Un tesouro da cultura castrexa ( dous torques e un brazalete) no mercado
En maio do 2026 a galería Ansorena sacou en poxa dous torques e un brazalete que se di procedentes de Ourense e que a comuniade arqueolóxica relaciona cos adquiridos en 1960 polo British Museum. Cunha orixe moi probable no ribeirao castro de Beade
Nestes día saltou nos medios de comunicación ourensán a noticia que o 14 de maio sairían en poxa na madrileña galería Ansorena, por 195 000 euros, dous torques e un brazalete de ouro que se din de Galiza. E así foi, sabendo polo catálogo da propia casa de poxas, que agora se ofrecen en 210.000, descoñecendo si a Xunta de Galicia aplicará o dereito de tanteo, para o que ten un prazo de 6 semanas dende a saída en poxa. Intereses culturais e arqueolóxicos preocúpanse polo asunto.
Pezas que se di procedentes da cultura castrexa, a que singulariza o Noroeste Ibérico prerromano, datadas arredor do sc. III a.C. Prezo que consideramos moi alto para as dúbidas de procedencia que ofrecen e que pon no brete tal inversión. Noticia que xera diferentes hipóteses sobre tal achado: cando ocorreu, onde , como, ás relacións con outras pezas semellantes... Até a hipótese de que se atoparon nos anos inmediatos á guerra civil, sendo procedentes do Castro de Beade, gabancioso lugar do Ribeiro do Avia, nos vellos camiños reais que soben a Pena Corneira, cunha historia que vai dos castros á Encomenda dos cabaleiros de San Xoán de Xerusalén.
Pezas que, se cree, formaron parte dun tesouro , entre o que tamén estarían os dous torques con características e feitura semellante, quizais do mesmo taller, os que se mostran no British Museum de Londres, na sección correspondente a Antiguedades Prehistoricas, Sec. Idade do Ferro Europea e que, no 1960, foron mercados en poxa en Sothebys....Torques de sección romboidal, remate en dobre escocia, baleira no interior, ao xeito de sonaxa, un deles coa súa parte planas do dous remates decoradas cunha xeométrica rosácea hexapétala, trazada a compás e gravada a punzón, complementada no perímetro, na converxencia de liñas e no centro con boliñas goteadas. Representativos torques que foron cedidos para a exposición “Celt Art and identity” (2015), celebrada en Edimburgo e Londres, en inicio con cartela marcando a súa procedencia “do Noroeste Ibérico”, agora xa identificándoa nas proximidades de Ourense e da raia portuguesa. Quizais cavilando na súa relación co tesouro de Lebuçao, no Alto Támega portugués, veciño da provincia de Ourense (torques e brazalete, ambos máis rematados na súa decoración de punzón, tamén con rosetas). Torques castrexos do British dados a coñecer pola experta en ourivería ibérica e dunha saga de arqueólogos, María Josefa Almagro Gorbea “Dos nuevos torques de oro, de tipo gallego, ingresados en el Museo Británico” (Ampurias, 1962). Uns de tantos anacos da historia e da arte de Galiza ofrecidos nas galerías internacionais.
Pezas que son proba da riqueza da minería e da metalurxia dos galaicos, habilidade tan referenciada por xeógrafos, cronistas e viaxeiros da antigüidade grecolatina, como polas lendas e testemuñas, contos de tesouros de mouros, como polos que pasaron a museos e coleccións... Lembramos o epigrama do poeta bilbilitano do sc. I, Marcial, dedicado ao coleccionista Carino, facendo referencia aos cotizados traballos en ouro da Gallaecia.
Relación cos dous torques que se expoñen no Britihs Museum de Londres
Adornos que denotando casta, rango e un ritual, mesmo tipoloxías que se supoñen de carácter tribal, como propoñía o profesor Monteagudo. Sendo o primeiro expertizar a autenticidade das pezas no mercado, así como verificar a súa suposta relacións cos dous devanditos torques do Britihs. Polo demais a arqueoloxía seguirá nesa súa labor inacabada, parte do seu poder sedutor: ao cabo do tempo, as pescudas, a arqueometalurxia... ofrecerán novos datos. Polo de agora, os técnicos da Xunta de Galiza dubidan que os torques en poxa sexan de Galiza, pescudase documentación que garanta a procedencia e tal inversión pública.
