As orixes da lenda de Breogán e a antiga irmandade Galiza-Irlanda

Ampliar: Torques de Xanceda, Museo Aqueolóxico, C. S.Antón, Coruña



Decadentistas románticos e modernistas galegos, fronte á uniformización que supón a revolución industrial, afian as súas orixes no universo pre-romano, indoeuropeo, celta...e sempre mirando cara a Irlanda, afianzándose en lendas como a de Breogán

Los orígenes de la leyenda de Breogán é o título dunha obra en castelán do profesor Ramón Sainero, entre tantas que ten como creador e animador  do Instituto de Estudios Celtas, avaliado pola Academia de la Historia e no que ramifican varias agrupacións sobre a celtoloxía na península ibérica. Sainero e o celtismo merecen algo máis que un capítulo aparte.

A historia dos pobos, das relixións, tratan de ennobrecerse e para iso fundaméntanse no oriente, en feitos literario como a Guerra de Troia. Un xeito de enxalzar liñaxes, entre a aura de mitos, lendas e contradicións.  O referido a Breogán aparece en manuscritos de abadías Irlandeses, empeñados en buscar ou inventar unhas orixes en Exipto e por medio a conexión coa Tartessos do mítico rei Gárgoris. Navigatios realizadas por experimentados nautas, herdeiros dos fenicios, coñecedores do cabotaxe, das rutas que seguían máis alá das chamadas polos grecolatinos Columnas de Hércules, buscadores do estaño e do ouro.

 Alfonso X, na ansia de arrimar a súa liñaxe ao universo grecolatino, recolle os traballos do heroe grego  Hércules e adxudícalle o periplo celta da lenda de Breogán, de Xosé de Arimatea que leva polo occidente atlántico o Grial, de Barandán, do San Amaro, de Trezenzonio...

Referencias a Breogán que aparecen nos Anais de Clonmacnois Sc. XVII, que sigue a desenvolver o contado no Libro das Invasións a Irlanda, Leabhar Ghabhala Érenn, do sec. XII, recollendo mitos mais antigos,  insistindo na súa orixe en Exipto, para ires sumando aportes que pasan por Anatolia, polos Balcáns... para estenderse pola beiramar occidental de Iberia. E ben o demostran os achados con esas tradicións, de Huelva até Estremadura, vexase Turuñuelo. Ao fin e ao cabo orientarse é procurar o oriente. E así constrúense altares, templos e rézase cara ao oriente. E dentro diso o enigmático mundo que para os grecolatinos eran os seus outros, “os celtas”:  amalgama conformada nos camiños indoeuropeos, iranianos, anatólicos, balcánicos... pola confluencia de variadas tribos cara ao extremo occidente atlántico, misioneiros da minería e da metalurxia do ferro.Encontro de aportes culturais que se enguedellan no influínte fito mítico, histórico e literario que é a Guerra de Troia ( acontecida polo 1200 a.C) cos seus heroes que se di espallados polo mundo, como apóstolos. E velaí nese labirinto celta, os  Galaeci, a Gallaecia que chamaban os grecolatinos, en relación cos Gaelici, os gaélicos, Brigantia, Breogán... asuntos nos que moer.

Ennobrecer as raiceiras históricas no universo celta ou no grecolatino

Investigacións que se verán envoltas en celtofilia ou en celtofobia, coa lenda de Breogán por medio, persoeiro cantado no Himno Galego, referíndose a Galiza como o seu  fogar ou nación. Asuntos que proban o interese que os románticos, como o seu autor, o bergantiñán Eduardo Pondal, tiñan en coñecer e espallar as relación de Galiza coas Illas Británicas. Ben sabían das teimas e dos cantos osiánicos do poeta escocés de James Mcphersón (1736-1796), recollendo e re-creando tradicións celtas, para prolongalas a este seu confín dos verdes castros. Nas lendas irlandesas Osián  é bardo e combatente, herdeiro das tradicións das sagas célticas.

 A fin de clarificar tantas brétemas atlánticas e míticas, prendidas na cultura galega, ben puidera crearse unha cátedra de estudos celtas, como pretenderon os modernistas de Nós. Onde as singularidades que ofrecen os castros, tan romanizados, os torques, as referencias célticas dos cronista grecorromanos, os mercenarios celtas que conformaron o exercito romano, os saberes de hípica,  os tipos de espadas de antenas, a ansia polas representación xeométricas, cosmogónicas... os epígrafes con referencias a galaicos celtas ,  a abundancia da raíz brig, como preindoeuropea, en relación con fortaleza.  O que se di herdo céltico e orientalista, avivado polo aporte suevo, xermánico, cristián, nórdico... polas lendas celtas medievais referidas a Arturo e á demanda do Grial... a simboloxía, o sentimento panteísta...

