Trasalba e a Casa Museo de Otero Pedrayo para enxergar Galiza

Ampliar: Detalle da entrada na Casa Grande de Cimadevila, Trasalba, Amoeiro



A Casa Grande de Cimadevila, Trasalba, Amoeiro, herdanza do escritor Ramón Otero Pedrayo, significou para el a aldea galega, sagrario de tradicións e do idioma galego, sobre os que re-crea dentro da ansia decadentista e anovadora do Modernismo

Semella que todos os pazos de Galiza foron trazados á mesma idea: todos miran ao solpor... Así, baixo epígrafe do capítulo “Os Pazos no serán” comeza a novela de Ramón Otero Pedrayo “Os camiños da vida”. E terémolo moi en conta no que atinxe á Casa Grande de Cimadevila en Trasalba, observatorio do devalar da vida aldeán, a que para o neno vinculeiro significaba festa, medo, enredo de enigmas. Símbolo que emproa ao serán, nimbada da soidade e maxia que envolve á Galiza Celta, a que busca paraísos perdidos e semella esperar por un novo Arturo. Parroquias onde manda o pauto, o trato, o acordo, aperto de mans co crego, co fisco, co arrieiro, coas ánimas, até co mesmo demo... Locus amoenus, aportando á acción galeguizadora de Nós, querendo pechar esa trenza dialéctica na peregrinatio vital, seguindo estrelas, ideais, cara un sartego no confín, como os Magos tamén, estes cara a un nacemento.

A parroquia de San Pedro de Trasalba queda apartada nos camiños que de Ourense van cara Compostela, tan tripados por don Ramón: de neno a cabalo dun faco, co maioral nun carromato...  de mozo no Castromil... “o gran teatro do mundo”. Dende a Ponte de Ourense, subindo as encostas do Miño cara Gustei, Cudeiro... e detrás a alborada asomando entre a serra do San Mamede e de Manzaneda. E por diante o setentrión, a Martiñá e  mais cara ao solpor a lomba de can deitado da Madanela, as do o Suído, o Faro de Avión e a zig-zagueante serra de sete cristas esgurripándose dende Lebosende para culminar na lingua pétrea da Pena Corneira... Para ir a Trasalba virarase na encrucillada de Tamallancos, a dos cipreses que vimos esplendorosos, logo murchos e hoxe outros .Bisbarra entre Miño e Arenteiro, coñecida no medievo como Castela, lindeira con Orcellón... aquela de sorprendentes castros, como o das Lás, Formigueiros con esas labras “célticas”, representando unha grea de bestas bravas.  Cerna de casta e rango que deu paso a castelos, pazos, parroquias.... Para dende Tamallancos apartar por Amoeiro cara ao ribeiriño de Punxín e novamente virar cara a Arrabaldo, nova encrucillada,  onde  na Porta do Prado o pai, o médico don Enrique, tiña adegas e traballadores. Antes facemos parada na Cimamadevila da Trasalba que hoxe nos trae aquí.

Paisaxes e paisanaxes que envolvían os cavilares de don Ramón. Con aquelas dúas solainas entre as que se traza a  sobria arquitectura da súa casa: a de madeira, a de entrada, orientada cara ao Norte e na súa estremeira cara ao solpor do Carballiño... e pola banda traseira a solaina de pedra, aberta nun extremo cara ao abrente e estendida cara ao  sur, ao Miño e ao pico sacro de San Trocado... e mais ao fondo o Coto de Novelle, como a silueta dun moucho de alas estendidas entre o océano ondulado da serras Gerês. Horizontes de Trasalba co Castro da Cidá de San Cibrao das Las, territorio ben querido e descrito por López Cuevillas no capítulo que  pecha o libro de Prosas Galegas (1962) Mitoloxía e historia da paisaxe de Trasalba.  

Dignificar as esencias de Galiza, o idioma, as tradicións gardadas no sagrario da aldea

San Pedro de Trasalba, cristianización dada a lugares pedregosos, gabanciosa parroquia dos Chaos de Amoeiro, empoleirada ao sol e emproando cara  dúas bocarribeiras: a do ribeiro do Miño e a do Pequeno Ribeiro, a do Barbantiño. Vértice onde madurar os presupostos do Nós (plural e maiestático), comunal e distinguido, de inadaptados, diferentes,  os que atopaban a súa orixinalidade no remol das orixes, das tradicións, do idioma, da arte, dos vellos saberes populares, sobre os que re-crear para distinguirse nunha Europa que comezaba a uniformizarse. A seguir a estela dos exquisitos románticos e modernistas decadentistas, nos irmáns do panceltismo, rebeldes contra a maquina. Clamando polo humanismo, polo espírito.

Trasalba pola que pasou como mestre Noriega Varela, onde pronunciou homilías de máis pólvora que incenso, o abade da veciña parroquia de Beiro, Basilio Álvarez... con  ilustres visitas: Risco dende sempre, Castelao redeseñou a solaina de entrada... Paco del Riego, Victoria Fernández-España tiñan aquí cuarto de convidados, como sitio todo bo e xeneroso.

