O seductor patrimonio Cultural da Costa da Morte e a súa xestión
O extremo occidente do Vello Mundo atrae e arredor del a súa arqueoloxía, arqueoloxía, arte, tradicións... os que tanto inspiraron á creación.¿Pero están ben xestionados tantos seductores recursos, habendo modelos, como por exemplo os irlandeses?
A maxia do cabo do mundo, os camiños de Fisterra atraen dende sempre. A todo o que hai que sumar unha moi rica arqueoloxía, etnografía, arte, literatura, gastronomía... todo iso que hoxe se mercantiliza como “paquetes turísticos”, virtualidades, cando a realidade é outra.
Costa da Morte aínda non ben delimitada e que poñeriamos dende a milenaria Torre de Breogán - que Alfonso X, por sumarse a liñaxes grecolatino, fixo de Hércules - até esoutro pico sacro que é o Monte Louro, e por medio o rosado e pagán Monte Pindo, onde cabe cavilar a Merlín enmeigando en monstros de pedra a que non lle conveña. Confín, máis alá de Compostela, cantado polo bardo céltico Pondal, como por López Abente, de arqueoloxías como ben recolleu Esmorís Recamán, de oscurantismo e naufraxios, pois velaí os textos de Francisco de Ramón e Ballesteros, de Baña Heim, de reconversións mitolóxicas como as de Benxamín Trillo... Inspiradores asuntos aproveitados por Cela en Mazurca para dos Muertos, en Manuel Rivas en Galicia Bonsai Atlántico...en César Antonio Molina. Terra do humanista e trotamundos Alexandre de Fisterra, de amigos no profundar como o historiador Lema Suárez, de autores de guías como Fernández Carrera ou da toponimia de Cabeza Quiles... onde tampouco falta un Batallón Literario de poetas interaccionando paisaxe-paisanaxe. Inspiración que si non ten de banda sonora o ruxir do mar terá son e os cantares das pandereteiras, escola de cerna céltica. Onde o aturuxo ten santuario no Berro Seco de San Fins do Castro, Cabana.
Costa da Morte, antoloxía da cultura galega: o paleolítico de Reiro en Arteixo, os megálitos, que por Dombate nos conducirían a un circuíto espallado pola Ruta dos Dolmens: de camiños por facer, de monumentos por expropiar e protexer... como a mítica Arca da Piosa. De castros como o de Borneiro, sc. VI a.C, ou o Castromiñán, igual que o castro de terras baixas de As Barreiras, Vimianzo; o asentamento aurífero romano de Brandomil e pozo Limideiro...
Os activos centros de recepción de visitantes facendo sostible o patrimonio
Escola e museos, institución educativas que deberan estar nas miras dos poderes públicos, abrigando o artigo 46 da Constitución Española. Mais non se ten asumido o que é un museo, o que erroneamente se entende como unha colección ou un almacén, si acaso acompañado de ilexibles textos nas paredes .Aquí centros cunha xestión coutada, non sometes faltos de persoal, senón de espazos axeitados, previos ao recurso, como debe ser o centro de recepción de visitantes: onde se informa de itinerarios, se interpreta o monumento, a través de artefactos, mesmo quizais a través dun vídeo... onde se ofrece o marchandising, os servizos... e como non a taberna do Museo, coas delicatessen da terra, onde tomar algo, esperar... Iniciativas que xestionadas con saber e ansia axudan a facelas sostibles. Non faltan experimentos que van por diante , vexase en Irlanda o centro de visitantes dos acantilados de Moher, o da Giant's Causewai ou o megalítico de New Grange, o monástico de Glendalough... e vaia si venden o celtismo... en Bretaña Pointe du Raz...
