O San Xoán: celebración da converxencia dos Catro Elementos
Sobre a orixe da celebración da metade do ano, o solsicio do verán, cristianizado polo San Xoán, co culto aos Catro Elementos, a aculturación contemporanea, a que, polo intervencionismo nas campas leva á invasión e contaminación dos areais
Nas ringleiras que seguen tentamos furar nas orixes, na orixinalidade da aura que cobre a singular festa no Vello Mundo e máis nesta súa estremeira occidental, a noite do solsticio de verán, a metade do ano, cristianizada polo San Xoán. Encontro de fondo carácter agrario, pagán, onde os Catro Elementos son os protagonistas. Noite de purificación da casa, a tribo, de fogueiras particulares, cachelas, coas que acender o Lume Novo e máis de grandes fogueiras tribais, arredor das que cantar e brincar... Na grella e na mesa as sardiñas asadas. Entón na escuridade das lagoas escóitase o rumor de cidades asolagadas...na pedra das fontes aparece gravada a cruz e asoman as mouras... Pola mañá, nun rito de anovación, lavarse coa auga que acolleu as humildes plantas curativas e recibiu a bendición do sereno máxico...item máis.
Galiza, confín gardador dun inmenso patrimonio cultural panteísta
Ben saben no panceltismo irmán da Galiza celebrar os días que marcan a metade do ano, o solsticio que abre as portas ao tempo soleado. Cando as raiolas do sol, no alboreiro amencer topan coas mámoas, furan entre as antas dos corredores dolménicos e petan na chanta central da cámara funeraria. Velaí a luz da vida que crea sombras, entra e ilumina a escuridade da morte. Concorridos monumentos nestes días. Todo un símbolo que ata o cabo do principio-fin/ oriente-occidente/ vida-morte. A unión do inicio e do remate, algo moi marcado na supervivencia da dialéctica cultural galega, tan panteísta, céltica e cristián, quéirase ou non. Ricas cosmogonías representadas na arte popular por xeometrías de compás e cartabón.
Algo aprendido dende os tempos neolíticos, cando os seres humanos van adquirindo o uso de razón social, longo camiño andado e no que se sigue. Cando se asume o que significan as mudas e as reviravoltas do tempo cronolóxico e climatolóxico no decurso das Catro Estacións, en relación cos esenciais Catro Elementos: Terra, Lume, Auga e Aire. Momentos nos que o ser humano se decata do seu poder, nacen entón as ansias de dominio, entón da arrogancia... e vai aprendendo a “domesticar” canto o arrodea, plantas, animais, a paisaxe e a el mesmo creando colectividades, poñéndose normas e creando xerarquías. Tempos onde a forza, o saber e a maxia mandan e crean relixións e competitividade.
Mitos e ritos que nacen da observación de que unha planta agroma, da flores na primavera, as que no verán se converten en froitos e no outono en sementes... todo o que acontece ao ritmo do devalar do mapa astral. Entón apréndese a agoirar. E foi no Oriente onde tivo orixe tal Revolución Neolítica, coa que nace o urbanismo, a lei, a escritura e tantos símbolos... cara onde se ora e se “Orientan” oracións e templos.
Longo camiño, tamén tropezando nas mesmas pedras, acumulando celebracións que tratan de unir á tribo, onde conflúen mitos, ritos que na espiral do tempo irán deixando pouso no que sumar outros novos aportes, acertos, tamén desacertos, estes provocadores de distorsión, ensarillándose os vellos cos novos. E nesa andaina este Cabodomundo ofrece, como poucos países, unha inmensa riqueza no seu patrimonio inmaterial, un xeito de etnoarqueoloxía que nos remite a pasados, tamén coas súas cicatrices e varíolas, iso que deu en chamarse feísmos, efectos da aculturación, e a súa vez, dos diferentes xeitos de colonización, os que, dende un presentismo, tan sometido ao pailanismo, non se saben enxergar.
