Meirás, Meirás, en que mans caerás... nas do pobo
No 1893 a Pardo Bazán constrúe no seu espazo histórico de Meirás un novo pazo.Despois da guerra, a través da represión, os golpistas entregaránllo á Xefatura do Estado. Os herdeiros tratarán de apoderarse desta histórica propiedade pública
Dito o de arriba que se atribúe á Pardo Bazán, construtora deste pazo historicista, de gusto romántico, como para un mago ou unha fada artúrica. Feito á medida da escritora e para a súa posta en escena. Pois velaí o seu sancta sanctorum, o que, afortunadamente, se conserva , a súa biblioteca, pese a ter desaparecido na súa revirada historia importantes documentos.
Predios ofrecidos ao golpista e ditador Franco como Xefe do Estado, a 3 de marzo de 1938, en plena guerra incivil, cando as leis democráticas estaban conculcadas. Entrega realizada despois da compra, por colecta abusiva, mesmo con descontos nos salarios mensuais á xente do traballo, realizada pola Junta pro-pazo del Caudillo, formada pola plutocracia, gobernadores civís, alcaldes e empresarios da guerra e a fin de que aquela misión figurase como regalo del pueblo al caudillo. Programa que fracasou para logo facelo de xeito máis represivo, especialmente cos veciños da parroquia de Meirás e concello de Sada, acusando de roxos aos que non colaboraran. Así o empeño acadou o seu fin: adquirir o pazo aos herdeiros da Pardo Bazán, moi proclives a tal fin, pois Jaime Quiroga Pardo Bazán, o primoxénito - formado en Dereito en Compostela, voluntario na guerra de Melilla, tenente de cabalería, carlista, antirepublicano, participante no fracasado golpe da Sanjurjada - fora detido xunto co seu fillo de 19 anos) por militantes da Federación Anarquista Ibérica, conducidos á checa dos sotos do madrileño Círculo de Bellas Artes de Madrid e fusilados un 11 de agosto de 1936.
E así se fixo entrega pública de tan singular facenda a Franco, un 5 de decembro de 1938, acelerando dende entón a rehabilitación, con gastos a conta do Estado e guiadas polo arquitecto modernista Rafael González Villar. A pretensiosa decoración correrá a cargo de Carmen Polo, escollendo tapices, moblería, cadros de Patrimonio Nacional, regalos, como aquel cadro de Julia Minguillón representando a nenos bordando bandeiras, pinturas de Álvarez de Soutomaior, incluídas as esculturas dos dous profetas de Mateo, cedidas polo Concello de Santiago e xa, despois de dúas sentencias recentemente devoltas a este... ánforas aparecidas na baía da Coruña, cornamentas de cazarías nacionais... No xardín escudos traídos de diferentes partes de Galicia, mesmo un hórreo pontevedrés, reprodución de esculturas... complementando a construción histórica con outras, mesmo para os xogos dos netos .
Corenta anos de historia de apropiación indebida e artimañas para facerse, non so do pazo - con canto significa ademais de xardíns, hortas, bosque – senón estendéndose e facilitando a adictos o negocio inmobiliario ao inmediato castro, area arqueolóxica de importantes resultados sobre ritos funerarios de incineración nas escavacións de Luengo Martínez (1948), así como á Casa das cunchas... e mais aínda por resolver. Sen esquecer na Coruña a Casa de Cornide. A 26 de novembro de 1975 a monarquía outórgalle á viúva de Franco o título nobiliario de Señora de Meirás. Feudo que pasaría por herdo a Francisco Franco Martínez- Bordiu, sendo suprimido no 2022 pola Lei da Memoria Histórica.
A devolución do pazo, consecución aguilloada polo sentimento do pobo
Non deas a esquecemento da inxuria o rudo encono. Na medida que se vai madurando en democracia e liberdades, xurde a voz do pobo. Velaí pois unha publicación necesaria, nacida do saber e da ansia de Carlos Babío e de Manuel Pérez, autores dun libro que desbrava sobre o entullo da verdadeira historia, intencionadamente confundido pola ditadura e os seus aduladores: “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio” ( 2017).
Páxinas que introducen á historia do singular pazo da parroquia de San Martiño de Meirás, Sada. Onde hai constancia da existencia dunha torre do sc. XIV, período dos Trastámara, pertencente a Roi de Mondego...seguida doutros propietarios, mesmo vinculados á Inquisición, os Patiño, até que cos Pardo e os influentes Montejano converten aquelo en pazo, para pasar aos avós da escritora dona Emilia, á figura contrafío de Miguel Pardo Bazán, soldado do Batallón Literario, sobranceira figura no Trienio Liberal, casado con Joaquina Mosquera y Ribera. Edificio incendiado polos franceses, posteriormente borrándolle don Miguel o pouso de fidalguía para convertelo en granxa. Recibido en herdanza por José Pardo Bazán y Mosquera, casado con Amalia de la Rúa Figueroa y Somoza, os pais de Emilia Pardo Bazán, vinculeira. Home distinguido pola defensa dos intereses da Igrexa como Conde de Pardo Bazán. Nun 10 de xullo de 1868 na capela daquela granxa casará dona Emilia con Xosé Quiroga, fidalgo do ribeiro de Banga, o Carballiño.
