As iniciativas turísticas de Máis que Románico e a Ribeira Sacra

Ampliar: Castiñeiro de Santa Cristina de Ribas de Sil



Paseo pola significación paisaxística, histórica e cultural da Ribeira Sacra de Sil e Miño. Centrada aquí entre Monforte e os mosteiros de Ribas de Sil e Montederramo. Pondo como referente a imitar a xestión turística e cultural de Máis que Románico

Máis que Románico é unha empresa cultural e turística modélica con orixe e pes na Ribeira Sacra e máis alá. Bisbarra tan ampla como rica en natureza  e cultura, de imaxe inesquecible: mar de socalcos empinados cara ao río, cambiante de cor coas estacións... e no alto unha igrexa románica de espadana competindo cun ciprés, nunha banda un souto e máis aínda.

No 1996  protéxense os viños desta terra coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o seu Consello Regulador. Despois a Xunta de Galicia incluiraa entre as demarcacións creadas no 2011 e ampliadas no 2022, como xeodestino,  formado polos concellos de A Peroxa, a Pobra do Brollón, Trives, A Teixeira, Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte, Montederramo, Ramuín, Pereiro de Aguiar, Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadañedo. Como capital espiritual poderíamos escoller Monforte de Lemos, si acaso encadrando os itinerarios con Chantada , Portomarín e Castro Caldelas.

Póñense en valor dos recursos naturais e culturais. Resultado da constancia e do saber de varias persoas e á confianza posta nestas polos seus concellos : turismo rural, arqueoloxía, arte, no que prima o Románico,  etnografía,  pesca, caza,  vitivinicultura, e como non,  a arqueoloxía industrial dos encoros e do ferrocarril... Longa historia  na que é sobranceiro o papel da historiadora da arte Flora Enríquez Rodríguez, reivindicando  canto vimos dicindo dende o seu Pantón. Así como o manifesto amor a súa terra de Belarmino  Fernández, emigrante a Brasil que , en Rosende de Sober, recuperou o pazo de Rivas para  dedicalo a Escola de Hostalería. Non sendo menos a profesionalidade de Alexandra Seara, xerente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, así como a implicación dos bodegueiros.... Xestión que se encamiña á declaración como Patrimonio da Humanidade.

Espiral de positividade  na que Máis que Románico, colectivo formado por especialistas en Historia da Arte, en turismo,  que propón itinerarios, trama lazos de colaboración coa Igrexa, cos concellos e coas empresas, pondo en práctica a sostibilidade, facilitando a visita a sitios, abrindo a  itinerarios de sendeirismo ou por onde se pode  levar un autocar: a trasladada igrexa de Pesqueiras, o igrexario de San Estebo de Ribas de Miño, presidindo socalcos e a enxeñería do encoro de Belesar; o antigo mosteiro de Diomondi, o enigma de Eire, o convento das Bernardas en Pantón, o Castelo de Masid... San Fiz de Cangas  e o seu calvario Déesis na encrucillada ...  o arco de baesta do Miño ao que mira a igrexa da Cova... Marrube, Seteventos,  ambas co seu catecismo en pintura mural do sc. XV...  Camiños de Canabal, de Sober, cara ao centro oleiro da Reitoral de Gundivós, resucitado polo saber e as mans de Elías González... os petróglifos e igrexario de Proendos, Pinol, o recuncho mítico de Amandi...  E no alto, tirando á Proba do Brollón, as adegas medievais de Vilachá de Salvadur, para o mencía e o godello artesanal. Creando rutas literarias, esperándonos as experiencias vitivinicolas de Doade, Regina Viarum, Algueira, Val de Lenda e tantas outras adegas.

 E xa non digamos na banda de Chantada, vila centrada por la rehabilitada casa de cultura do sc. XVI, na súa banda ribeirá  a Igrexa de Santa Maria de Nogueira de Miño coas pinturas murais. Aldeas para as singulares celebracións do seu Entroido Ribeirao, volantes e demos...

Ribeira Sacra, reino de romarías  ancestrais, cristianizadas en nome da Virxe ou como as que celebran o lume:  as fachas acesas na noite de cada 7 de setembro, rodeando o castro de Castelo en Taboada  ou no 19 de Xaneiro, véspera do San Sebastián,  as de Castro Caldelas.

Onde Sil e Miño guían camiños que furan na historia da cultura galega

Arqueoloxía de mámoas, de petróglifos, de  castros como o de Chavaga, de asentamentos romanos como o de Castillós, non lonxe do recomendable hotel- balneario de Augas Santas... de paseos en barco polos encoros, ou o recorrido en ferrocarril dende Ourense a Monforte, cruzando pontes de Sil e Miño nos Peares... camiños de afiadores e barquilleiros  da Teixeira, os do  Home Lobo de Esgos, que  tanto son os da igrexa rupestre de San Pedro de Rocas, como do gran mosteiro de San Estebo de Ribas de Sil coa historia dos seus nove bispos...  E a soidade do mosteiro de Santa Cristina d Ribas de Sil, o abandonado mosteiro de Abeledo... Paisaxes de casas populares, moitas delas de fachada esgrafiada, mostrando aínda no cumio do tellado un cántaro boca abaixo, símbolo de fartura no fogar. E sempre atraendo a aura de Ourense.