Rico patrimonio cultural festivo galego, repartido ao longo do ano en encontros de carácter cíclico, en relación co agro, coa entrada e a saída de cada unha das Catro Estacións. Vellos argumentos, aínda non ben aprendidos, para a desestacionalización, a que tanto se pregoa nos foros do turismo. Compre pois celebrar a vida, asunto do que as relixións toman nota e máis esa cristiandade que bendice e fai do pan e do viño sacramento, sabía determinación, “produtos da terra e do traballo” din con solemnidade sobre unha mesa ou unha Misa. Entón os vellos nomes pagáns vencellados á divindades da vida e da fartura reconverteranse en días de celebración e en nomes de santiños, santiñas e devocións asociadas a fontes, a penedas, a árbores, covas, lagoas... sitios que recibiran a misión cristianizadora de templo, sartegos e cruceiros erguidos por ermitáns ebrios de Deus, o que resiste, tal como preconizou no sc. VI no seu “De correctione rusticorum” o panonio Martiño de Dume, apóstolo dos suevos, seguidor da misión do seu homónimo e paisano Martiño de Tours, cristianizador dos celtas galos.
As célticas Galiza e Eirín, fundamentan a súa orixinalidade nas orixes panteístas
Temas como estes eran os preferidos nos irlandeses parladoiros románticos e modernistas de tresillo e espello. O polígrafo, poeta dublinés, W. B. Yeats, entre os que máis, foi un referente nesa ansia de revitalizar o teatro, os cantos e contos das tabernas (pub), os mitos e os ritos celtas, as celebracións anuais, recuperando os seus nomes gaélicos, os seus símbolos... o Yule (23 de decembro, Nadal) / Imbolc (2 febreiro, Candeloria)/ Ostara (22 marzo)/ Beltaine (1 de maio, Maios) / Midsummer (23 xuño, San Xoán)/ Lugnasad ( 1 agosto)/ Mabón 24 setembro)/ Samaín (1 Novembro, Defuntos, Magostos, San Martiño). E velaí a deseñadora Althea Gyles creando un imaxinario celta, onde manda o símbolo da árbore, os xogos feitos coa corda... temas cos que ilustrar aqueles libros que re-creaban contemporaneidade sobre o pouso do pasado. Influencias que se repartían por Europa, tomando nota Phileas Lebesgue, “o Gran Druida dos Celtas Galos”, o círculo amarantino portugués Teixeira de Pascoaes...e como non aquelas singularidades, diferentes, inadaptados, “raros” como foron os da Xeración Nós (plural e aristocrático). A muiñar sobre paraísos perdidos, esperando por algún xeito de novo Arturo, envoltos nun xeito de brétema de saudade, de saudosismo no que teimaban os portugueses.
Fogueiras nas campas abertas, plantas e auga na almofía...purificación da casa, da tribo...
Nadal, Entroido, San Xoán, Defuntos-Magostos son os nomes das nosas máis significadas celebracións pagáns, fortemente cristianizadas e mesmo exportadas pola misión, importando a un tempo e sincretizándoas coas tradicións doutros pobos. A Cultura Galega caracterizase por substratos nos que se concilian diferentes tempos e un ir e vir de aportes que compre saber ver e entender, recollendo o mellor e desbotando canto tenta contra o humus, contra o humanismo. Tempos pois nos que agroma o que aínda non se entende, a maxia, a que lle pon aura ao misterio incomprensible que atribuímos ao “céltico”, tan envolto nesa Teosofía que tanto gustaba a Risco, onde a vida e a morte se trenzan entre si, xunto con anxos e demos, o ben e o mal que compre esconxurar, anatemizar, exorcisar en templos e nestes dias, envoltos no Catro Elementos.. Algo moi coñecido e espallado pola teósofa Helena Petrova Blavatsky, seguida polo círculo da influínte Orde Hermética da Aurora Dourada (Golden Dawn) do devandito W. B. Yeats, avivando o celtismo irlandés, tan imbuído do sentir das antiga comunidades cristiáns, as que sintetizaban a cruz co sol. Un mundo que lle daba corda á fantasía, tan esencial aos ismos, que caracterizaban e singularizaban á creación nos anos do Modernismo, a importancia e difusión do Realismo Máxico en Galiza, sendo Risco un motor.
