Maio, mes para emborrachar os sentidos
Maio,estoupar da primavera. Celebrado en festas con orixe que se perden no Neolítico, na mitoloxía céltica de Belenos, na grecolatina de Maia...Festa da árbore, cristianizada pola Santa Cruz, da procesión dos maios florais, do escarnio, da mocidade.
Maio, apoteose desa primavera que o sangue altera. Quinto mes do ano, mozo, rebelde, estoupando en barrocas sensacións que aproveita a relixión, a política, o comercio... Si o abril da Pascua abre entre nubeiros de pole e alerxias, a xeométrica harmonía primaveral terá o seu sitio e tempo apoteótico en maio, cando as flores deixan asomar os xermolos dos froitos, entre todas as gamas de verdes e esperanzas, cando os campos se cobren con mantos de margaridas e inzan todas as cores, as vermellas papoulas, as xestas marelas, brancas, mouras estraloques, fiúncho, a flor do bieiteiro...tamén coas súas propiedades medicinais, ramallos cos que se engalanan portas e xanelas.... Algo do que ben saben nesa sedutora Provenza, tan de herdos célticos e gecolatinos, cultura floral da que hai moito que aprender.
Deixase escoitar entón o canto do cuco, o recochouchío dos paxaros que volven e aniñan, os chios dos grilos... sobre o manto das floridas cerdeiras do Bierzo até as amendoeiras de Tras os Montes... ou de Gaza... Cores, recendos de vida, que atraen ás avellas, ás primeiras moscas, á couza... Mudas de renacer das que de antigo saben e celebra o hemisferio norte, tan celta como grecolatinizado. Certo que mentres quede unha rosa, quedan moitas esperanzas acendidas. Asuntos entre os que os estudosos deste tempo sempre terán de referente ao antropólogo escocés James George Frazer, autor de A rama Dourada (1890), obra trenzada entre a interacción de maxia, relixión, mitoloxía... e en Galiza sempre presente Vicente Risco.
Celebrado mes, o que, aínda sen o nome de maio dado por Roma, se perde a súa orixe cando o ser humano ten uso de razón, cando asume domesticalo todo, animais, plantas e a el mesmo autopóndose normas, no Neolítico. Cando enxerga a interacción dos Catro Elementos, Terra, Auga, Lume, Aire no agro, os que marcan as Catro Estacións. Compre pois celebralo.
O mundo prerromano, celta, con refuxio final no extremo occidente, nas fisterras atlánticas, celebrou neste tempo á divindade Beltaine, a que co outonal Samaín, noso tempo de defuntos e magostos, dividían o ano en tempo escuro, frío e chuviñoso e do da luz, seco e quente. Celebradas denominacións gaélicas, avivadas polos panceltistas románticos e modernistas, irlandesización, con exceso de celo tamén imitada e seguida por aquí. Encontros festivos entre o Imbolc ( tempo do Entroido) e o Lugnasad (apoteose do verán, o San Xoán), nos que o instinto druidista sigue a convocar semellantes celebracións xa con nomes cristianizados.
Pois velaí para celtas gaélicos o abrir de maio co Beltaine, en honra da divindade Belenos (e taine= lume), un xeito de Apolo solar celta. Coa noite do fin de abril ao 1 de maio, a célebre Noite de Walpurgis, lembrada por Goethe no seu Fasto. Mes de fogueiras, tradición desaparecida nos derradeiros anos en Galiza e que Taboada Chivite recolle por terras da Maía, veciñas de Compostela, a Ulla, Noia... con procesións de labregos portando fachóns acendidos, dando voltas arredor dos campos arados con cánticos de “alumea o pan...” e aquelas bolas de ramallos ardendo, que si lembro e que noutrora botaban a rolos, monte abaixo nas veciñas serras do Minho portugués... Herdos de tradicións ígnicas celtas, avivadas polas Palilia romanas, en honra de Ceres . Purificadoras cachelas, como noutrora as da noite do San Silvestre, como as da Candeloria, no Enterro da Sardiña, no San Xoán, nos Magostos.. Fogueiras de maio que foron, con lapas e cinzas polas que, como nas outras, tamén se facía pasar o gando e as persoas, con danzas e cantos arredor, desaparecidas da tradición, a non ser as das rozas e as limpeza das agras... Festas labregas, de preparación dos campos, as comunitarias endeitas, traballo solidario, con folións no que petando con sachos e eixadas se improvisan retranqueiros cantares.
