Arredor de Otero Pedrayo e da aura do seu Ourense
Ramón Otero Pedrayo ( 1888-1976), como o seu amigo, ´irmán´ Vicente Risco viven baixo a aura do Decadentismo, con canto este implica de posta en valor do espírito do pobo, anovando así a misión de rexeneración dos precursores, como Pondal ou Murguía
Compre asumir este noso tempo, atento a empaquetar e dosificar a cultura en cabosdano e cerimonias. Aproveitemos pois as efemérides para dicilo. Insistindo en que a cultura, a que nos identifica no mundo, é algo que levamos posto e forma parte diso tan poético que é o espírito, a alma dun pobo, a súa aura, como pregoaban os diferentes da Xeración Nós. E xa nos metemos no tema, cando conmemoramos o medio século do pasamento de Ramón Otero Pedrayo, un 10 de abril do 1976. Egrexia figura das letras, nacida en Ourense, na rúa da Paz 25, en sobria casa, con xanelas abertas a enxergar a encrucillada de rúas que levan á catedral e ao bulir da urbe, centrada polo pingar cantareiro da renacentista Fonte de Ferro, espolio da Desamortización. Foi un 5 de marzo, día de San Adrián, de 1888, pois velaí nalgunha das súas obras o seu heterónimo, como Adrián Solovio (sub-lovios, de debaixo do emparrado) ou mesmo como Silva ou Adrián Soutelo, este apelido dos devanceiros da casa paterna de Trasalba.
Aquel seu primeiro Ourense era plenamente romántico, o de Lamas Carbajal, o dos sacerdotes Marcelo Macias, Rei Soto, o da Marquesa de Atalaya Bermeja, metida nos misterios da teosofía, tamén o da misión agrarista do abade de Beiro, Basilio Álvarez...
No primeiro piso daquela casa de Otero Pedrayo - recentemente mercada pola admiración e a sensibilidade ( que non tiveron os poderes públicos) do escritor Camilo Valdeorras – tamén naceu , viviu e morreu Vicente Risco, considerado por don Ramón como un irmán. Raiceiras, influencias que aquel mociño, estudante de Filosofía e Letras leva presas, para medrar na universidade compostelán, co sentir galeguista do profesor Cotarelo Valledor. Logo a estudar Dereito nun Madrid onde pesa o grupo galego. Con parladoiros nos que se falaba do feiticeiro perigo de ser galego dos bos e xenerosos. E xa nos seus derradeiros anos sentíndose como unha fantasma do romanticismo, mais coa responsabilidade de ser unha ponte de vontade, trazada dende Risco e Castelao aos máis novos. Transmitindo as leccións daquel seu distinguido grupo , ao xeito do Á rebours que propagaba Huysmans, como dandis inadaptados, diferentes, mesmo tamén seguidores dos nacionalistas irlandeses, enchoupados no sentir bárdico céltico, tan de herdos orientalistas, nos misterios do Trasmundo, nunha nova ascese dun rei Arturo na busca do Cáliz da concordia, na relación paisaxe-paisanaxe, como recollendo o mellor dun cristianismo panteísta, franciscano, os que dicían ser os piares do espírito galego.
Pois non abonda co nivel de vida Que fai o home con problemas económicos resoltos- sempre eles son relativamente resoltos, “sin un nivel de alma” que lle permita aturar a soedade e a visión e seguranza da morte?. E recollemos a encomenda.
É obrigada en toda biblioteca de Galicia a Guía de Galicia de Otero, con fotos do gran José Suarez, de Allariz, tamén celebrado neste 2026 pola Academia Galega de Belas Artes. Texto e ilustracións que foxen de tópicos folclóricos, aos que tamén somos tan propensos. Onde todo se humaniza, a arqueoloxía, a historia, a arte, a literatura, a paisaxe, as tradicións... Como tamén é obrigado o Ensaio histórico sobre a Cultura Galega para entendernos coa terra e a historia que nos define. Sempre profundando no espírito do pobo, como fai na novela Os camiños da vida (1928), o universo da aldea galega e a súa transformación. Mentres que Arredor de si (1930), ofrece datos autobiográficos. Así é que, non se entende a Otero Pedrayo, se non se entende a Galiza, como se non se entende a Galiza se non se entende a don Ramón. Iso si, son textos para ler de vagar, enxergando e quizais acompañados dun dedal de tostado.
