A buta, un motivo da arte persa na cultura galega
Cavilares arredor da ´buta´, esa forma inspirada nun cipres coa punta retorcida, sacada dunha lenda persa... re-creación indoeuropea tomada polos sasánidas, zoroastristas... dende o sc. XVIII levada ás industrias da la de Cachimir a Paisley e Galiza
As formas han de ter patria como as linguas; ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe... Iso escribía Díaz Pardo xustificando o Significado e orixe da laboura restauradora de Sargadelos, (Cadernos de Formas de Galicia, n. 1. Edicións do Castro, Sada 1971). Algo a ter en conta na era da imaxe. Teimando en que a orixinalidade radica nas orixes, fíos que conforman o inacabado tear da cultura: as tradicións, a creatividade e as relacións con outros pobos. A Galiza que abriu portos e encrucilladas, soubo levar e traer, dar e recibir formas, facelas súas.
E velaquí algo moi común en Galiza, un deseño, adorno, bordado, estampado en telas, na cerámica, repuxado en metal, labrado en madeiras, escaiolas... Referímonos a esa forma de ameba, folla, bagoa, ril, como un corazón, ancho, logo afiado e retorta na punta. Silueta que mesmo pode complementarse coa creatividade de cada quen, en liñas, cores, complementos... Chámase a buta o boteh, pouco coñecido por este seu nome persa, ario, iraniano. Sobranceiro motivo entre o xeometrismo decorativo dos cotizado tecidos e panos de la de cabra de Cachimira, logo levado á industria tear da escocesa cidade de Paisley, Renfrewshire, popularizándose e en industrias de Marsella, Holanda, Inglaterra, Portugal e Galiza.
Buta o boteh que significa distinguido, en relación co que agroma, coa labarada. De simbolismo asociado – dende tempos babilónicos e nunha ampla secuencia de dinastías - coa fecundidade, en relación coas follas verdes, cos froitos da Árbore da Vida; co agudo ciprés verde e erguido, aguilloando ao ceo, propicio a acoller o rechouchío dos paxaros. Árbores de raíces afundidas no misterio escuro da terra, erguidas é florecendo á luz: flores, froitos, febras para o tear.
Non faltan as diferentes e creativas lendas ao redor desta forma de bágoa... Algunha delas di que antes foi un príncipe namorado, convertido en ciprés do xardín da súa amada pola maxia dun seu contrincante pretendente. Ciprés triste, coa cabeza gacha, cavilando.
Buta, motivo de orixe na dinastía persa dos sasánidas, polo sc.III e adoptada polo islam, feita súa polo mazdeismo ou zoroastrismo iraniano, a da deidade Ahura Mazda, a celestial, asociada coa luz, co lume, coa sabedoría e o ben, xa coñecida no dous mil antes de Cristo. Relixión que tiña como símbolo o Faravar: un ancián, con alas, penuxe na base e no peito un anel pechado, representación da eternidade, o que une a dialéctica dos dous cabos: o da vida e o da morte, a loita entre o ben e o mal, con equivalencia aos torques, insignia céltica.
En fin herdanzas e recreacións máis antigas, transmitidas entre as tribos indoeuropeas, as que o mundo grecolatino terá como os seus outros, os celtas, organizadas en clans, conformado con aportes de pobos diferentes, como hititas, frixios, tracios, ilirios, escitas, armenios, tocarios... eslavos, gregos, itálicos, eslavos, xermánicos... especialista e misioneiros nos camiños de oriente-occidente en saberes da minaría e na metalurxia do ferro. En canto ao espiritual caracterizados polo seu panteísmo, polo uso da xeometría con canto comporta de simboloxía cosmogónica, o gusto pola curva... converxencia de culturas preñadas de orientalismo cun reduto final e unha singular reinterpretación cristián no occidente atlántico, en galos, britanos, galos da Galacia (Anatolia), así como ibérica os celtiberos e os galaicos .
Panos de teares da Cachimira e os escoceses de Paisley na tradición galega
Exóticas manufacturas ben coñecidas dende o século XVIII polos navegantes galegos ... decoración que logo pasa a camisas, garabatas... Formas que nos anos setenta serán revitalizados a nivel global polo movemento beat, pola psicodelia de Pace and Love. Mesmo John Lennon decorou o seu Rolls Royce con estes motivos orientais ...e todo baixo unha banda sonora de música inspirada na India: cítaras, vestimentas, ambiente de tapices, patchwork adornados con xeometrías cada vez máis coloristas e brillantes. Prince, o músico de Minnesota inspírase neste tema para o disco Paisley Park ,( 1985). A espiral da arte segue o seu camiño..
