Galiza nas orixes do ciclo artúrico e da demanda do Grial

Ampliar: Estela de Vindolanda, muro de Adriano



Introducción á significación da Materia de Bretaña, de Arturo e o Grial, á orixe do mito nos equites galaicos e astures que servian como auxilia romana no muro de Adriano. Estando Clemente Máximo na orixe da medieval aristocracia dos reis celtas

Enguedellada cuestión, na que radican as orixes míticas do Rei Arturo e dos  seus cabaleiros, creadores dunha lendaria e aristocrática xenealoxía, así como dun plan secreto para establecer a paz no mundo. Servidores metidos na loita entre contrarios, entre o ben e o mal, as tebras e a luz, os anxos e os demos.... Labirinto no que tamén se moven o mago Merlín, a meiga Morgana, fadas, místicos,  frades e monxas, entre treboadas, bosques, covas,  fontes, castelos, lagos cos seus cisnes, homes de musgo,  driadas,  o unicornio, elfos, trasnos... agoiros, maxia, astronomía,  conxuras, trampas...  Co encontro arredor da Táboa Redonda e o seu Viacrucis, camiño feito coa teimosía de conseguir a cunca sacra  da concordia e da paz,  a do sangre de Cristo, Sangre Real, o Grial, o que ennobrece a quen o teña. Lendas do tempo da eclosión feudal, do individualismo,  dese  exclusivismo que comporta a cabalería e as súas ordes, as do temido ano mil, de cruzadas, peregrinacións e viaxes que nutren o coñecemento, onde o saber e a fantasía orientalista árabe está moi presente, cando a Materia de Bretaña , as profecías e a vida do Mago Merlín , que se dicía  fillo  dun demo e dunha monxa, mentor de  Arturo se envolven nunha espiral de contos. Cando as linguas romances eran fundamentais, anos do Románico, cando todo chegaba a Compostela. Ao respecto é sobranceira a obra do profesor da Universidade  Compostelán  Santiago Gutiérrez García.

Sendo a obra que abriu as portas a este ciclo a  Historia Regum Britanniae do galés Geoffrey de Monmouth,  fillo dun tal Arturo  e cunha boa formación,  posiblemente en Oxford, até chegar a ser bispo. Obra escrita en latín, espallándose nas diferentes linguas daquel panceltismo que reclama. Argumentos complementados, pouco despois, por Chrétien de Troyes, sumando a tal literatura a  figura de Parsifal e o tema da  Demanda do Grial.  Literatura  de cerna celta, envolta  en herdos  bíblicos, grecolatinos, homéricos, mesmo nas andanzas Carolinxias, en fantasía,  mitos, en engadidos que se van sumando co acontecer. Tal xeito de ascese ou peregrinatio  filantrópica  que son as novelas de cabaleiros andantes, de helmo, escudo, espora, estandarte e espada, co seu pouso de machismo tamén, entre aventuras e desventuras desfacendo desaguisados, terá cimo no Quixote de Cervantes.

Ciclo Artúrico que no Decadentismo romántico e  no Modernismo animou á creación de confrarías e ordes, coa ansia de reivindicar as orixes nas que radica a orixinalidade, o espírito dun pobo. Risco bocexou, unha  Doutrina e Ritual da moi nobre Orde Galega do Santo Grial.

Resistencia celta, fronte a romanos, despois contra normandos e saxóns

Xa temos falado que o noroeste Ibérico, no que na protohistoria se situou a cántabros,  astures e galaicos,  era cotizado territorio, tanto pola riqueza de minas de estaño, ferro ou ouro, como polos cabalos e a destreza dos seus domadores e xinetes. Velaí os petróglifos e posteriormente as referencias á casta e rango dos équites deste territorio que os romanos chamarían Gallaecia, topónimo moi en relación co mesmos céltico, tamén envolto na espesura do descoñecido. Difícil aínda de establecer os lindes deste recanto do Vello Mundo, considerado provincia do imperio romano, como as súas mesmas fronteiras nos seguintes tempos suevos e altomedievais. Orixe de tanta e tan antiga aristocracia d cabaleiros, conquistadores, perros gallegos que dicía os islámicos,  señores de brasón, torre, pazo....

Xinetes galaicos que serán desprazados coas cohortes e alas do exército romano, formadas por milites de diferentes procedencias,   a unha e outra banda do imperio e máis nos tempos de Adriano. Emperador, como Traxano nacido na Bética, viaxeiro, empeñado en consolidar o imperio, de oriente a occidente, sendo prioritaria a organización administrativa, a explotación dos recursos, por tanto o crecemento do exército, os pactos de hospitalidade coas tribos indíxenas, a mellora nas infraestruturas viarias, dos asentamentos, das obras públicas, das relacións xurídicas. Temidas alas e cohortes militares constituídas por belicosos astures, galaicos, como eran  as  itinerantes dos celtiberorum, desprazadas e nutridas na Gallaecia.