A Casa Grande de Cimadevila, o observatorio... a inspiración

Casa Grande, que non pazo, ben podendo selo pola grandeza dos seus propietarios. Ben murada, cavilando nas gavillas salteadores, con portalón e limeira aberta ao souto e ao camiño, sobre a que campa o nome de Benito Sotelo, feita no 1764. Herdada por  Antonio Otero Rodríguez, esparterista lucense, casado con Vicenta Sotelo, da que nacerá o herdeiro, Enrique Otero Sotelo, médico formado en Compostela, liberal, deputado, defensor de Curros, casado con Eladia Pedrayo Ansoar, filla do avogado Ramón  Pedrayo Silva, a xénese de don Ramón.  Portalón de madeira refeito nos anos oitenta seguindo pautas do etnógrafo Xocas. Ao entrar á esquerda, a fonte e o seu pilón para abeberar, sobre a que verte auga a labra dunha sinxela faciana. Á dereita as cortes que hoxe son biblioteca, á esquerda o alpendre para acoller o carro, o forno e un espazo que agora sirve de tenda literaria .E nesa mesma esquerda, a fachada da casa, erguida en arcos sobre a adega, fachenda da casa,  coa súa solaina de madeira, na derradeira parte cuberta en galería. Porta que da acceso a un corredor que reparte os cuartos, á esquerda a cociña, o corazón, con lareira e tamén bilbaína, onde no inverno nunca faltou o guiso dun coello, a perdiz e para o neno pombiños, no verán as troitas e anguías, pementos... recendo que aínda dura. Lugar de festa nos dias da matanza, cos contos do Tenacio, do Tumbalobos, do Valeiras......onde non faltaron pendurados na cambota restras de chourizos, touciño...unto e por algures un xamón encetado... Á dereita o  cuarto da empregada, arca, as monturas, mantas maragatas... a carón o baño, máis adiante á dereita o cuarto de traballo de don Ramón, coa mesa, o quinqué, rodeado de libros. Quizais, á man, un inspirador dedal de tostado feito na casa... A muceta e o birrete azuis dos seus tempos de catedrático en Compostela. Arrecendo a viño que viña do baixo, da adega, hoxe auditorio. Noutrora unha cadeira de coiro que don Ramón contaba fora da inquisición, regalo dos xornalistas de Compostela No inverno os braseiros, no verán as xanelas tornadas...e na noite o suxestivo alampear dos quinqués. O acceso á galería cuberta. Gastado corredor coas lembranzas das ringleiras de  enfermos esperando a consulta do pai. Táboas e curral de porco, galiñas epavo, que escoitaron os padrenuestriños agradecidos dos enfermos. Asuntos contados por Francisco del Riego  en “O Señor da Casa Grande de Cima de Vila ” ( 1988)

Corredor que desemboca na sala, con acceso ao  sinxelo cuarto de don Ramón e Fita, intocable, dando paso a outro salón, gabanza da casa,  con acceso ao cuarto da nai, de dona Eladia, coa capeliña  para o San Antoniño, santos non faltan... e o cuarto dos convidados. Salón presidido polo mapa de Fontán,  que significaba ter a man toda Galiza. Non se lle tocaba ao pouso do pasado. Ao cabo dos anos incorporáronse algúns agasallos, entre eles o cadro de Castelao o Souto dos Gatos: cun  sobranceiro castiñeiro murcho, arrimada unha escada e gatos aforcados das súas polas; vellos símbolos: a árbore, como a terra; os gatos, a filosofía... a escada... Sala con xanelas, pechadas na noitiña, abertas ao  amencer. E a porta da solaina de pedra, a dos couselos, onde don Ramón leu de neno as Mémoires d'outre-tombe, do admirado Chateaubriand... fresqueiro lugar nas raxeiras, a carón da que dicía ser a araucaria que plantara o pai cando o seu nacemento un 5 de marzo de 1888 na ourensán casa familiar da rúa da Paz 25... árbore derrubada por un vendaval no entroido de 1973, mal agoiro... madeira que naquel de 10 de abril do 1976 serviu para a carpintería do cadaleito do Señor de Trasalba,

 Parroquia de Trasalba, merecedora de todas as atencións. Velaí hoxe a reitoral dos parladoiros, e esa corredoira, deixando de banda, o vello souto, xa fendido pola nova estrada,  o Pazo do Campo ou de Gaión, cun cruceiro que no 1948 mandou erguer dona Eladia, como para esconxurar o mal fado sobre aquela casona que o seu marido mercou para non decaer en mal veciñanza e que don Ramón vendeu ao final dos seus días, hoxe rehabilitándose.

0 18 de maio, Día dos Museos,  Amigas e Amigos dos Museos de Galicia determinaron outorgarlle o Premio Pedra do Destino 2026 á Casa Museo Otero Pedrayo, a que deixou para Galiza. E faino seguindo esa ansia de afondar no humanismo, no espírito do pobo.

22 MAIO 2026