Lazo oriente-occidente que é unha permanente neste extremo occidente, máis incluso que na cultura grecolatina, tan revitalizada polas campañas de Alexandro Magno, inspirando a un cristianismo con raiceiras na Tebaida exipcia e nos herdos babilónicos... na arte copta, reavivada coas cruzadas, logo polo ir e vir viquingo... despois pola misión franciscana...
Forma que, dende Persia circulará pola Rosa dos Ventos dos imperios, os mongoles, Uzbekistán, Turquía, o mundo grecolatino... Sendo na India, Cachimira o país que a fai súa, reinterpreta, complementada con ramas, gabiáns de vides e outras flores. Para espallala a través da súa cotizada artesanía, especialmente nos seus panos, alfombras, xoias tan propensas á filigrana, labras de mobles, repuxados de metal... Mercadorías moi ben acollidas nos bazares e comercios portuarios, solicitadas por traficantes, maragatos que os incorporaron ás súas mercancías... Algo exótico, co que endomingarse para converterse en feiras e festas en símbolos de rango. E velaí a cidade de Porto, os portos ingleses, nos que converxían tales exóticos produtos procedentes das colonias, igual que as camelias, os magnolios, os rododendros...incorporándose á cultura de occidente, xunto cos motivos de Cachimira, cos aderezos, de brincos, sapos de filigrana dourada... Todo o que, dalgún xeito anova as tradicións de ourive, as que se perden na protohistoria castrexa, nese outro orientalismo celta. Ben o saben os portugueses do Minho que fan do símbolo da buta algo seu, en aderezos de ouro, mesmo na decoración dos galos de Barcelos.
Creadores galegos dos anos modernistas retoman aquelas formas orientais
Orientarse é mirar cara ao oriente, o que mesmo se fai de xeito intuitivo. Atractiva tendencia cara un universo sedutor, cargado de sensacións, de aromas, sons, color, brillos, formas que nunca deixaran de ser inspiradores e máis neste extremo occidente tan propenso á maxia e ao misterio “céltico”. Orientalismo moi de moda no século XVIII e XIX, anos da Ilustración, abrindo paso ao romanticismo. Movementos propensos a curiosidade impertinente, ás viaxes exóticas, a levar e traer modas. Os temas chineses ilustrarán vaixelas de porcelana, estampados, decorados... os mobles de finos e exóticas labras, lacados, biombos, arquetas con incrustacións de nácara de arte nambán serán as preferidas na ambientación tolerante dos pazos. Novo orientalismo, cargado de misterio, de fantasía, de exotismo, mesmo ofrecendo unha visión paternalista, como xustificando a misión colonizadora, imperialista, con arrecendo a incenso, ambiente de odaliscas e sons de címbalos, todo o que terá o seu cimo como inspiración no modernismo.
Nos modernistas anos 20, o grupo de intelectuais vinculados a Nós, herdeiros dun decadentismo romántico que se revela contra a despersonalización, a deshumanización, motivada pola máquina, pola produción industrial, retoman o espírito, a cultura e retoman tradicións para innovar sobre elas. Risco, Castelao...logo Carlos Maside buscan vellos temas galegos cos que crear un novo imaxinario, tan necesario para a ilustración. E velaí que Castelao acode aos temas de Cachimira para complementar ilustracións en Nós... Maside insiste, como Álvarez de Sotomayor, Sobrino, González del Blanco, Juan Luis... despois Virxilio, recollendo a dignidade das mulleres galegas en días de festa, cubertas cos seu coloristas panos de Cachimira ou Paisley... A Cerámica Artística Gallega fundada en 1925 por Eugenio Escuredo Lastra en Pontecesures, a que logo se chamará Cerámica Celta, dirixida por Ramón Diéguez Carlés, encárgalle obra aos mais representantes creadores de Galicia, complementando a decoración de xerras, pratos e orlas con secuencias dos exóticos panos. Na década dos anos 50 as Cerámicas do Castro, nos 70, Sargadelos, guiadas por Díaz Pardo e Luis Seoane, estudan e recollen estas vellas tradicións que se perden no oriente.
29 MAIO 2026

