O Fornos da Coruña, a taberna mariña soñada por Lugrís

Ampliar: Detalle do mural do Fornos, Hic habitat felicitas



No 1951 o pintor do Atlántico,Lugrís decorou a taberna coruñesa de O Fornos, na rúa dos Olmos 25 . Pinturas declaradas BIC no 2023, hoxe edificio no brete. Coa proposta da súa rehabilitación e revitalización como enxebre taberna-museo literario

Lugrís, poeta, pintor é  creador de obras que son iconas da Galiza Atlántica. Mago que coas súas pinturas gustaba de abrir xanelas para mostrar a fartura do océano maior, preñado de formas, de mitos, de lendas, de periplos celtas... Creador de santuarios para acoller o espírito dos nosos vellos e sabios lobos de mar. Tabernas onde se conta e se canta.

Urbano Lugrís González coruñés, nacido baixo o muiñar dos estralampos do Faro de Breogán, un 28 xaneiro de 1908, para morrer o 23 do nadal do 1973. Do mesmo tempo que o pintor de Lalín, Laxeiro, tres anos máis vellos que Cunqueiro, creadores do seu propio mito, os que saben que navigare necesse est, vivere non est necesse. Náufragos asolagados na maxia da espiral céltica. Fillo de Manuel Lugrís Freire, precursor do proceso nacional galego e  por nai a  Purificación, irma do pintor Urbano González Varela, profesor de Picasso na Escola de Belas Artes da Coruña, pianista e mestra na Escola de Maxisterio da Coruña. Afillado do historiador Tettamancy, raiceiras pois de fonda cultura.

Estuda comercio en Compostela,  logo en Madrid, onde se suma como renovador escenógrafo guiñolista ás Misións Pedagóxicas, xunto con Dieste, Lorca, Alberti...  sempre, moi achegado a Cunqueiro. Creador do Retablo de Fantoches coa compañía de  Salvador Bertolozzi . Fundador da revista Bétema, a neboeira marítima. Liberal, bohemio do Carpe Diem que no 1940 casa con Paula Vadillo, a que di coñece no Museo do Prado, ante a Anunciación de Boticceli. Matrimonio do que nacerá Urbano Lugrís Vadillo, pintor seguidor do mesmo sentir atlántico.

A decoración de sitios, como santuarios... co espírito portuario, atlántico

Lugrís, grande e corpulento, como un atlante que escolle o pseudónimo literario de Ulises Fingal, en relación co heroe gaélico  do poeta dos cemiterios e das baladas de Ossián, Mcphersón, inspirador de Pondal. Lugrís é fundador da revista Atlántida, páxinas nas que  Mariano Tudela, González Garcés, Luz Pozo ou Avilés de Taramancos tanto significan.

 Creador que, facendo parada e fonda en Compostela, traza un constante ir e vir da Coruña ao  Vigo de Cunqueiro, de Castroviejo, de Laxeiro, dos Álvarez Blazquez, de Patiño de Librouro... dos conserveiros Massó, os que lle permitirán desenvolver o mellor da súa obra: velaí do 1944 o Político da navegación ou o Cuarto do vello mariñeiro, antolóxicos.

Creador de desbordada cultura e dotes creadoras, de insólita axilidade  para levar ao papel, a táboas, a lenzos ou paredes o seu  desbordado sentir oceánico  galego. As máis delas pinturas planas, de cores vivas, sometidos a un punto de fuga astral e as que comeza polo ceo. De Surrealismo onírico, máxico, entre alboradas e solpores, de cunchas, crocas, baleas, peixes, cabaliños de mar, medusas... entre ruínas de cidades asolagadas, con  ermidas empoleiradas no monte, de  arcas abertas ao horizonte, baixo o voo aceirudo das gaivotas.

Paredes soñadas é o acaído titulo do catálogo que se publicou con motivo da exposición que Abanca organizou do 31 de marzo ao 3 de setembro do 2017 na Coruña. Necesario traballo comisariado por Ruben Ventureira. Entidade que xunto coa Fundación Barrié souberon inverter en obra de Lugrís, tan escasa nos museos galegos, como cotizada no mercado. A veces anacos de paredes cortadas, descontextualizados.

 Velaí a Capela dos Santos Reis Magos ( 1948) en Bueu, recollendo no país das mouras, das meigas, de Prisciliano e do nigromántico bispo Muñiz o culto aos tres Magos: onde a cosmogónica cuadratura do círculo ten o seu significado,  como a vieira, símbolo da estrela matutina e vespertina... Mais semella que non se entende a lección, visto o abandono.