Aureolada escuridade da noite do San Xoán, contubernio de antigas e novas tradicións, traídas e levadas. Cuadratura do circulo, calidoscopio entre os poderosos Catro Elementos purificadores, coa súa atracción mística, a convocar no escenario das campas abertas, as que os poderes públicos deberan saber manter, para ser hoxe solares, os que, agora, ao estar ocupados acontece a nefasta, anormal aculturación de invadir os areais. Praias que son templo das augas do mar, noutrora sacros espazos, propicios aos aquelarres, ao baño fecundativo das nove ondas, agora xeoloxía contaminada... e para máis inri repoñelo por cortante cuarcita.
Encontro de vellos e novos ritos.... tamén a aculturación
Noite para o poder de concentración dos Catro Elementos: a Terra que nos soporta, cova e casa, o humus nutricio das herbas e flores que curan, das plantas e das arbores que alimentan....o Lume que é luz e quentura, a Auga que apaga o lume, a sede, que lava e limpa... o Aire que transmite tantas cousas e misterios... Cuadratura do Círculo, aura en relación coas catro estacións que o cristianismo simboliza co Tetramorfos, os Catro Evanxelistas, representados por Marcos, o león / Lucas co boi/ Xoán co aguia / Mateo co anxo/.
Noite na que se abren as xanelas e as portas da casa, para recibir o serao, o aire purificador do San Xoán, ao pe das que pousar na solaina das xanelas a almofía con auga e nela a remollo as herbas curadoras, entre as que non debe faltar o bieiteiro, os estraloques, o fiúncho, o romeu, as malvas, a ruda, as margaridas... Perda que non se aproveite mellor esta tradición e se ofrezan no mercado ramilletes do devandito. Auga de flores coa que, na alborada do día 24 lavarse a faciana, como un xeito de purificación ou pasaxe. A un tempo que pode observarse a clara de ovo deixada nunha cunca, para observar a súa forma e agoirar o futuro... Noite na que as sensibilidades máis afiadas poden escoitar en antigas lagoas, efecto da escavación dun emporio mineiro antigo, o tanxer das campás de antigos pobos castigados, cidades de Valverde, asolagadas pola avaricia de buscar o metal... Contos nos que se pon á Virxe como peregrina, meiga sabedora de feitizos e castigos, que pide pan a un panadeiro que non llo da para castigar a aquel pobo avarento asolagándoo.
Noite na que saen das ruínas e das covas e as mouras, para asomarse nas fontes, nas penedas, baixo árbores sacras... apropiadas para aplicar os esconxuros, os remedios que ofrece o Libro Máxico falsamente atribuído ao San Cibrao, o Ciprianillo, páxinas construídas no devalar do tempo por autores populares mesmo para buscar tesouros dos que ofrece o listado de sitios ... Cando, neses sitios e na mañá aparecen misteriosas cruces esculturadas na pedra, no musgo...
E na mesa a sardiña asada, os cachelos e os pementos...
Noite de lumaradas, noutrora das pequenas cachelas á porta de cada casa, o lume novo para levar logo á lareira... do que ben saben en Bergantiños e celebra a súa capital Carballo... noite de grandes fogueiras comunais sobre as campas abertas e limpas, de lapas competindo co ceo arredor das que se canta, se danza e se brinca... lume alimentado queimando os trastos vellos da casa, os que xa non serven.
Inspiradora noite para os creadores, onde non faltan as cantigas, ás que se iran poñendo músicas e aturuxos... e máis debera haber na celebración do humus (humanismo) con tanto pouso cultural acumulado, para que nel prenda e siga a medar esa raiceira celta, significada polo Árbore de fondas raíces que medrar á Luz...
Noite na que, como na irmán beiramar portuguesa, se inclúe e celebra á sardiña. Intres das grellas asociadas a mesas baixo grilandas e bandeiriñas, música de acordeón e verbena, onde mellor sona a gaita e o pandeiro e ten senso o aturuxo. Ambiente de pegañento e graxento fume. A celebrada sardiña que foi pan dos pobres, compañeira imprescindible dos cachelos, dos pementos... da boroa e dunha cunca de viño, como ben sabe celebrar a Coruña da tabernas que quedan, con algo de pub irlandés e de herrico taberna vasca.
24 XUÑO 2026
