Potenciar o tesouro das corais e agrupacións folclóricas galegas
A polifonía coral mais antiga de Europa aparece na catedal de Compostela, como mostra o Códice Calixtino, sc. XII. Logo, co senimento decadentista frolecen numerosas agrupacións folclóricas, corais, contribuindo á dignidade do tradicional galego
Asentaba o filósofo Platón que onde hai un pobo de músicos non compren gobernantes. Sendo a música e o canto o trunfo da cultura e iso representan os 24 anciáns músicos que coroan esa representación da ascese que é o Pórtico da Gloria e, sobre deles, a cosmogonía, o rosetón polo que fura a luz do Occidente para esfachicarse no altar. Un pobo que canta e conta, vive.
Os poderes públicos deben amparar o legado cultural dos pobos, están para iso. Leis abondan ao respecto. E Galiza, como poucos países no mundo, ofrece un rico e singular patrimonio cultural, tamén coas súas cicatrices, a aculturación. Legado entre o que están as corais, as agrupación folclóricas que coidan a música, o canto, a danza, o rico repertorio de traxes e aderezos das bisbarras, de homes e mulleres, mozas, casadas, viúvas, de festa, de labranza. Agrupacións que reúnen arquivos, correspondencia de significadas personalidades, discografía, carteis, folletos, escenografías de grandes creadores, bandeiras, medallas... Patrimonio necesitado de coidados especiais, o que preocupa á Academia Galega ou a de Belas Artes.
Historia da música que nace da interpretación dos sons da natureza, das ansias de comunicación... Onde en inicio, a percusión, o pandeiro, as pandereteiras, a frauta, a gaita son elementais...con eses roncos sons nais, a par co roncón da gaita, da zanfona, o renxer do carro... Entre os que abondan o cantos relixiosos, en loanza de Deus, dos santos...en contraste coa retranca das cantigas de escarnio, de maldizer, o simbolismo das de amigo... inmenso patrimonio de vilancicos, panxoliñas, onde as saudades son unha constante. Agrupacións que ofrecen músicas e cantos con entoación e empaste diferente. Recollendo e re-creando antigas danzas de carácter relixioso, procesionais, festivas, labregas, mariñeiras...
Primeiras agrupacións nacidas do sentimento Decadentista romántico, revitalizando o artesanal, a tradición, fronte á uniformización que anunciaba a nacente industrialización. Pois velaí hoxe, cando a robotización campa e escraviza, o emporio da I.A, a Intelixencia Artificial supón un novo reto á creación, ao humanismo, mudas que supoñen outra nova revolución.
Na catedral de Compostela radica a orixe do canto polifónico
A polifonía ten o seu tempo e lugar de orixe e será no florecer Románico e na catedral de Compostela, cerna espiritual dunha Europa que se artilla a unha e outra beira dos caniños que conducen cara esta Extemeira do Vello Mundo. E así está documentado no Códice Calixtino ou Liber Sancti Jacobi , polo 1150; encargo do Papa Calixto II, da mesma familia borgoñona da que nace Alfonso VII o Emperador, e con el a misión do Ora et labora do Císter. Páxinas que enxalzan o culto xacobeo, a peregrinación e o camiño, a Tumba e Compostela. 22 obras polifónicas, as primeiras coñecidas en occidente, entre elas, para tres voces o Caugadeant Catholici ... Arquivos das catedrais, das reitorais, dos bispados galegos que gardan e gardaron un importante tesouro cultural, ben o sabía o musicólogo padre López Calo. Templos onde non faltaban os seus músicos, con instrumentos esenciais, o tamboril, a chirimía, o clarinete, as violas... logo o órgano, o que supón unha ou un organista. E perda que non se creen bolsas de estudo para que a espiral vivificadora de tan rico patrimonio siga o seu camiño.
Compre saber que no 1829 Guillaume-Louis Bocquillon (1781-1842), con ansias didácticas crea en París entre o nacente proletariado a primeira coral, o Orpheón, composto por homes. Idea que se espalla e que reproduce en Cataluña Eduardo Clave e os irmáns Tolosa. Así é que, no 1864, xa había unha asociación coral na Coruña, chamada La Juvenil, dirixida por Teobaldo Ruíz e un ano despois por Pascual Veiga, músico que no 1878 funda o Orfeón Coruñés. No 1882 dirixida polo mesmo Veiga nace a Coral Polifónica El Eco, pola que pasarían como directores Castro Chané, Mauricio Farto, Rodrigo A. de Santiago, Pérez Bernal, Baldomir, Roxelio Groba, Zumalave...e como compoñentes o mesmo Pucho Boedo. Agrupación que recadou importantes premios, na Exposición Internacional de Barcelona no 1888, no Concurso de Orfeóns de París de 1889, en Porto... estimulando a cultura musical que caracteriza á Coruña.