Ao respecto é fundamental a alerta ofrecida polo ourensán, historiador da cultura galega Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández, especializado en arqueoloxía, preocupado pola trazadibilidade ou provenienza de tal “tesouro ourensán”. O que, ademais, di, daría bo “argumento para unha novela”. Iso mesmo poderamos dicir de moitos tesouros, contos ao respecto non faltan: sobre o lugar onde se atopou, quen e cando se achou, en que circunstancias, por que mans foi pasando...asuntos que axudarían a determinar a súa propiedade e a aumentar o valor arqueolóxico. Velaí a novela El Escarbajo´( 1985) do arxentino de Mujica Lainez . Mesmo en base ao que ten escoitado, ás conxeturas, montar unha hipótese arqueolóxica sobre este tesouro: o orixe, as abas do castro de Beade, na parte baixa das murallas, o valadoiro. Terreo mercado para aproveitando o cachote solto erguer uns socalcos e sobre deles plantar vides ...o célebre viño de Beade. Mesmo se propoñen protagonistas, como o célebre Antonio O Gaiteiro, o que, despois, na década dos oitenta, tería parladoiro, entre cuncas de viño e febras de xamón, con Graham Greene e o compañeiro deste o paúl Leopoldo Durán... Pois velaí que o sacho peta cunha ola e dentro un tesouro: pulseiras, torques... Son anos difíciles, compre calar o conto, aínda que as noticias bulen e furan, pola calada, medra a espiral do mito sobre os tesouros dos mouros... Suponse que parte do tesouro é a que reaparece no British Museum de Londres. E, velaí a outra parte no hoxe no mercado. Mesmo velaquí un felecho do que tirar, a marca do excelente viño de Beade co enigmático nome e “Torques do Castro”, produto da sabia vitivinicultura do humanista, bo coñecedor desta súa terra, presidida pola Pena Corneira, Eladio Rodríguez Fernández e do seu irmán Pablo “Oitavén”, creador do bosque encantado de Redimoas. Familia que coidamos fundamental entre as sombras desta historia. Tesouro en relación co aparecido no inmediato Concello de Ribadavia, na parroquia de San Cristobo de Regodeixón, as dúas argolas aureas. (Museo Arqueolóxico de Ourense)
O arqueólogo e exdirector do Museo de Ourense, Xulio Rodríguez púxose sobre un asunto que implicaría a este histórico centro cultural, no que non se mostran torques, pese a ser unha provincia rica en castros e en arqueólogos, como López Cuevillas, autor dun libro referente, Las Joyas Castreñas, (CSIC no 1951) de estudosos da ourivería protohistórica, como Bieito Pérez Outeiriño ou Ladislao Castro, os arqueólogos, Francisco Fariña, Colmenero, Orero, Eguileta, Santiago Ferrer.... Argumento que daría para un sorprendente montaxe expositivo.
Os estudos arqueolóxicos unha permanente arredor dos artefactos do pasado
Ben sabemos de contos e lendas que falan de tesouros das mouras. Esas mouras que mais sentimos en relación co verbo latino moneo (recordar, memorar...) e coas moiras gregas que coas mouras africanas. Lendas radicadas en algo de verdade: tesouros que enriqueceron casas, os que fundiron e se fixeron dentes de ouro ou os que se entregaron ao párroco para unha coroa da virxe, os que se levaron a un xoieiro, a un chamarileiro, os que se acocharon... Certo que ao descoñecerse a procedencia, aínda sen dubidar da súa autenticidade, perden parte do seu valor arqueolóxico. Si ben estes son asuntos sempre pendentes e así o entenden no British Museum, onde os seus olladores furgan entre as sombras facéndose para as súas colección con significativas pezas do máis atractivo ouro. Filgueira Valverde, Chamoso Lamas, Ferro Couselo preocupáronse tanto polo aparecido nas escavacións arqueolóxicas, como pola revisión dos fondos almacenado ou polas sombras das coleccións, dos anticuarios, dun mundo clandestino que tamén hai que, compre coñecer e evitar.
Os xestores do patrimonio cultural, vencellados aos poderes públicos, cos seus correspondentes departamentos, deberan involucrarse no estado da cuestión : seguir estas pezas, expertizarlas, acudir ás Leis, mesmo ao artigo 118 da Lei da Administración Local. Pois nutrir un museo é unha das primeiras normas da definición destas institucións, algo que no presente se trata moi á lixeira. Evitando o que pasa, cando se desfán coleccións como a do numismática Evaristo de Cuena González, con moedas únicas de diferentes épocas e cecas de Galiza e pasar ao mercado. Anacos da historia de Galiza, que enriquecen e dignifican un pobo.
11 MAIO 2026

