As portas e o cotizado traballo dos talleres de carpintería
A porta: soleira, xambas, limieira e oco de paso con follas para abrir ou pechar. Sendo a máis esencial arquitectura,onde se recibe e despide.Cidades, templos, pazos,casas con portas que son mostra dos seus propietarios, constructores, carpinteiros
A arquitectura ten unha orixe en estruturas de madeira, pegadas que aínda quedan. Sabendo que primeiro habitouse en covas, despois aprendeuse a artillar ramallos e construír cabanas, logo coa pedra e os ladrillos até os novos materiais. E velaí a entrada dun exterior cheo de ameazas a un interior protector. E velaí o pórtico, máis de esencial arquitectura: sobre a soleira dous esteos ou xambas erguidas e que sosterán unha limeira, quedando aberto o paso. Portas que no devalar do tempo se complicarán co emprego de novos materiais construtivos, tipos de arcos, adornos que definirán estilos, épocas, arquitectos. Porta que significa paso, raía, fronteira, aberta ou pechada, entrada ou saída de fora a dentro ou viceversa, onde se da a benvida ou se despide.. E velaí dende o Neolítico até hoxe significativas portas dando acceso a coutos murados ou valados. Pórticos ou solemnes arcos triunfais, degoiro de emperadores dando entrada á cidade, imaxe dela. E así deberan ser entendidas as estacións ferroviarias, marítimas, os aeroportos, concibidas con coidadoso deseño.
Patrimonio pouco estudado e polo tanto nada protexido nun confín que, de sempre, abre grandes pórticos, como o natural da Porta do Alen en Terra de Montes, a Pena Filga en Caldas de Reis...e xa non digamos os feitos polo saber humano, como o Pórtico da Gloria ou a Porta Santa na Catedral de Compostela, até as contemporáneas da Torre de Hércules, do escultor Paco Leiro. Velaí un libro cargado de sensibilidade, de e Olga Cristina Viaño e Díaz Pache, El lenguaje de las puertas, portones, portales, puertas y cancelas (1997), A recente Portas do Camiño (1022) de Jorge de Vivero, P. Tejero e R. Díaz...onde como non, xa de portada deste libro recollese a da Igrexa de Vilar de Donas, coas súas ferraxes medievais...que nos recordan ás do mosteiro de Meira...complementos de ferro que merecen unha especial protección.
Pobos que presumen das súas portas, atractivas obras de arte, co seu marco rectangular para as follas, suxeitas mediante as bisagras que lle permiten abrir ou pechar, cos seus complementos de ferreiros ou de metal: a pechadura, o tirador, o petador, caravillas, a mirela... moitos deles espoliados polo negocio clandestino do metal. Portas, parte dun mesmo, ás veces, non valoradas. De coidado deseño por construtores, arquitectos e artesáns, con follas xeralmente de madeira, sen faltar os metais para lugares máis solemnes. Cavilamos na protohistórica porta do Coroneri Camali Domus do Castro de Briteiros (Museo M. Sarmento de Guimarâes, Portugal), decorada con motivos xeométricos inspirados nos cordados.
Mostrario de portalóns e portas que van das monumentais ás que singularizan casas, gloria de carpinteiros, ebanistas, os mais mestres anónimos, si acaso caracterizados polo seu xeito de facer. Portas, en ocasións cargadas de símbolos indicativos de defensa e protección, mesmo con amuletos, quizais detrás, cravada a ferradura de sete buratos... Nas mansións da fidalguía campando sobre delas a pedra armeira, escudos que denotan casta e rango, na limeira insculturado o ano, o nome ou as iniciais dos seus construtores.
Portas galegas para ilustrar fantasías
Portas de pazos, de reitorais, de catedrais e igrexas... Lembro as interiores da reitoral do famoso cura reloxeiro de Ladrido, con pinturas representando persoeiros da nobreza do seu tempo barroco. Desaparecidas da sancristía parroquial nos anos noventa. As robustas portas laterais, labradas en simétricas xeometrías barrocas, de Santa María do Campo na Coruña, as de San Xurxo... Encomiable foi a recente restauración das portas neogóticas da fachada occidental da Igrexa medieval de San Martín de Noia, propia dunha novela de Harry Potter, singular traballo do escultor compostelán Xesús Landeira Iglesias.