Aquí,  Sil, Miño atan a historia, guieiros  entre a bracarense, a asturicense e a lucense romanas. Abeirados  pola Via XVIII ou Vía Nova, con canto quere dicir na minería de ouro, de asentamentos, como de devocións pagáns, en covas, arredor de fontes, de árbores ... cristianizadas  pola misión de Martiño de Dume. E velaí o florecer de canto significa o viño e  o pan, mesmo facendo del escudo, en relación coa demanda do mítico  Grial,  entre bosques nos que aquece  a Merlín, cristianizado como un San Mamede, domesticador de cervos.

Sendas de ermitáns, ebrios de Deus,  que serpean entre socalcos, a máis grandiosa obra de Galiza: abas dos montes cubertas por chanzos para o cultivo da vide, para a vendima heroica, a que se fixo a golpe de culeiro, erguido na cabeza sobre a mulida. Cultivos onde non faltaban as oliveiras, os castiñeiros e vellos saberes de apicultura. Todo o que se enxerga dende miradouros que embocan aos ríos: Bolmente, Santiorxo, Cadeiras a do santuario... e  da outra banda, en terras de Parada,  os Balcóns de Madrid, os das despedidas da xente da roda.

 Ribas de Sil, Montederramo,  Monforte, Pantón... e  o seu  sedutor universo

Roboyra Sacrata , nome que se  atopa en documento do mosteiro Montederramo, onde Tereixa, filla de Alfonso VI -  casada con Enrique de Borgoña, nai de Afonso Enríquez de Portugal - recibe en herdo terras nese sitio. Si ben a interpretación ofrece outra teoría á que parece obvia,  neste caso en relación con robur, isto é un carballo sacro. Nunha e noutra presente o atractivo misterio do sacro.

Visitar á Ribeira Sacra de Sil, Miño e dos seus menores afluentes, Cave ou Mao é lección antolóxica da historia da cultura galega. E iso mostra en Fión o Pazo de Arxeriz, dos Raxo, Teixeiro, Ulloa, Taboada, Somoza... armas dos seu brasón. Granxa que pasa ao célebre don Xan de Forcados e de seguido ás iniciativas galeguistas do Dr.  López Suárez. Para no 1985 herdalo o sobriño daquel,  Xosé Rodriguez Lopez, crear un taller escola para ser  ecomuseo que nos mete na cultura do rio, na vitivinicultura, universo que mesmo se pode catar nunha cunca de viño: o paso do río, as dornas, os culeiros, os oleiros, de  Gundivós, Lañoá, Niñodaguia, Tioira...

E velaí  esperándonos Monforte de Lemos, cantado po Góngora,  co seu Museo de Arte Sacra das Clarisas, coa selección de relicarios napolitanos, de imaxes, mostra da exquisitez do VII Conde de Lemos, virrei de Nápoles e mecenas de tantos creadores. Non se pode deixar de visitar  o pequeno Escorial do  Colexio de Santa Mª da Antiga, ordeado construír polo Cardeal de Sevilla e Inquisidor en tempos de Felipe II, Rodrigo de Castro: a súa escultura sobre o sartego feito por Xoán de Bolonia... dous grecos,  obras de Andrea del Sarto...e máis se se conservara aquela Epifanía da autoría de Van der Goes, que  o Duque de Alba  no 1913 vende, para mostrarse hoxe no Gemäldegalerie de Berlín... Canto queda por contar dun Monforte  nacido  na encrucillada, mesmo ferroviaria, hoxe cun antolóxico Museo do Ferrocaril. E como non, cun modélico centro de interpretación sobre a vitivinicultura das ribeiras sacras.

 Cultura que seduce, o Monforte  e a súa terra que atraeu e inspirou a Manuel María, expresada en novelas como a de Maria Oruña  El bosque de los cuatro vientos ou na de Xabier Quiroga La casa del nazi, como na de Dolores Redondo Todo esto te daré ou nas de Xabier Quiroga El cabo del mundo ou O baile dos estorniños...  Sen faltar guías de autor, tal como a de Lois Dieguez, Viaxe ás terras encantadas de Lemos (1999) a de Gonzalo X. de Francisco Rocha, Orientarse pola Ribeira Sacra. Viaxe ao interior (20005)  Ademais da de M. Belén Gómez Quevedo Ribeira Sacra: el pasado es presente,;  os estudos sobre o  simbolismo románico de X. Lois Garcia,  mesmo o de arte  La Ribeira Sacra esencia de espiritualidad, coordinada por  J. M. García Iglesias ou a Guía del paisaje vegetal de A Ribeira Sacra de Augusto Pérez Alberti. Ribeira Sacra , cerna da espiral dun vello reino románico e  moito máis.

23 XANEIRO 2026