Os anos comandados por Adriano  foron os dunha paz vixiada, que non o eran tanto en Britania, polo constante enfrontamento cos pobos do norte, os temidos pictos e velaí, como solución de control, as obras do muro de Adriano,  117 quilómetros de banda a banda da illa, posteriormente, en tempos do emperador Antonino, complementado, mais ao norte e en parte máis estreita,  con outro  de  60 quilómetros. Magna obra fronteiriza, de  muros, valados, foxos,  torres, portas, con fortes,  palia balista (catapultas)  e mansións, como a de Vindolanda, onde no 1973 a arqueoloxía proporcionou máis de mil pequenas táboas de bidueiro escritas con tinta e en latín, notas e cartas facilitando aspectos do cotián nesta guarnición fronteiriza. 

Nunha desas xeiras de Amigos dos Museos  de Galicia por unha Escocia Celta, sempre tan en relación con Galiza, un guía insistía, con constancia arqueolóxica,  en que aquela obra fora construída e controlada por auxilia da Gallaecia. En terras de Parga aparece un ara na que se venera a Conventina, devoción a un numem traído desta parte de Britania na que era común.

 Clemente Máximo, emperador galaico do que arranca a lenda de Arturo e  dos reis célticos

Cronistas da Antigüidade abondan en que Magno Clemente Máximo (335-388) , da  influínte dinastía Teodosiana  era da Gallaecia, como tamén o era o emperador Teodosio, a quen serviu nas difíciles campañas de África e Britania . Como tamén contan que, naqueles mesmos anos,  era galaica a  privilexiada viaxeira por Terra Santa Exeria .

Clemente Máximo, de carreira milita feita con ambición e traizóns : cónsul, senador , para chegar a gobernar, dende Tréveris, o extremo occidente do imperio romano ( Britania, Galia, Gallaecia....). Nomeado emperador,  controvertido entre os seus, traizoando a Valentiniano I , derrotando ao lexítimo emperador Graciano, buscando converterse en augusto de occidente e, como Teodosio,  intransixente cos seus paisanos priscilianistas, acusados de herexes, practicantes da maxia e do maniqueísmo,  para ordenar decapitar a Prisciliano,  pese á oposición de Ambrosio de Milán e de Martiño de Tours

En Clemente Máximo inspirarase  Geoffey de Monmouth para as orixes  do Rei Arturo na súa  Historia Regum Britanniae. Contase que a esposa de Clemente Máximo era  filla dun xerarca de Gales, dada como santa. Sobranceira saga na que non faltan liortas, magos, demoños... anécdotas que seguen a sumarse nos séculos, como a do príncipe galego Ponthus, o que fuxindo das invasións árabes refuxiase no bosque  bretón de Brocéliandie, territorio de Merlín, para casarse coa princesa  Sidoine e  plantar unha faia que aínda existe. Outras lendas din que tal venerada faia, símbolo de amor, é o mesmo Ponthus convertido por Merlín. Tema que inspirou a Carlos Nuñez para unha composición musical , así como a Alba Cid e Estevo Creus a un xeito de romance, debuxado por María Joâo Worn.

 Arturo Imperator (2021), novela de  Francisco Mateo, abonda en Magno Clemente Máximo e na súa identificación con Arturo , máis que Geoffrey de Monmouth sitúa no sc. VI. Asuntos que se enguedellan con novos aportes, como os de Cretien de Troyes  e pouco despois, polo 1200 cos do trobeiro  Wolfram von Eschenbach coa epopea Pasifal, a que no 1857 inspiraría a ópera de Wagner, estreada en  Bayreuth no 1882.

Lendas Artúricas que inzan por toda Galiza, os Ancares, o Cebreiro,  da Limia, ao Pindo, mesmo a presencia de Lanzarote do Lago en Cedeira, segundo libros da Casa de Lemos... pondo a Arturo como un novo Rei celta , cos seus leais cabaleiros, como novos apóstolos, na busca da sacra cunca do Grial, como un novo un caldeiro céltico, símbolo da unión e da liberdade, cristianizado polo cáliz que a vella lenda di levou aos países celtas Xose de Arimatea,  pai de Galaad, estirpe escollida... nova odisea, peregrinatio, ascese como a de Hércules, a da Pedra do Destino, as  de Breogán, Barandán, San Amaro, Trezenzonio....fío cultural do que tirar par seguir avivando vellos vencellos dos que nace o realismo máxico. E así seguiron esa espiral creativa  Risco, Cunqueiro, Ferrín, Carlos. G. Reigosa Darío Xohan Cabana, Begoña Caamaño...

Non é estraño que neste confín se  faga dun  santo e pacífico apóstolo un cabaleiro conquistador,  de espada e bandeira, que se poña presidindo templo e retablos, como a imaxe do  que cristianizou aos celtas galos, San Martiño de Tours ou o mesmo San Xurxo, cabaleiro que vence á tarasca das tradicións celtas.

15 XANEIRO 2026