Algo de Arqueoastronomía: equinoccios , solsticios e eclipses..

Ampliar: Petróglifo do Monte Tetón (Tebra, Tomiño)



Dende o Neolítico o ser humano asume a significación do devalar astral, marcando as estacións do ano, tan en relación co agro, o que supón mudas sociais, xerarquias, dominio. Pegadas expresadas pola Arqueoloxía e a nacente Astroarqueoloxía en Galiza

A Arqueoloxía é ciencia interdisciplinar, a que define a países maduros, preocupados polo pasado que os sustenta. Disciplina pois interactiva, coa ansia de reconstruír tempos pretéritos e non soamente a través de estruturas ou artefactos, senón tamén de tradicións. Na arqueoloxía entran entón en convivencia outras ciencias: as do medioambiente, biolóxicas, xeolóxicas, astronómicas e tantas tecnolóxicas,  en relación cos diferentes análises.

Ciencia arqueolóxica que pon a proba que os seres humanos nunca deixaremos de sorprendernos ao estar prendidos ao humus, á Terra que nos soporta, sometida aos Catro elementos que a conforman, o Lume, o Aire, a Auga e a mesma Terra. Terceiro planeta do sistema solar, bola rochosa e de auga, luída, cuberta de vida, inmersa na inmensidade dun cosmos infinito, eterno e en devalar constante, con ritmos coñecidos e descoñecidos . Así é que a fin de dar respostas nacen confrarías envoltas en relixións, mitos, ritos, contos, celebracións... Namentres a ciencia, apartando orelleiras, recolle pasados e estende a ollada a futuros, pasiño a pasiño,  para fender co misterio, coa maxia, coa bruxería...termos que aplicamos ao  descoñecido, parte das relixións, da teosofía, as que tamén aguilloan  á fantasía, á inspiración,  esenciais á arte e á literatura. E máis aínda nesta nosa estremeira.

Escritores da antigüidade referíronse aos eclipses, tal como no sc. V a.C Heródoto, o que nos conta como nun deles o arrepío fixo que combatentes medos e lidios fuxiran do campo de batalla.  Plinio o Vello,  o que  no sc. I da conta do ouro da Gallaecia, tamén estudou a mecánica dos eclipses, igual que fixo Polomeo. Pouco despois Plutarco fálanos do comportamento da xente ante tan insólitos acontecementos. Polo mesmo tempo Estrabón, na súa Xeografía abonda en datos sobre o Noroeste Ibérico, contando que celebraban as noite de plenilunio , así como a divindades cósmicas.

No referente á  Arqueoastronomía, a ciencia que estudia a relación de monumentos e artefactos cos astros, Galiza ofrece traballos como os de Monteagudo arredor dos petróglifos de  Laxe da Roda (Muros) e máis modernamente as pescudas  de Galovart respecto ao Pindo, os de Carlos Solla no Monte Seixo (Terra de Montes), como os de Emilio Fonseca Moretón nos dolmens das terras de Vimianzo; os de Antón Malde na Pena Furada (Coirós) ... e aínda máis, os do astrofísico A. Cesar González-García sobre o Megalitismo, como os Virxilio Garcia Quintela analizando mitos celtas de carácter astral; os de Antón Bouzas Sierra  sobre o Pico Sacro, os de Manuel Vázquez Abeledo... e tantas teorías sobre San Guillerme de Fisterra e as Ara Solis.. sitios considerados sacros, sometidos ás luces e ás sombras de antigos rituais.

Dende o Neolítico os seres humanos ergueron monumentos en función dos astros

Arqueoastronomía, como ciencia da Arqueoloxía, en interacción con outras, como a etnoarqueoloxía , a Antropoloxía na que entran eses sitios e lendas que en Galiza asociamos cos mouros, verba quizais en relación co verbo latino moneo, rememorar... ao que logo se lle dará outras significacións, como os outros dos cristiáns, os mouros islámicos. Ciencia pois preocupada por entrar na mentalidade dos devanceiros, nos seus cultos e estes en relación coa medición do tempo, co almanaque, cun agro que significa vida. Ritos que supoñen amuletos, ídolos, templos,  tumbas, monumentos orientados ao Sol, á Lúa, ás constelacións... Necesario para estes estudos, a máis do esencial, como as estruturas, os sitios  e os artefactos, sono tamén os documentos de épocas históricas, así como as lendas, os mitos e os ritos, as festas, os contos . Sen deixar de ser nunca un referente as torres zigurats sumerias e mesopotámicas, así como  as pirámides e os obeliscos exipcios... e sempre Stonehenge, como no Campo de Marte romano a area da Tumba de Augusto con corredores, o seu Horologium Augusti, Gnomon e o Ara Pacis... E remontándonos ao continente americano e ao mundo precolombino os seus calendarios, os xeoglifos e pirámides...

