As gaivotas: dos cantís mariños a ser praga nas cidades portuarias

Ampliar: Gaivotas na Coruña, 2026



As poéticas e inspiradoras gaivotas, aves mariñas, buscadoras de comida fácil, que dos cantis pasan a invadir as urbes portuarias, asexando o lixo, os vertedoiros... creando problemas. Como solución a constante educación no medioambiente

O mundo ao revés, tamén as gaivotas voan desnortadas,  trastornadas, adoecidas. Aves omnívoras que xa  non lles abonda co mar, coa beiramar e os seus cantís. Invaden as cubertas dos edificios  para converterse en praga na cidade. Agora aniñan e crían na altura de casas con vistas aos desperdicios do lixo que as alimenta. Saben dos contedores e das bolsas que a insolidaria incultura deixa a súa beira, as que esnaquizan a picadelas para ciscar o seu contido. Mesmo aprenden a abrir as tapas dos cubos.... Planean e rousean en  algareira romaría  sobre os vertedoiros. Atacan ás andoriñas, aos cirrios, matan ás pombas para comelas. Os arúspices e meigas de noutrora, seguidores de ancestrais tradicións, moito terían hoxe que dicir

Nome latino da gaivota, derivado de gavia, quizas en relación coa súa forma angulosa , algúns din que é onomatopeico, correspondendo aos seus  chíos.  Aves migratorias, xa afeitas a seguir o  curso de ríos como o Miño e o Sil, corredores na  busca dos desperdicios das urbes,  até o mesmo Bierzo , chegando a compartir ambiente coas cegoñas e a arriscarse a atoparse con voadores inimigos, a competir na buscar desperdicios, como os falcóns, as aguias, o moucho...  Así é que, nesta sociedade do consumo e do lixo, tamén efecto e causa de tantas cousas, mesmo  contribuíndo ao acelerado cambio climático, quizais se teñan que revisar os tratados de ornitoloxía e a zooloxía.

Este vértice que emproa ao Atlántico, Galiza, ofrece singulares observatorios de aves, humidais, brañas,  encoros; na montaña os Ancares, o Courel, o Suído, o Xurés, o Oribio ou o San Mamede, Trevinca... canóns e ribeiras, fragas como a do Eume, Catasos, Pena Corneira... agras; no  litoral puntos como Estaca de Bares, Foz, Cariño, Baldaio, Louro, o Ulla... Silleiro, o esteiro do Miño ou as illas Cies, Ons, Sálvora... concorridos , hide, blind, postos de  seguimento de aves. Sabendo que nesta banda da península atoparemos varios tipos de gaivotas:

Entre os máis de medio cento de clases de gaivotas existentes, moi parecidas entre elas, abonda en Galiza a patimarela (Laurus michahelis), de gran tamaño,  patas amarelas, lombo gris, máis escuro que a gaivota arxentea  e cor negra na punta das ás; as adultas cunha mancha vermella na punta do pico, anel tamén vermello arredor dos ollos... coa maior colonia nas  illas Cies . A gaivota sombría, ou escura,  maroto ou papón ( (Laurus fuscus) co dorso de cor gris  moi escuro ... e a gaivota chorona ou reidora (Chroicocephalus ridibundus) que inverna en Galiza, de cor banca, ás de cor gris cos bordes negros e a testa negra...polo inverno mudando a plumaxe do branco ao gris...

Educar na convivencia e no respecto ao medioambiente que nos soporta

Gaivotas que viven en grandes grupos e roladas, intelixentes na súa ansia de buscar alimento, expertas en roubalo a quen se descoida, nas mesas das terrazas, nos recreos da escola, nos bancos do parque...e sobre todo a remexer no lixo. Monógomas, leais  a súa parella durante toda a vida, á que recoñecen polo seus sons, así como ao sitio onde aniñan, ao que volven si lle resulta seguro. Beben todo tipo de auga, mesmo a do mar, depurando o sal polos ollos.

As gaivotas, como as pomba son expertas buscadoras de comida fácil, adáptanse ao xentío, perden o medo e fanse, cada vez, máis,  agresivas na súa defensa,  creando novos problemas nas cidades:  aniñando nos tellados, cos conseguintes problemas para as baixantes, os desaugues, ruídos cos seus desacougantes chíos, a sucidade dos seus ácidos  excrementos, causantes de erosión en cornixas, monumentos, vehículos... vectores de enfermidades, gripe aviar, a salmonelose... perigosas ao sobrevoar os aeroportos. Nos países nórdicos, de esencia e cultura tan mariñeira, ao respecto levan moito camiño andando, ofrecendo programas educativos e casas especializadas en servicios de prevención.