No 1956 Lugrís recibe un encargo que satisfai as súas querenzas, decorar a Casa do Pescador de Malpica, aberta ao peirao, onde os mastros, as proas, os cantares das redeiras, o berro das gaivotas, os furan polas xanelas. Deseña os mobles... e sempre por algures un reloxo, como nos films de Bergman, co tic-tac do tempo. Con cadros alusivos á Costa da Vida, as illas Sisargas, o cabo de San Adrián, os santiños das devocións mariñeiras: a Virxe do Carme, o San Telmo que escolleu Tui para sepultura, o San Xián, gardián e neles un inspirador cantar en letras góticas galegas, como as que propuxo Castelao. Velaí tamén o triste estado da cuestión.

Manifestarse pola beleza, pola rehabilitación e revitalización do templo lugrisián do Fornos, 

 No 1951 Lugrís recibe o encargo do seu amigo José Maria de decorar o seu mesón do Fornos, situado no corazón da Coruña, a rúa dos Olmos 25...Entrando,  á dereita, como abrindo a un escenográfico trampantoxo cun cortinón recollido nunha esquina, ofrece un océano a devalar co nubeiros e sobre os que campa a torre de Breogán. Seguen na parede dous ollos de boi que mostran peixes, no medio un espello entre rocalla de escaiola. E, á esquerda novamente dous novos óculos e espello, dando paso ao arco baixo a cartela  cos versos de García Ferreiro: Se me deran a escoller eu non sei que escollería si entrar na Cruña de noite ou entrar no ceo de día,  baixo o que pinta a idealizada badía e o Parrote coruñés. Nesta vista, como noutras da Coruña de Lugrís, latexa a inspiración nos gravados de Pier Maria Baldi, o debuxante que acompañou a Cosme de Medicis na súa viaxe de 1669. Paisaxe semellante á recollida por el no Banco Hispano-Suízo (1952), rúa Real 74, arquitectura de Rey Pedreira, o que lle encarga a súa decoración, para ser logo  Café Vecchio; mural no 2017 fragmentado, restaurado pola empresa Arteca, como así nolo conta Carme Jiménez e Ester Castro Trigo  e  trasladado a  un pasadizo das dependencias de Abanca da mesma rúa dos Olmos:  no Monte Alto os muíños de vento espaventando un diálogo coa Torre, coa silueta de denantes da reforma de Giannini.... as espadanas dos templos, as tabernas e a  fortaleza de San Antón, un veleiro e, nunha esquina, asomando do pentagrama do mar unha serea que ergue un peixe con alas.  Arca sobre a que asoma un sorrinte sol a coquetear coa lúa , por medio a Rosa dos Ventos coa cartela de Hic habitat felicitas. Nunha recunco diste arco un recorte:  VRBANO LVGRIS/Pintor de la Coruña( fino aqvesta obra/ en el día veinticua/tro de febrero de/ MCMLI/ LAVS DEV/ LAVS VINUM (medio borrada esta verba). Nun dos arcos , entre dúas cunchas de vieira, a cartela Fundose esta casa en el año de 1870 e no medio o seu escudo: unha pandereita co debuxo dunha xerra e dunha frauta atravesada. A carón dos baños a retranqueira cartela cun “que ben che preste”.

O Fornos foi o  lugar preferido por Lugrís para celebrar os seus encargos. Alegra agora comprobar que colectivos como O Mural e In nave civitas, animados polo gran Xurxo Souto, aturuxan pola rehabilitación e revitalización destes espazos, até conseguir da Xunta de Galiza a súa declaración como Ben de Interese Cultural, (DOGA 5 marzo 2024), así como a adquisición dos mesmos murais por 36.000 euros. Ansia que leva a convocar para o mediodía do 7 de xuño unha manifestación pola recuperación destes espazos lugrisiáns. E xa quixeramos que fora para o que este templo foi: un mesón-museo no que se ofrecen saberes da terra e do mar,

 Lugrís non paraba, xa tiña pintado para a Asociación Cultural Iberoamericano (1951) da túa Emilia Pardo Bazán 27 da Coruña e o Tríptico das lamentacións... obras perdidas e que o levan a realizar un gran retablo para o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid. Cardeso Liñares encárgalle cadros para a nova parroquial de Vilaboa (1964), os que alí seguen en diálogo coa humidade...o mural para o Hotel Embajador, Coruña (1960), no Mesón León (1962) na Libraría Cervantes (1963)... Interveu tamén no Restaurante América de Santiago (1954), rúa do Franco 56, como na mesma cidade no Bar Lugo da rúa da Raíña,  no Restaurante Compostela (1956) da praza de Galicia, tinturaría, barbería, as vigas da botica Bescansa , no Sanatorio Álvarez tamén de Compostela, pintor de camarotes, como o do Azor, o iate do ditador... en Madrid na Taberna Arrumbambaya (1959) en Librouro, Vigo (1970). Pois Ogallá se saiba ollar, escoitar, enxergar tanta sensibilidade para devolver a dignidade que  soubo por Lugrís, a que merece este cabodomundo que emproa ao Mar Maior.

26 XUÑO 2026