Roubos e seguridade nos museos... tamén nos galegos
Neste agosto do 2026, chégannos tamén tristeiras noticias de roubos en museos que son referentes na museoloxía. A significación do ouro, das xoias e máis neste tempo tan deshumanizado. Historia, lección non aprendida e da que lembramos alguns delitos
Os museos, sancta santorum, necesarios complementos da educación e da cultura, agora entre as noticias de tantos tipos de delitos contra o patrimonio. Parte dun longo proceso de maduración, para seguir a ensinar os dentes, a depredar. Fracaso de filosofías, dunha educación, as que parecen quedar so na teoría, na prédica, esquecendo o cotián.
Confúndese a idea de museo con acumulación de cousas, convén enxergar e levar á praxe a definición acordada na Asemblea Extraordinaria do ICOM (Praga a 24 de agosto de 2022): un museo é una institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servicio de la sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, que fomentan a diversidade e a sostibilidade. Contando coa participación das comunidades, os museos operan comunicando ética e profesionalidade, ofrecendo experiencias variadas para la educación, o lecer, a reflexión e o intercambio de coñecemento. Centros que deben contar con espazos e profesionais para a súa actividade, insistindo no que nos trae a aquí, a salvagarda, conservar, nos medios que garantan a entrega integra dos herdos ao futuro. Pois moitos dos nosos museos aínda seguen administrando limitados espazos históricos, postos a salvo tamén para este fin, castelos, mosteiros, pazos... impropios á funcionalidade, á mobilidade e á seguridade, agás o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, cavilado e feito para museo. E sempre faltará persoal de seguridade, que, día e noite controlen as cámaras, as alarmas, as salas. Algo no que se cavilou dende os desastres da Desamortización, cando o Estado crea Comisións de Monumentos, Academias, potencia Museos Nacionais e promove os provinciais, inicialmente xustificados por dotarse de medios.
A seguridade, sempre a perfeccionarse, norma fundamental dun museo
Para o montaxe expositivo e as cesións existe a posibilidade de reproducións de calidade de pezas singulares, como acontece co tesouro tartésico do Carambolo (Museo Arq. de Sevilla). Proposta que non calla, expoñendo o únicum con todos os risco. Para exposición de pezas valiosas os vellos museos dotábanse de cámaras acoirazadas, con portas de pechos, blindadas e reixas, pensamos na do tesouro do Museo Lugo, así como no primeiro edificio do Museo de Pontevedra, o pazo de Castro Monteagudo ou mesmo no calabozo do Castelo de San Antón. Montaxes expositivos mais comandados pola sedutora idea de tesouro que pola pedagoxía.
Entre as ruíns noticias que nos coutan repítense e tamén esvaecen as de roubos en museos que son referentes e aos que se lle concibe todo tipo de dotacións de sistemas de seguridade, de persoal... novos argumentos de película, como o acontecido o domingo, 19 de outubro do 2025,cando os ladróns entran por unha xanela na Galería de Apolo do Louvre e levan o máis valioso do Tesouro da Coroa de Francia. Antolóxico roubo de guante branco. E relativizando xorden as preguntas.
E agora, cando remata agosto chéganos a noticia de que na madrugada do 27, a iso das 5,23 horas, en 4 minutos, tres encapuchados escachan unha fiestra do flamante MUVI (Museo de Villena), para levarse o seu tesouro, gloria e sona desta vila alacantina e da arqueoloxía europea: 11 cuncas, 27 brazaletes, 3 xerras... en ouro, entre varias pezas de ámbar e ferro procedente dun meteorito, 3 coroas da Virxe co Neno: un total de 10 quilos de ouro, e velaí os titulares dos medios, o peso do vil metal, o seu perezo, o que atrae e cega, cando o valor está na significación cultural. Conxunto de Villena en relación con outros deste noso lendario pais de tesouros dos mouros, tal como o de Caldas de Reis (Museo de Pontevedra) ou coa cunca-casco de Leiro Rianxo (Museo Arqueolóxico da Coruña) , datados no final da Idade do Bronce, esplendor da minería e metalurxia. Xa antes, o 25 de abril , no Museo de Badaxoz, roubaron 144 moedas de gran valor numismático; o 24 de xullo no museo borgoñón de Chaâtillon Sur Seine, centro que sufriu varias tentativas, por fin os ladróns, como comúns visitantes levan o coñecido torques da Dama de Vix... e o 28 no de Albacete subtraeron 200 moedas de ouro. Está claro que é o que se busca e polo que tantos tolearon é o relucente ouro, base de lingotes , aposta, inversión segura para os brokers, aura do ego de Trump.