Así é que as poéticas gaivotas mariñas pasan a ser donas da cidade e unha praga. Búscanse solucións: mallas, pinchos para evitar que se pousen, emisores de sons de aves depredadoras  para espantalas...máis rematan burlándose dos sistemas .

E como sempre nesta nosa sociedade o problema está nunha educación permanente na convivencia, o que non se  fai fácil  entre o bombardeo consumista,  nun ambiente de desperdicios, do  que pouco nos facemos responsables. Educación que é a base de tantos problemas que nos coutan, a igualdade, os coidados do medio ambiente, do consenso...

A gaivota, un símbolo literario de liberdade e do mar  

Gaivotas, emisoras de  estrepitosos grallidos,  inquietantes berros, como na película de Hitchocok, provocadores, como lamentos desarticulados, escandalosamente agoniantes, preñados de sal... Idioma, como aturuxos que implican algún aviso, entre un aceirudo vo anguloso, en rolda arredor do que lle interesa. Nada que ver, ao menos así o parece, con aquelas pintorescas e poéticas gaivotas rompendo co seu voo a lonxitude dos areais e o horizonte do mar, imprescindibles detrás do ronsel do barco pesqueiro que contento arriba ao porto.  Así as recolleu coa súa  axilidade de debuxante  Castelao  en  “Cousas da Vida”,  a sobrevoar sobre o burriño, como un inocente Platero  sobrecargado coas alforxas , mercadoría  de viandas do arrieiro... e, como pe,  o texto, “As gaivotas non voan polo burro…”. Aves do Atlántico que pintou o Lugris, pousando na cima dun cantil, esenciais á  espadana dun templo, outeando horizontes e os ronseis a Rosa dos Ventos,  derriba do mastro dunha nave... Aves de inspiradores vos angulosos, transversais, xeométricos, como un festón, o que ben soubo interpretar Luis Seoane para a serie de xilografías “Gaivotas no mar dos ártabros”,  tamén levadas a lenzos  de cores azuis, branco, rotos polas súas liñas lixeiras, zig-zag  negro, en contraste coas ondas rizadas do mar. Tema sobre o que recreou o Laboratorio de Formas de Galicia, nos talleres cerámicos de O Castro e Sargadelos. Velaí o  mural realizado para o Concello de Sada:  mosaico con anacos cerámicos moldurados, curvos...  E as esculturas de gaivotas dese poeta do noso que foi o artista de Goíán Xoan Piñeiro, interpretando o seu voo, creando  un ballet unhas coas outras... Do mesmo xeito a serie escultórica de gaivotas, en aceiro prateado, como coitelos fendendo o espazo, do escultor vigués Xuxo Vázquez. Asi mesmo as cantaron os poetas do mar, Paz Andrade,  no seu “Salmo da Roda”, “...As velas, flor do navio,/as gaivotas, fror do ar /derraman pétalas brancas/ no azul xardín da mañán...  arboradura de prumas/ levan na cima dos paus,/ con penacho de gaivotas/ que fan romaxe do ár/. Un xogo de azas e olas/ arrola o casco da nao,/ azas e olas a levan / desde Niñóns ate Ougal... Mar, gaivotas, solpores tamén no poeta do mar de Cangas  Bernardino Graña.

Dende a Prehistoria e máis na Europa celta, as aves acuáticas simbolizaron moito e leváronse a súa arte, como os patos, as gaivotas... os seus ovos eran buscados para a alimentación. Aves que  significaron liberdade, esperanza, por anunciar aos navegantes perdidos no océano proximidade de terra. Símbolo de superación de problemas que presenta a meteoroloxía, as treboadas, o vento, as ondas dos mar, voando alto, a cabalo da linguaxe do vento... até, mesmo, facerse logotipo. Aves que tamén representan un destino tráxico, soños rotos, como na  obra teatral A Gaivota  do  romántico ruso, Chejov, na que, inspirándose no Hamlet de Shakespeare  fai un minucioso estudo psicolóxico dos persoeiros,  expresando  o anhelo de voar alto da actriz teatral  Nina, de trunfar,  para ser como vulnerable gaivota con destino fatal.

31 XULLO 2026