Os apropósitos do Entroido coruñés. Nito e o seu neto Antón de Santiago

Ampliar: Antón de Santiago nun dos seus apropósitos



Arredor da vida de Nito e do seu neto Antón de Santiago, célebres polas súas interpretacións dos apropositos. Un xeito de zarzuelas, iniciadas no romanticismo e no Circo de Artesáns para o tempo do Entroido coruñés, cargadas de retranca e leria.

Sentimos de menos o sorriso, a voz, a retranca, o coruñesismo enxebre e solidario de Antón de Santiago. Leal á casa, aos profesores, ás amizades e ás tradicións coruñesas do Entroido, os apropósitos. Eslavón ensarillado nas tradicións da bravú rúa da Torre, como un Hollywood Boulevard , coas estrelas e o nome dos entroideiros, choqueiros por excelencia, marcados no chan. Cerna de creadores de nacemento e de acollida baixo  o devalar nocturno do muiñar dos estralampos do faro milenario. O historiador Xosé Alfeirán estudou e divulgou o tema, velaí o libro ”Choqueiros, Breve historia do Carnaval coruñés” (2018), crónicas até o 1882.

Un Antón de Santiago, tan leal que mesmo herdou o sitio do seu amigo, o músico Ramiro Cartelle, á hora do vermouth, no café Sheraton, aberto ao fluír da Mariña e do Porto. Así pois, cando reina a desmemoria aquece o tempo primaveral para agasallalo coa lembranzas e contalo. Desexando que o eslavón da cadea da tradición, os apropósitos, volva a soldarse.

Antón de Santiago Montero, nacido no corazón da Coruña, fillo de Mercedes Montero, triple da Agrupación Lírica Ofelia Nieto, entón, dende neno, metido no universo da ópera. Formado na Grande Obra de Atocha, daquela ao son dos toques de campaíña de Baltasar Pardal, reverendo de manteo e tella, o que non é pouca cousa. Despois nos Salesianos e no Instituto. Deixa os estudos de Dereito en Compostela, para dedicarse á música, ao teatro, non podía ser doutro xeito ao seguir o ronsel do avó, Santiago Álvarez, popularmente coñecido como Nito. A vida de Nito é de novela: emigrante a cuba, inicIado como novillero, como linotipista en La Voz de Galicia... e sobre todo célebre apropositeiro dos entoleirados anos vinte, até o 1936 da guerra,  para retomalos co alcalde Molina no 46 e até  1966. O escenario de orixe foi o da  popular Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, en abreviado o Circo de Artesáns da Coruña, popular institución, nacida no 1847 e no corazón do sentir romántico, contratando os ideas cortesáns da Pardo Bazán cos galeguistas de Murguía.  Orixe romántico dos apropósitos, un xeito de zarzuelas, a la gallega e que, baixo a tolemia do Entroido, vencellan en escena a rexouba das comparsas cos sainetes, logo  sumando o exotismo da Belle Epoque. Intres nos que se argalla a farándula de Nito, na que, entre outros, se inician Xan das Bolas e Santitos, especializado en papeis femininos. Textos de apropósitos detrás dos que, seguindo unha vella tradición, estaban académicos, como Eladio Rodriguez González, ou Naya.  Entre os temas versificados campaban as inauguracións, as promesas políticas, as rivalidades entre Coruña e Compostela, cos celebérrimos ferretes, retrousos que calaban na xente e cos  que se esconxuraban medos e a represión da ditadura.

Antón de Santiago Montero pasa pola agrupación Cantigas da Terra, pola polifónica El Eco, auténticas universidades de canto e da tradicións coral, membro do grupo de Teatro Tespis, mais tarde do Facho, entón dirixido por Ramiro Cartelle, logo por Xosé Manuel Rabón cos que creará  Asociación Musical Andrés Gaos. Ingresará no Conservatorio de Música e Declamación da Coruña, onde as profesoras Honoria Goicoa e María Luisa Durán Marquina deixarán pegada. Autor e compositor de letras e músicas de cancións galegas, tanto así que no 1971 e 72, gaña no Festival de Mondoñedo con Rosiñas e Falareite de Amores.

Cando Maria Luisa Nache se fai cargo da Cátedra de Canto do Conservatorio da Coruña, Antón retoma os estudos de canto lírico, para no 1974, acompañado ao piano de Ramiro Cartelle,  debutar no Salón de Actos da Casa da Cultura, entón dirixida por Miguel González Garcés, e faino con Cantigas Líricas Galegas, repaso polos grandes da música coruñesa e coa cantata Nova Galicia, do mestre Roxelio Groba. No 1977 será bolseiro de Música en Compostela, admitido na Escola Superior de Canto. Para no 1978 actuar como tenor por Hispanoamérica.