Ahí ven o maio... poetizado por Curros e cantado por Batallán
Mes dos maios florido, festa de efémeros monumentos con nome da deusa romana Maia, a maior das sete Pléiadas, representada na noite e no ceo pola constelación simbolizada por aves, tan influínte na navegación. Maia, deusa como a árbore, entre o escuro terreal das raíces e a claridade celeste, a deusa pretendida por Zeus, nai do infernal Hermes. Celebración pois da árbore, cando nenos e mozos se revisten e fan de green man, de home verde, mitolóxica figura cuberta e trousando follas... na arte símbolo do eterno renacer. Tradición arredor dos espíritos das árbores, tan de herdo oriental e grego, ás driades, espíritos do bosque, mentres que as hamadriades, son como a alma da árbore. Tema moi tratado por Vicente Risco que relacionaba coas yaksas da India, divindades das árbores que nacen e morren con elas. No mundo nórdico abondan estes espíritos panteístas, un xeito de ninfas, irmáns das nosas mouras e xianas.
Maio, encontro floral, orixe das “batallas de flores”, dos maios: estruturas recubertas de musgo, xestas trenzadas, follas, flores, restras de bugallas, carrabouxos, laranxas, ovos... Como ídolos, cristianizados e coroados pola cruz, representacións enxebres, portadas en angarellas, escoltadas por nenos e mozos batendo paus, cantando coplas, herdos do escarnio...
Tema e tempo prendido no refraneiro e na antífona da cantiga tradicional galega: velaí que o Rei Sabio, nas Cantigas de Santa Maria di “ben veñas Maio, et con alegría/ por en roguemos a Santa María...” Ou os versos de Curros Ahí ven maio, anovados e cantados, de xeito baril. polo compostelán e médico, oriúndo da Moraña dos arrieiros, Luis Emilio Batallán .
Celebrado Maio, coa procesión da Árbore do Maio, da Raíña ou Rei do Maio, abrindo arcos, adornando con ramallos as portas da casa e dentro, a lareira...en Laza árbore transportada na noite por un cantareiro carro para erguelo na Picota, arredor da que procesionará a rapaza máis nova, a Eva, xunto co seu Adán. E máis aínda recollen Risco, Xocas,Taboada Chivite... Árbore de raiceiras afundidas no misterio da Terra, de torada e ramas erguidas, buscando a luz, o aire, florecendo e dando froitos. Símbolo da rexeneración colectiva...e así o entendeu o irlandés W. B. Yeats, a súa ilustradora Althea Gyles e así o toma Castelao para a portada da revista Nós. Arbores antigos, frondosos, orgullo e símbolo dunha casa, dunha tribo, dun pobo.
Mes de Maio, cargado de celebracións, motivo para o encontro
Festa dos Maios, avivada en Pontevedra en anos grises do franquismo por Filgueira Valverde. O 3 festa cristianizada da Santa Cruz, como Árbore de Redención, unha das advocacións da primeira cristiandade, “cruces” tan celebradas en Andalucía onde trunfan tantas tradicións, devocións e procesións levadas pola misión galega... Maio de flores a Maria, de rosarios, de ramallos e recendos a cinamomo, tan de uso na farmacopea do antigo boticario...
Maio das conmemoración en contra da francesada e inmortalizada por Goya, da efervescencia madrileña do 2 de maio na Porta do Sol... E c ando Ourense, Allariz, Redondela, Pontevedra, Poio... mostran as mellores tradicións primaverais... Cando a ansia e a leria medran: Ribadavia, Verín, Vilachá na Pobra do Brollón... celebran aos seus viños; como Carral ao seu pan, Vedra á orella, Redondela ao choco, Moimenta á filloa... cando e de vello no santuario do Corpiño se esconxura aos anxos malos e a Ascensión en Compostela convoca ao que noutrora foi gran feira cabalar, o 17 día das Letras Galegas, o 18 día dos Museos...
Cargado maio no almanaque civil, de cabodanos, celebracións, días mundiais... que suplen á nómina dos santiños da Corte celestial, onde mesmo aquela ditadura, baixo o palio, dedicoulle o día 1 das reivindicacións traballadoras a San Xosé Obreiro. Mes de María, do celebrado Santa Cruz de Aranga, de Oleiros, de Leiro, de Ribadeo... do San Gregorio en Mondoñedo, da Virxe de Fátima, da de Amil, do San Isidro, da Santa Rita, da salesiana María Auxiliadora, do santo bieito Beda o Venerable, no sc. VIII , conciliador do cristianismo céltico co latino... de San Fernando III, da Visitación... Cando o veciño Minho e Tras os Montes aproveitan as tradicións para facer festa e comercio, vexase Viana do Castelo, anovando sobre a tradición floral dos maios
Veas de fartura que nutren a primaveral ansia de positividade e paz, tan necesarias hoxe..
7 MAIO 2026

.jpg)