Galiza, Reino do Entroido. O tesouro das máscaras tradicionais

Ampliar: Folión de Viana do Bolo 2023



Breve repaso da corentena que da entrada á primavera, o Entroido.Reino da liberdade, da creatividade, da cor, en Galiza rico en competitivas máscaras tradicionais. Representacións da besta brava do monte que invade a urbe, ás veces corrompida

O gran tesouro das celebracións primaverais do Entroido galego é a súa variedade, a capacidade creativa de cada parroquia, de cada bisbarra, o que quizais en tempos máis antigos foron desas súas tribos separadas por ríos e montes. Solidario recanto do mundo de castros, de parroquias, de leiras... onde medra o realismo máxico para desbordarse en tradicións, contos e mitos, ídolos reconvertidos en devoción a santiños e santiñas, como na creación de máscaras con nomes propios.

Abrir da primavera que convida a subir aos faiados e abrir arcas e baúis que gardan tesouros, trebellos e roupas do pasado para mesturalas e vestilas. Traxes de calquera cousa, mesmo para proxectalos na inxenuidade dos nenos Para sacar a relucir aquela parte oculta e ceibe do que somos. Encontro indiscriminado, no que, do dereito faise o revés, do travestismo, o mundo ao revés.

Oportunidade para a muda, para a purificación. Imperio da  catarse, da algarabía,  do escarnio, a troula, a esmorga, a ruada, a rexouba, a foliada, a pándega... cargadas de enxeñosas falcatruadas, base do teatro e cavilamos nos apropósitos coruñeses.

Entroido que significa entrada, a invasión da forza bruta da natureza, representada como oso, vexase o de Salcedo na Pobra do Brollón, o que esperta do seu letargo; o touro,  morena de Laza, a besta brava do monte, ou o xigante, como no Bolo, que entrarán adoecidos na urbe civilizada e quizais corrompida en rutinas.  Tempo no que dar renda solta aos instintos en ritos de pasaxe, de iniciación para mozos e mozas. E será ao longo dunha corentena cos seus domingos, xoves de compadres e  de comadres,  con foliada final  no triangulo máxico do domingo, luns e martes, para o Mércores de Cinza  darlle a súa parte ao reverso da moeda: a corentena da Coresma.

Xogo entre a tradición e a creación para mandar o exótico, os mantóns, as esquilas...

Carnaval, carnestolendas,  festa da carne, das enchentas, celebrando ao efémero ídolo de palla, farrapos ou cartóns, chamado Meco, como ao esperpéntico e bandulleiro Frei Canedo de Ourense Urco en Pontevedra que comparte co Loro Ravachol; o Rei no Covelo,  Entroido, Momo coruñés... totems que abandeiran os escenarios de encontro. Onde tamén serán  despendidos na noite do martes  ou mesmo no mesmo Mércores de Cinza,  para conducilos ás aforas e chamuscalos co lume purificador, botalo ao rio ou mesmo poñerllo na porta a quen fixo mal... Cerimonia chamada Enterro da Sardiña, paradoxo cando o que habería que despedir sería  a carne,  a que simboliza o porco, a máscara desa cachucha sobre un par de lacóns cruzados e orlada de chourizos e androllas: escudo da entroideira plebe. E  rescatar o peixe, a sardiña para a dieta coresmal, tempo  representado pola cavilosa, ensumida, enloitada señora, cuberta de velos e nas mans unhas follas de bacallau. É célebre o enterro de Viveiro, onde todos se cobren totalmente con sabas brancas.

Nomes de máscaras en relación coas súas mesmas características, sen faltar a aculturación que lle irá pondo outras significacións : choqueiros (chocas), vergalleiros ou verallóns, (vergas); vexigueiros como os de Samede-Paderne (vexigas); peliqueiros (pelicas) boteiros, pantallas, felos.. aínda que estes tres últimos tamén se puideran relacionar co demo (Pedro Boteiro, as pantallas con Pantagruel e os felos con felón... Entre a incerteza do significado de cigarrón, quizais do forum gigorrorum /A Rúa) ou en relación cos cimarróns  (salvaxe) entre a maxia doutras mascaras da borralla.