Significativo é , por todas partes, o mercado de “ se compra oro, joyas, de segunda mano, viejas, usadas o deterioradas”, onde caben todos eses adornos cos que, ao longo da historia, quixemos distinguirnos e asociarnos cos deuses. Alfaias, quizais máis valiosas pola súa antigüidade ou polos seus deseños de artista que polo peso en ouro.
Tipos de delitos contra o patrimonio cultural, lección non aprendida.
Entón medran as preguntas sobre a seguridade nos museos máis achegados. Asumindo que a primeira norma é non falar da seguridade, segredo e sorpresa para aos amigos do alleo. Cuestión que non soamente abrangue a estes centros, que tamén afecta á Igrexa, cunha longa historia de sangría e mesmo de proxectos a fin de previr isto, como os xurdidos ao tempo do roubo do Códice Calixtino como o de «Igrexa Segura» iniciativa de xullo de 2011 da Fiscalía Superior de Galicia , estando de titular da mesma Carlos Varela Garcia. Asunto que insiste nun necesario convenio entre a igrexa e os poderes públicos, asumindo a significación do patrimonio cultural, no que radica o singular aporte á universalidade, recurso turístico tamén.
Na historia dos museos galegos abondan as páxinas de roubos, entre eles a acontecida o 6 de maio de 1906 na Capela das Reliquias da Catedral Compostelán, desaparecendo a Cruz prerrománica de Alfonso III, en ouro, con camafeos e pedras preciosas, entre outras do sc. XV. A nivel mundial deixou fonda cicatriz aquel 22 de maio de 1972, cando o australiano Lászlo Tóht, cun martelo na man entrou na basílica do Vaticano e arremete contra a escultura da Piedade de Miguel Anxo. Tomouse nota; dende entón blindouse aquela capela e a lección pareceu terse aprendida. Non foi así. Lembramos o roubo na Cámara Santa da catedral de Oviedo, perpetrado na noite do 9 ao 10 agosto de 1977 polo galego José Domínguez Saavedra, que acochado despois do peche, aproveitou para facerse coas simbólicas Cruz da Victoria, a Cruz dos Ánxos e a arqueta das Ágatas , para machucalas, quitarlle o ouro e as pedras...localizalo na raía portuguesa de Ponte Barxas. Seguiu a especializada restauración.
Convén traer á memoria que, en outubro de 1981 o famoso ladrón de antigüidades, Erik o Belga (1940-2020) aproveita a noite para entrar en Santa María do Campo de Betanzos e desmontar as táboas flamencas do seu retablo, sacalas e aparecer dispersas no mercado europeo, recuperadas na maior parte, despois dun longo proceso burocrático a partires de 1983. E o acontecido un 16 de setembro de 1985, en horario de visita, o roubo de dúas táboas de Rubens ( Aurora/Labirinto de Creta) no Museo de Belas Artes da Coruña, perpetrado polo emigrante coruñés en Suecia, Ramón Ramudo Pernas, sendo localizada unha en Estocolmo no 1988, outra en Miami no 1991, dando pe a descubrir unha trama no mercado ilegal. Aprendeuse a lección e tomáronse cautelas, a institución coruñesa viraría o rumbo de cara á construción e reformulación dun novo museo. Aínda pesa en nós o roubo do que pequeno ovo de vidro da Virxe do Cristal, acontecido na madrugada do 10 de marzo do 2015 co asasinato do exemplar párroco don Adolfo Enríquez Méndez... E agardamos o milagre.
Aquecería un ficheiro dando das pezas ausentes, incluíndo as desaparecidas , mesmo nos anos setenta no Seminario de Estudos Galegos, nos mesmos seminarios da Universidade Compostelán, no Museo da Guarda a estatuíña de Hércules, de tantas igrexas e mosteiros. Tristeiro panorama no país da apampante orquestra Panorama.
7 SETEMBRO 2026

.jpg)