Historia de Otero compartida e madurada con Vicente Risco e que algúns trataron fender. E, non temos máis que lembrar aquel graffiti con verbas de don Ramón, escrito pouco despois da morte de Risco, no 1963, amonestación que campaba na parede daquela nova Cova Céltica, ao xeito dublinés, a taberna de O Volter, recanto do Eirociño do Cid , lugar de acollida en tempos da ditadura para artistiñas rebeldes. Como paradoxo espoliada na democracia: Vicente Risco, amigo/Mestre, ergueita e pura/Chama nas orelas do/Mar dos nosos destinos/Lámpada mantida co/Óleo deunha ialma de/Alborada e lembranza/Con nos, cos que han vir/Ca Galiza, alumando/Seus vieiros, sempre/ SEMPRE... Verbas cargadas de espírito que definen as pescudas daquela Xeración Nós, plural e maxestático, como poñía en énfase. Homenaxe a un Risco que foi fábrica de ideas, creador de irmandades, seminarios, confrarías, parladoiros... fundamentado na filosofía decadentista e da que foi un adiantado, mesmo a Spengler: a revolución do espírito fronte a canto supón a industrialización, a uniformización, anunciando a campante globalización e deshumanización. A súa era a posta en valor da persoa, das tradicións, dos códigos simbólicos, tan de herdo céltico-cristián, e sobre diso da creatividade. Un Risco sempre no risco do afiado fío, controvertido, aguilloando ao debate, heterodoxo en todo, agás nos misterios da relixión . Sementando a dialéctica dende un senso maniqueista, metido entre anxos e demos. Obra de alta cultura que Atila en Galiza, trastornou .
Accidente a carón da Torre de Breogán... e un patriarcal caxato para sempre
Don Ramón e Fita, a súa compañeira, acoden á Coruña para o seu discurso de ingreso na Academia Galega. E como non podía ser doutro xeito, antes, fan unha visita á Torre de Breogán (que Alfonso X - con ansias xenealóxicas de orixes grecolatinas, que non célticas.- dixo de Hércules ). Mais velaí que aos pes da milenaria torre e ao baixar do automóbil, este perde os freos e colle, de esguello, a don Ramón... Ferido, atendido polo doutor Urbano Losada. Accidente que poido ser peor, aínda así quedarán secuelas, para dende entón acompañar a súa xa patriarcal figura cun caxato, como báculo druídico. Retrasarase a data de Ingreso unha semana, ao 9 de Nadal do 1929. Institución da que era presidente o ribeirao, de Leiro, Eladio Rodríguez González. O discurso de Otero titulase Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal. Daralle contestación un Risco que entende moi ben ao amigo: declaración de intencións inscritas nunha nova renacenza de Galiza, a de dar continuidade á misión de Murguía. Compara ao amigo co romántico lisboeta Alexandro Herculano, ebrio de literaturas europeas, director da biblioteca de Porto, autor da Historia de Portugal, ansioso en buscar e expor os valores de Portugal. Insiste en que ninguén mellor que Otero para interpretar a arpa bárdica de Pondal. Discursos desbordados de connotacións célticas, da interrelacion paisaxe-paisanaxe, na sempre leal devoción que don Ramón sinte polo viaxeiro bretón, de Saint Maló, cidade tan parecida á Coruña, Chateaubriand, autor de As memorias de Ultratumba, libro lido de neno por Otero, en francés e naquel seu observatorio da Casa da Trasalba, aberto ao universo, que é solaina do nacente, a carón da exótica árbore que plantou o pai Enrique Otero Sotelo, medico, cando naceu o vinculeiro e que unha treboada levou nun entroido de 1972. Feito interpretado como tristeiro agoiro para un don Ramón xa senlleiro, pois no 1970 finara a súa señora a santanderina Xosefina Bustamante Muñoz. Solaina de pedra que abre á bocarribeira dun Miño hoxe encorado en Castrelo e ao fondo a silueta de moucho do Coto de Novelle, máis achegado o Punxín de San Vintila e dos avós de Alberto Cortez, que non é pouca cousa... arriba, o monte do San Trocado. Memorias de Chateaubriand que don Ramón relee nos seus derradeiros intres.
Ourense, a cidade. Trasalba, a aldea
Chateaubriad, con casa e tumba ao pe do mar, en Saint Malo, con castelo en Combourg... Don Ramón con casa na encrucillada da urbe, en Ourense e pazo de ida e volta en Trasalba, este observatorio do acontecer aldeán. Casa Grande co pouso intocable dos devanceiros, coutada por un valado, a carón dun souto antigo, no curral con fonte, forno , cortes, adega baixo o sobrado e dúas solainas: a de madeira, orientada ao solpor, con porta ao corredor, á lareira-cociña, aos cuartos, salóns, central presidido pola mapa de Fontán, como xanela aberta a Galiza enteira ... e outra solaina, a de pedra, orientada á alborada. Casa Grande sen as pretensións do inmediato pazo, o de Gaión ou do Campo, mercado polo pai, maldito cavilaban. Onde o poeta Noriega Varela foi mestre e contra o frío queimaron táboas do piso. Para esconxuralo, dona Eladia, no 1948, mandou erguer un cruceiro diante. Predios ao final vendidos para sobrevivir. Compre pois visitar Trasalba, Ourense, onde contaxiarse coa aura de humanismo daquel espírito de Nós e que ben compre.
5 MARZO 2026

.jpg)