As mimosas póndolle manto ao abandono e abrindo ao Entroido

Ampliar: Mimosas do pintor de Goián Xavier Pousa



Exóticas mimosas de orixe australiano, coñecidas xa polo exipcios, posiblemente traidas, como os eucaliptos, pola misión naquel continente do bieito frei Rosendo Salvado...andacio vexetal que invade os ribeiros das vides, florido anuncio do Entroido

Sobre os eidos do desleixo, anunciando o espectáculo do nacer da primavera e o Entroido, inzan e asoman polos cinco sentidos os arbustos invasores e descontrolados das mimosas, cos acios dos seus delicados pompóns de ouro solar. Ramallos de pau negro, de follas verdeazuladas, en forma de pluma, foliolos abertos ao ser mimados polo sol, pechados coa noite Egoístas, acaparando a luz, que se queren sos, en grupo expansivo, asediando e sen deixar medrar a canto teñan ao redor. Mato, manto de ramallos de mimosas, tan coidados nas beiras do Mediterráneo, flor da Costa Azul, onde pola contra alí é  considerada exótica planta de xardín e de floraría, moi solicitada pola aristocracia e cunha linguaxe simbólica vinculada co amor, co renacer. Celebrada en festa e tendo capital internacional en Mandelieu- La Napoule, arredores de Cannes, onde se cultiva para distribuílas polo mundo, así como para elaborar perfume, xabón, facilitando a apicultura.  Recurso para pintores de bodegóns, como fixo Matisse e lembro as pintadas por Xavier Pousa de Goián, ribeiras do Miño.

Non tan queridas na tradición galega de noutrora, nin dignas de adornar o xardín, nin o interior da casa e menos polas sobre as sepulturas. Si  para estrar as rúas do Entroido ou para darlle cor a un carro  festivo. Ben sabe o labrego do andazo de cobiza insolidaria desta acacia, a que se apodera e inza sobre eidos deixados de man, preferindo os socalcos que foron dese viño do que por algo se fai sacramento.

Curioso paradoxo, cando as varas de mimosa eran tan cotizadas no agro, como guieiros para os cultivos que gabean, como as vides e os emparrados. Mais velaí: plantouse a vide  e protexérono de varas de acacia... prenderon as acacias, floreceron as mimosas e a vide murchou. Parábola, cousas da vida que ben aproveitou Castelao .

Exótica planta oriental, regalo de misioneiros, aventureiros ou embaixadores

Planta e flor da mimosa coñecida dos carpinteiros exipcios pola súa madeira resistente para os sarcófagos, para aquel mobiliario funerario, que se pretendía navegase co defunto a espiral da eternidade. Sendo a Acaia Dealbata , procedente de Australia e Tasmania a introducida en Galiza.  Sobre o que se ven dicindo, sen demasiada base, que foi o bieito tudense frei Rosendo Salvado, que as trouxo, xunto cos eucaliptos. Exótico agasallo para os predios de señores de pazos como para os de abades de mosteiros e reitorais. E si non foi o bieito, foron outros viaxeiros, aventureiros, misioneiros e embaixadores nos camiños de oriente, transmisores de curiosidades. Moito habería que contar da vida de cine de frei Rosendo Salvado Rotea ( 1814-1900), un deses trotamundos, seminarista en Tui, Compostela, gran organista, destinado á asturiana Corias,  despois a un mosteiro napolitano, a Roma con idas e voltas a Australia, onde funda Nova Nursia...morrendo en Roma. Frei Rosendo denunciou a explotación  e apropiación das terras dos aborixes por parte dos colonos europeos.

 Si as marelas mimosas invaden Galiza, os rododendros de flores mouras inzan sobre a Irlanda Celta. Considerándose estas acacias en España invasora, estando o seu cultivo regulado. Máis xa se ve como campan aturando a climatoloxía extrema das xeadas invernais ou as calorosas raxeiras de verán, mesmo rexenerándose despois do furor dos incendios, calor que favorece a súa sementeira, aínda que tamén fixando o solo, prevíndoo da erosión. A madeira das árbores centenarias da mimosa é ben cotizada.