Mascaras acompañadas de folións, comparsas, murgas, cargadas de influencias chegadas por todos os camiños:  Cádiz, Canarias, Brasil, a México, batukadas... Onde a percusión pon ritmo e tanxe nas cordas do corazón e da emoción.

E velaí tantas máscaras como tribos

 Os Buteiros de Viana do Bolo, coas súas máscaras labradas en toco de castiñeiro, cubertas cun coroamento de cor, quizais no pasado con flores  e plumas, ao cinto as tintineantes esquilas, calzas avultadas, de cores e felechos, polainas negras,,, e na man un báculo rematado co rabo dun raposos ou lobo. Quizais cunha orixe nun Cernunnus céltico, pasado por esas relación con Iberoamérica, coa Danza da Pluma Mexicana.  ...

Vellaróns  de Riós, semellantes aos buteiros, tamén de traballada camisa de cintas fruncidas, namentres que o coroamento tira a ser unha estrutura cilíndrica ou cónica.  Nunha liña similar  están as Mazcaras de Manzaneda, vestidas de branco, cubertas de cintas,  mantón de manila cruzado e singular xeito de bailar a modo de buxaina. Como as Bonitas de Cartelle.

Cigarróns de Verín,  Peliqueiros de Laza, de moi coidado traxe, zapato, medias brancas, caladas, calzas con pompóns, camisa e garabata, chaqueta curta e careta de madeira, artellada nun gorro amplo, ao xeito napoleónico que levará pintado un animal feroz.. Detrás cubrindo a caluga a pelica e aos ombreiros un exótico manto de Cachimira. Non faltarán ao cinto as chocas. Dis que  o orixe está na caricaturización dos cobradores de impostos dos influentes condes de Monterrei.

Pantallas de Xinzo de Limia,  de axustada roupa branca, botas negras, faixa vermella e sobre dela o cinto de esquilas, curiosa careta, feita con papel e trapo, de orellas apuntadas anexa a un gorro que caricaturiza o tipo frixio, cuberto de símbolos astrais. Capa negra con cintas debuxadas. Na man as vexigas de porco para facer estrondo.

Vergalleiros de Sarreaus, semellantes ás pantallas, neste caso cubertos cun gorro tipo arlequín ou bufón, de tres bandas en diminución, cada unha rematada nun axóuxere.

Troiteiros de Bande, todo de branco, incluso o sombreiro, sen careta e pano calado diante da cara, polainas de coiro e pau de mando na man

Labardeiros de Toén, de branco, salpicado de flores, pucho cónico, esquilas ao cinto....

Pita das Eiroas de Cudeiro, de negro, simbolizando un paxaro, baixo os brazos, a modo de alas, cintas de cores. Non faltan ao cinto as esquilas.

Felos de Maside e o Carballiño, máscaras de acabalos, con orixe nos arrieiros,  de traxe e sombreiro plenamente cuberto de cintas de cores e espellos relucentes.

Xerais e correos da Ulla, máscaras de a cabalo, sen máscara, como enmedallados soldados napoleónicos, facendo altos e atranques, brandindo un sable co que dirixen retranqueiros sermóns e retrousos.

Madamas e Galáns de Vilaboa: Danzantes de orixe medieval, de branco cuberto de cintas, doas, colares até o chapeau, sen máscara, e aos ombreiros un fular de plumas...

Merdeiros nos arrabaldos de Vigo; de branco, polainas negras e chaleco vermello, máscara peluda, portando escoba e vara, colgando do cinto unha restra de allos.

Moitas destas mascaradas complementaban outras celebracións, é o caso do Írrio de Castro Caldelas, como unha representación dionisíaca, un Pantagruel ou Gargantua, aguilloando á festa, ou como  as comparas de danzantes, así os Galáns do Morrazo, os Gamainchiños  ou demos de Betanzos.. as pampórnigas da Hermida de Quiroga.

A forza do espírito convoca esta festa, mesmo en lugares onde quedaran perdidas e onde por algures aparecerá quen recolla a chamada do pasado. Renacer de  luz, de cor, de creatividade que envolve a espiral da tradición e da creación.

5  FEBREIRO 2026