Na medida que os humanos van madurando en coñecemento do ceo e do seu devalar erguen monumentos que serven para establecer un calendario anual,  marcar os ciclos agrarios, as estacións, as horas do día e da noite. Saberes de astronomía que caracterizarán a venerados magos e meigas, capaces de predicir, de agoirar futuros. Inicios que están na Revolución Neolítica, cando o ser humano  se decata da súa capacidade para intervir no medio e domesticalo todo: aos Catro Elementos: Lume, Auga, Aire, Terra e con elo a plantas, animais, entón ao medio e a eles mesmos, poñendo normas, organizándose e creando xerarquías que se adornan de ouro semellando ao adorado deus sol.  O que en Galiza acontece de xeito serodio, sobre o 5000 antes da nosa era, na etapa final erguendo eses monumentos megalíticos que nos caracterizan, dolmens, nos que no amencer do solsticio de verán, a luz da vida fura e peta nos chantos das cámaras escuras da morte.

Dende os simples monumentos megalíticos, tal como as pedras fitas ou menhires a aliñamentos, como procesións pétreas, a veces configurando circos, crómlech, logo estructuras de lintel, como os dolmens implicando coñecementos de arquitectura. E así, pasado o tempo, o trazo dos petróglifos da Idade do Bronce, moitos dos que en expresan un culto astral, aínda que abondan as dúbidas: vexase o petróglifo de 18 círculos concéntricos, cun total de 250 cmts de diámetro das Portaxes, Monte Tetón  (Tebra, Tomiño) ou o labirinto de Mogor (Marin).

Un mapamundi cuberto de monumentos celebrando ao sol

Neste noso mundo son antolóxicos  os circos de pedras das illas Orcadas,  como o de Brodgar, os de Stenness, Calanais,  Machrie Moor... e como non, o celebrado referente chantado na chaira inglesas de Salisbury,  Stonehenge, que reproduce en pedra outros monumentos de celebración astral, feitos en madeira, como Woodhenge... os aliñamentos de Carnac na Bretaña, os cromeleques  dos Almedres na portuguesa Évora, os dolmens de Huelva, de Antequera...e  no  Mediterráneo as taulas de Baleares, os menhires de Filitosa no Sur de Córcega, as enigmáticas nuraghes corsas...os templos megalíticos de Ggantija na illa de Gozo (Malta)... mesmo pasando o Exeo e o Mar negro, en Armenia,  Caraunge...  Sumando moitos obxectos, tal como o disco de cobre aparecido no castro asturiano dos Chaos de San Martín (Grandas de Salime) asociado co culto solar, como o de Nebra (Mittelberg  Alemaña) , atopado por escavadores clandestinos  no 1999, de  bronce e duns 32, cmts. de diámetro  e algo máis de 2 quilos de peso,  con elementos de ouro incrustados que representan o Sol, a Lúa crecente  e as estrelas, quizais as Pleiades . Peza datada na idade do Bronce, arredor do 1500 a.C .

  A Galiza abundante en dolmens , como os cantados por Pondal no Romanticismo,  ofrece algúns aliñamentos, circos de pedras, como o documentado por Federico Maciñeira na Mourela, outeando os horizontes das Pontes de García Rodríguez, definitivamente destruído no 2007, por mor dunha autovía . Proba da inmaturidade na ciencia arqueolóxica, ise traballo interactivo que incluiriamos moitos outros  como a referida Arqueoastronomía, a que supón observacións, medicións ao longo do tempo, buscando referencias entre montes, monumentos...o devalar do cosmos e constelacións, como as Perseidas ou as Pléiades...

Nesta rolda científica e cultural en relación cos astros contaremos coa profusión de símbolos astrais que formaban parte da decoración céltica:  dende a simplicidade da cruz, ou da circunferencia,  aos trisqueles, as rosáceas... e tantos exvotos, os que presupoñen procesións, celebracións...velaí os pequenos e votivos carros astrais portando o círculo solar. E moito queda por contar no aspecto inmaterial, como a Etnoarqueoloxía: as celebracións cristianizadas en tempo de equinoccios e solsticios... arredor do culto aos fenómenos ígneos, espello do sol, logo reconvertidos en sofisticada pirotecnia de luz e cores...para na actualidade pasar a enxeñosas videoproxeccións, os mapping, a competir co Sol, nun debate luz-sombra.

7 AGOSTO 2026