Os modernista, ante a uniformización buscan nas orixes a orixinalidade, procurando lazos de irmandade entre o panceltismo, aínda que atopando atrancos, motivados tanto por intereses políticos en desvirtuar o fundamento de identidades como polo descoñecemento do difícil gaélico en que están escritas as lendas celtas, traducidas a partires do fin do século XVII.

O sacerdote irlandés Geoffrey Keating (1569-1644) é autor  dunha Historia de Irlanda na que argumenta que o nome dos gaélicos (irlandeses) deriva do mítico Goidel Glas, creador das linguas gaélicas. Que se di de caste escita-grega, fillo de Nel e dunha princesa faraónica, a célebre Scota, conquistadores de Iberia, de Irlanda, comandados por Brata. Textos e mitos celtas nos que se pon a Breogán como fillo do tal Brata, rei de Brigantia. Brath, Breogán, Golam, rei celta, escotos que  chegarán a relacionarse cos cos Pobos do Mar, orixinarios de Anatolia, contemporáneos da guerra de Troia, do cataclismos da illa  Tera, e que dende o Exeo deixarán atrás as Columnas de Hércules, Tartessos . Keating ofrece unha visión propia do seu tempo, arranca dende principios bíblicos até os normandos. Textos relixiosos, poéticos, mitoloxías, que tras si poden ocultar feitos verídicos, transformados no seu devalar. Suman ao descrito por Keating os Anais do Reino de Irlanda polos Catro Mestres (sc. XVII), feixe de textos antigos recompilados nun mosteiro franciscano de Donegal e no que se fala da chegada dos milesios a Irlanda, a tribo de Mil ou Golamh, patriarca dos milesios e do seu fillo de Heremón, que sería o primeiro rei de Irlanda. Mil, neto de Breogán, nun ir e vir a Exipto, casa coa princesa faraónica Scota,  para ser xefe dos milesios escotos de Brigantia (polo 1000 a.C),  o que parte dende Brigantia, na busca do seu fillo  Ith,  inician a conquista de Irlanda e o enfrontamento cos Tuatha de Danann,  vencedores dos Fir Bolg, dos Fomores, o clans de Nel Golamh , Magoge... enredo minifundista, nomes que, falsamente, se asociarán a toponimias.

 De Breogán dise que tivo dez fillos, Breg, Cuala, Cuaiong, Blad, Fuad, Muirthemne, Eble, Nar, Ith e Bileque. E seguindo as pegadas da lenda, no condado irlandés de Tipperary atópase a chamada Chaira de Breogán, como no complexo tumular de Tara (Condado de  Meath) a asociación de Breogán coa Pedra do Destino. Do mesmo xeito os  medievais Anais da illa de Inisfallen (Kerry) refírense a Mil como guerreiro de Brigantia, xunto cos seus catro fillos, descendentes de Breogán, de antepasados escitas, isto é arios, iranianos, bos xinetes pois-

O bardo celta Aemergín na raiceira poética galega

Unha figura sobranceira, enredada en tan rico sincretismo é o mítico poeta de tradicións bárdicas Amergín, nome en relación cos escitas amirgiáns, excelentes arqueiros xa nomeados por Heródoto, e que, xunto co seu irmán Heremón, lider milesio, dinse da caste da princesa exipcia, filla do faraón Symedes, Scota . Amergin é no Leabhar Ghabhala o bardo cantor do Mar, un dos brigantinos que inician o periplo e conquistan Irlanda para vingar a morte de Ith.  Bardo celta do que tamén fala os devanditos Anais dos Catro mestres, dicíndonos que morreu en combate. Textos recollidos coa ansia de afianzar as orixes gaélicas dos Estuardo.

Coa princesa faraónica Scota está relacionada a Pedra do Destino, a que a Biblia, no Xénese, di serviu a Xacob para apoiar a cabeza no sono no que viu unha escada que unía o Ceo coa Terra. Pedra que o mito di pasa a Moisés e polos faraóns a Scota  que a leva a Galiza, Irlanda e á Escocia dos temibles pictos. Para sobre dela e no trono da  abadía de Westminster abancar na coroación os reis Británicos.  Desexado símbolo, roubado e hoxe no Castelo de Edimburgo.

Asuntos tratados no sc. XVIII polos ilustrados bieitos Martin Sarmento e Sobreira, retomados por Cornide para prender no romanticismo de Pondal, Vicetto, Murguía, logo nos modernistas da xeración Nós, traducindo e divulgando o Libro das Invasións, ou Leabhar Ghabhála. Hoxe a xenética demostra as relacións protoceltas, Galiza- Irlanda dende  5000 a. C.

10 XULLO 2026