Agora as cousas mudan, na estética, na arte e nas combinacións florais,  valórase a beleza espontánea e efémera dos acios de flores marelas e de veludo poeirento das mimosas. Floración, nai de alerxias e afogos, de arrecendo extenso, o que no tempo primaveral cobre os  cinco ribeiros sobre os que señorea, o do do Avia, do Arenteiro, do Miño, do Arnoia... mesmo até as Ribeiras Sacras do Miño, do Sil ou do Bibei.

Festa e rotas da mimosa, en Portugal e Galiza

Por unha e outra banda, para os pregóns ou discursos primaverais,  era sempre reclamada a sedutora oratoria de don Ramón Otero Pedrayo. Máis aínda para aquela Festa da Mimosa , a que, dende 1966, celebraba o Casino do Carballiño. Encontro homenaxeando á primavera, á mocidade, á muller e anunciando o entroideiro  Domingo de Corredoiro. Alí eran convocados como mantedores grandes da palabra, como Cunqueiro, M. Victoria Fernandez España, a que, tan comedida, acudiu moi acaída para a ocasión, vestida de estampados florais. Don Ramón, na súa barroca disertación, recorría a algo como o que aquí queremos contar, insistindo na fugacidade desta flor, a que abre pola Candeloria e o San Brais para apagarse e morrer uns días despois, polo San Valentín,  dificilmente  chegando ao San Rosendo, o 1 de Marzo.

Dende 1946, cada 8 de marzo, a mimosa é símbolo dos Dereitos da Muller. Non queda atrás  a minhota Viana do Castelo, a que tamén atopa nesta flor un recurso festivo, a que pon chal de veludo marelo ás abas do Monte de Santa Luzia, aos predios dos pazos das ribeiras do Lima, encarándose ás parras do viño verde. Portugal que tamén as celebra en Mourâo, serra de Lousâ, entre Coimbra e Leiría, onde cobren os ondulados montes das aldeas de xisto, entre sobreiras, carballos e unha rica variedade botánica, creando unha Rota da Mimosa;  tamén Galiza ten a súa.

Aquece pois aproveitar febreiro, o mes das febres e das febras, dos purificadores vergallazos entroideiros, para viaxar a ese Ribeiro das Mimosas,  o que neste ano rememora  o medio século da morte de don Ramón Otero Pedrayo. Compre entón deixar os Chaos de Amoeiro e achegarse a Trasalba, lembralo, tan amigo el da primavera como do outono, das alegres mimosas e camelias, como dos tristeiros crisantemos. Unhas e outras flores efémeras, de final horrible, comparándoas con Margarita Gautier, a  Dama das Camelias na obra  romántica de Alexandre Dumas. A moza namorada que  morreu tísica, aos 23 anos. Compre visitar a súa casa- museo, a Casa Grande de Trasalba, a carón do vello pazo do Campo , e dende a solaina do oriente, a de pedra, a traseira, ollar as bocarribeiras do Miño e do Barbantiño, as  que soben cara ao Castro de San Cibrao das Las,  cubertas de mimosas estoupando en marelos. Ruta que seguiríamos polo Punxín do santo Wintila, subindo e ollando o abandono tristeiro do igrexario de Ourantes, cara ese altar dos ribeiros que o pico sacro do San Trocado, como conta o arqueólogo Ladislao Castro, tan en relación con lendas e torques célticos. E como non, dar un recorrido pola protohistoria e antigüidade  do inmediato castro da Cidade de Antioquía, ou simplemente a Cidade, o Castro de San Cibrao das Lás, quizais a antiga Lansbrica, vixiando os camiños que seguen ao Miño e eses seus afluentes, ribeiros do viño e de mimosas... Salamonde, O San Amaro, Cenlle e sempre Ribadavia...e senón, por Carballeda, seguir a Beade, a Berán, parroquias vixiadas pola Pena Corneira... e Leiro, o  que, dende Gomariz  podia levarnos a pazos de Arenteiro e de aquí a Moldes, Cabanelas, Banga. Camiños que inspiraron as novelas de Los Pazos de Ulloa, La Madre Naturaleza, El Cisne de Vilamorta, da xenial paisaxista e redactora a Condesa de Pardo Bazán...palabras maiores.

1 FEBREIRO 2026