documentados pola arqueoloxía, así como, para tal fin serviron as covas das Adegas, as de Miomás, ou mesmo nas beiras do Arenteiro, a carón da Pena dos Namorados, a xulgar polas mostras alí aparecidas, proba dun moi antigo santuario, romanizado e curiosamente como noutros sitios, mesmo na Cova do Monte de San Guillerme en Fisterra, abondando nos estratos a aparición de cunchas de vieira... Pena dos Namorados, que como noutros penedos de Galiza, mesmo nos remite aos cultos do amor. Conxuntos pedregosos con amplas cavidades que, mesmo tamén, se poden poñer en relación con amorados, os que por unha causa ou outra, seguramente de inseguridade, aproveitaban para refuxiarse ou acocharse nestes buratos naturais. Cavilamos no Santuario da Asunción en Salvaterra de Miño, San Pedro de Rocas, o Chamorro, as Ermitas do Bolo... antigos santuarios de culto en covas, como foron os de Mitra, Serapis, que logo, cristianizados se asociarán con aparicións da Virxe, de imaxes, etc... Cavilamos pois, que, ademais de servir de acubillo, refuxio, poido ter un carácter sacro, en relación co culto ás pedras, a un posible ermitán, como en tantos casos. Pois unha das normas daqueles primeiros cristianizadores, ermitáns, senlleiros beodos de Deus era cristianizar vellos espazos en relación coa natureza, cos fontes, coas pedras, coas árbores, tal como no século VI anatemizou Martiño de Dume, contrario ao panteísmo priscilianista. E velaí aos ermitán estilitas ( cristianizando os arredores de columnas, betilos, aras...), os dendritas ( relacionados coas árbores sacras) ou os cavernícolas, como sería o caso. A arqueoloxía futura na mesma cova e no seu entorno podería facilitar datos, pero insistimos, deixemos tal cuestión para cando haxa máis medios e garantías de estudo, conservación e xestión de tal legado.
A xeoestratexia do sitio: santuario, refuxio, lazareto...
A cova da Gafa é unha formación natural debida ao cataclismo, no interior e na peneda da cuberta con maclas, buratos irregulares, roídos e desfigurados polo tempo , o vento e a humidade, complementando a man humana os ocos abertos ao exterior con paramentos de cachote, moi retocados na actualidade, a xulgar pola súa tipoloxía construtiva, así como polo perfecto e ampla xanela cadrada aberta, cando tal tipo de vans abertos ao exterior se evitaban a fin de controlar o espazo dos fenómenos meteorolóxicos. Si existe, inmediato á entrada un espazo, oco con saída de fume, que parece apropiado á fogueira. O pequeno oco de entrada deixa, á dereita, sobre o gran esteo de pedra, unha pía labrada na mesma, mostra do pouco que se ten atopado da acción humana, nin petróglifos, nin cruces, a simple vista non se ve nada, pero non se descartan, pois a pedra de grao groso, dificilmente conserva as mesmas.
Á vista esta que por xeoestratexia resulta un acubillo perfecto, dos tantos que Galiza ofrece un inmenso catálogo. E ao respecto sempre penso na obra do admirado verinense Xesús Taboada Chivite O Culto ás Pedras en Galicia, esencial para furar en cuestións dun país onde a pedra é o chan, a casa, o templo, a ara, o altar, o sartego... por algo terra dos arxinas, canteiros, con verbo e sabres propios, base de confrarías, esoterismos...
Mesmo o estudo do entorno, da mesma vexetación pode facilitar aportes, tal como a supervivencia de plantas medicinais, a ruda, o sabugueiro, a malva, o loureiro... a existencia dunha horta ou dun curral de animais, en relación con vellos saberes vinculados ás enfermidades e á sobrevivencia no lugar dos acubillados,
As características do sitio, a paisaxe coa súa variada vexetación de fraga, as canteiras, os camiños cos seus valados, os socalcos que van aparecendo na medida das abas do monte, cara ao Avia , debuxando un ribeiro, abondan ben para denotar o interese deste espazo que seguramente está documentado de moi antigo e por algures. Un goce natural tamén para o sentimento. Unha terra ben coñecida, estudada e divulgada polo historiador orixinal delas, persoa de iniciativas, Xosé Luis Sobrado que soubo poñer en valor a figura de Chamoso Lamas
12 XANEIRO 2026