Corais que contribúen á madurez da teoría e da praxe galeguista
En Pontevedra, no 1883, o boticario e gaiteiro Perfecto Feixoo funda Aires da Terra, base da Coral Polifónica, a que implica a recolleita, o estudo, a interpretación e mesmo a creación de músicas, cantares, traxes tradicionais e a súa posta en escena, acudindo a grandes artistas. No 1904 coa primeira gravación. O primeiro presidente foi o filósofo galeguista Antón Losada Dieguez, pasando por ela voces como a de Alexandre Bóveda ou Castelao...e grandes mestres, como Xoán Montes, Catro Chané... Referente para iniciativas semellantes que nacen e compiten dende cidades, vilas, parroquias, confrarías, a universidade, escolas, empresas, casinos, clubs, orfeóns, corais, con nomes alusivos á Terra. Iso si, pese ao pouco coñecemento musical dos seus compoñentes, predomina a ansia da identidade e da súa transmisión. Atopando escenario nos nacentes teatros, así como no Balneario de Mondariz, o que, no 1916 creará a súa propia coral, Agarimos da Terra. Ansia que levou á creación da Federación Coral Galega organizando cursos de formación, ao que logo axudarían os conservatorios de musica.
No Vigo de 1898 un grupo de emigrantes retornados de Cuba crean o Orfeón Vigués, onde o tema das habaneras se incrusta na tradición galega. Así como no 1914 nun Ferrol, tan da Armada como musical, nace a Coral Toxos e Froles, participando na decisiva actividade galeguista das Irmandades da Fala, mesmo publicando o xornal Labor Gallega (1935-1938)
No 1916, por iniciativa das devanditas Irmandades da Fala, coa ansia de promocionar canto significa a cultura, o teatro, a danza tradicional... nace na Coruña Cántigas da Terra e será da man do académico Eladio Rodriguez González, o seu presidente, contando ademais con Mauricio Farto, Leandro Carré ou Antón Villar Ponte... Actividades que animaban espazos como o Círculo de Artesáns ou o Teatro Rosalía, no 1954 participando en Brest no II Congreso de Música Celta, recorrendo Europa e América alentando á emigración galega.
A Coral de Ruada foi creada en Ourense no 1919 por Preito Nespereira, Virxilio Fernández, entre outros, con xeiras polos Vieiros da Saudade, dende 1955 baixo a dirección de Manuel de Dios, caracterizado nos ensaios polo seu retrouso “hai que entubar a voz”, do que sae un son especial. No 1930 fundase na Coruña Follas Novas na Coruña, axudando á liturxia en galego
No 1935 créase o Ofeón Compostela e no 1941 a Coral Polifónica de Vigo;, no 1954 na Coruña a asociación Brétemas e Raiolas que da paso á Agrupación folclórica Aturuxo, nacida da man do presidente da Academia Galega Sebastián Martínez Risco e de Vales Villamarín, sendo director artístico Manuel Cajaraville e director Antonio Naveira, contando coa colaboración de Victoria Canedo, Adolfo Anta, Ramiro Cartelle...orixe do Ballet Galego Rey de Viana. Secuencia pola que, no 1978 créase Xacarandaina, onde se forma e logo sirve como profesora Mercedes Peón; continua misión de canto, danza e escenografía guiada por Henrique Peón. No 1963 en Compostela Cantigas e Agarimos. Non queda atrás Lugo creando no 1966 a súa Polifónica.
Agrupacións que son o zume de terra e o celme de tradición galega. Practica non profesional, desinteresada e constante para a que a Academia Galega de Belas Artes, no 1970 e por iniciativa do músico coruñés Adolfo Anta, crea con carácter honorífico, as Medallas Marcial del Adalid, a fin de premiar a antigüidade, a constancia de mais de 15 anos, sendo as de prata ou ouro para personalidades de extraordinario mérito na súa contribución ao esplendor musical de Galiza. Rede creadora na que musicólogos non faltan, atraídos pola forza sedutora da música, a que tanto significa na cultura popular galega.
26 XULLO 2026