Coidando os vieiros, os altares da natureza, os antigos valados e arquitecturas tradicionais, hórreos, cruceiros... fora desa tendencia ao intervencionismo, aos gastos de afeamento , Deixando falar a natureza de Traba, do Pindo, do San Bartolo, ás penedas de Muxía cristianizadas polo santuario da Barca... os petróglifos de Louro , o Facho de Fisterra, onde cabe maxinar á meiga Orcabella, como nos bosques de Dumbia ao Vakner... Eses promontorios e faros, arredor dos que se crearon rutas teóricas, mesmo sen base e sen seguridade, mais merecedoras de atención: Nariga, o Roncudo, Praia de Trece e Cemiterio do The Serpent, Vilán, a Barca, a Buxerana, Buitra, Touriñan, Nemiña, Rostro, Fisterra, Cee, Caldebarcos, Lariño ...
Paisaxes e aldeas de lenda, arqueoloxía, megálitos, castros, ermidas, mosteiros...naufraxios.
Lugares de historias enredadas en naufraxios, con restos repartidos, con fotos que documentan moitas delas e cavilo no legado de Ramón Caamaño, en Muxía, tan merecedor de atencións, como no de Xosé Maria Vidal en Laxe, mellor protexido que divulgado polo Concello ... Sitios onde trunfa a artesanía do liño e penso na labor de Carmen Riveiro, como os insólitos encaixes, de nomes sobranceiros, algo que Camariña, con saber e develo, fixo seus. Obras de arte merecedoras de mellores espazos. Sendo a olaría de Buño, un fito importante nas artesanías mundiais, polas formas, pola habilidade e vidrados...que suplican a continudade do traballo iniciado no Forno do Forte de Buño... o do ecomuseo, centro vivo, coa gran cocedura e festiva, vencellando á parroquia á redor do lume, dos saberes e de sabores como o da carroa ... Esa mesma idea revitalizadora que desexamos levar ao batáns e muíños do Mosquetín en Viamanzo, como ás Torres do Allo, orixe dunha antiguísima fidalguía, os Rioboo, coa que emparenta o biólogo Víctor López Seoane... Estruturas, lección que mostran o paso do castelo medieval ao pazo renacentista. Se ben non se lle soubo dar un atractivo fin.
A taberna, un recurso onde se conta, se canta e se xantan saberes tradicionais
Territorio onde o castelo de Vimianzo é embigo e berce das máis antigas fidalguías, as que se repartiron na misión, na conquista, espazos na actualidade para a permanente Mostra en Vivo de Artesanías, iniciativa que lle dan fin, si ben merecedora de espazos inmediatos recuperados, a fin de non acugular a mensaxe histórica da fortaleza e facilitar a recepción, a interpretación, o marchandaising, e como non, sen faltar a taberna do museo...
E a gran riqueza etnográfica, todo un universo de embarcacións, de artes de pesca, do mundo agrario, do carro....de onde derivan tantas verbas... Sabendo de coleccións formadas, de reitorais que esperan mellor futuro, do atractivo das lonxas, algo que o entorno do porto de Fisterra soubo aproveitar coa xeira de oferta gastronómica. Velaí: saber onde pescar e con que cebo, e as tradicións non nos traizoan... e tantos recursos: a talasoterapia, os náuticos.
A Costa da Morte, inspira, non rematariamos de dar nomes, locais ou estranxeiros asentados aquí. Lembrando a xenialidade dun Santo Inocente, Man de Camelle, morto de magoa cando o ouro negro do Prestige invadiu esta beiramar... a iniciativa do Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte en Corme, sigue a ser algo a desenvolver dentro do que o seu nome indica. Velaí algo que compre espallar, a meritoria colección do Museo Etnolúdico de Galicia, na Ponteceso, complementada co esforzo explicativo dos seus xestores. Esperando que o sentido común leve axiña á recuperación integral da decoración da Casa do Mar de Malpica, obra de Urbano Lugrís, como un museo cheo de cultura, tradición-creación, feito para taberna, para xerar cultura. Compre a implicación de todos e mais das empresas que radican aquí. O turismo, coordenado, é fluír de cultura, desatendido pode ser unha degradante invasión.
20 MARZO 2026