A viúva, dona Amalia de la Rúa, a súa filla, Emilia, xa separada de José Quiroga, acompañada dos fillos, Jaime, Blanca e Carmen pasarán en Meirás longas tempadas. Momento nos que nace unha nova ilusión: no 1894 colocase a primeira pedra dun novo pazo, obra dirixida polo arquitecto madrileño, seguidor de Viollet le Duc, Vicente Lampérez, esposo da escritora Blanca de los Ríos, amiga de Emilia. Obras que duraran ate 1910, dándolle ao edificio un carácter simbólico: a torre da Quimera, alegoría do maxín; o balcón das inspiradoras musas, a biblioteca... todo feito á medida da escritora. Na decoración participará o historiador Balsa de la Vega. Dona Emilia afeccionada aos anticuarios adquire tapices, bargueños, cerámicas e porcelanas, mobiliario ... Bens que a familia, gracias a xestión de Juan Naya e Sebastián Martinez Risco, repartiría entre o concello da Coruña e a Academia Galega, conseguindo ademais para esta institución a doazón da casa familiar da coruñesa rúa de Tabernas 11.
Flamante pazo gabeando sobre a Mariña de Sada e polo que pasaran ilustres figuras da arte, da literatura, da política e das monarquías. Máis á morte da escritora en Madrid un 12 de maio de 1921, a guerra, a entrega daqueles predios ao goberno ditadura farán que vire a historia.
Longa espiral de procesos nos que reluce o engano e a apropiación indebida
Ansia de devolvelo ao pobo e convertelo nunha lección de historia que se verá envolta nunha secuencia de procesos e sentencias, guiados a través dos Servizos Xurídicos do Estado. Iso si, aguilloados pola constancia popular do asociacionismo. Demanda presentada en xullo do 2019 a fin de que a familia Franco devolva o pazo por fraude na súa compra. Para o 2 de setembro do 2020, o Xulgado de Primeira Instancia , número 1 da Coruña, declarar nula aquela doazón á persoa de Franco, ordenando a súa devolución ao Estado. A 10 de decembro do 2020 os Franco entregan a chave do pazo ao Estado. Sentencia ratificada pola Audiencia a 12 de febreiro do 2021 pola que que se determina que a familia Franco desaloxe o pazo, iso si, co dereito a ser indemnizada polos gastos de rehabilitación. Sentencias que denotan o fraude de dúas escrituras contraditorias: a de 1938 e a de 1941, compra-venda de paso á familia , evidenciando esta un negocio simulado, realizado a través do seu apoderado Pedro Barrié, cando xa fora pagada para o uso público do Xefe do Estado. Ademais facéndose cargo os poderes públicos dos gastos de mantemento non so durante toda a ditadura, senón até 1990. Cando mesmo até 1982 un destacamento da Garda Civil facía servizo de vixilancia no cuartel do pazo e logo un garda civil. Os Franco, ao marxe das artimañas que os beneficiaban, alegaron que a posesión do pazo era de boa fe. A 7 de novembro do 2024 os xulgados de Madrid estiman a demanda do Estado e outorgan a propiedade dos bens e documentos do Pazo a Patrimonio Nacional, condenando aos herdeiros do ditador a pagar as costas xudiciais...En 9 setembro do 2025 o Goberno de España incoa expediente para declarar o pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática. E agora nestes coresmais días de febreiro do 2026 esperando a vista definitiva por parte do Tribunal Supremo.
O camiño non foi fácil: A sentencia do 2021 determinaba indemnizar aos Franco polo ben do que gozou sen que lle correspondese. Decidindo o demandante, o Goberno do Estado, a renunciar á posibilidade de recurso... Establecendo que os gastos que deber reembolsarse aos Franco irían dende a morte do ditador en 1975, incluíndo a rehabilitación da parte afectada polo estraño e nada investigado incendio de 17 de febreiro de 1978. Obras que xa foron sufragados polo seguro,: trece millóns de pesetas (1978) e feitas sen permisos de Patrimonio.
Espazos non faltan no contexto do pazo para informar axudar a formar: a Historia da torre, do pazo, da granxa, os seus vencellos cos antigos liñaxes da Galiza feudal, os Pardo Bazán, a escritora ... e por suposto o que significou a ditadura e as ansias democráticas e populares para a súa recuperación. Algo que dependerá dunha xestión axeitada. Modelos non faltan.
19 FEBREIRO 2026

