Aldraxe ás gárgolas de Compostela

Ampliar: 2026, polémica solucción ás gárgolas do Hospital Real de Compsotela



Gárgola, verba relacionada con gorxa, con canle. Vello tema, o de dar saída ás augas da chuvia que caen sobre un edificio. Agora, ás gárgolas do antigo Hospital Real de Compostela dáselle unha saída que clama ao ceo: complementadas con tubos de cobre

A Compostelán praza do Obradoiro, a mais de ser o corazón de Galiza é onde converxen os camiños da Vella Europa, cara á que se abre o Pórtico da Gloria, onde tamén inciden as olladas, as emocións e onde os guías se afanan en explicar a secuencia de estilos históricos: Románico, Gótico, Renacemento, Barroco, Neoclásico... E agora os esperpentos da contemporaneidade:  as olladas crávanse aínda máis no coroamento, no voado do solemne edificio que foi  para Hospital Real, nas dezaoito gárgolas aldraxadas, certo, sodomizadas con tubos de cobre de 70 cmts, os que, na “Cidade onde a chuvia e arte” , dos paraugas,  tentan apartar as augas dos paramentos e dos balcóns.

Grandioso edificio  para hospital de peregrinos encargado polo humanista coengo Diego de Muros e amparado polos Reis Católicos, construción de 1492-1501, guiada polo mestre arquitecto toledano Enrique Egas , denotando o paso do Gótico a un Renacemento Plateresco, logo con intervencións barrocas en balcóns e enmarques de xanelas dirixida por Frei Tomás Alonso. Con fachada centrada por un gran arco de triunfo no que se faia apoloxía da caridade e dos monarcas que tanto montan. Conxunto labrado polos escultores franceses  Martín de Blás e Guillén Colás.  A mirada lévanos ao  seu fantástico voado, pétreo festón labrado, coa súa cadea pétrea coutando a edificación e sobre a que asoman en fachada as gárgolas en cuestión, mesmo das que coñecemos o nome do seus canteiros escultores: os cántabros, posiblemente mestres trasmeranos Gonzalo Rei o Mozo e Pedro de Omoño. Nomes que, agora, ante o aldraxe cometido ás súas obras compre homenaxear. Entendendo que non é soamente un atentado visual, senón tamén á tradición, a canto significan eses símbolos, feos bechos, na cultura galega.  Obra coidada polos seus creadores, dado o sitio, os seus promotores e o seu fin.

O antigo Hospital Real, un referente na Historia da Arquitectura

Son moitos os estudos que abondan sobre tal sobresaínte edificio, tal como os da autoría de Delfín García Guerra ou o de Andrés A. Rosende Valdés, como os que se preocupan pola singularidade das gárgolas, os da profesora Dolores Herrero Ferrio, sen esquecer o meritorio traballo do xornalista Benxamín Vázquez, sempre tan atento ao devalar e mudas da cidade, que levantou a voz ante o recente atentado, autor dun libro necesario Gárgolas de Compostela (Editorial Alvarellos 2022)  con fotografía de Xaime Cortizo, documentos que nos achegan  eses detalles na altura que, quen camiña a ras de chan non ven.

Pedra, auga, monstros: gárgolas, verba en relación con gorxa, co gorgullar da auga que conducen até darlle saída. Representando monstros, pecados, un mundo fantástico, maxinado ao revés, facendo carantoñas, arremedando, acenando, nas posturas máis reviradas de titiriteiro... Seres como sacados dun imaxinario céltico, artúrico, tan de herdos orientais, procedentes da espesura dunha fraga, de lagoas, da brétema oceánica, Leviatán... velaí as tarascas castrexas, os canicelos románicos, as misericordias dos coros sobre as que, como esconxurándoas, asentan o traseiro os frades...  encadeadas a estruturas, castigadas a trousar auga purificadora, servindo tamén de gardiáns e darlle un carácter apotropaico ao edifico no que asoman. O asunto enguedellase na chanza e mais neste confín, onde o escarnio e o maldicer teñen o seu mellor sitio e historia.