 “Bravo pola Música que nos fai máxicos...”

No 1983 Antón de Santiago representará no coruñés Teatro Colón a zarzuela, con libreto do seu avó Nito,  A represa e o rio, versión galega feita por Fernando Navarrete e Mili Porta, autora da música. Logo e baixo a dirección de Miguel Narros interpreta no Teatro Español de Madrid, Macbeth.  Moi solicitado como incondicional rapsoda,  un novo bardo ao estilo Dylan Thomas. No 1984  recibirá o Primeiro Premio do II Concursos Nacional de Canto de Logroño, facéndose imprescindible nos ciclos Las Noches de la Cudad Vieja, nesta ocasión acompañado ao piano por Maximino Zumalave. Reclamado para por en marcha a Radio Autonómica de Galicia, na que será responsable de cultura, creando o Cadro Dramático da RAG  para a interpretación a autores galegos. De 1989 a 1990, despois dunha intensa xeira por Iberoamérica, deixa a radio e pasa a ser profesor de canto do Conservatorio Superior de Música de Compostela, do 90 ao 91 exerce no Conservatorio Estatal Superior de Música de Vigo, no que publica Voz e Canto. Sendo por concurso oposición o primeiro profesor de canto dos Conservatorios Estatais de Galicia, momento no que se incorpora ao da Coruña. Autor dunha biografía necesaria, Ofelia Nieto, una galega en el Olimpo del Bel Canto, a filla de Nietiño, persoeiro da novela La Casa de la Troya.

Antón de Santiago foi gran coñecedor da historia da música da súa cidade, da cantiga lírica, do Rexurdimento. Tema que presentou como discurso de ingreso como numerario do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, lido o 24 de maio do 2018 no salón de plenos do Concello, e ao que encantado contestei, co ansia de abrirlle as portas a canto vimos dicindo.

O Apropósito, un xeito de zarzuela, trindade de música, canto e retranca

Leal á memoria do avó, no 1983 logrando convencer ao concello para recuperar a tradición dos apropósitos, paralizada nos 60. Anovando así as tradicións de escarnio, crítica a un tempo de transición, o da ditadura á democracia. Así é que no 1987 nace a Compañía de Apropósitos Nito, na que Antón é parte fundamental, como director, creador dos textos e autor.

No 2017 o Concello da Coruña publica unha obra de Antón de Santiago necesaria: O apropósito coruñés, unha ollada desde dentro.  Páxinas nas que o autor da cumprimento a unha débeda co avó. Escrito cando tiña escrito e representado 25 apropósitos, de 1983 ao 2011, até cando, pola falta de medios institucionais, xa non podía máis el e a súa compañía. Páxinas que recollen as lembranzas dos grandes interpretes do apropósito e do teatro, Payón, Eumedre, Aniceto Barros, Guisán, Beceiro, Andres Rey, Kajigas, Villamar, José Redondo... referencias  aos ensaios na rúa da Galera, derriba do Petit-Lar, as representacións no Rosalía e dende 1949 no Colón, a colaboración do alcalde Molina... as crónicas de Naya, Caparrós, Constantino Armesto...as comparsas de Canzobre e de Pibela recorrendo as rúas.. 

 Dende 1997  unha Deputación da Coruña, presidida por Lendoiro, na ansia inversora de recuperar espazos significativos e recursos tradicionais, adquire para a cultura o Teatro Colón, celebrando a un tempo o seu medio século de vida. Convócanse entón concursos de compasas e até o 2011,  puntuais á primavera, os eserados apropósitos de Antón de Santiago

Antón de Santiago, vida moza vncellada á tradición musical, ao canto, á voz, onde entra a radio, tan importante na Coruña. Algo que polos anos 90 ben entendeu Manuel Lombao,  entón director de Radio Nacional de España nos recuperados espazos  modernistas de La Terraza, ao organizar as colección e querer formar un Museo da Radio, recordo ás grandes voces coruñesas, como as da familia Mariñas, Martín Ferrán, Amanda Español, Marina de La Peña, Mari Carmen Deus, Barreira, Pilar Cañás, Mari Carmen Campos... Ilustre Santa Compaña na que estaría Antón de Santiago. Mais a arroiada do Rio do Leteo arrastrou a intención. Sabemos que as tradicións, non traizoan, aparecen e desaparecen e con elas nomes e feitos.

15 FEBREIRO 2026