Portas blindadas, de cuarteis militares, de ostentosas de casas de americanos, como as do palacete betanceiro dos irmáns García Naveira. En contraste cos sinxelos portalóns, como algúns de Piornedo de Ancares, noutrora pintados, sobre os que campan as iniciais dos seus propietarios, con chamadores de forxa, en ocasións unha serpe. A antiga porta grafiteada dunha casa de Triacastela, quizais calabozo de peregrinos... as de cadeas, conventos, adegas, muíños... cos seus esgrafiados feitos a punta de navalla, documentos de historia.
Solemnes portas dos pazos, enmarcadas por orelleiras, entre volutas de pedra, coroadas por escudos, imaxes, balcóns...centradas por esa carpintaría de entrepanos ensamblados, tacholados , sobre os que campan os petadores, obras do saber ancestral dos ferreiros e fundidores, dándolle forma a símbolos, as mans, a serpe, a donosiña, o dragón...Portas que non teñen fácil rehabilitación, pola falta dos milmañas, sabedores de sistemas de implantes de próteses de madeira, do tarabelaxe, do agargalado, da ausencia de puntas, de encolados... Ben sabían as vilas e cidades mariñeiras dos herdos da carpintería de ribeira, construtores de pequenas naves de cabotaxe, como de grandes galeras. Universo do que Galiza ofrece un grande legado, e dámoslle os parabéns aos concellos da Serra de Outes ou de Bueu pola salvagarda dalgún deses espazos e saberes, quedando aínda moito por facer. Observando que entre o trollo dos esteiros como podrecen cadernas de antigas embarcacións. Mentres, hoxe, nos mercados de antigüidades podemos atopar talleres enteiros de carpinteiro: bancos de traballo cubertos de cicatrices, feixes de tipos de machados, serras, gubias, trenchas, garlopas, macetas, cepillos... complementadas con mostras de madeiras, do país, exóticas, coas súas vetas e esa incrible colección de bocexos debuxados en papel, de molduras, con tanta relación co moblaxe galego, elementos necesarios dun futuro museo da carpintaría.
Historias de carpinteiros, de ebanistas galegos espallados polo mapamundi
Historias da carpintería , de mestres carpinteiros, ebanistas que, cargando co atillo ao lombo, coa máis elemental ferramenta, embarcaron e fixeron as ansiadas Américas, recibindo encargos da aristocracia, do comercio, obras nas que puxeron ansia e saber: despachos, zócalos, lámpadas, enmarques, chineiros, camas, cadeiras... e detrás as lembranzas das elementais artesas, escanos, alzadeiros populares... ensinando aos nativos, intercambiando saberes, para a esplendidez na arte crioula.
Non faltan cidades que presumen e fan recurso turístico das súas portas. Cavilamos en Dublín, capital do celtismo, a que coida e mostra as súas portas, non so nos edificios xeorxianos de Merrion square, tan a ritmo co espírito daqueles creadores contrafío, rebeldes, diferentes, inadaptados, raros... Transmitindo o poético misterio que detrás de toda porta hai un enigma. Portas de vivas cores cos seus chamadores dourados en forma de golfiño, aves, dragóns... As casas e portas combinando cores da illa veneciana de Burano. Tradicións onde asoma oriente, as portas dos palacios de Jaipur, do Yemen ou Sidi Bou Said (Túnez) , con chamadores para homes e mulleres...as esculturadas dos dagóns de Malí... mercancía de anticuario
E sobranceiras portas ao noso carón, gloria de casas e artesáns: na Coruña, cidade aberta á paisaxe pola maxistral arquitectura das galerías, a que combina os saberes tradicionais dos carpinteiros cos industriais do vidro plano. Cidade de singulares portas, dunha folla, de dúas, de postigo... noutrora, nas populares co buraco da gateira. Rectángulos repartidos en casetóns, labradas con temas florais, máscaras clásicas, cando non xogos xeométricos art-decó, de coidado deseño. Sabemos que Antonio López Hernández, o arquitecto da Terraza de Sada, ou Julio Galán, entre outros, competían en contar cos mellores artesáns. Arquitectos seguidores das teorías post románticas, decadentistas, do movemento Arts and Crafts, manifestación fronte á Revolución Industrial que supón a uniformización , para reivindicar o taller artesanal. Solemnidade de portais que dan acceso a esas escalinatas, espiral de balaustres e varandas en tantas ocasións destruídas por embutir un ascensor.
28 AGOSTO 20226