A arte soamente se “toca” para protexela... e ollo coas gárgolas

A cuestión de apartar as augas das edificacións ven de vello, principio básico da arquitectura. Xa no sc. I. aC. o arquitecto Marco Vitrubio no seu tratado De Arquitectura, ao final do capitulo III teoriza sobre o asunto e di conducilas da sima ás acróteras, propondo que terán forma de leóns, coas súaas fauces, as que deixan caer a auga a cachón ou a pingas, como bagoas... O asunto, a fantasía non se parou na proposta dos leóns, aguillou ás gavillas de xornaleiros canteiros, vizcaínos, trasmeranos, galegos ... tan propensos a darlle renda solta ao maxín, á creación dun inmenso repertorio fantástico. Non temos mais que recorrer o Val de Dios, rousar o grandioso edificio de San Martín Pinario, mirar para arriba e ollar, entre terra e ceo, esas gárgolas, endiañadas bestas que nos seguen cara ao convento franciscano do  Val do Inferno. Tamén necesitados de coidados especializados que preserven as labras, a pedra.

Repetimos en que non é fácil a cuestións de guiar as augas, darlle canle e apartalas das paredes dunha construción. A respectada auga un dos poderosos Catro Elementos, a que apaga o lume, rega a terra,  limpa, purifica...pero tamén desgasta... sendo una das cuestións base para calquera arquitecto. Seguindo nesa historia da arquitectura  non temos máis que coñecer a obra e os tratados do historicista e romántico arquitecto francés Viollet-le-Duc, o seu tratamento ás gárgolas para edificios e conxuntos góticos que rehabilitou dende a súa sensibilidade neomedieval: Carcasonne e mesmo Notre Dame de París, repoñendo gárgolas, mesmo incorporando algunha da súa invención.

Singular edificio do Hospital Real,  que dende 1954 e despois dunha intensiva rehabilitación sirve de Parador  Nacional de Turismo, adscrito á rede do Ministerio de Industria e Turismo,  o que agora encarga o proxecto e as novas obras de rehabilitación e conseguintemente a alarmante solución dada ás gárgolas. Proxecto ao que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, como os correspondentes servizos do Concello de Santiago deron o conseguinte visto bo. Mais da teoría pasase a realidade, a un novo e esperpéntico sainete, cos máis variados actores,  ao escándalo e á mesma consideración de buscar outras solucións que non impacten e dean solución á evacuación de augas.

A necesaria sensibilidade poética

Así é que o tema prestase á lería e sendo sobre escatolóxicas gárgolas aínda máis e para maior INRI  na tradicional terra dos picheleiros, como se lle dicía a Compostela, celebre noutrora polos seus follalateiros, especialistas en facer picheis, canles de auga,  na cidade de fontes e gárgolas.

 E velaí outro valor que deben enxergar os arquitectos, os burócratas, que, a máis do valor histórico, artístico, simbólico, está tamén o valor poético que ás gárgolas lle deron pintores como Laxeiro, escritores como Gerardo Diego, non temos  mais que ler en Angeles de Compostela ( 1976) o poema La gárgola: “ Y suenan los caños góticos/ sus memorias de romance./ Sueña la gárgola a cántaros/ lo que se va de sierpe  ángel/. Llueve en sus conchas morriña/ y por túneles y fauces/ se empujan a borbotones/ las venas rotas del aire / La gárgola se remuerde/ sus pecados capitales/ atada al canal, de bruces,/ sin alas para estrellarse/ Cuando le azota la nube/ sus entrañas de saudades/ la gárgola aprieta, aprieta/ todos sus sueños de sauce ./Allá abajo el chorro espeso/ busca en las losas el valle,/ el cielo de los suicidas./¿La gárgola fue antes Ángel?”.  Velaí como furar no espírito das cousas, algo que soamente as razóns do corazón  poden  enxergar mellor. E moito puidéramos dicir das gárgolas na obra de Otero Pedrayo, nese seu libro dedicado a Compostela que é “O espello no serán” (1966) , visión poética desa cidade nacida arredor dun sartego, a  que estende os seus volmes de espadanas e chemineas, desafiando o ceo, entre os montes ou miradouros do Pedroso e do Viso, a “aldea máis grande de Galiza,” urbe na que a tradición pagán, aldeán deixa asomar ás rúas empedradas, feos bechos, gárgolas de pedra e auga, nimbada de  luz e sombras barrocas.

Poden tomar nota os estudantes de arquitectura, facer un paseo por singulares edificios de Galicia coroados por todo un mostrario de gárgolas: máscaras, figuras ou simplemente canóns labrados para lanzar a auga ao chan... Que mesmo repasen na Coruña os voados do edificio de Capitanía, os que tamén teñen “enchufadas” ás fauces das máscaras caños e propor solucións.

30 ABRIL 2026